Sedimentos

 

[Escolma]

 

Sedimentos

Un perfil a penas presentido
de estraña e lenta nave
que non damos mandado
e que nos leva
desde o líquido fondal
primixenio da especie,
fainos discursar
pola sombra arrandeante da Terra,
polo rego escuro
onde aboia a fluorescencia
dos ósos e dos cantos.

O que non é mar é muro cego
e aleive por suxeitar os cabos
doutros ollos perante o permitido.
Lonxe dos ollos e presos da fixeza:
o mar, o canto, os ósos,...










Moucamante caído no outono destes mares
sinto as horas triparme no que foran carreiros
de seiva levantada desde as luces da boca
engados do desexo.

As horas obrigadas son quen deitan
no meu envés a sombra do teu pozo
morada innumerábel onde a espera asenta
agromando como póla de alivio
nun repentino sol de certidume
onde son as feridas da distancia.

Moucamente caído son levado
polas horas salgadas
destas aguas sen límite
onde ninguén habita
puro paso até o corpo que chama
polas miñas cicatrices
para oficiar a misa meticulosa
en cuspes onde salvar os restos.










Dorna senlleira sobre rizado espello
agardando a tropa de gamelas;
soño arriscado no gume das idades
o que non gasta cacheando nos choros a virtude
e non ha vir por portas anunciado,
senón co vento que engorda o noso alento
e a sede que queremos.
Soño de amigas luces que enferruxan
as iras dos grillóns,
amecida de sangues na memoria
contra as mañas do tempo,
conforme os vellos oficios da protesta:
os de xuntar desacougos e dores.

Andemos o camiño que suscita mocidade
e refresca pausa nos ollos dos correos,
vaiamos formar contas do inventario
por revirar o agasallo da ignorancia.
Todo iso, non for amoedado o metal propio,
para tomar o vento que nos cómpre
por chegarmos ás fontes onde os pulsos
concordes son minxidos,
acheguemos o brinco de sol ou tinto mesto que está a nos espir.

Coa bile da protesta á espera
no cristal novo da esperanza
digamos a nosa vella novidade sen termo.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega