Salvador Antonio Rodríguez Fraiz, o crego que foi cronista

 

(Texto íntegro)

 

v3franciscorozadoscregoqfoicronista.html

     0 pasado ano o Concello de Forcarei, a proposta da Fundación Castelao, dedicou unha homenaxe e unha rúa do pobo a Don Antonio Rodríguez Fraiz, coñecido no mundo da cultura galega coma "O Crego de Campañó". Como non todo o mundo coñece a labor de investigación histórica que desde mediados de século desempeñou, non estará demais tratar de divulgar, nun pequeño percorrido, aquela que máis relación garda coa nosa terra. Este home de letras, ordenado sacerdote en plena guerra civil, foi membro do Instituto Padre Sarmiento (sección de Xeografía e Historia); cofundador do Museo do Pobo Galego e do seu Patronato; membro do Pedrón de Ouro; membro asismesmo, da Comisión Diocesana de Arte da Arquidiócese de Santiago e Cronista Oficial da Terra de Montes, faceta esta última que desenvolveremos nestas páxinas. O primeiro contacto da súa obra de investigación histórica con Forcarei e coa Terra de Montes é unha separata da revista COMPOSTELLANUM titulada TIERRA DE MONTES - TORRE FORTALEZA DO CASTRO Y JUECESMERINOS, que Ile valeu, no ano 1.971 un premio do Instituto de Estudios Jacobeos de Santiago, e na que de xeito minucioso percorre a historia da torre fortaleza do castro erguida por Xelmírez e derrubada pola revolta irmandiña no derradeiro tercio do século XV, así coma a serie de 55 xuíces-meriños que se sucederon ata a fin das xurisdiccións especiais, deixando constancia dos feitos máis relevantes que ocorreron en cada un dos períodos de mandato destes delegados da mitra e da coroa en Terra de Montes.
     Sen dúbida a obra clave da súa investigación polo que atinxe á Terra de Montes é EL MONASTERIO DE ACIBEIRO, empresa de traballosa investigación sobre a historia do cardinal monumento e fito histórico-artístico da nosa comarca, unha obra que viu a luz no ano 1.973, coeditada polo Museo de Pontevedra e maila asociación "Amigos del Monasterio de Acibeiro y Tierra de Montes", e na que se nos conta, con abundante documentación de apoio, a propia historia do mosteiro de Acibeiro e as pegadas da súa trascendental influencia en Terra de Montes. Está prolixamente arroupada con fotos de Sinsán, Manuel Barreiro, Virxilio Viéitez e do propio autor, e ilustracións de Castelao, Agustín Portela, Luís Darriba, Rosales Ardá e Rafael Iglesias. Trata na obra tódolos eidos que tiveron relación co cenobio, desde a economía á literatura, pasando pola historia cotiá e pola sucesión de abades que estiveron á súa fronte, sen deixar recanto por escudriñar na percura de datos que nos debuxen unha clara idea do que o mosteiro de Santa María a Real de Acibeiro significou desde a súa fundación no ano 1.135 ata o ano 1.835, no que foron abolidas as xurisdiccións especiais. Supón, polo tanto, unha obra de investigación de capital relevancia para indagar na identidade da nosa bisbarra e mesmo na da Galicia da Idade Media e Moderna.
     Outro bo exemplo do quefacer de cronista de Rodríguez Fraiz é unha pequena lembranza do artista presqueirense Virxilio Blanco Garrido, dedicada a glosar a homenaxe que unha serie de artistas, poetas, xornalistas e amigos consagrou ó pintor o día 21 de xuño de 1.975, no 27° cabodano do seu falecemento. Nesta homenaxe e na plasmación que dela fai Rodríguez Fraiz queda patente a fonda admiración que o noso artista causaba en homes coma Colmeiro, Laxeiro, Pesqueira, Maside, M. Torres e Agustín Portela, colaborando estes con fermosos e orixinais debuxos que contribúen a dar a esta lembranza unha suxestiva presentación e unha profunda riqueza de sentimentos.
     Proseguindo cronolóxicamente a obra consagrada á Terra de Montes, realizaría no nadal de 1.982 quizais a obra que mellor reflicte o afecto que sentía pola comarca e polas súas xentes o noso cronista: unha exhaustiva guía dos CANTEIROS E ARTISTAS DE TERRA DE MONTES E RIBEIRAS DO LÉREZ. Fálanos aquí de personaxes representativos dunhas épocas nas que os oficios artesanais e artísticos eran a herdanza máis patente do que representou ó longo de setecentos anos o mosteiro de Acibeiro. Son salientables Xosé Barreiro, cereiro e borreiro que chegou a te-lo mellor obradoiro de cera de Terra de Montes, no século XVIII; Xosé Barreiro Gómez, o pintor de Loureiro, un dos máis cotizados na actualidade de toda a arte galega contemporánea, que o pasado ano realizou a portada desta revista; Manuel Barreiro Ouro, outro dos colaboradores de COTAREDO no pasado ano, fotógrafo, reloxeiro, canteiro e músico; o propio Virxilio Garrido, do que falamos na súa lembranza; o canteiro Xosé Bugallo, que no século XVIII foi mestre nas obras da igrexa de Quintanilla de Somoza (Astorga); os gaiteiros de Soutelo, sobre todo Avelino Cachafeiro, de quen celebramos o Centenario do nacemento, pero tamén Fermín, Castor e Bautista Cachafeiro, e mesmo o avó de Avelino, Xoán, quen deixou xa mostras da súa arte musical no primeiro tercio do século XIX; Diego de Cana, de Pardesoa, o primeiro gaiteiro do que temos noticia na Terra de Montes (nado no primeiro tercio do século XVI); Xosé Couceiro Banco, canteiro presqueirense que morreu traballando nunhas obras de restauración da catedral de León cando só contaba con 24 anos; Manuel Doval Cadavid, escultor de Millerada autor da bela imaxe do corazón de María que se pode ver no cemiterio da igrexa parroquial; Xoán de la Fuente, canteiro acibeirense que no século XVI traballou na feitura do claustro das Procesións do mosteiro; Pedro Gutiérrez, mestre asentador de Castrelo que traballou na construcción do actual templo de Forcarei; Alfredo Iglesias Álvarez, mestre de cantería, presidente da "Sociedad Agraria y Ganadera de Forcarei" e loitador social; Miguel de Romay Alonso e Alfonsín, escultor de Dúas Igrexas (segundo Bouza Brey era fillo do abade don Antonio Pereira de Romay e Xunqueiras) que realizou o retablo que podemos admirar no templo do mosteiro de Acibeiro; Caitán Soto, mestre de escultura e cantería de Berrozo (Millerada), autor do cruceiro do Pazo de Hermosende, na mesma parroquia; Simón Taboada Troitiño, mestre de arquitectura nado na Madalena a mediados do século XVII, que traballou na catedral de Tui ou Manuel Villaverde, compositor nado en Acibeiro a principios deste século, fundador e director dunha das mellores orquestras bonaerenses, a "Atlantia Jazz Band", e autor dun pasodoble titulado "Viva Forcarei", ó que puxo letra o poeta Benito Veloso.
     A derradeira obra dedicada á Terra de Montes, AS PONTES DO LÉREZ, editada pola Xunta de Galicia, foi escrita por Antonio Rodríguez Fraiz no ano 1.987, profusa e fermosamente ilustrada polo artista Agustín Portela Paz. Nela os autores plasman o itinerario que, nacendo co río Lérez, van formando as pontiñas, pontellas, pontillóns e pontes que as mans dos canteiros foron trazando no curso do río, desde a Pontiña Vella da Noveliza, preto do nacemento e do cume do Candán, ata a Ponte da Barca, en Pontevedra, nun traxecto de 40 pontes, das cales 23 atópanse no concello de Forcarei. É un traballo de homenaxe ó río Lérez, ás súas pontes, ó folclore que existe en torno a elas, e tamén ós canteiros que as encetaron, e del saiu o actual SENDEIRO DAS PONTES DO LÉREZ, que se extende desde Pedre, no veciño concello de Cerdedo, ata o nacemento do Lérez, na serra do Candán, e que é percorrido cada vez por máis xente. Proximamente será reseñado no semanario cultural do xornal EL PAÍS, feito que lle dará, sen dúbida, máis proxección e que atraerá novos sendeiristas ó río dos mil nomes, como denominaba Frai Martín Sarmiento ó noso Lérez. Toda esta é parte da labor investigadora do que fora cronista de Terra de Montes, labor que se extende tamén a outros fitos de fóra da bisbarra, e que, conxuntamente coa que rematamos de reseñar, valeulle ser recoñecido numerosas veces no mundo da cultura galega. Por todo elo, consideramos merecida a homenaxe que daba orixe a esta pequena análise da súa obra en Terra de Montes.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega