Sentimentos

 

[Texto íntegro]

 

v2conchablancobianca.html
Non sempre teño historias para contar, pero si estou prendida a sentimentos que forman parte de min. Sentimentos sen forma e con ela. Semellantes e opostos. Pracenteiros e que doen. Ao fin ao cabo, sentimentos.
Erguinme cedo sen saber moi ben por qué. Non abrira o día. O silencio da noite, entre fusco e lusco do amencer, invítame ao saudable exercicio de ollarse por dentro, non sempre posible.
É sábado. Non abre a oficina na que teño o meu posto de traballo. Que estúpida saír de entre as sabas que mantiñan o meu corpo morno! Non. Fágoo porque quero palpar a LIBERDADE. Como! Digo liberdade, idea abstracta, algo non tanxible, daquela... o de palpar... é pura quimera.
Deambulo pola vila de rúas baleiras. Só me acompañan as volutas bretemosas do meu alento en contacto co aire frío do ambiente que xiran en espiral durante curtos segundos para desapareceren. Así unha, e outra, e outra. As miñas pisadas non chegan a romper o silencio dos sartegos. Xa estou no cemiterio.
É o misterio quen me invade, non o medo. Percorro as lápidas. Leo en silencio os nomes e as datas de quen xa pasou, ora ás présas, ora de vagar, polo parque de atraccións, que é a vida. Algunhas teñen epitafios. Tamén hai retratos.
Coñecín moi ben a algúns dos que aquí repousan. Entre todos eles está Sabela, miña irmá xemelga. Desde o día que a deitaron neste camposanto, hai disto catro meses, noto que me amputaron unha parte do meu corpo. E agora eu, entalada de frío, mentres debuxo o seu nome no resío que cobre o mármore que precinta o oco que a agocha na terra podo vela sorrir, sentir os seus aloumiños e escoitar a súa voz manseliña dicíndome: Non chores, nena. Volve a casa.
O abrente dálle paso ao día. Seco cos dedos as bágoas de saudade para retornar ao fogar e mentres camiño penso Que sós estamos os vivos!

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega