Sarabia

 

(Texto íntegro)

 

v1margadovalsarabia.html

                                                                                     Á memoria de Isolina García.


Primeiro chegou un vento que asubiou por entre as tellas, logo xa sarabieira. Salpedrés que traía o vento, que petaba desde o ceo. Sarabia que espertou a nena que dormía na que fora cama do pai. Látego, música acompasada dos pasiños calmos que a levaban a cociña, do restregar os ollos coas mans. A cociña era a avoa a bater aquel ovo con QuinaSantaCatalina ou Sansón que lle daba forza a aquel pao de salgueiro de neta que lle medraba. Rapariga do riso e da lingua pronta. A debullar os soños que a noite lle dera, mentres a avoa ceibaba gargalladas que mexían o perexel na agua daquel vasiño de cereixas pintadas. Os pés espidos e aínda que era abril, por certo, un abril que mudaba as roupas do tempo, todos os días, agora con sarabia, a avoa non lle vía mal ningún. Aqueles peíños espidos enriba do chan de madeira non corrían perigo, a baldosa de cadros brancos e negros, que se metían uns nos outros, ficaba alá, onda os pés da avoa, debaixo do fregadeiro. Logo chegaba Milord e lambialle os pés e ela ría, ría coas cóxegas e a mañá xa era unha festa.
A voz da avoa inesquecíbel: Se vas abaixo, vas atopar unha amiguiña para xogares hoxe.
A rapariga non lle pide que lle deixe lavar a louza, que lle gusta, con xabón, e botarlle area á cociña. Gústalle lavar os vasos e as cuncas do leite, máis os vasos, co brillo que collen, escorregándolle a auga, sen lle ficaren lágrimas. Ela xa está abaixo dun pulo, o avó chanfunica na moa do muíño, a ela non se lle perde nada á súa beira. Nin o vai ver. Sente os pasos lixeiros da avoa, que lle di, que vaia alí... Na bañeira. A bañeira é unha cousa rara de máis. Non hai cuarto de baño e hai esa bañeira grandísima, alá de contra a parede, lonxe daquel caghatan, o buraco no chan que dá á corte onde está tamén o burro. Hoxe a bañeira é se cadra máis rara. Hai unha becha. Esa é a amiguiña.
Xa lle pon un nome. A avoa ri, mais non lle gusta, sabe que animal con nome non é de comer.
A becha que a engaiola detena o día enteiro onda ela, alí sentada, de xionllos no chan. A becha vai dunha banda a outra, dun lado a outro, dunha beira a outra da bañeira. A becha chámase Sarabia, para a nena chegou co vento, a avoa díxolle que por entre as tellas, coa sarabieira.
Sarabia sempre lle vai parecer a becha máis longa e máis gorda do mundo. Sarabia gánalle, ten máis buracos ca ela na cabeza. Ela ten sete, pero Sarabia xa ten ela soa sete en ringleira. Sarabia é ben rara e ben fea e é de aí de onde lle vai vir a súa bonitura. A avoa ensínalle como vai trocando de cor, é verde, logo marrón, agora gris. A avoa dille que se quere agachar para que non a vexan. Logo ensínalle como ten mocos e babas. A nena xa sabe que Sarabia é unha becha de marabilla. Ten dou olliños, e un só buraco no nariz, e logo ten un terceiro ollo amarelo. A boca é cousa do outro mundo, bótase ás paredes e chúpaas, é como o desatascador das tubarías que ten a nai e mete, ás veces, no buraco por onde sae a agua da billa da cociña. A avoa dille que é unha ventosa. Sarabia é unha chupona que é capaz de arrombar as pedras do fondo dos ríos e os tesouros que hai nos mares. Teno chupado para levar os tesouros dos piratas que caeron no mar. E logo eses outros sete buraquiños en ringleira, son para fuxir máis axiña, para lle entrar un impulso máis grande, para botar o fume da velocidade, o fume da calor, o fume da carraxe que tamén hai no fondo do mar. Iso son cousas que lle está a dicir a avoa que xa ten que marchar, botarlle ás galiñas, tamén ás de Guinea e aos perús, que lle dan medo á nena cando abren esa coroa que teñen detrás e cando aínda esa barba sen pelo se lle pon máis encarnada. As ocas peliscáronlle no cuciño.
Ela queda alí a mirar as viaxes de ida e volta de Sarabia. E chega o avó un pouco enfurruñado porque se esqueceu del, deixouno de lado. E ela fálalle dos tesouros e das moedas de ouro que Sarabia xunta no fondo do mar, dos sete buraquiños por onde lle saen os remos para apurar e remar a cen por hora ou moito máis. O avó ri e acariña a cabeza da nena que está cos pés espidos sentada no chan cun camisón máis grande ca ela, de liño, longo como os días de maio. E o avó que lle fixera unha fonte pequeniña para poñer no peitoril da fiestra e que era un chafariz a botar auga, cóntalle que Sarabia chegou pola mañá que escorregou por entre as tellas, chegou coa sarabieira e foi dar alí á bañeira chea de agua. A nena dille que lle conte outra cousa que iso xa llo dixo a avoa. O avó dille que Sarabia ten medo da luz e bótalle unha raxada da luz de pila e Sarabia móvese coma unha tola. Ela é do fondo do mar e ten medo da luz e aínda que chegou polo aire iso foi porque lle deu por trocar os remos por élices para voar. Como o cabaliño do demo que pillaran despois de andaren a correr atrás del onte, toda a tarde.
A Avoa chama para comer. Iso faise axiña, non hai vagar, o malo é ter que botar unha sonata. Ela vai para o cuarto de folga, o da tía, por alí é máis doado choutar pola fiestra. Iso faise axiña.
Sarabia está quietiña ata que ela chega, entón comeza as viaxes, dunha beira a outra. A nena quere collela, pousarlle a man para ver como é. Ela non se deixa. A nena métese dentro da bañeira e a pel de Sarabia tócalle e é un lóstrego de electricidade que se lle meteu por non sabe que enchufe. Ceiba un berro. E o avó chega a correr polas escaleiras. Coa nena no colo ri, ri sen poder parar e a nena abraiada das gargalladas do avó deixa de chorar.
E así vai chegar a hora da merenda e hoxe non vai ir para casa do curmán, hoxe ten abondo con xogar con Sarabia e ollala, agora de lonxe, sen se lle achegar nin un dedo.
A avoa traille o bocadillo de queixo e marmelo e dille que lle veña axudar a tender a roupa, ela sabe que iso de tender a roupa é darlle as pinzas. E logo virá dobrar a outra e escoitar aquilo do embozo ancho sempre para fóra. Non quere perder moito tempo e dille a todo que si. É mellor. Total para que lle vai levar a contraria.
Ela sabe que Sarabia agarda e que a sente, alí onda ela, entón Sarabia é xa un ser marabilloso que vai escoitar a historia do neno que lle deixou nunha lata de ananás un peixiño do río, alí no lavadouro de pedra. A tía escachou coa risa e a ela non lle gustou nada. Ela deixoulle para o neno un caracol no sitio, fóra da agua, pero se o neno non viña rápido, o caracol alá volo ía el, de tan lixeiro como andaba. Ela levou o peixiño para casa e botouno no regato que lle pasaba por debaixo, que ía para o muíño. A nena pola noite sentía gurgullar o peixiño na agua, que andaba dun lado para outro, ela poñía a orella na almofada e o peixe choutaba e ría como os ollos do neno do pantalón de peto que lle deixara a Delfín, o peixe, no río. Delfín lambera os restos de ananás da lata e Sarabia semellaba entender de sabores de froitas que caían dos barcos ao mar.
A noite foi pousándoselle nos ollos e as pálpebras pesábanlle, caeu de bruces enriba da mesa sen rematar o tazón de colacao.
Na cama que fora do pai era agora unha pirata que percorría sete mares, sete coma buracos na cabeza, sete como os buracos de Sarabia que a levaba no seu lombo e xuntas arrombaban felices o fondo do mar. Partillaban galanos para toda a familia que chegaría para a festa de San Telmo. Galanos de cores, de cristal ben lavado, sen lágrimas. Petos grandísimos cheos de roupas preciosas máis raras cas do baúl da nai de Venezuela. E varrían o mar cando as luras, malcriadas, lle botataban a súa tinta. E andou entre cabaliños, entre estrelas, peixes de cores que saían das latas de ananás máis grandes do mundo, para xogaren o neno do pantalón de peto, Delfín, Sarabia e mais ela. No mar alá ao lonxe estaba o río e Sarabia ensinoulle moreas e moreas de pedra que ela arrombara. Os remos de Sarabia saían e ían máis rápido. Logo deberon de voar, con élices, ela caeu enriba da cama, debeu ser por entre as tellas. Raiolas de sol dábanlle na cara. Con pasos calmos e coa música da avoa batendo o ovo con QuinaSantaCatalina ou Sansón foi dar cos seus pés espidos á cociña. Bebeu dun grolo aquel xarope e, sen lle dar tempo á avoa, dun pulo, chegou onda bañeira. Nada, alí non había nada.
O avó chegou para dicirlle que Sarabia así como viñera polo aire, marchou polo buraco da bañeira, por onde a nai metía aquel desatascador, ás veces. Sarabia marchara onda Delfín e baixara polo rego do muíño e alí chiscoulle o ollo terceiro, o amarelo, ao avó que levaba un saco de millo ao lombo.
A avoa que chegara á porta dicía a todo que si coa cabeza, que seica era como tamén dicían os burros.
Logo chegaron os pais, o irmán, os tíos e o curmán para a hora de xantar. A nena non probou bocado. Sabe que animal con nome non é de comer.
Hoxe a nena por marzo, mellor que por abril, vai na procura dun sabor especial para soñar, para andar con sete buracos e ser pirata partillando galanos. Sabe que lamprea cucada, lamprea mermada. Sabe que en marzo para o amo e en abril para o criado. Hoxe ela come, feita no seu sangue, lamprea para soñar.


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega