Reflexións sobre o galego a propósito da reforma normativa

 

(Texto íntegro)

 

Pagina nueva 1



Na procura de mellorarmos o uso do galego: os marcadores discursivos

     Existen na lingua unha serie de partículas e expresións gramaticais (ben, pois, mais, logo, por tanto, por exemplo etc.), chamadas marcadores discursivos, que posúen grande relevancia na construción do texto ou discurso e que teñen unha frecuencia de uso moi alta principalmente na lingua oral, mais tamén na lingua escrita; tradicionalmente foron preteridas nos estudos gramaticais, mais na actualidade cada vez son obxecto dunha maior e xusta atención por parte dos lingüistas. Igual que acontece en xeral con todas as clases de palabras gramaticais (os diferentes tipos de pronomes, as preposicións, certos adverbios, as conxuncións), que constitúen inventarios normalmente reducidos, ou relativamente reducidos en comparación coas palabras lexicais, os marcadores discursivos, aínda dentro da súa heteroxeneidade, conforman tamén un conxunto máis ou menos limitado de unidades de aparición moi frecuente en calquera tipo de construción textual. Tal frecuencia de uso conduce a un alto grao de polisemia, a asumiren diferentes funcións segundo os casos. É, pois, a multifuncionalidade unha das súas características, como se pode ver con ben, ou sexa, entón etc.
     Así como son algúns dos marcadores discursivos máis utilizados os que asumen unha maior funcionalidade, tamén acontece que son estes os máis expostos á interferencia do castelán. Na realidade, pasa o mesmo con algunhas formas pronominais (mesmo-*mismo, vostede-*usté, ninguén-*nadie), adverbios (lonxe-*lexos, agora-*ahora, onte-*ayer, sempre-*siempre), preposicións (até-*hasta, segundo-*según, sen-*sin) ou conxuncións (mentres-*mentras, se-*si); ou simplemente acontece que se deixan de usar algunhas das partículas invariábeis que non achan correspondencia no español (agás, perante, porén, após etc.). Se isto está a acontecer con estas palabras gramaticais e pasa o mesmo con outras palabras lexicais de grande uso na vida diaria (avó-*abuelo, Deus-*Dios, móbel-*mueble, teito-*techo, forte-*fuerte etc.), lóxico é que a interferencia castelanizadora afecte tamén os marcadores discursivos, moitos deles provenientes das clases dos adverbios, das preposicións ou das conxuncións. No podían estes importantes elementos lingüísticos ficaren á marxe da tendencia xeral seguida pola lingua.
     Aínda que existe algún caso de interferencia do galego no castelán falado na Galiza, como de aquella ou y luego, moitos máis son, por suposto, os casos inversos, aqueles en que os marcadores discursivos do castelán se introducen no galego. É a súa alta rendibilidade a que lles confire unha especial relevancia no avanzado proceso de castelanización en que a lingua galega se acha na actualidade e a que os converte en símbolos representativos da desnaturalización que está a padecer o galego, pois hoxe resulta totalmente habitual que unha persoa galegofalante, mesmo culta e especialmente coidadosa co bo uso da lingua galega, utilice, inclusive tamén en actos de grande formalidade, como conferencias, entrevistas en radio ou televisión, ou outro tipo de intervencións públicas, certos marcadores discursivos que deturpan de forma notábel a galeguidade da súa expresión e que transmiten o estigma da alleación lingüística. Poderiamos clasificar, desde a óptica da interferencia, os marcadores discursivos en varios grupos: uns tirados directamente do español (bueno, o sea, vamos a ver, sin embargo, hombre, en primer lugar, de todas formas, de todos modos, mismo, hasta, sin duda, verdaderamente etc.), outros parcialmente adaptados ao galego (é decir ou quere decir, de todos xeitos, mentras, anque etc.), marcadores de dubidosa galeguidade nalgún caso e perfectamente prescindíbeis (entonces, alomenos, sen embargo, en cambio, esto é, eso é, xa desbotados da norma, pero etc.), marcadores en que alternan formas coincidentes co castelán de uso maioritario e outras diferencialistas (en efecto / con efecto, con respecto a / a respecto de, en realidade / na realidade, en canto a / canto a, ademais / alén de etc.; semella aconsellábel priorizarmos as segundas), marcadores plenamente galegos mais preteridos no uso normal (porén, en canto, en tanto, entre tanto, até etc.) e, por último, sinais conversacionais calcados do español (veña!, vale! etc.).
     Un caso especial constitúeo pero, de grande vixencia na lingua oral e escrita, coincidente na súa forma e nos seus usos discursivos co que posúe o castelán como marcador de contraargumentación que pondera a suficiencia argumentativa. Dado que a forma histórica do galego era peró, de onde resulta a forma sincopada pro, a explicación máis acaída que se pode achar para o predominio actual de pero é o feito de este ser o marcador utilizado en castelán, para alén doutras explicacións que tamén poderían lexitimar a forma en galego, mais talvez non o seu uso esmagador na actualidade. Existindo, pois, algunhas sospeitas de pero ser un castelanismo no galego, e tendo en conta o carácter popular da forma galega pro, seméllanos recomendábel nun modelo de lingua culta a súa substitución por mais, con ampla presenza na nosa tradición literaria moderna, en especial no século XIX, e en ocasións por porén, segundo os casos (Le moito, mais estuda pouco; Mais eu acho que iso é incorrecto / Porén, eu acho que iso é incorrecto).
     Deixando á parte o caso de pero, de todos os castelanismos introducidos neste importante ámbito da expresión lingüística, non hai dúbida de que o máis frecuente e chamativo, debido tamén á súa multifuncionalidade, é bueno, verdadeiro retrouso omnipresente en calquera acto conversacional, popular ou culto, formal ou informal, desenvolvido en lingua galega e inclusive tamén nos monólogos da máis diversa condición, totalmente rexeitábel e facilmente substituíbel por ben ou bo(n). De conseguirmos erradicalo, xunto cos demais marcadores discursivos que son produto da interferencia, a autenticidade do galego na súa audibilidade ou na súa visualización escrita sairía altamente reforzada.
     As persoas que pola súa relevancia social adoitan aparecer nos medios de comunicación teñen nisto unha especial responsabilidade, así como o profesorado de lingua galega. Tamén as institucións públicas de Galiza deben velar pola boa saúde do idioma. Un paso importante neste sentido deuno recentemente a Real Academia Galega ao aprobar a reforma das normas oficiais, pois eliminou o uso de formas como entonces, en cambio, anque, eso (é) e esto (é), nembargantes, sen embargo ou alomenos, e introduciu outras como porén, no entanto, após, até, aquén e alén (de), canto a ou a respecto de. A importancia destas mudanzas na norma é moito maior do que nun principio puider parecer, por todo o dito anteriormente. De todas e todos os utentes do idioma vai depender a súa eficacia, sempre na procura de preservarmos a nosa identidade lingüística e de evitarmos a deturpación alleante do galego, nomeadamente no plano oral. E se aínda prescindísemos da dependencia do castelán nalgunhas escollas lexicais (computador e non ordenador, elevador e non ascensor, atendedor e non contestador, parabéns e non felicidades etc.), estariamos a garantir mellor a calidade do noso idioma e tamén o seu futuro.

[A Nosa Terra, nº1.103, 6-12 novembro de 2003]




Principais mudanzas nas normas do galego

     A modo de preliminar convén lembrarmos, antes de máis nada, que desde o día 12 de xullo de 2003 o idioma galego posúe unhas novas normas. Ou o que é o mesmo, que a partir dese día as normas do galego foron reformadas pola autoridade legalmente competente, a Real Academia Galega (RAG), segundo dispón a Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983). E tamén cómpre lembrarmos que tal modificación foi produto dun longo e complicado proceso de debate que finalizou coa consecución dun amplo acordo por que moitos sectores sociais comprometidos coa normalización do galego viñan suspirando desde hai moito tempo. O que resulta sorprendente é que, máis de catro meses despois de se teren aprobado, esas novas normas sexan practicamente clandestinas, pois nin a RAG as editou polo momento nin, o que semella máis grave, a Xunta de Galiza as publicou no DOG, como parecería lóxico e natural, aínda que non sexa estritamente necesario para a súa plena vixencia. E máis sorprendente inclusive resulta que, a raíz do último debate parlamentar sobre o chamado "estado da autonomía", unha proposta de resolución do BNG instando a Xunta a dita publicación no DOG fose rexeitada cos votos en contra do PP e a abstención do PSOE. E así como nos queren convencer de que o galego non debe ser unha cuestión patrimonializada polos nacionalistas senón de todos os partidos políticos? Que ten de facer entón o BNG perante a desidia dos dous partidos estatais, ambos tamén interesados en se chamaren "galeguistas"? Deixar que o galego continúe no proceso de perda de relevancia, sen facer nada por o deter para así non ser acusado de monopolizar ou manipular o idioma? Oxalá que, de verdade, o galego fose unha preocupación de todas as forzas políticas e sociais! Ou, de non ser así, oxalá que a maioría dos galegos e galegas opten por apostaren pola normalización do noso idioma dando o seu voto a quen mellor demostrar o seu compromiso con el.
     Dito isto, a realidade é que o galego posúe unhas novas normas ortográficas e morfolóxicas (por tanto non teñen carácter lexical), que en boa lóxica xa se deberían estar aplicando, moi especialmente por parte das institucións oficiais. A seguir, gostaría de glosar algúns aspectos delas que considero relevantes. En primeiro lugar, hai que precisar que estas novas normas son produto do consenso posíbel entre posicións contrapostas e, por conseguinte, para alén de non daren satisfacción completa a todas as partes, manteñen algunhas duplicidades non desexábeis, mais inevitábeis na consecución do acordo, como é o caso fundamentalmente de coller o libro/colle-lo libro e ao/ó, pola súa importancia na visualización do modelo de lingua e tamén pola carga simbólica que adquiriron durante o longo proceso de conflito normativo vivido nos anos pasados. Porén, o compromiso alcanzado fixa un modelo de escrita que se ve reflectido no propio texto en que as novas normas están redixidas e que consagra as dúas solucións anteriores citadas en primeiro lugar, debendo ser o utilizado nos textos oficiais; en consecuencia, o DOG, a produción escrita saída das diferentes Consellarías, os libros de texto escolares etc. non deberán reproducir as variantes alomórficas do artigo (Ler o libro) e terán de representar a contracción coa preposición a nas súas formas de masculino como ao(s), deixando tamén de se reproduciren graficamente as contraccións có(s), cá(s). Aínda que poida parecer que estas mudanzas teñen pouca importancia por xa figuraren dunha forma ou outra nas normas anteriores, porén alcanzan unha grande relevancia ao se inverteren as preferencias e, por tanto, consagraren na práctica un modelo diferente ao que maioritariamente se viña utilizando.
     Outros dous casos importantes que se resolveron co mantemento da duplicidade son os dos sufixos -ble/-bel, equiparados na norma mais coa utilización da primeira solución na redacción do texto, e -aría/-ería, neste caso a segunda solución claramente secundarizada a respecto da primeira, que tamén figura no texto das normas. Mantense, así mesmo, a opcionalidade en casos como exaxerar/esaxerar e permítese a utilización dos signos de interrogación e admiración só ao final da cláusula. Entre as mudanzas non opcionais que teñen fundamentalmente carácter gráfico están a eliminación do -c- nos grupos -ct- e -cc- precedidos de -i- e -u-, de modo que só é correcto escribir ditado, conduta etc., a deglutinación dos numerais na serie que vai de vinte e un até vinte e nove (evítase así, como no caso dos signos de interrogación e admiración, un excesivo e inxustificado seguidismo do castelán) e a aglutinación das formas acotío, decontado (que), decontino, decotío, deseguida (que), deseguido, enseguida, apenas, talvez, acarón (de), amodo, devagar (varias delas por admitiren sufixación apreciativa). Estas mudanzas van maioritariamente na liña de reforzaren a autonomía do galego a respecto do castelán, reforzando de paso o sistema lingüístico propio.
     Un aspecto moi importante das novas normas é a eliminación dunha serie de formas, normalmente palabras gramaticais de grande uso na lingua, moi cuestionadas canto á súa lexitimidade como formas plenamente galegas e a incorporación doutras non admitidas con anterioridade. Sen dúbida é este un dos trazos máis relevantes da reforma normativa, talvez aínda non suficientemente valorado, pois estas palabras conforman paradigmas moi reducidos de que constantemente debemos botar man como instrumentos gramaticais imprescindíbeis na construción de calquera tipo de texto oral ou escrito. Así, elimínanse os demostrativos esto, eso e aquelo, os multiplicativos triple e cuádruple, e os adverbios ou conxuncións entonces, alomenos, anque, en cambio, nembargantes, sen embargo, tamén marcadores discursivos de grande funcionalidade e especial frecuencia de uso. E incorpóranse o relativo posesivo cuxo, imprescindíbel na lingua culta, e os adverbios, preposicións ou conxuncións, e as correspondentes locucións, até (que), porén, a respecto de, alén (de), aquén (de), após, canto a, no entanto, algunhas tamén de ampla funcionalidade como marcadores do discurso.
     Alén destas fórmulas gramaticais, tamén se incorporan palabras lexicais como o verbo ouvir e se adaptan outras cal estudo (e estudar, estudante, estudantil), vogal, pau, bacallau, chapeu, romeu, xubileu, ímpeto, tribo, reitor (e reitorado, reitoría, reitoral) ou seita, todas plenamente documentadas, cando posíbel, na nosa tradición escrita. Como tamén o están diferenza (e indiferenza), espazo (e espazar, espazoso), estanza, graza (e desgraza), licenza, nacenza (e renacenza), novizo, perseveranza, presenza, querenza (e benquerenza, malquerenza), sentenza, servizo ou terzo (e terza feira), que pasan a ser as únicas oficiais, completando así practicamente a serie das palabras terminadas en -zo, -za que progresivamente se foron incorporando á norma (lémbrese os casos de xuicio>xuízo ou xusticia>xustiza en sucesivas edicións, por exemplo), seguindo o acertado criterio da súa autoctonía contrastada. Estas deben ser, pois, as formas utilizadas, incluída a tan usual de agradecemento grazas, que ben se pode converter para quen quixer en graciñas, se isto lle resultar máis natural, aínda que tampouco nada hai na norma que impida utilizar a fórmula obrigado ou obrigadiño. Tamén non hai nada na norma a partir de agora que impida facer uso da forma Galiza, "lexitimamente galega", como nome do noso país, independentemente de que a denominación oficial continúe a ser Galicia.
     Aínda se podería resaltar a reordenación dos sufixos e terminacións masculino -án / feminino , -ana, e masculino -ón / feminino -oa, -ona, certamente necesitados dunha revisión clarificadora que agora, a meu ver, se levou a cabo con acerto, xuntamente con algún outro aspecto cuxo comentario deberá ficar para outra ocasión. Só cómpre finalizarmos este breve repaso das novas normas co desexo de que sirvan para terminarmos cun conflito que restaba forzas e vontades a prol da causa do idioma, para fixarmos un modelo de lingua máis auténtico e menos dependente daquela que a ameaza nas súas estruturas internas, e para darmos un impulso esperanzador e ilusionante á súa normalización social. Para esta tarefa precísase a acción decidida dos poderes públicos e o compromiso individual e colectivo da sociedade galega.

[A Nosa Terra, nº 1.107, 4-10 decembro de 2003]




Algunhas consideracións sobre o uso dos verbos nas novas normas

     A parte dedicada ao verbo nas novas normas é, talvez, a que menos mudanzas experimentou. O único aspecto gráfico-morfolóxico que se altera é a acentuación paroxítona da primeira e segunda persoa do plural do pretérito de subxuntivo, de modo que amásemos e amásedes pasan as ser as únicas formas admitidas, para alén da adopción da forma estudar (que substitúe estudiar) e da incorporación de ouvir, que debe convivir con oír. Mais, sen seren estritamente de carácter morfolóxico, introducíronse nas normas algunhas observacións sobre o uso de determinadas formas verbais que, aínda sendo máis ben propias da gramática da lingua, teñen unha especial relevancia por potenciaren certos trazos moi significativos, como son o reforzamento da distinción formal entre antepretérito de indicativo (con -ra) e pretérito de subxuntivo (con -se) e a potenciación do uso do futuro de subxuntivo. No primeiro caso a norma recomenda "manter ben discriminados os usos dos dous tempos" (cantara como indicativo e cantase como subxuntivo) e, canto ao uso do futuro de subxuntivo, afirma que "dada a súa lixitimidade histórica e a súa rendibilidade en certos rexistros lingüísticos, como por exemplo a linguaxe xurídica, cómpre restaurar o seu uso".
     Nada especial di a norma, por contra, a respecto do uso do infinitivo flexionado, salvo a súa natural inclusión nos paradigmas verbais, da mesma forma que tamén se inclúe o futuro do subxuntivo, pois, a diferenza do que acontece con este, o emprego das formas flexionadas no infinitivo gozaba xa de total recoñecemento e non era obxecto de discusión. Outra cousa é que se teña posto a énfase suficiente na importancia do seu uso. Neste sentido, non deixa de resultar un pouco estraño ou ilóxico que, en xeral, as persoas dedicadas á corrección ou tradución de textos para o galego, así como o profesorado de lingua galega, teñan insistido máis ou teñan posto máis énfase nos erros ou desvíos de cáracter fundamentalmente ortográfico (usos de <b/v>, de <h>, acentuación etc.) do que na preservación de trazos tan característicos do galego como son o infinitivo flexionado ou o futuro de subxuntivo.
     Sobre isto quería agora chamar a atención e subliñar a obrigatoriedade do uso destas formas en determinados casos en que xa a gramática, dunha forma ou doutra, ten estabelecido algún tipo de prescrición. Aquelas persoas que realizan labores de corrección lingüística e que, por tanto, están a desempeñar un papel importante na conformación do modelo de galego culto, deberían, segundo o meu punto de vista, conceder moita máis relevancia á incorrección dun enunciado como Por os rapaces chegar tarde, o profesor chamoulles a atención, debido a non utilización do infinitivo flexionado chegaren, da que se debería dar en gravata ou voda con <b>, por exemplo. No primeiro caso estamos a violentar as estruturas morfosintácticas da lingua, en tanto que no segundo se produce unha simple falta de ortografía. En Aprobación, se proceder, do orzamento anual co uso do futuro de subxuntivo estase a utilizar un trazo estilístico-expresivo característico e diferencial que achega maior precisión temporal e autoctonía, valores que se perderían co uso da forma procede. Nunha proba para ocupar unha praza de asesor lingüístico ou para traballar nun servizo de normalización, por exemplo, estes aspectos deberían ser básicos, cando na realidade son os máis descoidados ao se consideraren simplemente opcionais. Tamén deberían ser tidos en conta, claro está, polo profesorado de lingua galega, polos autores e autoras, e polos medios de comunicación que usan o galego. Tentarei expor, a seguir, aqueles casos en que o seu uso ten, ou debería ter, valor prescritivo.
     A comezarmos polo infinitivo flexionado, pódese considerar obrigatorio nos seguintes casos: en primeiro lugar, cando o infinitivo ten un suxeito expreso no texto, ben sexa diferente ou idéntico ao do verbo rexente (Resultou decisivo estares ti alí con eles; Todos admitiron, con afouteza, seren eles os culpábeis); en segundo lugar, cando o infinitivo non ten suxeito expreso, mais vai referido a un axente determinado non indicado no contexto (Convén virdes con tempo; Admitiu sermos os mellores); e, por último, sempre que o infinitivo for introducido por unha preposición ou locución prepositva e tiver suxeito propio, aínda que coincida co do verbo principal, nomeadamente se colocado antes deste (Castigoute por chegares tarde; Antes de saírmos de viaxe, temos de acabar o traballo). Noutros casos o uso do infinitivo flexionado pode ser facultativo, aínda que existen factores que favorecen o seu emprego: presenza dun pronome reflexivo ou dun complemento predicativo xunto ao infinitivo, o afastamento deste do verbo rexente, a anteposición do infinitivo, a forma impersoal do rexente, a necesidade de clareza ou énfase na expresión, a eufonía etc. Como criterio xeral, débese usar o infinitivo flexionado sempre que for posíbel gramaticalmente e non resultar estilisticamente desaconsellábel.
     O futuro de subxuntivo, por outra parte, é unha característica do galego que hoxe está en decadencia e que é necesario preservarmos. Constitúe unha forma non real que marca a eventualidade no futuro, situándose por tanto na posterioridade ao momento da enunciación; nunca se utiliza como autónomo en cláusulas simples, senón que só aparece como núcleo da frase verbal nalgunhas cláusulas en correlación con outro verbo en futuro, presente de indicativo ou de subxuntivo e imperativo; esas cláusulas son as condicionantes, circunstanciais temporais, circunstanciais locativas, circunstanciais modais (e outras introducidas polas mesmas conxuncións en cláusulas comparantes e intensificantes, propias das bipolares comparativas e proporcionais respectivamente) e relativas, para alén doutras construcións relacionadas coas anteriores en que se repite o verbo en presente de subxuntivo e en futuro de subxuntivo (sexa como for, faga o que fixer). Parece moi recomendábel, desde o ámbito formalizado da lingua, dar preferencia ao uso do futuro de subxuntivo neses casos, a pesar de existiren outras posibilidades, primeiro por así contribuírmos a recuperar unha forma en decadencia de grande valor para marcarmos a necesaria fronteira fronte ao español, e en segundo lugar por ser unha fórmula con grande rendibilidade expresiva e de maior precisión lingüística do que outros tempos verbais. Mais, para alén desa opción preferencial, tamén parece conveniente propormos como prescritivos algúns deses casos. Así, dadas as circunstancias adecuadas para o uso do futuro de subxuntivo e tendo en conta que onde fundamentalmente se ten utilizado desde a época medieval é nas oracións condicionais lato sensu, deberíase considerar prescritivo o seu uso nas cláusulas condicionantes con se (Se chegares antes das dez, chámame), nas circunstanciais temporais con cando con valor condicional (Irei cando cumprires a túa palabra), nas circunstanciais modais con segundo ou conforme que tamén teñan un matiz condicional (Conforme traballaren, así cobrarán) e nas relativas así mesmo con valor condicional (Aprobarán os que máis estudaren). A modo de exemplo, debería considerarse obrigatorio o uso do futuro de subxuntivo en casos como o seguinte: "Os que (se, cando) non achegaren a documentación antes do vindeiro día 30 serán excluídos" ; neste sentido, véxase o diferente significado de Cobrarán unha pensión especial os que cotizasen / cotizaren durante 20 anos segundo o tempo empregado.
     En conclusión, aínda que o uso do futuro de subxuntivo foi esmorecendo modernamente na fala en paralelo coa sorte que seguiu este mesmo tempo no español, a súa plena funcionalidade no longo período medieval de normalidade lingüística na Galiza, así como a pervivencia na nosa literatura popular (refráns, cantares), na fala e na literatura do XIX (Pondal, Curros, Rosalía etc.) e mesmo na do XX, ao que lle hai que acrecentar a plena vixencia no portugués actual, parecen aconsellar o esforzo da súa recuperación nun principio cando menos na escrita, aínda que só sexa como fórmula de reafirmación da nosa identidade lingüística e de diferenciación co castelán, para alén da súa incuestionábel utilidade tanto na prosa técnica, xurídica ou burocrático-administrativa, como nos restantes usos da lingua e como recurso estilístico moi rendíbel na lingua literaria. Algo semellante se podería dicir do infinitivo flexionado: aínda que a súa vitalidade na fala actual é moito maior, principalmente entre a xente idosa, corre tamén o risco de se perder nas capas de poboación máis novas por ser un trazo que non posúe o castelán, verdadeiro modelo subxacente e única lingua que está a ameazar as estruturas propias do galego, pondo tamén en perigo a mesma supervivencia deste como lingua autónoma e maioritaria da Galiza. Potenciarmos o uso do infinitivo flexionado e do futuro de subxuntivo supón, pois, afortalarmos o noso sistema lingüístico e garantirmos mellor a súa independencia e o seu porvir.

[A Nosa Terra, nº 1.111, 9-14 xaneiro de 2004]




As novas normas do galego, o reintegracionismo e a corrección lingüística

     Convén afirmar de inicio, e dun punto de vista persoal cando menos, que un compromiso arredor dunha norma común para o galego, nas actuais circunstancias, non só era algo desexábel, senón absolutamente imprescindíbel para lle darmos estabilidade na escrita e prestixio no ámbito social. Porén, a aceptación dunha norma de consenso non implica unha renuncia aos postulados ideolóxico-lingüísticos de cadaquén a respecto do que se consideraría a mellor norma posíbel ou a respecto da relación entre galego e portugués. Pódese, en teoría, acreditar na unidade lingüística galego-portuguesa e, ao mesmo tempo, facer uso da norma oficial que foi produto dun consenso entre especialistas, como tamén se pode ser republicano ou comunista e exercer responsabilidades públicas nun réxime monárquico ou capitalista. Unha cousa é acatar unha norma lingüística e outra moi distinta é renunciar ás propias ideas ou inclusive deixar de traballar por elas; como tamén se pode acatar unha lei, mesmo a Constitución, e asemade non estar de acordo con todos os seus principios ou inclusive ser partidario da súa modificación.
     Pódese, pois, utilizar a norma oficial e, ao mesmo tempo, defender o reintegracionismo lingüístico? A resposta virá dada en función do que se entender por reintegracionismo. Partamos do principio, non difícil de asumir, de que o galego comunmente falado na actualidade está moi interferido polo español e de que tal modelo non se pode consagrar como irreversíbel, pois, segundo este parecer, iso ía supor a dialectalización progresiva do galego a respecto daquel e a súa futura desaparición como lingua autónoma. Semella lóxica e necesaria, pois, unha intervención cirúrxica sobre ese galego falado para o ir reintegrando no seu propio sistema, de onde nalgúns aspectos foi arrincado pola presión secular da que foi única lingua oficial durante séculos. Desde esta perspectiva parece moi defendíbel a reintegración lingüística, entendendo por tal o feito de reconducirmos o galego cara á súa plena autenticidade, liberándoo das interferencias foráneas.  Neste sentido, as novas normas de consenso poden ser consideradas como reintegracionistas na medida en que reafirman o galego nas súas raíces e tradición. Ou non acontece así co reforzamento de ao, -bel, -aría, co recoñecemento de até, porén, após, ouvir, Galiza, ou coa prescrición de presenza, diferenza, sentenza, graza, conduta, ditado, os femininos alemá, catalá, bretoa, por exemplo?
     Nesa reintegración do galego en si mesmo, o portugués debe ser o modelo orientador ou, de o preferirmos, o espello que nos ha confirmar en moitos casos o que é ou non é galego. Aínda defendendo a existencia do galego como lingua autónoma, algúns temos o convencemento de que só terá asegurada a súa independencia a respecto do castelán de se manter unido o máis estreitamente posíbel ao tronco lingüístico de que forma parte. Ou, como dixo Rafael Dieste, canto máis galego for o galego, máis se parecerá ao portugués. Con outras palabras, o galego ten de unir a súa sorte á do portugués como garantía de non ser absorbido polo español.
     Non hai dúbida de que nese achegamento ao portugués a ortografía é un elemento simbólico importante que debe marcar unha primeira fronteira coa lingua de Castela. Ora, tamén coidamos que a ortografía non é o elemento fundamental nin imprescindíbel para avanzarmos na reintegración antes mencionada. Disfarzado de español, o galego pode ser auténtico galego ou galego-portugués; e disfarzado de portugués ou de galego-portugués, o galego pode ser un castrapo evidente se non se preservaren as súas características intrínsecas. A ortografía é unha convención que se pode mudar de modo relativamente doado, mais as estruturas internas da lingua non se poden mudar coa mesma facilidade. Por iso hai que prestar atención moi especial aos aspectos morfosintácticos.
     Débese ter presente, máis unha vez, que as normas oficiais son ortográficas e morfolóxicas. As regras sintácticas ou morfosintácticas veñen fixadas pola gramática e a respecto delas non se teñen suscitado practicamente discrepancias, aínda que certos aspectos foron máis ou menos enfatizados ou preteridos, segundo os casos. Algúns destes aspectos, que constitúen recursos expresivos a que eventualmente o galego culto non debe renunciar, senón máis ben privilexiar, son, por exemplo, a colocación do pronome clítico entre a preposición rexente e o infinitivo rexido (Marchou sen te avisar) ou entre a partícula de enlace e o infinitivo nas perífrases verbais (Hei de o facer), o uso ocasional da interpolación de determinados elementos entre o clítico e o verbo (Pasou como che eu dixen), do xerundio con desinencia de primeira persoa do plural (Estándomos para saír, púxose a chover) ou da perífrase modal obrigativa ter de + infinitivo (Teño de ir a Carballo); tamén a potenciación de construcións sintácticas coa interposición dunha frase nominal con artigo (ou dun pronome tónico de terceira persoa) en función de suxeito do infinitivo entre a preposición rexente e este (Por os rapaces non o saberen, suspenderon; De elas estaren alí, non acontecería iso); etc.
     Algúns destes trazos teñen (ou deberían ter, no seu caso) valor prescritivo, como por exemplo: o uso obrigado do artigo entre o pronome cuantificador ambos/-as e o substantivo cando aquel tiver función adxectiva (ambas as mulleres), igual que acontece con todos/-as (todos os homes); a eliminación do artigo naquelas cláusulas de relativo introducidas por preposición en que o antecedente está claramente expresado inmediatamente antes desta e non existe ambigüidade na interpretación do significado da oración (O día en que naceu; A rúa en que vive; As razóns por que te deixou); a non utilización como norma da preposición a co complemento directo, salvo en casos de ambigüidade na distinción funcional co suxeito (Colleu os nenos pola man, Vin o Xoán na rúa); distinción constante, excepto en cláusulas desiderativas e nalgúns usos estilísticos, entre -ra- como morfema de antepretérito de indicativo e -se- como morfema de pretérito de subxuntivo (Dixérame que te avisase antes das oito), distinción neste caso expresamente recollida e reforzada nas novas normas; etc. Entre estes casos débense incluír, moi especialmente, o uso do infinitivo flexionado (ou conxugado) e tamén o do futuro de subxuntivo, cuxa correcta utilización figura así mesmo agora reforzada e recomendada por vía normativa.
     Claro está que non son as novas normas aprobadas aquelas que o movemento reintegracionista propuña ou desexaba. Mais o aproveitamento de todas as posibilidades recollidas nelas, xuntamente co uso e potenciación dos trazos morfosintácticos antes citados, entre outros, que en nada as contrarían, así como o explícito recoñecemento do portugués como recurso para o acrecentamento lexical, permiten o asentamento dun modelo de lingua máis auténtico e, por iso, máis 'reintegrado' nas propias raíces do idioma e no sistema lingüístico galego-portugués a que pertence. Para o conseguirmos é preciso un especial coidado e esforzo, nomeadamente das persoas con máis capacidade de influencia social, por evitarmos incorreccións e interferencias que deturpan e desnaturalizan a lingua, afectando mesmo as súas estruturas sintácticas.
     É o momento de afirmarmos que hoxe xa non debería ser suficiente con que as persoas que se dedican á docencia, ao xornalismo, á creación literaria ou ao ámbito da representación pública en Galiza, por exemplo, e teñen un compromiso claramente asumido co idioma propio, se expresen en galego de calquera maneira, senón que tanto esas mesmas persoas a respecto de si propias como a sociedade no seu conxunto deberían exixir un grao de corrección lingüística minimamente aceptábel, como acontece, sen ir máis lonxe, co emprego do español. Xa non semella xustificábel a estas alturas, por moi meritorio que consideremos o emprego do galego, a utilización pública dun idioma deturpado e castrapizado por parte de quen ten preparación e capacidade suficientes como para o poder falar con corrección, a pouco que se esforzar. Moitas veces é simplemente unha cuestión de desleixo ou despreocupación, facilmente subsanábel dedicándolle unhas horas ao repaso dalgunhas regras gramaticais. A partir desa corrección mínima, sempre exixíbel nunha situación de pretendida normalidade, canto máis consigamos afortalar as estruturas lingüísticas propias mediante o uso dos trazos diferenciais máis característicos, mellor contribuiremos a preservar e dignificar unha lingua extensa e útil na Galiza e no mundo.

[A Nosa Terra, nº 1.112, 15-21 xaneiro de 2004]




Normativización e normalización: son horas de decidirmos

     Estase a dicir sempre, constantemente o repetimos, e non só cando cantamos o noso himno nacional: "os tempos son chegados", neste caso tamén para a tomada de decisións individuais e colectivas canto á "questione della lingua" na Galiza, tanto no referente á planificación do corpus como do status, ou se quixermos, no que afecta a normativización e a normalización. Talvez xa non fique moita máis marxe para as medias tintas ou para a ambigüidade calculada. É hora de as persoas implicadas -a maioría, por desgraza, vive á marxe do tema- se definiren e de as institucións se decantaren. A situación por que pasa o galego xa non dá para moito máis.
     Levábase moito tempo demandando un consenso arredor da norma e criticábase a incapacidade duns e doutros, dos discrepantes sobre todo, para conseguiren forzar ou concitar o acordo. Moitas desas críticas proviñan de sectores pouco proclives aos avanzos sociais do idioma, que utilizaban as disputas normativas como desculpa para a inacción. Ben, pois agora que o acordo se produciu, algúns dos que o exixían como condición indispensábel para se sumaren á causa nin tan sequera se queren dar por enteirados da súa existencia, e quen debía ter a máxima urxencia por o publicitar, aplicar e facer cumprir declárase á marxe do tema. Semella que a existencia mesma do acordo os incomodase ao ficaren sen a fácil desculpa que precisaban para tan morna actitude perante a lingua. Mais agora chegou o momento da verdade para todos e cómpre tomar posicións claras: ou a favor ou en contra, ou para diante ou para atrás. Onde se viu que a iniciativa privada teña de substituír a obriga institucional de dar a coñecer o que é disposición legal común? Como se pode tolerar a competencia entre institucións por manteren oculta unha norma que tamén a elas obriga? Están a favor ou en contra do seu cumprimento?
     Mais tamén individualmente é necesario definírmonos: queremos ou non un galego cunha norma estábel maioritariamente aceptada, un galego máis acorde coa súa historia e menos dependente do castelán? Ou preferimos un galego cunha norma que nos divida e que non garanta a debida autonomía a respecto da lingua oficial do estado? Queremos un galego socialmente prestixiado ou preferimos un galego caótico na escrita e minusvalorado? Se optarmos pola estabilidade da norma, será necesario facermos o esforzo de a coñecer e a practicar con coherencia. Pode ser tamén que haxa quen non considerar válida a nova norma por pensar que esta debe ser a do portugués, adaptada ou non ás peculiaridades do galego. É outra opción que entra dentro do ámbito de decisión particular e que, en calquera caso, cómpre respectarmos. Posibelmente algunhas persoas, ou talvez moitas, quererían unha norma oficial estábel máis próxima do portugués, máis reintegracionista, aínda que están dispostos a acataren esta por pragmatismo e por non danaren o prestixio do idioma. Ora, por veces eses desexos teóricos de maior aprofundamento nas mudanzas da norma non se corresponden coa práctica idiomática seguida por tales persoas, pois non tiran delas, posibelmente por rotina ou comodidade, todas as posibilidades que conteñen. Para que máis transformacións na norma, cabería pensarmos, se non se aproveitan as xa existentes?
     Por unha parte, cómpre afirmarmos que calquera avanzo na procura dun galego máis auténtico e mellor inserido no sistema a que pertence é incompatíbel coa utilización de castelanismos de calquera tipo e coa renuncia a trazos tan característicos do galego como son o infinitivo flexionado ou o futuro de subxuntivo, por exemplo. Tampouco resulta coherente a exixencia de maiores mudanzas coa renuncia ao uso de, por exemplo, as formas mao/ como adxectivos (en substitución de malo/mala), estábel/estábeis e o verbo estabelecer (tamén estabelecemento), así como as demais palabras con sufixo -bel/-beis (no lugar de -ble/-bles), alén do uso de partículas como até, porén ou após; todas estas formas son plenamente normativas, ao mesmo nivel que os seus pares alternativos. Xa non só resulta incoherente, senón que é mesmo contrario á norma, o continuarmos a facer uso de *sen embargo, *anque, *alomenos, *entonces ou *en cambio, formas definitivamente eliminadas. Tamén alemán, catalán, afgán ou capitán teñen como únicas formas de feminino alemá, catalá, afgá e capitá, igual que acontece con anfitrión/anfitrioa, bretón/bretoa, león/leoa, patrón/patroa, saxón/saxoa ou teutón/teutoa.
     Por outra parte, convén insistirmos en que as escollas lexicais non están suxeitas ás normas aprobadas, que sinalan o portugués como modelo a seguir na incorporación de novas palabras, independentemente do criterio de autoridade que se vaia fixando a través dos dicionarios académicos. Alén dos casos de castelanismos que se deben rexeitar (achegar ou achega e non *aportar ou *aportación, suxestións e non *suxerencias, por exemplo), nada impide introducirmos termos como ementa (xunto a menú), carimbo (en vez de cuño), xuri (ou tribunal), ferias (por vacacións), comboio (ao lado de tren), carro (como sinónimo de coche), romance (por novela), suceso (co signficado de éxito), vareador (convivindo con concelleiro), ou ar condicionado, camiños de ferro, cadro preto (tamén lousa, tan galega, como se di no Brasil, por encerado) etc. A popularización ou non destas e doutras formas vai depender do uso que delas fixeren os autores ou autoras, entendendo estes nun sentido moi amplo, o profesorado e os medios de comunicación; non sería nada moi diferente do que aconteceu con orzamento (por presuposto) ou xuro (por interese). Se por veces resulta lexítimo acudirmos a un barbarismo, máis o será tomarmos un empréstimo dentro do noso propio sistema lingüístico, nomeadamente se con el conseguirmos diminuír a dependencia léxica do castelán. Tamén non só non se impide, senón que aparecen expresamente citadas nos exemplos das novas normas, as denominacións relixiosas dos días da semana: segunda feira, terza feira, cuarta (ou corta) feira, quinta feira e sexta feira. Non se trata de que o galego renuncie a unha soa palabra patrimonial de seu, senón de que en ocasións optemos por coincidir co español ou co portugués en formas sen tradición documentada na Galiza.
     É, pois, o momento de nos definirmos a favor ou en contra dunha norma común unificada de consenso que consiga estabilizar e prestixiar a lingua escrita, mais tamén a favor ou en contra, na nosa práctica lingüística, dun galego máis auténtico. Dito con outras palabras, cómpre optarmos por un galego "reintegrado" en si propio ou por un galego "castrapizado" que se vaia disolvendo paseniñamente no español, como unha variante dialectal máis; se a opción escollida for a primeira, aínda teremos de decidir se o facemos a través da actual norma oficial, aproveitando todas as posibilidades que nos ofrece, ou se procuramos outras vías máis directas, aínda que talvez menos eficaces. Persoalmente coido que a utilización dunha norma oficial estábel e consensuada como a actual, con todas as súas limitacións, alén de ser unha necesidade, é a mellor opción para unha lingua como a galega que ten de ser utilizada na administración e no ensino. Porén non é este o único reto que ten hoxe o galego, infelizmente. Nin tan sequera o máis relevante.
     Por moi importante que sexa a normativización, máis o é a normalización; e o proceso de normalización da lingua galega non discorre, evidentemente, por bo camiño. Non son necesarios moitos argumentos para o demostrarmos, pois a realidade é de por si ben elocuente. Será suficiente con citarmos tres casos de actualidade. Un resulta tráxico: unha persoa que vai ser operada ten de pór en perigo a propia saúde para poder exercer os seus dereitos lingüísticos, pois o hospital compostelán, público, en que vai ter lugar a operación non dispón de formularios en lingua galega para asinar a autorización e a reclamación pertinente suporía un retraso na intervención. Outro, dramático: unha avogada que presenta no xulgado de Muros un escrito en galego é requerida pola xuíza para que corrixa ese "erro emendábel". E o terceiro, traxicómico: unha parella que quere celebrar o seu casamento civil en galego debe facelo, en Santiago de Compostela, mediante a contratación dun intérprete, pois seica o xuíz non entende o galego, e unha demora de meses. Fixémonos que estes feitos acontecen no ano 2003 en Santiago e en Muros, non en Madrid ou Roma, nin no ano 1974, cando existía unha ditadura e non había Constitución, nin Estatuto, nin Lei de Normalización Lingüística. Semella que algo avanzamos: agora poderemos usar o galego nalgún dos ámbitos en que antano estaba vedado se estivermos dispostos a realizar unha denuncia pública, a pagarmos un "imposto lingüístico" complementar ou a sufrirmos un considerábel retraso na resolución do caso. Pode alguén crer, nestas circunstancias, que a lingua galega é realmente unha lingua "oficial" ou "cooficial"?
     Volvamos ao inicio para irmos concluíndo: os tempos tamén son chegados para dicidirmos se o galego é, na verdade, a lingua natural e propia da Galiza, como na teoría din as leis, ou só unha peculiaridade a protexer en tanto non desaparecer de morte natural. Debemos decidir se o galego é a nosa lingua ou non. Fóra máscaras e decídase xa, pois mañá talvez sexa tarde. Se a decisión for afirmativa, haberá que actuar en consecuencia e tomar medidas eficaces, que as hai, para a súa normalización. O acordo normativo foi unha. Cúmprase e avancemos.

[A Nosa Terra, nº 1.113, 22-28 xaneiro de 2004]

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega