Raiolas no faiado

 

[Escolma]

 

v2rozadosrochilerounonler.html

                                               A PACIENCIA

 

     Avelino dos Chamosas era o mellor ebanista de Trasdomonte, pero tamén o que máis se alongaba nas encargas, ata extremos desesperantes. Contan que un veciño de Vilarchán lle fixera a encarga dun pasamáns para unha escaleira. Avelino asentiu, mais o pasamáns non chegaba e o veciño desistiu.
     De alí a trinta anos chegou Avelino co pasamáns nun carro. O veciño xa nin se lembraba da encarga, Avelino explicoulle entón que, nese tempo, se preocupara de procurar o mellor terreo para plantar o castiñeiro co que ía facelo; despois plantárao; logo vixiara mes a mes a súa medra; ía cada ano pulsar a súa condición coa orella pegada e uns golpiños cos cotenos, e de paso tamén medía o seu contorno. Finalmente, cando viu que xa valía a madeira, serrouna, deixouna secar e deu en construír o pasamáns que agora lle traía. Todo un proceso paciente e artesán.

 

 

 

O APARECIDO

     A Ramón Valiñaxemia presentábaselle todas as noites un aparecido, un espírito envolto nun nimbo refulxente, e faláballe con voz roufeña e ultramundana:
     —Acabas de me matar.
     A primeira vez que se lle presentou, Ramón, cos ollos esbugallados e o ánimo arrepiado, non sabía que facer, porque el, que soubese, gardara sempre unha conduta moral impecable. Non só non lembraba non ter defuntado a ninguén, senón nin sequera ter roubado froita cando era cativo como facían os demais rapaces da aldea. Pero non era un pesadelo, non, era real, e a partir de entón comezou a ser reiterativo. Todas as noites o mesmo. Ramón comezou a padecer os efectos destas aparicións na súa saúde. Foi a médicos e menciñeiros, a meigas e saudadoras, mais todo en van.
     Cando xa a súa antiga afouteza se viñera abaixo e a saúde era decrépita, decidiu facer fronte ó aparecido. Unha noite, cando o espírito se lle manifestou, e antes de que puidese abrir a boca, asentoulle un zocazo nas tempas que o deixou atrosmado. Ramón aproveitou e, antes de que o aparecido tivera tempo de avivecer, asegundoulle outro zocazo. Foi entón cando o aparecido caeu, retorcéndose todo e pronunciando a súa derradeira sentenza:
     —¿Víchelo? Acabas de me matar
 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega