Roldán e as tres princesas de Libredón

 

 

v3xoanbabarroroldan.html



1


Un talismán

 

     —Dende as pratas do nacente
ós ouros do pordosol
trazan ronseis as estrelas
por riba de Libredón.
Alí moran tres princesas
máis fermosas ca unha flor
custodiadas día e noite
por un temible dragón.

     As misteriosas palabras
do canto do trobador
coáranse no castelo
do conde, noso señor.
Armárase don Roldán
con todo o seu esplendor;
lene coiraza brunida
encol de encaixe bretón,
esporas de luz de lúa,
helmo de roibén de sol,
as serdas do seu cabalo
acibeche encantador.
Pasara as terras de Francia,
de Navarra e de León
ó lombo de Vixiante
galgando coma un león.
Cruzando montes e vales
coma o máis veloz trebón
foise deter nun santuario
de labrado rosetón.
Lousa brillante por tella,
portada de áureo porlón,
nas vidreiras historiadas
escintilante fulgor
e invisibles coros de anxos
con cánticos no interior.
Marabíllase Roldán
con tan estraña visión,
e chegada a medianoite
coa nobre espada petou.

Abríranse entón as portas
con renxido atronador,
e asomárase un fidalgo
dos de lanza con pendón.

     —Dime ti, bo cabaleiro,
de místico resplandor,
¿que gardas neste santuario
e quen é o teu señor?

     —Galaaz é o meu nome,
fiel e leal servidor
ó pazo do rei Arturo
e á nave de Salomón;
neste monte eternamente
fago escolta e oración
por defende-lo Graal
de magos e de ladróns.

     —Chámanme a min don Roldán,
Carlomagno é meu señor,
a xigantes invencibles
o meu puño derribou,
e agora busco as princesas
que o demo un día encantou
na figura de tres pedras
no Reino de Libredón.

     —Longo camiño che agarda
con encantos e dragóns;
pon esta cuncha ó pescozo,
que che sirva de temón.

     Colga Roldán a vieira
traspasado de emoción
e queda ó pronto sumido
nun sono reparador.

 



2


Un bebedizo

 

     Adornara a merla o abrente,
columbraba un novo día
e don Roldán espertaba
sen ningunha compañía
se non era Vixiante,
que ben lle correspondía.

     —¿U-los anxos... e as candeas...
e as divinas melodías?

     —exclamou conde Roldán
ante os muros que o choían.
Un silencio sepulcral
era todo o que el oía.
Daquel soño tan real
só a cuncha posuía.
Entón, no seu corazón,
chamárano as tres cativas
e aprestouse a cabalgar
en sela de pedrería.
Baixara por fondas corgas,
coroara agudas cimas,
por estreitas corredoiras
camiña con gallardía.
Pasados tales trafegos,
acha redonda campía
bordada de chuchameles
cáncaros e margaridas;
no medio do prado verde
unha choza que fascina;
branco lique nas paredes,
encol do teito, carriza,
e un longo fío de fume
que no ceo se espreguiza.

     —¿Quen vive?
                      —berrou o conde—.
¿Quen vive nesta casiña?

     Ás palabras de Roldán
vella voz lle respondía.

     —Fadatrobisco me chaman
nesta illa montesía;
noutros tempos ricas casas
todo o meu país cubrían;
hoxe os matos e as silveiras
muros e teitos derriban.
¿Quen sodes vós, cabaleiro
de sen igual fidalguía?

     Son o conde don Roldán,
vencedor en cen mil lidas.

     Cabaleiro que así loita
merece xanta e bebida
e sentar á miña mesa
sete noites cos seus días.

     Pasmárase don Roldán
perante a mesa que había;
botelo de Vilafranca,
androlla de Pedrafita
leite coallado da Ulloa,
arandos, noces e guindas,
e zumes de mil colores
en moi prezadas vasillas.
Xaropes prepara a meiga
mentres o conde comía.
Esmaga rata con moco
e outras moi raras menciñas;
desque os tivo preparados
ó conde llos ofrecía;
desque o conde os bebeu,
a cabeza lle caía.
Fadatrobisco de gozo
ás garagalladas se ría.

     —¡Cativo quedas por sempre
nesta devesa florida
e as tres pedras encantadas
nunca cobrarán a vida!

     Moito sofre o noso conde,
moito pena sen medida
sen saber cándo é de noite
nin saber cándo é de día.
E acordándose de pronto
da cónchega que traía
arrastrouse ata un regueiro
que cerca de alí corría.
Tan presto bebeu coa cuncha,
do maleficio da harpía
librouse moi de contado
e seguiu contento a vía.

 



3


Un labirinto

 

     Fadatrobisco do susto
perde poderes e figas
e nunha muller fermosa
se transforma moi axiña,
e a súa choza de lique,
nun pazo de cantería.

     —¡Adeus, meu señor, adeus!
¡Trae xente ás miñas cortiñas!

     —con tenras bágoas nos ollos
de Roldán se despedía
dándolle un pano bordado
de encaixe de Camariñas.
Cruzara o conde montañas,
sucara chairas de espigas
e encontrara unha cidade
sen portas nin galerías;
na muralla, milenaria,
dez torres tremelucían.
Nun abrir e cerrar de ollos,
dous xenios aparecían
con lapis de moitas cores
que mesmo a pintar convidan.

     —¿Pasará o cabaleiro
á cidade das mil vías?

     —Se a Libredón me levaren,
eu pasar ben pasaría.
Loitería en cen batallas,
rompería mil lorigas,
con tal de quedaren ceibes
as tres princesas cativas.

     —¡Libredón, oh Libredón,
entre enfeites escondida,
con tres infantas de pedra
que espertarán algún día!
¡Pasa, cabaleiro, pasa,
por esta senda perdida!

     Pintaran ventás e portas,
arcos e mais galerías
e un labirinto de rúas,
onde os xenios se perdían.
Don Roldán sobre o cabalo
marcha con galantería;
o cabalo sobre as lousas
o silencio salfería.
Entón, desde as altas torres
chegan en redemuíña
dez abouxadoras voces,
que aterran co que dicían.

     —Somos ouveo de lobo,
unha bruxa destemida,
un vampiro medoñento,
unha meiga adoecida,
un xigante, un dragón,
unha pantasma maldita,
unha banda de ladróns,
unha fraga que intimida,
onde metemos a xente
que pasa por esta vía.

     Moito medo ten Roldán
coa fatal palabrería
e tan só pensa en ladróns,
en meigas, fadas e harpías.
Mais cando dentro da praza
a loitar se dispoñía,
o gume da súa espada
tan só o aire fendía.
Ameazaran as voces
de que nun lume ardería
e o bo conde nun espeto
en talladas xa se vía.

     —¡Ai de min!
                —berra Roldán—
¿Que vai ser das princesiñas?

     Apareceron os xenios
coa súa policromía
e pintaron un carballo
que a don Roldán protexía;
no carballo, dez mil landras
que as dez mil voces prendían.

O cabaleiro da cuncha
por unha porta saía
e os dous xenios cun sorriso
unha landra lle ofrecían.

 



4


Un dragón

 

     Quedaran atrás as voces
e o señor conde Roldán
galopa no seu corcel
con desmesurado afán.
Pasara montes esgrevios,
cruzara terreos chans;
no medio dunha logoa
tres vultos ve realzar.
Todos tres de dura pedra
de porte nobre e lanzal.

     —¡Son as miñas tres infantas
que de lonxe vin buscar!

     Ían repetindo os ecos
con estraño crepitar.

     —¡Miñas princesas fermosas,
con cinto de cordobán,
zapatos de augamariña,
traxe de liño cendal,
cabalgando desde lonxe
véñovos esconxurar;
o Reino de Libredón
debedes recuperar!

     Ían espallando os ecos
as voces de don Roldán,
que estaba diante as princesas
igual que un paxe real.
As tres pedras, impasibles,
non se movían do chan,
e o bo do conde esmorece
ó non dexergar sinal.

     ¡Princesas, miñas princesas!

     —berra e berra don Roldán.
Entón, nos brazos das augas,
que gran remuíño fan,
asoma un enorme monstro
de dimensión colosal.

     ¡Solta as princesas, malvado!

     —exclamara moi triunfal,
desenvaiñando a espada
resplandecente a coral.
Aquel cocón monstruoso
de lombo descomunal,
con bruídos que aterraran
ó máis valente rival,
acércase ó cabaleiro
con mentes de o devorar.

     ¡Cata a miña espada, monstro!
¡Endexamais vencerás!
¡Vas probar, dragón inmundo,
o vigor da miña man!

     Golpes lle dá nos fociños
a tan sinistro gardián,
que ten ferro por pelello
e ten por boca un volcán.
No ferro levanta chispas,
labaredas, no volcán;
con feos dentes de quenlla
atrapara a don Roldán.

     —¡Adeus, conde! ¡Adeus, princesas
de cinto de cordobán!

     —dicían voces en eco
desde escondido lugar.
O monstro enguliulle as pernas,
as coxas e mailo van.

     —¡Adeus, adeus para sempre
ó noso paxe real!

     Tamén lle tragaba o peito
e o pescozo, ¡o moi rufián!

     —¡Non te volveremos ver,
conde bo, nobre e louzán!

     Entón os dentes bateron
na cónchega talismán
e o dragón das augas voltas
desatouse en furacán
e estoupou sobre a lagoa
liberando a don Roldán.

 



5


Un reino

 

     Do chan se levanta o conde
con cara descolorida,
coa coiraza esnaquizada
e a súa espada perdida.
Cando mira para as augas,
son leiras cheas de espigas;
cando mira para as pedras,
son tres lindas raparigas
máis fermosas cás estrelas
recreándose nas rías.

     —¡Libredón, oh Libredón,
patria nosa prometida!

     —¡Gracias che damos, Roldán,
pola túa valentía!

     —¡Lembraremos para sempre
que ti nos deches a vida!

     —Reinaremos as tres xuntas
nesta nación tan querida.
¡Ti serás embaixador
polas Europas floridas!

     Unha mandaba na serra,
a segunda na mariña,
dos vales e mais das chairas
era a terceira raíña.
A da serra viste de uz,
a do mar de camariña,
a dos vales e das chairas
viste o ouro da chorima.
Don Roldán dálle á primeira
a cónchega peregrina,
e dálle á segunda o pano
cos bordados que cativan
E á terceira os dez mil contos
das Dez Voces escondidas
para contar nas cidades
nas aldeas e nas vilas.

E así se acaba esta historia
con trompas e chirimías;
se ti tes outra mellor,
eu con gusto a escoitaría.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega