Por que Papá Noel odia internet (Conto estraño de nadal)

 

(Texto íntegro)

 

v2franciscocastroescoitoaosbeatles.html


 

     Prezados nen@s, vouvos contar por que Papá Noel odia Internet.

Contan que Papá Noel era feliz no pasado, no que el adoita chamar Os Bos Tempos, é dicir, antes de que se inventara Internet. Aínda que mellor deberiamos dicir, desde que el autorizou que instalaran a Rede de Redes no seu Branco e Nevado Reino, Papá Noel anda tristísimo. Desde ese día, non vive. Agoniza. Antes de existir Internet, todos os elfos (falamos máis ou menos dunha poboación duns 55 millóns de elfos vivindo en Laponia ao servizo de Papá Noel; cantidade. por certo, xa claramente insuficiente para atender nunha soa noite a todas as casas do mundo; pensen vostedes que os chineses, con todos os seus chinesiños están a sumarse, de a pouquiño -con paciencia de chineses- ao Capitalismo Global de Nadal) os elfos, dicía, mercaban ata a chegada de Internet o único xornal que se editaba na cidade de Korvatunturi, que soa como o lugar do Caribe pero é unha montaña de Laponia, en Finlandia, onde viven todos estes dos que aquí falamos. O periódico, por suposto, editábao unha empresa propiedade de Papá Noel e digamos que, en liñas xerais, Todo O Mundo Compartía A Mesma Verdade. A que Papá Noel dicía que era A Verdade.

Pero houbo que poñer Internet. E apareceron Moitas Verdades. Ou a revolución. Os elfos argumentaron que así poderían comunicarse mellor uns con outros no interior da Fábrica de Xoguetes. O vello cedeu. E ao principio non sucedeu nada. Pero co paso do tempo naceron os blogs e outras páxinas que, a pesares dos esforzos da Policía Secreta de Noel por atopar aos seus mantedores (renos adestrados na marcial arte de soltar Couces Anti-Disidentes Couces Convincentes) xamais puideron ser localizados.

Agora xa ninguén le o periódico oficial. De feito pechou. Os elfos navegan pola Rede visitando lugares como o servidor de vídeos Llutubhohohou (http://www.llutubhohohou.com) onde hai máis dun ano alguén colgou o irreverente e famoso vídeo onde se ve a Papá Noel conducindo borracho perdido montado sobre o reno Rudolph, que protesta, loxicamente; ou aqueloutro onde se lle ve, aproveitando a visita a unha casa na noite do 24, introducindo no saco a tarxeta VISA do pai de familia, e unhas revistas "desasquexaimaxinades" do fillo adolescente. O elfo que fixo tal gravación, por suposto, nunca foi atopado, e desde hai máis dun ano, segue a colgar vídeos dese estilo aderezados con comentarios groseiros sobre a conducta cleptómana de Noel; os internautas que visitan esa páxina. por suposto, miles de entradas ao mes, fan medrar en calidade, cantidade e, sobre todo, brutalidade, o nivel dos comentarios. Nótase moita xenreira. Mais é lóxico. Non esquenzamos que o reino de Papá Noel é o derradeiro estado feudal do mundo. Como comentou o mantedor do sitio web Outra Laponia É Posible (http://www.outralaponiaeposible.org), "o vello cobra comisión dos fabricantes de xoguetes e os elfos temos o soldo conxelado desde hai setenta anos; o tipo só curra un día ao ano e nós facemos todo o traballo duro. ¡Actívate e Revoluciónate! Outra Laponia É Posible". O vello Papá Noel ten que aturar ese tipo de cousas. De feito, tivo que abrir incluso un blog, por ver de gañar en popularidade (bitácora que, por suposto, el non escribe; faino un elfo negro no seu nome), pero é dos menos visitados da Rede, por aborrecido, e sobre todo, por oficialista. Sobre isto convén que digamos que o que máis éxito ten na Rede, e o que peor leva Papá Noel, son os blogs anónimos relacionados coa súa persoa. Technorati (http://www.technorati.com) non os computa porque pensa que non existen. Pero existen. Ben que o sabe o vello do bandullo opulento. Por non citalos todos, hai un que mantén un tal "Elf-inho" (http://www.elfinho.lapublog.com) que, en lapón reintegrado dedícase todos os días a insultar ao vello. Outro, titulado "O blog de Rudolph" (http://www.renos.com), colga a diario post onde narra os excesos de Noel ao mando do seu vehículo de tracción animal (en galego normativo chámase "zorra", con perdón). Pero o máis visitado de todos é, como non podía ser doutra maneira (nisto os elfos de Laponia non se diferencian dos galegos), un blog erótico-pornográfico asinado por Mamá Noel (http://www.wqrm.lapublog.com; ela agáchase baixo desas enigmáticas siglas: WQRM). O blog vai cheo de fotos inauditas de Mamá Noel facendo isto cos elfos, estoutro e o de máis alá. Sinalamos aquí, a modo de testemuña gráfica, o último comentario deixado esta mesma mañá, xusto antes de escribir esta historia: "Esta Noel si que mola e non o gordo cervexeiro este que nos ten explotados. Asinado: Elfocachondón".

Agora xa entendedes por que Papá Noel odia Internet.


    

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega