Secretos do mar prendidos tras dos ollos

 

 

v3xavierqueiposecretosdomar.html

I


Os Puntos Cardinais

     Para a meirande parte de nós todos, educados timidamente como animais terrestres, os puntos cardinais son claramente catro, a saber, o Norte e o Sur, como puntos fixos nas estremas do eixe da Terra, e o Leste e o Oeste, segundo se dirixa a ollada cara ao sol nacente ou ao solpor, nun planeta rutineiro que sempre xira no mesmo sentido.
     Para os epicúreos de novo selo (permítanme que me incluía tamén nesta categoría, aínda que só por estacións), os puntos cardinais son, coa mesma certeza, cinco. A saber, a vista, que permite contemplar as marabillas da natureza (seres humanos incluídos, de todas as cores posíbeis); o gusto, co que ben podemos apreciar sabores exóticos e cotiáns; o olfacto, tan sutil no seu refinamento malia que case atrofiado pola mestura de gases queimados que respiramos a cotío, o oído, revelador de sinais de axuda e de chamada, de músicas en todos os tons imaxinábeis e berros de desacougo ou de ledicia, de celebración ou de rexeitamento; e finalmente o tacto, o sentido máis nostálxico, que alivia os momentos de cegueira íntima.
     Para os seres mariños (dos que quixera ser parte nun futuro, ou dos que se cadra sinto a chamada dos antepasados pulmonados), nados nas rías ou habitantes do océano mundo, os puntos cardinais son certamente seis, pois aos catro xa referidos para os animais terrestres, engádese un terceiro eixe de referencia que vai dos fondos abisais onde habitan os peixes lanterna á superficie dos océanos, onde aboia placidamente o plancto.
     Finalmente, para os navegantes (entre os que por tal me teño polos periplos pasados e futuros, verdadeiros ou falsos sexan eles), sete son os puntos de referencia, pois sete son os mares que sucar habemos para circunnavegar o mundo. Os que din océanos non admiten discusión: o Ártico das auroras boreais, o Antártico dos pingüíns e o continente xeado; o Atlántico, que din agocha, no seu seo de simas e de cristas, múltiples cidades somerxidas; o Pacífico, onde Magalláns deixou de ser cunha lanza atravesándolle o peito, e finalmente o Índico, que sucaran os Waqwaq fuxindo da miseria ate chegar ás costas de África. Dos outros dous mares, que farían o total de sete, coido que o Mediterráneo é con seguridade un deles, polos mitos e lendas que nel se alimentan. O outro, se me permiten a manifestación de ignorancia, nunca souben se sería o Mar Negro, que ten na encrucillada cultural de Constantinopla a súa saída natural, o Báltico, que se pode camiñar nos invernos máis fríos, o Mar da China, inzado de xuncos e sampáns ou ven o Mar Vermello, onde entre fondos de coral, contan que Moisés abriu as augas coa axuda dun caxato. Permítanme que por lei ao meu señor Don Álvaro Cunqueiro, sexa fiel ás ondas do Mar Vermello, nas que o vello Sinbad navegou ou fabulou que navegaba na procura da Illa das Cotovías.
     Como poden imaxinar polo antedito teño a inmensa sorte de que as miñas coordenadas varíen segundo a percepción do día. Así podo ter días desnorteados e días abisais, aboiar na superficie fluída ou desexar o sur como referente exótico, soñar cos ollos postos no sol nacente ou sentir o tacto agradábel da brisa chegada do poñente, escoitar a música das ondas do Mar de Vigo ou sentir a chamada das baleas do Pacífico, que un día me achegara prendida das ondas da escrita de Conrad ou Coloane.
     Convídolles de corazón a que muden de coordenadas e sexan libres, e abertos a gustos e expresións diversas. Velaquí a celebración dos cinco sentidos cardinais e dos tres eixes que delimitan formas e deseñan un espacio de liberdade. Velaquí a miña contribución, estas sete notas sobre os sete mares, que espero que lles gusten de vez e lles abran as portas da percepción. Para que sexan felices. Para que sexan libres. Para que celebren como ben propio a liberdade dos outros. Para que sexan bos e xenerosos.

II. Ártico


Os Golfiños Intelixentes das Latitudes Boreais

     Hai milleiros de anos, o xeo avanzou do Polo Norte na dirección do Ecuador cubrindo chairas e montañas, xeando mares enteiros e lagoas, progresando inexorábel nunha vertixe de frío e desolación.
     No tempo da procura das pasaxes á India polo norte, cando os holandeses estableceran a súa primeira factoría baleeira nas illas de Spitzbergen, hai noticias escritas nos cadernos de bitácora de Cornelius Rijsp e de Wilhem Barents dunha especie de sereas dos mares árticos, de pelello abundante e nadar fácil, de linguaxe de asubíos e hábitos anfibios.
     O Barón Carl Von Hagman, que so tivo noticias das tales sereas polas referencias apuntadas e que nunca puido observar un exemplar, decidiu bautizalas, xa ben entrado o século XIX, como Sirenus cianeus, Von Hagman 1824, nome que conservou en todas as referencias posteriores.
     Non é sen embargo ate ben entrado o ano 2002 no que aparece a primeira referencia científica precisa, que describe o holotipo dunha nova especie para o mundo, o Delphinus charramangueirus (Queipirinha & Castinheiras, 2002). O exemplar descrito polo miúdo foi atopado nuns depósitos de ámbar no Mar Báltico, polo mariñeiro portugués Joaquim Castinheiras de Figueiredo Torres, natural da vila algarvía de Cabanas de Tavira e residente, cando en terra, na cidade brasileira de São Salvador da Baía.
     O traballo científico está asinado polo profesor de Paleoantropoloxía da Facultade de Ciencias da Baía, Doutor Carlos Queipirinha de Todos os Santos Goraz, sabio heterodoxo que recibira o exemplar en ámbar de mans de Joaquim Castinheiras.
     A descrición que do tal Delphinus charramangueirus, fai no seu traballo o Profesor Queipirinha é como segue:
     "Corpo alongado e lanzal, con máis aspecto de fuso que de bocoi. Cuberto de pelo en toda a súa superficie agás nos cabos das extremidades, que son lampas. O pelo varía de cor segundo a rexión do corpo, sendo azulado nunha crista que lle percorre dende a fronte ata onde o espiñazo se transforma nunha cauda poderosa, vermello con riscas escuras no ventre e branco nos costados e nos cabos da causa e das extremidades. Os ollos son laterais e simétricos, a ambos lados dun fociño alongado un octavo da lonxitude estándar. As femias presentan oito mamas distribuídas en dúas liñas mamilares que van dende o sobrazo ata as virillas. Os machos, pola súa banda, teñen so dous amorodos atrofiados e un membro viril que pode chegar medir, en repouso, 1/6 da lonxitude total do corpo. Hai unha crista que percorre o dorso dende a fronte ata a cauda, sendo máis alta no seu inicio e descendendo logo ata se reducir a unha altura que corresponde a 1/36 da lonxitude estándar. No cabo das extremidades ten mans e pés prénsiles que fan pensar nun grado avanzado de intelixencia, superior á dos primates e próxima a dos homínidos, nos que coincide en capacidade cranial e, curiosamente para un golfiño, capacidade de bipedestación e mesmo de marcha, como se pode colixir das durezas que presenta no que correspondería ás plantas dos pés. Ten dentes ben desenvolvidos nunha fileira única, recubertos de dentina e sen maiores especializacións o que falaría do seu carácter omnívoro confirmado na análise do contido estomacal, que revelou a presencia dunha especie de argazos, restos machucados de peixe fumador (tamén chamado lumpo), e unha papa amarela, que ben podería corresponder a un tipo de anémona moi frecuente no Mar Báltico, e máis precisamente no Golfo de Botnia. So recentemente foi anotada a súa existencia (aínda por confirmar) por observadores científicos a bordo de navíos que faenan nos Mares de Irminger e Barents, nos límites do Océano Ártico, onde se sospeita dende hai tempo a súa persistencia."

III. Antártico


As Moscas Das Illas Kerguelen

     Se non lembran onde están as illas Kerguelen nin se inmuten. Moitos dos adolescentes que recen estudiaron xeografía non teñen nin a máis mínima idea de onde as situar. Os seus profesores tampouco, e é que isto da xeografía non se leva, e o dos atlas menos. Agora lévase navegar nun mar sen ondas nin escumas para chegar a estar máis so que un urso en período de hibernación diante dunha pantalla de ordenador (ecrán, teño escrito, de puro afrancesado, pero os correctores de estilo sempre o cambian, mesmo que o portugués —a lingua irmá—- o exprese do mesmo xeito). Mesmo os intelectuais, (parlamentarios incluídos, aínda que incluír aos parlamentarios nos intelectuais e viceversa sexa cada día máis unha manobra de confusión —son líquidos inmiscibles—) que fachendean de saber os secretos de por onde faenan os nosos barcos de pesca non as saberían situar correctamente. Dirixan, pois, a súa atención a un bo atlas de xeografía universal. Procuren o Hemisferio sur. Achéguense a esa terra de ninguén entre os continentes e a Antártida. Busquen as máis coñecidas illas Sandwich do Sur ou o arquipélago de Crozet. Xa logo, darán coas illas Kerguelen, onde mariñeiros galegos embarcados en navíos de bandeira de conveniencia (i) erguen do mar un peixe, que científicos e lexisladores chaman Dissostichius, que algúns din bacallao de profundidade (nada que ver co bacallao, nin a nivel de especie (ii), nin de xénero, nin tan sequera de familia) e que sería bo denominar robalo de fondo, para nos entender e ser un pouco coherentes coa sistemática.
     Este introito algo longo e confuso (intencionadamente, un ten dereito a seleccionar aos seus lectores nunha propiedade recíproca da escolla ¿ou é que se os lectores teñen dereito a escoller a este ou aquel outro escritor, os escritores estamos privados de dereitos?) é para situalos no espacio onde acontece o que lles vou contar. O tempo é agora mesmo, aínda que a historia comezase hai miles de anos. O espacio xa o referín, por se a estas alturas xa se perderon, no Hemisferio Sur.
     É o caso que nas illas Kerguelen as moscas non teñen ás. Como o len: non teñen ás, contradicindo a idea que de moscas temos. O caso refíreo Irenäus Eibl-Eibesfeldt, un etólogo recoñecido que escribe na súa obra "Liebe und Hass- zur Naturgeschichte Elementarer Verhaltensweisen"
(iii) : "Nas illas Kerguelen, onde continuamente ruxe o furacán, hai moscas e bolboretas impedidas de voar, que deberon nacer en virtude de esa lei; en troques non hai insectos aptos para o voo, porque o vendaval os leva facilmente. Naquelas condicións totalmente insólitas, os que non poden voar resultan mellor "adaptados". É dicir, as mutacións que produzan animais ápteros terán un valor selectivo de tipo positivo."
     A lei á que se refire Eibl-Eibesfeldt é aquela pola que nas poboacións animais se producen variacións (mutacións) do código xenético. Estas mutacións constitúen experimentos con novas variacións hereditarias, que entran en competencia cos carácteres máis comúns. En determinadas circunstancias extremas (como a do temporal case permanente nas illas Kerguelen) os mutantes vénse favorecidos ao se adaptar mellor ao medio. Moscas inaptas para o voo nas Kerguelen serían, por exemplo, Amalopteryx marítima e Calcopteryx moseleyi
(iv), de entre 2.5 e 5.3 mm de longo e posuidoras dunhas ás vestixiais que só lle servirían de balancíns.
     Este exemplo ilustra o valor das diferencias e dos diferentes, das adaptacións a medios hostís e o pouco valor que teñen as xeneralizacións. Unha mosca segue sendo unha mosca, aínda que non teña ás, e unha bolboreta pode ser unha bolboreta sen ser por iso tesouro devecido para un coleccionista compulsivo (continúo na procura de exemplos onde unha rosa non sexa unha rosa, pero teño pouca bibliografía sobre botánica e obviedades).
     O exemplo ilustra tamén outras posíbeis reflexións como a do prexuízo nas denominacións e as nosas ideas preconcibidas ¿Existen as ideas preconcibidas e todo o saber non é senón memoria, como dicían os clásicos? ¿Que raio é un clásico? ¿Como lle explicar a un cativo que existen moscas sen ás? ¿Non se mofarán del os seus compañeiros de clase, e mesmo o profesor autómata, que repite e non innova, que transmite certezas e non capacidade de explorar o coñecemento? ¿Se hai moscas sen ás, haberá tamén peixes sen barbatanas? ¿E réptiles que non se arrastran? ¿E anfibios que non toleran vivir fóra da auga? Con toda seguridade si, pois para celebración dos naturalistas, o mundo esta inzado de excepcións.

IV. Océano Pacífico.


Noticia dos atois extraída dun texto de Robert Louis Stevenson(v)

     Os atois sempre exerceron en min unha fascinación superior. A súa estructura de coral morto, a lagoa central de augas calcarias e azul cobalto nas que nadan augamares fosforescentes, esas palmeiras illadas e algo tristes, paradigma das illas de náufragos, confírenlles unha presencia real nos meus soños recorrentes. Por iso, se cadra, cando lendo un libro de Stevenson atopei a definición que vai a seguir, non puiden resistir gardala nos meus cadernos de notas e transcribila aquí, para o seu particular aproveitamento.
     "(...) o atol, de orixe e historia problemáticos: suponse que é a creación dun insecto aínda non identificado; de forma anular, cunha lagoa no centro; rara vez supera o medio quilómetro na súa máxima amplitude, rara vez acada, no seu punto culminante, a altura dun home, ten por principais habitantes ao ser humano, á rata e o cangrexo de terra; non produce unha variedade de plantas maior que as demais illas e non ofrece á ollada, aínda na súa perfección, máis que un anel de praia refulxente e a verde follaxe que rodea o mar e é rodeada por el.
     (...) Constitúe unha última indicación de horror, engadido á imaxe desta estreita pasarela, o feito de que semellante anel exiguo posto sobre o mar non estea formado por rocha, senón por unha substancia orgánica, metade vivinte, metade putrefacta; o mar limpo e os peixes que nel viven empezoñados; a pedra máis sólida está roída no seu interior polos vermes e o máis leve po é velenoso como droga de apotecario"

     Xa ven, o vello Robert L. Stevenson, o que escribira "A Illa do Tesouro", cría un horror o que hoxe consideramos unha marabilla da natureza e pensaba que o centro do mundo era e seguía sendo a súa querida Inglaterra, patria de homes rexos que conquistaran os mares do mundo. Non serei eu quen lle leve a contraria e poida que na súa época as cousas fosen así definidas aínda que hoxe, por mor das variacións das estratexias de poder, o centro do mundo xa non sexa a City londiniense, senón un lugar indeterminado e mudable, tamén no Hemisferio Norte, onde un mando de iluminados deciden unha guerra ou unha paz, unha invasión ou un bloqueo comercial.

V. Océano Índico


Os Ictiófagos De Geodrosia(vi)

     Geodrosia encontrase o oeste do río Indo. O seu nome actual é "Bellochistan". É unha rexión composta por áridas montañas e chairas areosas: "Atravesando os seus desertos, os exércitos de Samiramis e Ciro o Grande foron practicamente destruídos; e os soldados de Alexandre o Magno sufriron intensamente pola calor do clima e pola ausencia de auga."
     Nas súas costas, son frecuentes aínda os peixes e as tartarugas mariñas, coma o eran nos tempos xa idos nos que Plinio O Vello recolleu noticia da súa abundancia no seu monumental Tratado de Historia Natural. Os antigos habitantes de Geodrosia foron así chamados polos gregos Icthyophagi, ou comedores de peixe, e Chelanophagi ou comedores de tartarugas. Nearchus, o almirante de Alexandre o Magno, navegou por estas costas na súa celebrada viaxe entre a India e o Éufrates.
     Poderíase afirmar, daquela, como corolario desta curiosidade gastronómico-xeográfica, que o comer peixe e tartarugas é bo para a saúde das poboacións e, singularmente, para a súa capacidade de rexeitar aos inimigos na batalla.
     Estas reflexións teñen un obxectivo claro, didáctico, se me permiten a intención non sempre ben vista. Son moitos nos que no noso pequeno país sen estado pretenden conseguir unha conciencia nacional máis sólida a base de infrinxir todas as normas de precaución, propoñendo aos cidadáns do país categorías épicas que situarían aos galegos no cumio das civilizacións presentes e pasadas, pobo enérxico e emprendedor, viaxeiro e espallador da súa cultura milenaria, cénit e paradigma do respecto pola tradición e polo enxebre.
     Trolas. Desconfíen. Hai pobos neste mundo que tamén comen peixe, que saben pescar tan ben ou mellor ca nós, que fan unhas tortas magníficas que nada teñen que envexar ás filloas, que manexan con destreza a arte de soprar un punteiro e gardar aire nun fol, que conquistaron mundos e distancias, que viaxan para coñecer e non por necesidade ou fame, que poden vivir mellor ou peor que nós, pero que non son nin mellores nin peores, só outros.

VI. Atlántico


Peixes Que Fluctúan Ventre ao Sol: O Caso Do Diodon

     Cando se fala de peixes a un vénlle ao maxín a imaxe deses seres entusiastas e vermellos que nadan permanentemente en círculo, nesas peixeiras clásicas en forma de globo. Convirán comigo en que esta é unha xerarquización absurda e producto, como tal, dunha observación nesgada e unha experiencia empírica que se toma, falsamente, como verdade universal. Non hai que se ausentar das nosas costas galegas para saber de peixes voadores como os Cheilopagon, peixes que habitan en covas coma os congros ou as moreas, ou aqueles que pasan media vida filtrando as areas do río para se internar logo no mar e chuchar o sangue a outros peixes, como é o caso das lampreas. Tamén hai os que prefiren vivir apegados a unha rocha polas súas barbatanas transformadas en ventosa, como o peixe fumador ou certas especies de lorchas, apegados á cara ventral das quenllas como a rémora ou agochados baixo a area do fondo, como as raias e os linguados. Non debe estrañar, pois, nesta diversidade de comportamentos (que os meus colegas máis canónicos chamarían estratexias adaptativas, nichos ecolóxicos e outras preciosidades teóricas) haxa un grupo de peixes que naden co ventre cara arriba. Tal é o caso dos diodóns, dos que Charles Darwin fixo esta descrición singular no seu libro "Voyage of the Beagle "(vii).
     "Divertíame un día observando os hábitos dun Diodon(viii) , que fora apañado a nadar preto da beiramar. Este peixe é moi coñecido por posuír o poder singular de se distender ata acadar unha fasquía case esférica. Logo de retirado da auga por un breve momento, e despois de mergullado novamente nela, absorbeu pola boca, e seguramente tamén polas aberturas branquiais, cantidades considerábeis tanto de auga como de aire. Efectúase este proceso por dous mecanismos: o aire é aspirado e despois é forzado dentro da cavidade do corpo, impedíndose a súa saída por mor dunha contracción muscular, que é visíbel dende o exterior; pero a auga, segundo observei, entraba en fluxo pola boca que estaba completamente aberta e inmóbil: este último acto debe, xa que logo, depender da succión.
     A pel arredor do abdome está moito máis solta ca das costas; e por tanto, perante o proceso do inflado, a superficie inferior tórnase moito máis distendida que a superior e, como consecuencia, o peixe fluctúa de costas para abaixo. Cuvier dubida que o Diodon sexa capaz de nadar nesta posición; pero non só consigue moverse en liña recta, como tamén virar para calquera lado. Este último movemento efectúase exclusivamente coa axuda das barbatanas pectorais, quedando a cauda pendurada e sen uso, xa que con tanto aire o corpo se ve obrigado a fluctuar, as aberturas branquiais fican fóra da auga, aínda que unha corrente aspirada pola boca flúe constantemente a través delas.
     O peixe, despois de ficar neste estado de distensión por un curto período, adoitaba expulsar o aire e a auga polas aberturas branquiais e pola boca con forza considerábel. Cando lle gorentaba, podía expeler a penas unha certa porción de auga, e xa que logo, parece probábel que este fluído sexa absorbido co obxectivo de regular a súa gravidade específica. Este Diodon posúe varios medios de defensa. Pode dar unha trabada feroz e pode expulsar auga pola boca a certa distancia, mentres, ao mesmo tempo, fai un curioso barullo co movemento das mandíbulas. Coa intumescencia do corpo, as papilas que lle cobren a pel tornábanse erectas e aguzadas. Pero o aspecto máis curioso era que, cando tentado, a partir da pel do ventre, emitía unha secreción fibrosa dun vermello carmesí ben bonito, que manchaba o marfil e o papel dunha maneira tan permanente que ata hoxe a tonalidade se mantén co seu brillo. Ignoro cal é a natureza e utilidade desta secreción."

VII. Mar Vermello


A Hiperactividade Dos Polbos

     Nunha carpeta de pastas vermellas (mal gusto ou reclamo para os sentidos) levaba anos arquivado un solto dun xornal no que se falaba da hiperactividade dos polbos. Textualmente: "Son sexualmente maduros muy pronto, a los tres meses ya tienen capacidad de reproducción. Después están apareándose tres meses sin parar". Esta suposta precocidade, falando sempre en termos estrictamente antropocéntricos, non debería resultarnos estraña. A meirande parte dos polbos non superan o ano e medio de vida. Facendo unha proporción ben sinxela, a súa idade reproductora correspondería aos 14-15 anos da especie humana.
     O que xa resultaba máis chocante naquela carpeta era un artigo da mesma época que falaba de polbos homosexuais (ix) . No artigo relátase como, no mes de decembro do 1993, Richard Lutz e Janet Voight, dous zoólogos estadounidenses, que traballaban a 2.512 metros de profundidade, puideron observar e filmar a cópula de dous individuos machos de polbo, que durou 16 minutos. Se facemos a mesma proporción que fixemos anteriormente para calcular a correspondencia entre idades reproductivas, os 16 minutos na vida dun polbo correspóndense a unha cópula humana de 12 horas e 26 minutos, o que na miña modesta opinión raramente se dá. Se ademais, como se sinalaba no outro artigo, "se pasan copulando tres meses", xustifícase o falar claramente da hiperactividade (e da hiperpasividade) dos polbos.

VIII. Mar Mediterráneo


Concepto De Sucar Os Sete Mares

     Dende ben pequeno acreditei que a expresión "sucar os sete mares" correspondía en exclusiva aos mariños fazañosos e arriscados que navegaran por todos os mares do Mundo, incluíndo eu entre eles, ademais dos cinco Océanos coñecidos, o Mar Mediterráneo e o Mar Báltico, nun "eurocentrismo" premonitorio, se cadra, da miña actual condición de "cidadán europeo".
     Cando eu totalmente neno, neno-neno, neno sen discusión, era crente en todos os sentidos posíbeis da verba "crer", e non só no eido da fe cega nos dogmas aprendidos. Así, logo de que alguén me colara esa trola dos sete mares repetina cal papagaio sempre que entrase na conversa (hei dicir que como tantas outras trolas). Daquela tampouco era gran conversador (se cadra por timidez extrema, se cadra tamén por unha sabedoría "precoz", que nunca se chegou confirmar de todo) pero adoitaba adobiar o meu discurso, escaso de seu, con anécdotas aprendidas ou escoitadas, das que nunca me ocupei en comprobar a veracidade. Xa dixen que acreditaba en todo o que dixesen os meus maiores ou os coetáneos admirados.
     Hai uns días descubrín o errado que estaba neste punto. Pasaran máis de trinta e cinco anos e poucas pegadas da miña infancia quedan no meu carácter, a non ser un gusto desmedido polos xeados e o chocolate quente. Foi na lectura do ensaio "Sal" de Mark Kurlansky(xii) onde atopei o texto seguinte: "O sal era a clave dunha política que converteu a Venecia na primeira potencia comercial do sur europeo. (...) A distancia que separaba a parte continental italiana das illas orixinariamente era moito maior da que na actualidade as separa da cidade de Venecia. O área comprendida entre estas illas e a península de Commacchio recibía naquel tempo o nome de "os sete mares". "Sucar os sete mares" significaba, pois, simplemente, navegar por esa zona, o que implicaba a inxente tarefa de atravesar as barras de area que facían tan perigosas esas vintecinco millas"(xi)
     Hei confesar que case se derruban algúns dos meus alicerces máis asentados, e que algunhas das mitoloxías persoais estiveron a piques de ceder como castelo de naipes baixo a man dun neno que camiñase a catro patas. Recuperado do sobresalto, (todos eses mariños que sucaran os sete mares se converteran, de súpeto, nunha cambada de charlatáns, nun fato de mentireiros interesados, nunha malta de atorrantes) relín o parágrafo da controversia, e mais o anterior e posterior, por razóns de seguridade e contexto. O que, no primeiro semellou unha boa idea: "a dureza da navegación por entre as barras de area xustificaba asimilar "os sete mares" ás dificultades da navegación e polo tanto "sucar os sete mares" era unha imaxe épica para os mariños mesmo que os seus rumbos non acadasen máis alá que un ou dous océanos coñecidos" converteuse nun erro ao ler o parágrafo seguinte na procura de seguridade. Dicía así: "A zona dos "sete mares" pasou ser parte da masa continental, cun porto chamado Chioggia".
     Non só navegar os "sete mares" non era sinónimo de dar a volta ao mundo na procura de Moby Dick, da Illa do Tesouro ou do Capitán Nemo, senón que "os sete mares" desapareceran pola acción dos elementos e dende o século XVII, asimilada á terra a zona dos "sete mares" xa non era posíbel navegar nin tan sequera por entre as barras de area que separaban as illas da península de Commacchio.

IX


Epílogo

     A verdade é que os golfiños peludos das latitudes boreais, os polbos hiperactivos, os peixes que navegan ventre ao sol, as moscas das illas Kerguelen e os arroaces albinos, que fan o tránsito de bañistas entre as praias de Canido e a Illa de Toralla, impregnan unha mitoloxía fantástica, na que se inclúen tamén as medusas vagalume ou os tiburóns riscados de Fisterra, e outros animais e circunstancias que ninguén viu nin verá, pois son recreacións dos fabuladores, como tantas outras historias verdadeiras ou falsas, simuladas ou reais. Cadansúa unha ollada distinta. Cadansúa extraída dunha memoria. Cadansúa falando dun mar. Do seu propio mar. Do mar soñado.
     Se lles interesaron as anécdotas que lles contei quedarei satisfeito de vez, que é un dos estados máis agradábeis que coñezo. Se así non foi, se non conseguín un ollar oceánico axitado e non lles gustou o que aquí escribín, espero que me fagan único responsábel, pois quen me escolleu para este cometido, doume liberdade absoluta de expresión, o que comeza ser moeda pouco frecuente nestes tempos que nos ten tocado vivir.
     Xa para rematar, non quixera deixar de lembrar aquí un dito coreano que di: "A forza do vento detense diante da paciencia do mar". O mar é paciente e así o ven amosando no seu renovar constante, na súa defensa permanente ante as agresións (das que non son as menores as que o home lle inflixe), no seu entusiasmo envexábel, na súa pertinaz resistencia ás agresións.
     Espero, de corazón, que a serena lectura destes textos teña espertado, cando menos, o seu interese en ollar para o mar doutro xeito. Nesa confianza quedo, na de que leven os secretos do mar prendidos nos seus ollos. Para que sexan felices. Para que sexan libres. Para que celebren como ben propio a liberdade dos outros. Para que sexan bos e xenerosos.

Xavier Queipo
Bruxelas, Outono 2003

 

 

(i) Eufemismo para designar barcos con capital galego que arboran o pavillón dalgún país do terceiro mundo que non respecta as normas de conservación, pois de conveniencia son tódaslas bandeiras, as de estados soberanos e colonias, as de países avanzados e en vías de sesenvolvemento —outro eufemismo dos máis hipócritas—, as de países que queren ser e non lles deixan, as de organismos internacionais e organizacións non gubernamentais.
(ii) Lahuerta e Vázquez no "Vocabulario Multiligue de Organismos Acuáticos", publicado no ano 2000 baixo a dirección do persoal do Instituto Ramón Piñeiro e baixo o selo editorial da Xunta de Galicia chámanlle "Pescada austral negra" ou "Pescada antártica negra". Eles saberán o por que.
(iii) Irenäus Eibl-Eibesfeldt , "Amor y odio: Historia natural de las pautas elementales de comportamiento", Siglo XXI editores S.A., México 1972
(iv) O propio Eibl-Eibesfeldt presenta para ilustrar o seu libro o debuxo dun exemplar de cada unha destas moscas da autoría de C. Chun aparecido no libro "Aus den Tiefen des Weltmeeres", editado en Berlín no 1903.
(v) Robert Louis Stevenson, "Relato de las experiencias y observaciones efectuadas en las islas Marquesas, Pomotú y Gilbert durante los cruceros realizados en las goletas Casco (1888) y Equator (1889)", incluído no volume "En los mares del sur", Ediciones B, Barcelona 1999.
(vi) Outras referencias falan de Gedrosia
(vii) "Journal of Research into de Geology and Natural History of the various countries visited during the voyage of Her Majesty Ship Beagle round the World", edición de J. M. Dent and sons Ltd., London 1906.
(viii) No seu libro "Vocabulario Multilingüe de Organismos Acuáticos", Lahuerta e Vázquez propoñen para estes peixes o nome de "peixe bola", sen dúbida extraído do portugués. (¡Qué imaxinación!)
(ix) Jauregui, Pablo "Pulpos: rosas en el fondo del mar", publicado no xornal "El Mundo", do 13 de Octubro de 1994.
(x) Kurlansky, Mark , "Sal (Historia de la única piedra comestible" ("Salt: A World History", 2000) editado por Edicións Península, Barcelona, 2003
(xi) Aínda que non o diga explicitamente, é probabel que Kurlansky tomara esa definición dos "sete mares" de Frederic C. Lane e máis en particular de "Venice: A maritime Republic", publicado en Baltimore pola John's Hopkins University Press no ano 1973, xa que é o único libro sobre Venecia que inclúe na súa extensa bibliografía.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega