Sombra do meu asombro

 

(Texto íntegro)

 

v1maricacamposombra.html
O que vías no espello

Daquelas que cantan
as pombas e as flores...
Rosalía

Ouh rosa, Rosalía, ao outro lado, un nome
orballando palabras na fervenza das horas
para dicir o abraio do que vías no espello:
Estadea de escravas, toda a noite no rostro,
todo o mundo nas costas, collidas na arañeira
de paixóns e velenos no amor que inventaron.

Ouh rosa, Rosalía, a ser alén dos mortos
por fin dona de ti, do lume das avoas
e das nais e das fillas por séculos infindos.
Por séculos e séculos de mulleres sen nome,
e tamén sen palabra, que verteron carraxe
no teu cuspe e un berro no teu berro acedísimo.

Ouh rosa, Rosalía, que o lume das avoas
e das nais e das fillas, o que xa está contigo,
sexa sempre connosco, desbote a negra sombra,
asombre a noite negra da xeira desigual,
do pago desigual, da vontade cativa.

E que voen as pombas e que murchen as flores:
Somos donas de nós para sermos mulleres.





Velaí a muller

Mais ve que o meu corazón
é unha rosa de cen follas.
Rosalía

Velaí a muller que baila soa
no cavorco da noite:
Verte entre os pés a rosa de cen follas
como unha chuvia maina desfollada
e ondas dun mar de cinsa
van e veñen nas praias da cintura.

Velaí a muller que canta soa
nos oídos do vento:
A gorxa ensanguentada e o alarido,
o salmo e o susurro e o salouco,
o eco e o silencio,
o tanxer dunha cítara sen cordas.

Velaí a a muller que vai ao porto
e chama polos barcos:
Veñen coa proa rota no horizonte,
chegan coa treboada nas enxarcias,
ela sempre vixía
e pon velas de soños polos mastros.

Velaí a muller que está parindo
un país coa palabra:
Nai en verbo de amor a encherlle a boca
que ten leite de seu para crialo,
terra ou Rosalía,
clara estirpe de nós cara ao futuro.





Hai unha moitedume

"... i alí onde o corvo pousa
soia enterrada está".
Rosalía

Tecías, tecelá, señora Rosalía,
fíos de sombra para o teu asombro
nun ritual sen pombas e sen flores,
igual que un suicidio.
               Pendurabas da lúa,
como un cadro tristísimo, a canseira dos días,
todo o abraio de ser, toda a carraxe
de vivir nun país deshabitado
polos seus moradores hora a hora.
Soa diante do espello, eras ti e eras todas
a recontar moedas de desgracia
ou doas dun tesouro envelenado e falso.

Camiño do areal... e ninguén te esperaba,
botoute fóra o mar...
          Mais somos moitedume
cegada pola luz da Negra Sombra
que salmodia o teu nome: R o s a l í a.





Lendo a Rosalía


Se desangro o delirio no viño da palabra
vés da idade distante, toda a morte vadeas.
Apartando sudarios e fitas e coroas
acodes ao meu porto e eu teño sobre a mesa
a vida que nos deches: Follas Novas, Cantares,
o teu sangue ancorado nesta beira da ausencia.

Chegas, falas e encendes a candea de novo,
alentas ao meu lado, dasme luz a mancheas
e tamén me das sombra, e tamén me das medo
e unha dor que me abrangue e me afoga e me medra.

E sinto que te quero, que es da miña casa,
miña nai, miña amiga, a miña compañeira.
E dóime de ti e quero acalentarte,
pero xa te me vas para baixo da pedra.

Non acho crisantemos para enganar a morte
cando cala a túa voz ferida de camelias.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega