Présa

 

 

v2elvirariveirotobiopresa.html
     Qué sorte a miña saír hoxe antes do traballo, desde logo estas cousas hai que aproveitalas. Ao súper veña, que a neveira está baleira e só quedan cinco minutos para que feche. A fume de carozo polos corredores co carriño, bule lixeira: o arroz, os iogures, as cervexas vanme pesar un quintal pero el vaise alegrar de que me lembrase, un pouco de froita e este repolo mesmo, que ultimamente só comemos porcalladas. Fáltame algo e non sei qué será; unha última volta, mi madriña, parezo unha tola co carriño polo súper; desculpe señora ¿faime o favor de deixar pasar? Unha carreiriña máis e chego á caixa, veña. Olla para aí, o listo ese xa se me puxo diante e por riba a caixeira mírame con mala cara. Isto pesa unha tonelada pero se apuro un pouco inda dou chegado á escola para recoller a nena. ¡Uf! qué costa, e con estas bolsas vou rebentar antes de chegar, hai que ver que marcas nas mans, axiña, bule, que xa deben estar a saír os pícaros, isto parece a subida ao castelo de Ourém, arriba ese cu que pareces unha eivada. A nena xa a veu buscar a miña sogra hai dez minutos, xa pasarei por alí despois de comer, a ver quen lle manda a ela, qué xente... Menos mal que vén aí o autobús, señor non empuxe que ha de haber sitio para todos, veña arriba (tamén me podían axudar coas bolsas que non custa nada). É esta merda de vida sempre ás présas, senón podía ter tempo para as miñas obras. Xa debe ir para dous anos que vendín aquel modelado, e qué ben pagado. Un día destes heime poñer coas catro figuras que teño a medio facer desde hai máis de un ano, son boas para un certame... Abaixo que xa chegamos, inda vou pasar antes pola de Helena para devolverlle o que me emprestou o outro día. Ola Helena, non, en serio, toma, colle os cartos, non sexas parva. Veña muller, que teño présa, xa tomarei ese café outro día que case non chego para facer de comer e logo ir buscar a nena á casa da miña sogra. E a nosa casa parece un campo de batalla que xa podía el colaborar un pouco máis, pero claro, sempre tan atafegado co traballo e o pobre, esta temporada necesita evadirse un pouco ao saír, que non todo vai ser choio, senón non hai vida. Quen me dera a min rabuñar algúns minutos ao día para as esculturas, pero a el iso parécelle perder o tempo, non rendible. Se non estivese todo o día de cacho para cribo eu faríao rendible, ou non, pero xa chegará a miña hora. Tampouco era para poñerse como se puxo cando comprei aquel libro tan caro de arte contemporánea... Merda, xa rompeu unha das bolsas, agora a carretar todo isto no colo, menos mal que non faltan nin cincuenta metros, veña, un último esforzo e a preparar a comida como un foguete. Vaia, ten o coche fóra, xa chegou; se polo menos se lembrase de facer a cama... debe haber unha semana que está sen facer e parece un envurullo, que ata non presta deitarse aí. Por fin me libro deste peso, deus, qué mans deformes, qué noxo. Ala, saca todo das bolsas, a partir allos, lavar os cogomelos, tixola e tarteira ao lume e aínda me vai dar tempo a limpar o baño mentres isto ferve. ¿A que está no cuarto descansando un pouco? Anda, pois non, está fodendo con Maite, qué postura máis rara. ¿Que é isto que me vén á boca?, xa sei, é vómito... Pero nada, non hai tempo que perder, se queda a comer terei que botar máis cogomelos, o que si vai haber é que lavar as sabas. A ver se acaban logo que teño que ir buscar a nena.

Leborei, 7 de novembro de 2002   

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega