Poemas da ausencia

 

(Texto íntegro)

 

v2manuelmariaausencia.html

 

Es breve el odio e inmenso el amor.
Gabriela Mistral.



I

A dor da ausencia retórceme
como un carballo
de catrocentos anos.

A ausencia
fai en min un oco
que se enche de tristura.

Eu son impotente
i ardo de carraxe.

Mais
a túa lembranza poderosa
sempre fai tremar a miña carne.


II

Ven.
Eiquí te agardo,
na néboa triste da distancia.

Ven;
xa levo séculos e séculos agardándote.

Ven;
está chea de tí a miña ialma
i o meu corazón é unha chaga.

I é sempre o corazón
o que me dí:
"agarda".

Ven dunha vez
rematar
esta espera tan longa,
¡miña amada!


III

Agora estou lonxe, miña amiga,
adeprendín a amarte con verdade.
Eres unha deusa
que alcendiches en min
o lume máis queimante e máis eterno.
A miña lembranza é soio túa
i é tamén teu este latexo
que sostén de pé a miña vida.
¡É tan dóce quererte!
¡É tan bó ir maxinándote;
levar no corazón
a túa presencia real e verdadeira!
E saber que ninguén poide cortar
o vencello que anuda os nosos soños.


IV

Ben sei canto te firo. Ainda que eu
non quixera facerche mal algún.
Choras por min;
as túas bágoas buscan o meu peito
pra limpar a impureza
que algunha vez me emporca o corazón.
Eu choro por tí i as miñas bágoas
tamén van en percura das túas bágoas.
Pídoche perdón.
Moitas veces non sei que as miñas verbas
poiden cortar o mesmo que coitelos.
Pero agora estou lonxe e ben comprendo
canta vida poide matar unha palabra.


V

A túa sorrisa:
ágoa,
un anaco de luz,
unha folerpa de aire.
Amiga:
¡na túa sorrisa
a ialma!
Na túa sorrisa
a ialma
pra que se faiga soño
esta lembranza.


VI

Ainda que por veces non comprendes
deica que punto me doi a miña dor,
eu non me sinto só. A túa sorrisa
abonda pra matar a miña dor.
Eu sei que vou a tí. Veño de tí.
Só tí poides encher todo o meu tempo.
Enton póñome ledo e non me importa
saber ou non saber si me comprendes.
O ceio é moi azul i eu son un neno
que preciso tan só do teu perdón.


VII

Por vegadas a lembranza pónme bébedo;
déixame unha tristura que me queima
como a chama queima unha corriza.
A cruxa da tristura laia en min.
É bó estar triste porque así
a vida de a cotío desmoróase
i é unha dóce brasa o corazón
sempre sedento de amor pra non morrer.


VIII

Perdoa tanto amor e tanto corazón
que por tí vive, e sofre e ama.
Perdoa esta loucura
que me estrulla por intres a razón.
Perdóame tamén as horas malas
Perdóame o morrer si a miña vida
non estiveses vivindo na túa vida.


IX

¡Cánta vida
e cánto amor
poño nunha carta!
Só ela poide
matar esta distancia.

¿Nón sintes
súas palabras?

¿Nón sintes
ó recibir as miñas cartas
un dardo feridor
queimándoche,
purísimo,
as entranas?


X

Esta ausencia total é unha cárcel
na que teño encadeados os anceios.
Os anceios voan como melros
pra levarlle esta soidá á miña amiga.

¡Amiga;
Si te tivera agora perto a mín!
¡Si podiera
ter as miñas maus entre as túas maus!
¡Si poidera bicarte, os bicos meus
queimaríante o mesmo que unha brasa!

Amada;
eu estou lonxe
i os meus anceios están encadeados.


XI

Si me poño a matinar esta palabra: lonxe,
sinto nascer en min algo tristeiro;
un nudo de arrepío estrulla a miña gorxa
i un orballo acedo peta nos meus ollos.
Ter amor é soio comprender
aquelo que nos xunta máis e máis.
I esta ausencia mortal que vive en min
debeuna facer Deus pra torturarme.


XII

Amiga: Eu non sei nada.
Eu non comprendo nada.
Nada quero saber nin comprender.
O meu único tempo verdadeiro
son os intres que vivo xunto a ti.


XIII

Non teño medo ningún
ó estar só.
O que a min me pón medo
é o sentirme só.

¡Cómo doi
este soño de amor
que non se cómpre!

¡Cómo doi a túa ausencia
si a soidá
me tende unha mau moura
pra ampararme!



XIV

SALETA seméllase a soidá.
Cando estou tristeiro
os meus beizos bican o teu nome.
Enton en min
nasce unha rosa
i as cousas vóltonseme craras.


XV

Desexo agora, amada,
a docísima cunca dos teus beizos.
Desexo os bicos teus
coa sede de mil anos que me queima.
Desexo a túa sorrisa,
a túa palabra,
o latexar do teu pulso
e da túa ialma.

O meu desexo quédase en desexo.
Estou tristeiro
e sinto como se pecha á esperanza o corazón.
¡E co meu desexo medra a miña ausencia
na craridade fidel desta lembranza!


XVI

Esta ausencia que me arreda de tí
sería insufribel
si Deus non ma enchera coestes soños
polos que estás sempre á miña veira.

Xa non te poido maxinar
loxe de min
e doime esta distancia
que agora nos arredra tristemente.
Prefiro estar morto a estar só.

Agora, amiga, estou con sinxeleza
na miña ausencia inconsolabel
agrandando este amor que Deus nos deu.


Monforte de Lemos, 1958.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega