Poemas

 

Texto íntegro

 

v1xinsualopezpoemas.html


PINTOR TRABALLANDO



     Contempla aqui o pintor
     fitando o mundo, en actitude entregue,
     no preciso instante
     en que dos seus brazos tensionados
     vai surtir o pulo criador
     que renovará miragres
     de forma e luz.

     Olla como abre fiestras,
     deseña acenos,
     revoca sombras
     co seu trazo arriscado,
     coa poténcia disciplinada
     na que veñen acalmar
     os trebóns da paixón
     sobre unha tea.

     Entrevé este deus fráxil
     que transita o reino das tebras
     á procura das imaxes
     que perdemos,
     convocando-as.

     Abesulla este tremente artesán
     que quixera espantar
     con vernices, tintes, pigmentos,
     a golpe de pinceladas tensas,
     o rosto escrito da tristura negra,
     o alento aterecido do estrago do tempo.

     Observa e ama aqui o pintor,
     pois renascendo
     da voráxine dos volumes,
     do estertor das cores,
     do pánico ao vacio branco do lenzo,
     vai-nos brindar, máis unha vez,
     unha porción minúscula de marabilla
     para reconciliarmo-nos co mundo.



II

"recóllote da TERRA estás mui fonda
recóllote do PUEBLO estás n'il toda
recóllote da HISTORIA estás borrosa"

LETANÍA DE GALICIA, Uxio Novoneira

E aqui estamos.

Un rumor milenário convocou-nos
na hora presente da luz e da pátria.

Aniñada no fondal das carballeiras,
oculta no remol das roupas,
na quentura pobre das cabanas e os cortellos,
tensa en todas as estachas e os remos,
viaxou esta voz rumorosa
na sucesión de sucos abertos sazón a sazón,
no ir e vir vagaroso das gamelas,
para agromar, fala e costume conservados,
nunha primavera de peitos
arroubados por un amor inmortal.

Fendidos por fin os muros que impedian o andar,
purgado o viño suxo que maceraba nos lagares
dunha história convertida de cote en derrota,
aqui estamos
despregando unha bandeira de riso e idioma ao vento
esconxurando o longo memorial
de inúmeros agrávios impagados,
de fracasos vertidos sobre os ollos,
de misérias estradas sobre os camiños atuados
que nos terian levado noutrora ao porvir.

Aqui estamos.
chegamos xusto a tempo, despois
de tanto como nos teñen negado,
de tanto como nos teñen inculcado
que desprezásemos na boca
o que gardaba amantiño o corazón
e negásemos até tres veces como San Pedro
a nosa fe, o noso xenio, o noso ser.

Gruñidos foron chamados
os nosos verbos honrados e limpos.
Bruto o pobo que enchia
de coraxe e traballo os barcos e os campos famentos.
Montuna a xente que biselou garimosamente,
en mañás de xeada e en agostos inmisericordes,
esta paisaxe gorentosa
na que quereremos un dia descansar.
Atávicos aventureiros, telúricos argonautas,
os pobres de nós, condenados a vagar
unha e outra vez e outra e outra
as terras e os océanos,
néboas do corazón e da vida,
á procura do negado pan de cada dia.

Mais aqui estamos,
brazo con brazo para sempre,
afirmando xuntos para esta terra,
Galiza nosa, amada flor,
mel dos meles e brisa que acariña,
un teimoso
pacífico
irrenunciábel
dereito a existir

eternamente.



NOTICIÁRIO




Chegan novas de todas partes
confirmando o reino da violéncia,
do lume, do terror, do espanto,
da roupa empapada en sangue,
do corpo abatido a trallazos,
do neno sen infáncia nen sorriso,
da pátria sumida en eterno duro pranto.

En todo tempo, por toda causa,
ser humano contra ser humano,
esforzo investido en destrución,
crueldade sen límite nen fin,
pérfidas estratéxias de terror,
torturas, violacións, asasinatos,
vidas de dor, dor e máis dor.



POÉTICA


Non levito por riba dos meus semellantes
cando escrebo

Non me creo tampouco
dono das palabras que utilizo

Esforzo-me en contar
os soños e medos que sinto
como calquera ser humano
sublime ou mísero

Procuro ocupar
un lugar humilde
porque humilde quero
escoller o meu destino

Lanzar só palabras ao vento
confabuladas

contra o olvido.



VOTOS


                                   Para Luís e Rosa

Que o mel inunde cálido
os vosos corazóns sempre

Que receban os vosos corpos
a donda carícia das follas
dos íntimos bidueiros apousados
nas beiras do rio da vida.

Que se estremeza a vosa ollada
ao cruzar-se cada dia
como duas plácidas dornas mecas
          na ria da Arousa.

Que proclamen os vosos peitos
a bandeira imorrente da felicidade
          en cada hora.
                                   Asi sexa!



HOSPITAL




Este é o templo da dor,

columnas de angúria
elevadas cara ao ceo,

altares de sabas limpas
a repetir ofrendas

de vida e morte,

corredores silenciosos
onde se moulan ideas

que conducen ao desespero,

batas brancas para oficiar
unha loita sen cuartel, desigual,

contra o irremediábel,

olladas enfermas
que imploran unha dose

de esperanza ante todo

e unha nube despaciosa
de recordos e medos

pousada na cabeceira
de todas as camas

en cada habitación.



INGREDIENTES PARA O DEBATE




Dade-me a aflición de tantas vidas
consumidas na ténue fogueira do cotián,
o tremor do lábio nunca bicado,
o estertor do moribundo sen família
para compor este poema.

Dáde-me as existéncias incolmadas
que buscaron sol no vacio
de idénticas existéncias,
o laio dos ventres infecundos,
a agonia dos nenos capturados
por doenzas infectadas de miséria,
para compór este poema.

Dáde-me o seco golpe da terra sobre a terra
coa que ocultamos á vista os féretros
en que enterramos os corpos,
a luz e a mornura que quixemos,
Dáde-me o espanto da muller violentada,
a desazón do que sente a sua culpa,
os pulmóns do torturado,
para compór este poema.

Despois discutamos sobre poesia,
forma e fondo, arte e verdade,
tendéncias, manuais, xeracións,
fonemas, prezos e rimas,
até acabarmos por fin co anonimato
de quen lle roubou á xente a poesia
para facé-la ainda máis infeliz.



A AVOA CONSUELO




A imaxe da avoa Consuelo
ven-me visitar ás veces

(convocan-ma certas frases,
un arrecendo,
o verdor dunha paisaxe,
tamén o siléncio)

Acariña-me un intre,
sorri calmosamente,
como ela sabia sorrir,
e marcha paseniño
co meu amor
prendido
nos pasos


Avoa Consuelo,
tan doce, tan tenra,
a dar-me o idioma e o pan!.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega