Sonsonetiño

 

 

v3xoanbabarrosonsonetinho.html
     Na Terra de Soneira, entre os penedos da Pasarela, nun escondido tempo en que chovía marmelada, vivía un trasgo moi durmichón.
     Cubría a cabeza cun pucho de flor de toxo e cando o perseguía unha fera, podía volverse invisible. Entón, como o único que se vía correr era o casquete de chorima, pensaba, a un supoñer, o lobo "¡estou mal da chapleta!", e paraba de acosalo.
     O seu nome nos papeis era Pepe Sisto Arou, pero todos o coñecían por Sonsonetiño.
     Pepe dicía que aprendera a ler e escribir había unha pila de anos en Soneto, o país secreto onde ían á escola os trasgos de Soneira.
     En Soneto as páxinas dos libros, as follas das libretas e as pantallas dos ordenadores tiñan decote catorce carreiros; nin un máis..., nin un menos... Por esa razón, Pepiño Sisto Arou sempre escribía en catorce.
     ¿Que en qué gastaba o tempo...? Pois, ademais de enredar ó tobogán de penedo en penedo, de brincar de aldea en aldea e de durmir de sesta en sesta..., dedicábase a espetar contos onde se encartase.
     Sonsonetiño tiña os días da semana moi ben repartidos. O luns, por exemplo, pegaba con chicle un cartel na porta do concello de Zas.



 
Carapuchiña,
capa vermella,
fonda canella,
vasta campiña.

Cal volainiña,
leva un pastel,
tarros de mel,
torta de piña.

Peluda orella,
dura pelella,
xacen no tobo.

Amargo fel,
negro tonel,
¡o feroz lobo!



     Agardaba a que se xuntaran as nenas, os nenos e os grandes, e cando lle ían preguntar "¿por que...?", xa o trasguiño desparecera.

     O martes, a un supoñer, parábase á entrada do campo da feira de Baio e cravaba nun poste outro papel.



 
Patiño,
afeado,
afastado
do niño.

Cariño,
fallado,
fanado,
mesquiño.

Por montes,
por fontes,
un tisne.

Por xeos,
por ceos,
¡un cisne!



     E cando os que pasaban pola estrada querían saber se se trataba dalgunha propaganda comercial, xa o badulaque camiñaba por outro camiño.
     O mércores podía reservalo para colocar un folio no adro da igrexa de Vimianzo.



 
  Dous ranchiños contentos fan a casa
nun lugar moi fermoso e aparente,
con madeira e con palla refulxente,
sen cemento eficaz, barro nin masa.

  Ergue o terceiro casiña resistente,
e acende lar con lume que fai brasa.
Chega do monte un berro que os traspasa,
atroz-feroz-voraz fociño ardente.

  -¡Que nos come..., socorro..., irmanciño!
-berrou logo o primeiro bacoriño.
O lobón..., fauces tremendas amosando...

  E a palla... e a madeira... van voando.
Na casiña de pedra..., os tres seguros,
endexamais temerán ós dentes duros.



     O xoves, se chantaba un papel nunha cafetería da Ponte, prendía outro no castelo de Cereixo, para que non se disgustase a marxe esquerda da ría coa marxe dereita.




I
    Cántaros..., trébedes..., potas..., sen sestas...,
fríos..., raxeiras..., labrar na cortiña.
-¡Tráeme o pucho que vou ir á festa!
-¡Tráeme a capa! -toca a campaíña.

  - ¡Cóseme os baixos, que non hai modista!
¡Píntame a cara con po de fariña!
¡Ponme a coroa que vou ir de crista!
-berra a madrastra con voz de galiña.

  E ela, sen pucho..., nin capa..., nin cos...,
soa e sen baile, miña avelaíña,
chora, a coitada, sentada nun fros.

  ¡Canto voar a palacio pensaba!
¡Canto soñar no organdí da Raíña!
¡Canto con príncipe de arco e alxaba!





II
    Lóstrego máxico varre a cociña,
pinta desexos sen man nin pincel,
móstrase alegre a fada madriña,
vara, capucha e mais cascabel.

  Ouros e perlas pon sobre a rapaza,
rato pequeno transforma en corcel,
carro luxoso fai dunha cabaza,
rodas..., correas..., de suave ouropel.

  Pasmo no baile cando entra a Princesa,
flor recendente que exhala un ronsel.
Tocan as doce..., ¡a fuxir con gran présa!

  -¿Quen calzará o esquecido cristal?
-di namorado o rexio doncel-.
¿Onde estará a miña moza lanzal?



     O venres atrevíase a entrar misteriosamente na escola infantil de Xaviña para escribirlles no encerado unha adiviña.



 
Pulguí
pequé
perdí
cos sé.

Petá
na pó
da cá
dun O.

Coas bó
do O
fuxí.

Volvé
á cá
moi rí.




     E os pequechos, que só lían as vocais, andaban perdidos unha semana enteira no conto do Polgariño.
     O sábado deixábase ver moi cedo pola Casa do Mar de Camariñas, para que os madrugadores resolvesen o problema que quedaba enganchado con catro chinchetas.


 
  Era Soneto... arredado país.
¿Cantos veciños podía xuntar?
Catro avanzaban xuntiños á par
sobre barriñas de brancos esquís.

  Catro marchaban contentos arar
regos dereitos cun lindo tractor:
trigos..., patacas..., viñedos en flor...,
tullas..., celeiros..., han de acugular.

  Velas de neve á luz do solpor,
tres de Soneto, con redes de anil,
pescan estrelas no océano maior.

  Soños..., quimeras..., etéreo luar...,
tres enlevedan con prata e marfil.
¿Cantos...? Catorce puidemos contar.



     E o domingo cambiaba de ocupación; navegaba ata fartarse pola ría en gamela e despois regresaba á Pasarela.
     Sonsonetiño, cando espertaba da sesta, endexamais sabía se estivera durmindo un telexornal, un apagón xeral ou unha catástrofe nacional. E isto último foi o que acontecera aquela vez.
     Nin en Zas..., nin en Baio..., nin en Vimianzo..., nin na Ponte..., nin en Xaviña..., nin en Camariñas... Desaparecera delas a xente toda... ¡Eran vilas desertas!
     Púxose a buscar de lugar en lugar e de casa en casa e, despois de percorrer todo Soneira, foi achar unha raíña en Carnés, María Manuela Arroz con Canela.
     —¿Canto tempo pasei durmindo?
—preguntou Pepiño Sisto Arou.
    
—Pois debes levar ben del. Xa hai anos que non nacen picariños nestas parroquias, e ti sen sabelo. Encóntrasme a min, porque non quero abandona-los meus pazos. Daríame moita pena que me chegase a hora da morte sen ningunha familia no reino —contestoulle a señora con tristeza.
    
—¿E para onde marcharon? —continuou preguntando Son.
    
—Marcharon para as Canarias.
    
—¿E por que?
    
—Porque alí comen tódolos días ensalada de plátano.
    
—¿Estás de broma...? —díxolle Sonetiño.
    
—Non estou non... Iso foi o que me comentaron os amigos na despedida, "marchamos para as Canarias, porque alí comen a cada hora ensalada de plátano".
    
—¿¡Por tomar ensalada plataneada foron capaces de deixar soa a súa raíña!? —exclamou o do pucho.
    
—¡Pois iso é o que hai! —concluíu María Manuela.
     Nese momento, ó trasguiño entroulle un xenio levado do diaño e deu en protestar dando patadas na parede:
    
—¡Como poden ser capaces de separarse de ti! ¡E abandonar nun silveiro a casa dos seus pais...! Ademais..., ¿para quen vou pendurar agora os meus contos? ¡Non hai dereito a que nos fagan isto...!
     —Cálmate..., porque as paredes non teñen culpa ningunha de que ti esteas enfadado —intentaba tranquilizalo Canela.
     —E as Canarias..., ¿estarán no cabo do mundo...? —preguntou algo máis sosegado.
     —Tanto coma no cabo do mundo, non...; cadran un pouquiño máis para acó...—contestou a raíña.
     —A ver cómo busco eu agora amaño para este problema... —falou o Pepiño polo baixo.
     De pronto, sen miga de explicación, deulle un bico á señora, regaloulle o pucho de chorima e despediuse.
     Sonsonetiño foi andando ata Camelle e alí encontrouse cun bilurico manso.
     —¿Quereríasme levar deica as Canarias...? —díxolle.
     A ave moneou un aceno afirmativo coa cabeza.
     —Pero mira que cadran un pouco máis para acó do cabo do mundo...
     E o bilurico repetiu de novo o aceno afirmativo.
     Entón o trasgo montouse no lombo do paxaro, que, sen máis explicacións, empezou a voar.
     Montes e vales..., ríos e mares..., ondas e illas..., chegaron despois de moito tempo ás Canarias. ¿E como ía o trasgo buscar soneiráns entre tanda humanidade...? Pois a el, a pesar de ter que ir de persoa en persoa contando unha mentira, resultoulle moi fácil...
     —¡Ola! É para un programa de radio... Diga, vostede, "Zas de Soneira".
     Os entrevistados contestaban sen problemas "Zas de Soneira", pero o pillabán con só tres palabras sabía quen falaba soneirán e quen non.
     Unha vez que tivo indentificados tódolos veciños comentou moi contento:
     —¡Agora si que vai se-la miña! —e volveuse de súpeto invisible.
     Sen descanso nin tregua, Pepiño Sisto Arou emprendeu unha guerra sen cuartel con aqueles que pronunciaran ó seu xeito "Zas de Soneira". Belisca aquí..., amoxeta alá..., pica no outro lado..., non os deixaba tranquilos.
     —¡Aiii...! —laiaba un.
     —¡Contras...! —queixábase outro.
     —¡Diantre de pulga...! —repuña un terceiro.
     Pero por máis que erguían a camisa e baixaban os pantalóns para mirárense, non encontraban bicho picón por ningures.
     Foi así que, en poucas semanas, estaban cribadiños a picotazos e vinchocas; nas pernas..., na barriga..., no peito..., na cara... Menos nas orellas..., que, a cambio, tíñanas o dobre de grandes de tanto tirarlles por elas.
     Os consultorios das illas estaban saturados a diario; pero os médicos só sabían receitar pomadas antiproídos, que de nada valían contra un amoxetón de Son.
     Houbo quen suprimiu a ensalada de plátano da dieta, pensando que se podería deber a algún tipo de alerxia; pero non había maneira. Así que os "¡aiii...!", os "¡contras...! e os "¡diantre de pulga...!" non tiñan acougo.
     Entre este barullo, unha analista, por darse de lista, chegou a formula-la teoría de que a estraña enfermidade contaxiosa, debía de ter que ver algo coa xenética dos individuos que a padecían. E por verse libre do problema, nunhas declaracións para a prensa, comentou pouco convencida:
     —Un cambio de clima sentaralles ben...
     Os soneiráns, que estaban esgotados de fretar, rañar e tapa-las orellas coas mans, tomaron en serio as declaracións da analista, que se deu de lista e atinou. Un agora e outro despois, prepararon as maletas e volveron. E por arte de maxia, cando chegaban á Terra de Soneira curábaselles de repente o sarabullazo.
     Sonsonetiño non descansou ata que todos regresaron para retella-la casa dos seus entregos. E cando acabou o labor nas illas, fixo no bilurico a viaxe de volta.
     Desde tal data, nas parroquias do reino de María Manuela Arroz con Canela volveron nacer naipelos. Agora, Pepiño Sisto Arou, ademais de escribir en catorce e espetar onde se encarte os seus contos, está sempre atento para tirarlle das orellas a todo aquel que quere abandona-la Terra de Soneira tan só por comer ensalada de plátano.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega