Salitre

 

[1º Acto. 1ª Escena e fragmento da 2ª Escena]

 

v2rivadullacorconsalitre.html


1ª ESCENA
(Casa de Marina)


    (No centro da casa unha maleta aberta e baleira, ao seu lado varias pezas de roupa, un abrigo e unha botella que conten auga de mar.
     Sopra o vento. Unha música que evoca o son do mar e do vento envolve todo o espazo escénico.
     No lado dereito da escena Manuel, duns corenta anos, sentado nunha nasa fronte a un fato de redes. Tras el de pé Marina, duns vinte anos . Os dos permanecen inmóbiles.
     Despois duns segundos comeza a escoitarse unha canción. Marina diríxese á maleta e con recollemento e sentimento garda nela a roupa. Colle a botella obsérvaa e aperta contra o seu corpo con gran sentimento e logo gárdaa, tamén, na maleta. Ponse o abrigo, parece ter frío, pecha a maleta e con ela sae da escena, despois de deterse un segundo e dubidar.)



     CANCIÓN:

En cada corazón hai un mar,
para mollarnos de versos,
de misterios, de segredos,
unha invitación a navegar.


Eu quero compartir o meu mar,
entregarche os meus versos,
os misterios, os segredos,
unha invitación para amar.

Dous mares mesturados a concibir
unha vida que nace húmida
recendendo a salitre.
Unha invitación para vivir.

Móllame sempre co teu mar,
móllame sempre co teu mar,
móllame sempre co teu mar...




2ª ESCENA
(Peirao dun porto pesqueiro)


     (Xa non sopra o vento. Manuel sae da súa inmobilidade, de detrás da nasa na que está sentado colle un vello libro, ábreo e ponse a ler o poema SÓS de Manuel Antonio.)

     MANUEL: (Cando remata a lectura do poema, co pensamento noutro lugar) Móllame sempre co teu mar, Marina.

     (Manuel cunha agulla comeza a coser na rede.
     En escena entra unha gaivota, representada por unha actriz cunha máscara. Busca pola escena as espiñas dos peixes para comer e logo pousa preto de Manuel observándoo.)


     MANUEL: (Á gaivota) ¿De onde ves hoxe gaivota? ¿En que acantilado durmiches?

     (A gaivota permanece en silencio.)

     MANUEL: Soñei na noite con Marina. Había meses que non soñaba con ela. Sempre ven aos meus soños a noite anterior a recibir carta súa, xa vai ser o meu aniversario, e estou contento, celebrareino no mar. A partir de mañá xa podemos volver ao mar.

     (Manuel dun peto saca un sobre pechado e ensínallo á gaivota.)

     MANUEL: Un soño e unha carta ao ano, é todo o que teño de Marina. Sempre tardo varios días en abrila, é tanta a ilusión de recibila que paso días observándoa, esperando que dentro me diga que vai volver, e cando ao fin a abro descubro que non volve. Logo escríbolle eu para contestarlle, disimulando a tristeza.

 
    (Manuel garda a carta no peto. A gaivota levanta e revoa pola escena. Axexa os aparellos. Busca de novo as espiñas dos peixes.)

     MANUEL: ¿Xa te queres ir? ¿Non che gusta o que che falo? ¡Claro, como non teño peixe para darche! Pasado mañá xa poderemos compartir o peixe.

     (A gaivota parece descubrir algo e asústase, chora desconsolada. Ao seu choro únese o chío de moitas mais gaivotas. Manuel deixa o seu traballo para ir xunto a ela.)

     MANUEL: ¿Que tes gaivota? ¿Que te pon triste?

     (Manuel asomase a cara mestra do peirao e descubre que o mar desapareceu.)

     GAIVOTA: (Entre choros ao público) Desapareceu o mar.

     (Manuel segue observando o leito do mar baleiro. Está desconcertado sen saber que dicir, ata que por fin consegue reaccionar.)

     MANUEL: (Diríxese ao publico.) Non hai mar sobre a terra, desapareceu. Despois da praia segue a praia, o deserto...
     Vaian á costa, ás praias, aos coídos, vaian a comprobalo e díganme se pasa en todas as costas...
     ¿E agora? ¿Que imos facer? Sen mar, sen mar, sen mar...
     ¿Que será de nós? que somos máis peixes que homes. Se fora ao revés, se o mar se apoderara da terra pode que fóramos máis felices. Pero foi a terra quen se apoderou do mar. ¿Que imos facer gaivota?


     (Manuel sae como perdido da escena.
     A gaivota busca o mar pola escena pero non o encontra.)


     GAIVOTA: (Berrando) Mar... mar... mar... mar...

     (A gaivota mira ao público buscando coa mirada o mar entre eles.)

     GAIVOTA: (Berrando) Mar... mar... mar... mar...

    (A gaivota desmaiase e queda como morta sobre a pedra do peirao.
     Escoitamos a música dun acordeón.)


[...]

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega