Poemas

 

(Texto íntegro)

 

v1evaveigapoemas.html


1

Que ou quen nos deixou tan sós
tan soamente sós de nós mesmos
que andamos a buscármonos nos outros
e eles nunca nos viron pasar.



2
Centos de bois cansados
deixan cae-la súa pesadume
dende un ceo gravemente cincento.
É a canseira inflamada
dun tempo sen ás.

Centos de flamengos, almas humanas,
arrastran os seus pasos nunha danza
sombría de rosas.

E lonxe, lonxe van os seus corpos, corren
transeúntes todos na periferia dun reloxio
de alta precisión.
Meu amor,
estou a morrer e non me esperas.



3
Desterro de bolboretas:
desfeito o voo
coma sombra de aire.



4
Virá un vendaval de bolboretas
co seu po de diamante.
Cegárano-los ollos
a súa limpa turbulencia.



5
Que signos murmuraron o crepúsculo
dos ventos
cando ergueitos nas súas aristas,
afoutos de dor,
ousaron penetrar no sacro espacio
da Santa Comparecencia.



6
É posible que outra forma humana
nos agarde no futuro.
É posible que agarde
a definitiva tegra que a escriba.
Mentres, avanzamos lentamente,
resolvemos ou enredamos.
Soñamos.
Todo semella empurrarnos cara alí,
ou dende alí algo parece atraernos
cunha lei de gravitación descoñecida.



7
Vencidos os imnumerables brazos de Deus,
sobre a alma fica unha pesadume antiga:
Icaria da materia.



8
Dicir para ser.
Para non esquecer que a palabra
nos sementa no territorio escuro
da luz.



9
Forma da alma:
O corpo medra a coiteladas de amor,
por onde sangra
o espacio aumenta, flúe xa sen tempo,
inmortal.



10
Aquí estamos,
na pracenta do Primeiro Mundo,
a penas expectantes da afamosa repetición
das albas.
A luz irrompe coma un gato e a súa língua
silandeira lambe os nosos prácidos costumes.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega