Reino Verde

 

Dicían nosos avós e tamén dicimos nós

 

v3xoanbabarrosonsonetinho.html

 

Manda o rei
que xoeiren,
que peneiren,
que amasen,
que se abracen... 

No século XVIII, nunha das viaxes que o padre Sarmiento fixo a Galicia, oíu uns nenos que xogaban con esta letra.

 

Abeira, vaquiña, abeira,
con tres follas á ribeira:
unha na frente, outra no rabo
e outra na casa do teu amo.

Cando os nenos ían coas vacas para o monte no verán xogaban a amoscalas recitándolles esta fórmula para que escapasen.

  

As abelliñas de San Miguel
todas van cargadiñas de mel!
E de mel...! E de melú...!
Que se poña [fulano] de cu!

Canto de roda.

 

Pitasol, pitasol,
cóntame os dedos
e vaite ó sol!

Xoaniña, maruxiña, porquiña rubia, cascarrubia, costureiriña, reirrei, barrosiña, reinía, reizulín, rinchín, catasol, papasol, pitasol... Cantos nomes temos para dicirlle a este insecto que nos conte os dedos!     

  
- Escaravello branco,
fóra do meu canto!
- O que foi a Castilla
perdeu a silla.
- E o que foi e volveu
non a perdeu.

Fórmula para reclamarmos un sitio que nos ocuparon.

 

Grilo, grilo,
sae á porta,
que che están
roubando na horta! 
               

Así é como lle temos que falar a un grilo para que asome pola porta da súa cova.

 

Formiguiñas de Belén,
comeille todo o que ten,
sexan paxariños novos,
estean os oviños grolos!

Noutros tempos, cando a un neno outro amigo non lle quería mostrar o niño dalgún paxaro, ameazábao co maleficio das formiguiñas de Belén. Estas, que son miúdas e rubias, descubrían misteriosamente os ovos ou os pitiños e acababan con eles.

              

Teresa,
parraguesa,
pon a mesa,
que vén o cura
detrás da igrexa!

Deste xeito temos que animar a parraguesa ou barbantesa para que poña as patiñas de diante dereitas coma se rezase.

           

Pica tabán
no tempo de vran!
Pica tabela
na vaca marela!

Outra fórmula que se usaba para que as vacas corresen por medo ás moscas.

           

Paxarela,
pousa, pousa,
que che hei de dar
unha cousa!

Así é como lle temos que recitar a unha bolboreta para que se pouse.

 

Anda e anda
unha cousiliña
que nunca sae
da súa casiña.

Adiviña do caracol.

             

LAGARTO:    Se me pican, picarei;
                     se non, quieto me estarei!

COBRA:        Anque non me piquen,
                     hei de picar
                     e ás barbas dos homes
                     hei de saltar.

LAGARTIÑA: Anque me piquen,
                     non hei de picar,
                     que son filliña de Dios
                     e non me han de matar.

Disque é deste xeito como falan o lagarto, a cobra e a lagartiña.

 

Dixo a ra "vamos á misa".
Dixo o sapo "non teño camisa".
Dixo a ra "teño eu tres".
Dixo o sapo "préstame unha".
Dixo a ra "pero están rotas".
Dixo o sapo "bótalles un remendo".
Dixo a ra "pero non o teño".
Dixo o sapo "sácalo del culo".
Dixo a ra "sácalo del tuyo".

Conversa entre a ra e o sapo.

 

Pór-pór-poñer e andar descalza!

Canto das galiñas cando poñen o ovo.         

 

Límpame o pico,
que vou prá voda
de San Zarapico!

Era aquel galo que ía a unha voda e encontrou un gran nunha bosta e comeuno, pero manchou o bico. Despois tivo que ir preguntando a todo o mundo a ver quen lle limpaba o peteiro.

 

Xunguir-xunguir-xunguir-xunguir...!
Xunguir-xunguir-xunguir-xunguir...!

Nos días de primavera, para que os labregos xunguisen as vacas e saísen a sementar, cantaban así as lavercas.

 

Moucho,

moucho,

se mo dás,

doucho!

Esta é unha maneira de falar cando queremos realizar un intercambio cun amigo.

 

Chin-chin!
Por eiquí nada vin!
  

Hai un conto que di que, cando os xudeus ían perseguindo a Xesús, preguntábanlles aos animais por el. O chincho non quería descubrir o seu paradoiro;

Chas, chas!
Por aí ben vas!

en cambio, o chasco íaos guiando.

 

No tempo dos nabos
mal o pasamos!
No tempo das cereixas
non temos queixas!

Os gaios, e outros animais, recordan as escasezas do inverno e as alegrías do bo tempo.

              

Be-e-e-e...! Be-e-e-e...!

A berracabra ou chiba do aire, ao rozar as ás co aire, produce un son similar ao bear das cabras.

 

Tece, tece, gabián,
unhas cordas pró meu can!

Esta fórmula utilizámola para falar co tecelán ou gabián.

 

Unha pega pegarola
puxo un ovo na cazola!
Puxo un e pegarou,
puxo dous e pegarou,
puxo tres e pegarou,
puxo catro e pegarou,
...............................
puxo..................e parou.

Ata canto poderías contar?

 

Paspallao,

salta o grao!

Paspallao,

salta o grao!

Cando canta o paspallás, podemos imitalo remedándoo deste xeito.

 

- Mazarico, mazarico,
quen che deu tamaño pico?
- Deumo Dios por meu traballo
pra picar neste carballo.
E piquei e repiquei
e un gran de millo encontrei.
E metino nun saquiño
e leveino ó muíño.
O muíño a moer
e os ratiños a comer.
Agarrei un polo rabo
e leveino ó mercado.
Canto me dades, señores,
por este cocho cebado?
"Catro mulas e un cabalo".
O cabalo a coxear,
e leveino a ferrar.
O ferrador non estaba na casa.
Estaba a muller coas mans metidas na masa
e deume unha cunca de papas.
A culler estaba fendida
e a cunca estaba partida.
Chameille torta e retorta
e deille coa tranca da porta.
Fun por unha carreiriña torta
e atopei cunha chiba morta.
Agarreina por un pé
e fixo a chiba "meee...!"
             

Este conto de mentiras é para poñer en proba a nosa memoria.

 

Mentres andas no verán
de amieiro en amieiro
"Chirlo-merlo, chirlo-merlo",
buscaras pan pró inverno!

A merla, cando chegou o inverno, foi á casa da formiga pedir pan emprestado, pero ela díxolle que tiña que procuralo durante o bo tempo.

 

Cuco, cuquelo,
rabo de estelo,
cantos anos faltan
para o meu enterro?

Cuco, cuquelo,
rabo de escoba,
cantos anos faltan
para a miña voda?

Esta é para preguntármoslle ao cuco, aínda que non nos conteste ou para xogar a contar (un, dous, tres...) mantendo unha vara dereita sobre un dedo.

 


Arao, arao,
cabeza de pao,
chupa no mar
e non sabe nadar!

Berrámoslle ao arao cando queremos que se mergulle na auga.

 

- Onde vai mi amo?
- Vaiche na seitura!

Así é como miala o gato e como lle contesta o galo (cada un coa súa música).

 

Donosiña,
donosiña,
come pan,
come sardiña!

Donosiña, donicela, doniña das paredes... Esta é unha das moitas fórmulas que temos para falar con este elegante animal.

 

Un gato
caeu a un pozo,
as tripas
fixeron cua...!
Arrepitipí!
Arrepitipá!

Para botar a sortes.

 

Ó enterro da raposa,
que morreu por ser golosa!
Alingore, alingore!
Onde enterraremos este pobre?
Este pobre non ten nada
enterrarémolo na corrada.

Recitado dun xogo que consiste en levar en aire a alguén agarrado polas mans e polos pés. Imos cantando ao tempo que bambeamos a carga.

 

Be-e-leeen!
Be-e-leeen!

Así berran as ovellas para dicir onde naceu o Neno.

 

As cabras

de Xan Barbeiro

todas van

por un carreiro.

Unhas brancas

e outras negras

e outras monas

das orellas.

Recitativo para irlle facendo a outro cóxegas arredor da cara e acabar tirándolle da orella.

 

- Rabiño de atrás!
- Mande osté, San Bras!
- Dálle unha cobachadiña ó lobo
a ver se está vivo ou morto.
- Como está o do ollo torto?
- Medio vivo e medio morto.

Diálogo dun xogo que consiste en ir en fila dando voltas arredor dun que fai de lobo durmido. Chega un momento en que, de tantos golpes, o animal esperta en empeza a perseguilos.

 

Biobardo,
vente ó fardo,
que alpabarda
por ti agarda!

Biobardos, pibardos... Son animais fantásticos que os despistados cazan de noite cun saco.

                      

Era si,
era non...;
que te comerá
o papón,
que túa madre
vai na misa
e teu padre
no sermón!

Canción de berce.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega