Rabibranca

 

(Texto íntegro)

 

Pagina nueva 1

Ós meus pais.

 






     Cando Rabibranca naceu, os seus pais e irmáns quedaron abraiados, coa boca aberta...
     —¡¡¡Oouuhhhhh!!!...
     —¡É coma un pompón de Ia branca con dúas orellas!...
     Por iso lle puxeron o nome de Rabibranca á pequena coelliña.



 

     Pasaban os días e Rabibranca ía medrando.
     O seu fermoso rabo branco e as súas puntiagudas orellas tamén medraban...
Inda que...parecía que o facían moito máis ás présas có resto do corpo...



 

     Un día no que Rabibranca foi xogar cos seus veciños, estes recibírona dicíndolle:
      —¡Ah!, ¿es ti? Pensamos que viña polo camiño unha pelota branca...

     Outro día, cando entrou na sua casa, un dos seus irmáns berroulle:
     —¡Eh, Rabibranca!,
¿por que te agachas debaixo dun plumeiro branco?...

 

A coelliña...
           unhas veces...
                   levaba ben aquelas bromas...

Pero outras veces...
—¡Xa está ben! ¡Estou farta!

             ¿Entendedes?
¡Farta!...
          ¡¡Farta!!...
                        ¡¡¡Farta!!!...
Estou ata...
... ¡ata a mesmísima punta do rabo!

 

     E marchou correndo a chorar nun recuncho onde non a vira ninguén...
     —Eses aparvados pensan
que son moi listos...
          e moi guapos...
                    e moi grandes...
                            e moi fortes...
—rosmaba Rabibranca entre bágoa e bágoa.


 

     Cando o seu pai chegou á casa e a viu así, preguntoulle estrañado:
     —¿Que fas aí?
     —Estou farta de que se rían de min e do meu rabo! —respondeu ela alporizada.
     —¡Pois a min parécesme unha coella moi guapa! —contestoulle o pai.

     Despois chegou a nai:
     —¿Que che pasa, Rabibranca?
     —Os demais métense comigo porque son pequena...
     —¡Pero se os pequenos tamén poden valerse por si mesmos e facer as cousas ben! —respondeulle a nai.


 

     Mais..., cando os pais marcharon, Rabibranca quedou pensando:
"¡¡¡Paparruchas!!! ...
Amólame que alguén me considere pequena, pouca cousa, fea, incapaz de defenderme...
Gustaríame tirarlles polas orellas a eses mamarrachos que teño de compañeiros para que vexan que son quen de defenderme".


 

     Cansa de tanta trangallada, esa noite Rabibranca foise para a cama con ganas de discorrer algo especial, unha boa falcatruada para lles facer ós demais...
     —¡¡¡Vanse enteirar de quen son eu!!! —afirmou decidida.



 

 

     Ollosgrandes, o moucho que vivía no carballo da esquerda, segundo se torce despois do claro, chegou á sua beira e exclamou:
     —¡Vaia!, ¿que fai a pequena Rabibranca por aquí?
     —¡Estou farta de que se metan comigo os meus compañeiros e irmáns!, ¿sabes?...
¡E non penso deixar que se rían de min!...
¡Podo defenderme soa!, ¡que non son xa tan pequena!...
Ademais, ¿a ti paréceche que eu son fea porque teño o rabo grande?...


     Ollosgrandes sorriu e preguntou:
     —¿E ti cres que os coellos teñen que ser valentes e as coellas guapas?
     Rabibranca respondeu inmediatamente:
     —E logo, ¿por que non as coellas valentes e os coellos guapos?
     —Pois esa é a cuestión —dixo Ollosgrandes, cunha chispa de luz na sua mirada—. O importante non é o de fora, senón o de dentro.

 

     "¡Atiza!", pensaba Rabibranca
mentres se levantaba ...,
             se despedía del...
                       e botaba a andar...
     O moucho quedaba dicindo:
     —O importante é a maneira de ser e de facer as cousas unha coella ou un coello...

     Esa mañá había no bosque
moitos animais... 
                           e...
    ...tamén correteaba por aló Pelorroibén...
     
     Pelorroibén era un raposo noviño.
Espelido e inquedo.
     Andaba os mil andares e dáballe cinco voltas a unha eira mentres que os seus compañeiros soamente lle daban unha.

 

     Nas tardiñas, cando o sol marchaba a durmir detrás dun arbusto e o raposo asomaba por entre as suas follas..., a planta transformábase de verde en vermella, e semellaba que o sol e Pelorroibén xogaban ás agachadas entre aquelas ramas.


 

     Cando o raposo viu pasar á coella polo medio do camiño, virou en redondo entre a herba e pensou mirándoa:
"¡Anda!, ¡aí vai o meu almorzo!"...
     E preparouse para seguir a Rabibranca e papala.
     Mentres ía tras dela, movía a cabeza de cando en vez...:
"¡Recorcio!, ¡esta coella está toliña!...
¡A quen se lle ocorre pasear polo medio da fraga tan tranquila coma se fose o seu tobo!"...

 

     Rabibranca, sen decatarse da presencia do raposo, camiñaba matinando a ver se argallaba unha boa falcatruada para facerlla ós seus amigos...
     A coella non sabía o tempo que levaba a saltiños polo monte, nin onde fora parar...
     Pero si sabía que, de tanto andar, estaba cansísima...




 

     Viu ó lonxe un pozo e un balde que bambeaba sobre el.
     —¡Ahá! —dixo para si Rabibranca—, xa teño un sitio onde descansar e durmir un pouco.
     Non o pensou dúas veces.
Botou unha carreira e chimpouse dentro do caldeiro.
     A boa de Rabibranca nunca tal cousa vira, e non sabía que aquilo era para sacar auga e non para durmir.
     Por iso, en canto entrou no balde, este, co peso da coella, baixou a toda velocidade cara a baixo.





     Rabibranca, moi asustada, miraba para arriba e soamente ollaba unha roda que xiraba a toda présa, e unha corda que se estiraba rapidamente.
     Dentro daquel túnel escuro e longo, cruzouse con outro balde que subía baldeiro.
                E despois...
                ¡¡¡Chooofff!!!
     Parou enriba da auga do fondo do pozo...
     —¡Pois si que a fixen boa!
     E agora... ¿que? —Rabibranca apalpaba as paredes do pozo sen poder ver nada ó seu arredor...



     Cando, por fin, os seus ollos se afixeron á escuridade, mirando para arriba, viu aló, no alto, o outro balde e decatouse de todo o que sucedera.

 

     Pelorroibén seguira de lonxe a Rabibranca.
     Víraa meterse no caldeiro e desaparecer inmediatamente dentro do pozo.
     E quedara moi intrigado co xogo da coella.
     Agardou a ver se saía.
     Pero como non a vía por ningures, achegóuse ó pozo, asomou a cabeza e berrou:
     —¡Coelliñaaa!
     Rabibranca pegou un brinco dentro do balde:
"¡Ostras! ¡o raposo!
¡Seguro que quere comerme!...
¡Pois non lle hei dar ese gusto!"
     Engurrou as orellas e púxose a pensar con todas as suas forzas.

     —Coellaaaaa..., ¿estás aííí?
—berrou de novo.
     —Estou —respondeu por fin Rabibranca cun fío de voz que case non se oía.
     —¡Menos mal! ...
¿E pódese saber que fas?
—preguntou Pelorroibén.

     Entón Rabibranca tivo unha boa idea e contestoulle:
     —¡E a ti que che importa!
¿Ou é que pensas que son parva e non sei que, se cho digo, vasllo ir contando por aí a todo o mundo, eh?

 

     —Non, non, —protestou Pelorroibén cheo de curiosidade—, que non llo conto a ninguén.
     —Xa, xa... ¡Non me fío! —retrucou Rabibranca.
     —¡Que non llo conto a ninguén, caramba! —enfadouse o raposo.
     —Pois... é que... estou pescando...—confesou por fin ela.
     "¡Arrea! —pensou o raposo—, esta coella está máis tola do que parecía."
     —¿Escóitasme? —berrou Rabibranca.
     —Escoito —respondeulle Pelorroibén suspirando e pensando para si: "¡Que lle imos facer!"...
     —Ás veces veño por aquí a pescar peixes cantores —seguiu dicindo ela.
     O raposo endereitou as orellas e arregalou os ollos:
"¡A ver se vai resultar que a coella é mais lista do que eu crera!"...
     —¿Que vés a que? —preguntoulle Pelorroibén dende a boca do pozo asomándose moito para oír ben.

 

     —¡Ho!, ¡que pesado!
¡Non entendes nada! —retrucou a coella—.
Veño aquí a pescar peixes cantores porque é o único sitio onde os hai.
Despois véndoos ou regálollos as miñas amigas e amigos.








     —¡Ti estás de broma! —contestou o raposo—-.
¡Eses peixes non existen!
     —¡Ai, non! ¡Baixa a velos! —foi a rápida resposta de Rabibranca.

     Pelorroibén non necesitou que llo repetira.
     Meteuse no caldeiro que había arriba, e, como pesaba máis ca Rabibranca, baixou a toda velocidade cara a baixo.
     Dentro daquel túnel escuro e longo, cruzouse con outro balde no que subía a coella.
E, ó mirar para arriba, Pelorroibén viu unha roda que xiraba a toda présa, e unha corda que se estiraba rapidamente.
                      E despois...
                      ¡¡¡Chooofff!!!
     Parou enriba da auga do fondo do pozo...

 

     Naquel momento Rabibranca chegaba arriba e volvía ver a luz do sol.
     Pegando un brinco saíu do balde e botou a correr cara á fraga.
     Entre tanto, Pelorroibén fórase decatando do sucedido...
     "¡Que maneira de facer o parvo!...
¡Que paspán pode chegar a ser alguén tan listiño coma min!...
¡Que ridículo!"... —pensaba mentres ía agatuñando polas paredes do pozo cara a fóra, para saír del.


 



     Cando Rabibranca chegou á sua casa, entrou choutando de ledicia e berrando:
     —¡Sei facer moi ben as cousas eu soa!
¡E teño un rabo moi bonito! ¿Vale?

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega