Por min que remastericen o que lles pete

 

[Texto íntegro]

 

v2xabierquirogaatuado001.html

 

     Nacín 58 días despois de que os Beatles deixaran de tocar en directo. E a pesar de que non vivín ese instante, dóeme esa ruptura a diario. E sei que romperon e que nunca volveron xuntarse e que dous deles están mortos, mais aínda soño con velos en directo ou que McCartney me pide que substitúa a George coa solista. Porque eu soño o que me dá a gana.
     Agora, para facernos pasar por caixa, volven remasterizados, é dicir, limpos de morralla. Mais isto é unha mágoa que non me emociona. Porque como levo escoitándoos eight days a week dende antes incluso de ir á escola, xa os remastericei millóns de veces na miña cachola, e polo tanto sei que xa os escoitei tal e como soaban no Cavern Club ou alá onde tocasen, e seino con tanta forza e con tanta verdade que estou disposto a partirlle os dentes a quen me diga que desvarío. Ademais, eu non quero que me remastericen as imperfeccións que fun descubrindo co paso do tempo (por exemplo que unha micromillonésima antes de que comece a soar Love me do se escoita o ruído do prato da batería de Ringo. Escapóuselle a George Martin. Igual na remasterización xa non está. Peor).
Eu o que quero é que os resuciten. E que non se separasen. Pagarei pola nova remasterización, claro. E seguirei soñando. Que seguen xuntos. Ou que me cae un lóstrego e que aparezo en Liverpool, nos anos 40 do século pasado, e que o meu veciño é un tal John á procura dalgún colega que, coma min, saiba tocar a guitarra para facer un grupo. Xa avisei: eu soño o que me dá a gana.
 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega