Samos

 

Escolma.

 

m2rcabanillassamosescolma.html


PAZ



É a man da paz a santa man que enxoita
bágoas do dor en sangue da ferida,
reconforto da alma esmorecida
polos estragos da mundana loita.

É a man da paz a santa man recoita
que acolle a ovella no breñal perdida
e pondo os lobos irtos en fuxida
verte a mel do consolo encol da coita.

Trouxo, ó baixar do ceo, unha roseira
da que fixo ó silenzo xardineiro
coa soedade por guión e freira.

E a chantou, con acerto milagreiro,
na terra máis doada e criandeira:
o recatado craustro do mosteiro.





SOEDADE


A ricaz que garda os puros sentimentos
da interior perfeución, porto seguro
dos que fuxindo do trebón escuro
buscan craror de sol e moles ventos.

Fontela de diviños pensamentos,
forte bastión, impenetrable muro
contra o dardo carnal ardente e impuro
e os tortos, mundanaes chamamentos.

Canle aberta nos célicos verxeles
de fresca, crara e lírica ágoa viva
cantareira de místicos ronseles,

a alma do máis outo amor cautiva
soio na soedade gusta as meles
da vida espritual contemprativa.





SILENZO


Cando o paxaro agáchase no niño,
o vento dorme, o río vai calado
e o esprito voa ó ceo, translevado,
en cobiza de luz e de aloumiño,

ergue o silenzo o cántico diviño:
¡A terra, o mar, o ámbito estrelado,
todo, señor, se move ó teu mandado,
que Ti es comenzo e fin, rumbo e camiño!

Voz sin soído, milagreira fala
que soio escoita o corazón que cala
abrasado en amor de enternidade,

é a espresión das aladas xerarquías
tecida en silandeiras melodías
ante o solio da Eterna Maxestade.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega