Terra de Montes. Guía Cultural e Turística

 

(Texto íntegro)

 

v2rozadosrochiterrademontes.html
     A comarca de Terra de Montes cobra entidade, coma a maioría das comarcas tradicionais galegas, coa división territorial sueva: nos anos en que gobernou o rei Teodomiro estableceríase a división comarcal e parroquial (coñecida coma Parochiale Suevum ou Divisio Theodomiri). conforme a esta división, o territorio da actual Galicia queda distribuido en trece sedes, que á súa vez se dividen en dióceses, practicamente semellantes ás actuais comarcas (mantidas pola igrexa coma arciprestados) . Polo tanto a Terra de Montes comeza a existir como bisbarra nese período, pero adquire verdadeira personalidade trala creación do seu máis relevante fito histórico: o mosteiro de "Santa María la Real de Acibeiro", fundado no ano 1135. Tivo este cenobio por orixe unha doazón (e os privilexios consecuentes) feita polo rei Alfonso VII, quen, o mesmo ano da doazón sería coroado Imperator totus hispaniae (Emperador de tódalas Españas), título este que obedece, por outra parte, máis a un desexo da nobleza e do clero galegos, que á propia realidade, segundo a opinión de gran parte dos medievalistas. No mosteiro de Aciveiro e na súa zona de influencia prodúcese unha interrelación de varios concellos que daría orixe, á súa vez, a un dos núcleos de Galicia con máis puxanza e mobilidade comercial e artesanal desde o século XII ata mediados do XX. Durante trece séculos estivo constituida a comarca polos concellos de Forcarei, Cerdedo e Beariz. A estes tres municipios, que aportaban a integridade dos seus territorios, engadíanse as parroquias de San Lourenzo de Sabucedo (A Estrada), Santiago de Morillas e San Isidro de Montes (Campo Lameiro), Santa Ana da Barcia do Seixo (A Lama), Santiago de Caroi (Cotobade) e Santa María de Zobra (Lalín). Para fixa-los límites da histórica bisbarra podemos considerar coma punto máis septentrional as Mámoas de Boi Morto, na parroquia forcaricense de Meavía, preto do Coto do Espiño e do monte San Sebastián, xa na parroquia estradense de Olives. Polo sur, o punto extremo estableceríao o río Avia, no seu discorrer polas parroquias de Xirazga e Beariz. Ó leste, os lugares de Portomartiño e a Portela da Fenteira, en Lalín, constituirían o levante da Terra de Montes, e polo oeste remataría a comarca na Ponte do Cabo e na Ponte dos Carballos, ámbalas dúas ubicacións na freguesía de Santiago de Morillas (Campo Lameiro). A Terra de Montes é o berce de cinco ríos: Lérez, Umia, Deza, Avia e Verdugo. No momento actual (2000) a "Asociación Terra de Montes", conformada polos concellos de Forcarei, Cerdedo e Beariz, así coma por diversos axentes sociais e económicos, tenta, a través do programa "P.R.O.D.E.R. Terra de Montes", o desenvolvemento da comarca no ámbito alternativo do Turismo Rural, actividade para a que está especialmente dotada, cun amplo abano de recursos de tipo medioambiental, histórico-artístico e etnográfico.




UN POUCO DE HISTORIA, UN POUCO DE LENDA

     Da pegada de prehistóricos poboadores falan na Terra de Montes os centos de mámoas, castros e petroglifos ou insculturas rupestres, na meirande parte por catalogar. Podemos citar os castros de Loureiro, en Dúas Igrexas, con antecastro ben definido; o das Rodeiras de Garellas e o da Mouteira de Fixó, en Millerada; os de Filloi e Muras, en Pereira; o de Montes, en Presqueiras, sobre o cal erguería posteriormente Xelmírez a Torre-fortaleza chamada do Castro; o de Sanguñedo, na Madanela, onde foron atopadas machadiñas pulimentadas; os de Quireza, Castrodiz e Vilariño, estes en Cerdedo, e os de Magros e Garfián, en Beariz. Todos eles están hoxe ocultos pola vexetación. Destes castros de Montes atopamos unha curiosa referencia na Historia de Galicia de Benito Vicetto, do ano 1865, onde o autor acode ó historiador Sobreira nunha cita que di: "...he llegado a sospechar otro género de orden, que es como un orden circular alrededor de una comarca. A las faldas de la tierra de Soutelo de Montes, veo que forman círculo los castros de Escuadro, Moalde, Castro, Vite, Oca, Ancorados, el dicho Olivez, y últimamente el castro de Godoy que también forma línea, con los castros que cubren el camino de Soutelo de Montes a la Estrada y a Sanlés (Salnés); de manera que todos dichos castros forman círculo, y el de Godoy que está en Ribela, sobre el río y lugar de Godoy, cierra o termina el dicho círculo, y forma una sección continuada por el dicho camino de la Estrada ". Finaliza Vicetto a cita aludindo a que "Debemos advertir aquí que el país á que se refiere dicho P. Sobreira es uno de aquéllos en que las memorias célticas están más vivas y son muy abundantes".
     Unha das memorias ou lendas que aínda permanecen no acervo folclórico da comarca é a da maldición do sangue, fermosa coma poucas, e que relata o establecemento das primeiras poboacións en Montes. Narra que, establecidos os poboadores dos castros nas Rías Baixas, comenzaron tamén a colonizar terras cara ó interior. Daquela estábanse a orixinar enfrontamentos entre os habitantes dos distintos castros, nos que se producían roubos de gando e raptos de mulleres. Nun determinado momento comenzaron a existir problemas debido a que algunhas mulleres, despois de ter o primeiro fillo sen atrancos, presentaban anomalías no segundo parto, morrendo o fillo ou nacendo con notables taras físicas. Naquel tempo en que a superstición estaba por riba de posibles coñecementos médicos, os poboadores dos castros non atoparon mellor solución para evitar esta praga que o desterro das mulleres "ameigadas" e maila súa prole, aproveitando a ocasión para expulsar tamén da comunidade ós homes máis conflictivos. E precisamente o destino deste grupo de proscritos foi a terra dos montes, onde, coidaban os "ortodoxos", a esgrevia natureza acabaría con eles. Pero velaí que a terra, máis comprensiva que os homes, non só non acabou con eles, senon que lles proporcionou a abondosa pesca dos seus ríos e a caza dos seus montes, converténdoos nunha próspera comunidade que máis tarde descubriría tamén o agochado tesouro das minas de metal que abundan na terra dos montes. Así, o que nacera como un castigo, como unha maldición, rematou por se converter nunha vida non ausente de traballos, pero tamén venturosa e fértil, superando tódalas contrariedades iniciais. Sendo conscientes da tara que os obrigara a abandonar as súas primeiras moradas e para evitar problemas coa descendencia, estas novas comunidades montesas prohibiron, nunha especie de "endogamia terapéutica", os emparellamentos con habitantes doutros lugares, e sempre que non se respectou esa prohibición —segundo a lenda— o segundo fillo non chegaba a nacer ou facíao con defectos, manifestándose dese xeito a vixencia daquela "maldición". Aquí finalizaría a lenda, pero enlazaría coa realidade dunha maneira curiosa. Parece ser que aínda na actual Terra de Montes hai prevalencia, sobre outras zonas, de habitantes con sangue RH negativo, e a ciencia actual dinos que unha muller con sangue RH negativo casada cun varón de RH positivo, pode ter sen dificultades o seu primeiro fillo, pero se este ten o mesmo factor sanguíneo que o pai, xeraría anticorpos no sangue materno que posteriormente impedirían o desenvolvemento normal dun segundo fillo con RH positivo. Os poboadores dos castros non o sabían, loxicamente, e o que para eles naceu como unha maldición, coverteuse nun xeito de vivir especial e moi vencellado á natureza. Poucas veces casa a lenda coa probabilidade científica tan ben coma neste caso.
     Outra lenda saída dos castros é a da Loureiriña, unha fermosa ninfa loira que baixou do castro de Loureiro para irse contemplar nas cristalinas augas do Lérez, ó seu paso pola ponte do Crego. Ameigada pola beleza da longa e vizosa carballeira pola que paseniñamente discorre o río, a loira Loureiriña durmiuse pracidamente, para espertar de tempo en tempo e aparecérselles ós camiñantes. Un día de San Xoán, un garrido mozo parolou coa Loureiriña, e esta conduciuno ata unha cova ateigada de ouro, que tiña a porta polo fío da auga. Alí había trabes de ouro, potes, culleres, cuncas e pratos, todos de ouro. Ata unha galiña de ouro que poñía ovos de ouro; pero tamén lle contou ó mozo que tiña no seu dourado fogar unha entrada cunha trabe de brea que queimaría a quen ousase achegarse a tal tesouro se a Loureiriña quixer. Lenda similar a do caldeiro enterrado con moedas de ouro que o cineasta forcaricense Chano Piñeiro incluiría na súa inmortal Sempre Xonxa.
     Lendas, crónicas e hipóteses históricas mestúranse sobre un período, o da cultura castrexa, que non semella nada claro, e do que sabemos, sen ter unha definición cronolóxica exacta, que deu comezo tralo remate da Idade de Bronce. Comunmente vencéllanse os castros á civilización céltica. Non só os profanos preguntan polos castros celtas, senón que historiadores como Verea y Aguiar, Martínez Padín ou o propio Benito Vicetto defenden a tese do celtismo histórico, mentres autores como Pondal e Murguía, que apuntaba: "A preponderancia da raza celta en Galicia é un feito evidente: de aí que a poesía e a arte sexan doces, tristeiras e melancólicas", crearon o celtismo literario. Curiosamente, para todos estes autores, como deixa reflectido Francisco Calo Lourido no seu capítulo Prehistoria e Idade Antigua da Historia Xeral de Galicia, eran celtas tamén as mámoas e todo canto resto "antigo" non susceptible de encadrar nun período histórico, atopaban polo territorio. Para Calo Lourido, como para outros autores, a palabra celta non designa nin un pobo nin unha etnia, senón unha lingua ou familia lingüística, mentres que os poboadores dos castros eran ágrafos: non podemos coñecer, polo tanto, que tipo de lingua tiñan, e asegurar, polo tanto, que fosen celtas. Non obstante, versións máis románticas, idealistas ou lendarias atraen máis pola súa orixinalidade, didactismo ou misterio á hora de seren escoitadas. O pobo galego foi sempre de vizosa imaxinación para buscar as súas orixes, e onde a "historia" di que os habitantes dos castros someteron ós poboadores precedentes —os constructores dos megalitos—, nunca faltará quen diga que os celtas (ou saefes, homes-cobra, así coñecidos polo seu culto ofiolátrico) someteron ós oestrimnios. Son distintos xeitos de referírmonos á mesma realidade, mesturando lendas, datos e crónicas.
     Precisamente verbo dos constructores de megalitos, os homes que poboaron estas terras aproximadamente desde o cuarto ó segundo milenio antes de Cristo, tamén semella haber indicios de que existían cuadrillas ambulantes de canteiros dedicados a erguer os monumentos, cuadrillas de grandes especialistas do traballo da pedra, cualidade que poderían ter herdado os poboadores dos castros. Mesmo poderiamos falar dalgunha escola local ou mestre que espallaría determinados xeitos de facer os monumentos megalíticos. É ata certo punto posible, pois, que a sona dos canteiros da Terra de Montes teña as súas raíces nese tempo. O profesor Fernando Cabeza Quiles, experto en toponimia, apunta que o vocábulo "medorra" (unha das variantes do termo "mámoa") procedería da voz latina meta (elemento máis ou menos cónico). Se temos en conta, por outra banda, que a Terra de Montes foi, na época sueva, a "Montes meta" pertencente á sede de Iria, na que habitaba o pobo dos Mettacios, non estaría fóra de lugar conxecturar algún tipo de relación entre eses canteiros-constructores de megalitos e a denominación posterior, á que se aludía, da época sueva, como terra xa de bos profesionais da cantería. Do que non hai dúbida é da febril actividade destes artesáns, posto que na Terra de Montes existen centos de emprazamentos nos que se asentan grupiños de mámoas ou túmulos, entre os que destacan o Campo das Mámoas, situado na parroquia de Castrelo, que Frai Martiño Sarmiento nomea como "Monte das sete mámoas" na súa obra Colección de voces y frases gallegas, de metade do século XVIII; a mámoa de Boimorto, en Meavía; o grupo Outeiro da Vella e a mámoa do Mouro Negro, ámbalas dúas en Pereira; mámoas da Serra e do Carrascal, na Madanela; Pena da Cruz e Coto da Mámoa, en Millerada; Os Olleiros e Porto Fieiro, en Aciveiro; Penide, en Dúas Igrexas; Mamoalba, en Cerdedo; mámoas de Os Liñares e As Ventelas, en Lebozán; mámoas de Garfián, en Beariz; mámoas de Santo Domingo e Portela da Cruz, en Xirazga.
     Mámoas e túmulos os anteriores analizados no estudio La civilización neo-eneolítica gallega de López Cuevillas e Bouza Brey, no cal se pode ler : "... a solución de continuidade entre aqueles grupos centrais (de mámoas) e os das Rías Baixas énchese en certo modo cos que existen no partido da Estrada, emprazados no chamado Campo das Tombas e en Matalobos, que se prolongan por Forcarei, polos lugares de Aciveiro, Monte Olleiros, Porto Fieiro e Campo da Serra, cara o Carballiño". Bouza Brey é tamén o autor dun artigo de 1940 no que analiza as insculturas rupestres de Presqueiras.
     Paradoxalmente, quedan menos restos da época romana, e mesmo aqueles que quedan non son totalmente atribuíbles ou integramente datables nese período histórico, por canto posteriores engadidos ou xustaposicións invalidan unha total asignación ó mesmo. É este o caso das primitivas pontes de Pedre e Parada, en Cerdedo, e a de Ricobanca, en Beariz, sobre as que se construíron as que hoxe perviven, de época medieval, ou os vestixios dunha vía secundaria na zona de Meavía. Atopáronse restos de minería romana superficial nos xacementos denominados Capela do Santo e Xesteira de riba dos Prados (Millerada) e Entrerríos (Dúas Igrexas). Un achado atribuíble con toda certeza á época é o de dous urcéolos procedentes da parroquia da Madanela, que hoxe se poden contemplar no Museo de Pontevedra, e nun dos cales aparece a inscrición epigráfica AQUILI / DLT, que para o lingüista Elixio Rivas derivaría do latino aquila (aguia). A toponimia deixa tamén ver esa pervivencia da Romanización en casos como os de Quintillán (de Quintilianus), Chamosa (de Flamma - chama), Leboso (de Lepus-oris, abundancial de "lebre"), Morgade (do latino Maurus / maurecatus no Medievo), Cerdedo (de Cerasus, Cerasetum, "cerdeira"), ou Candán, que proviría dunha das advocacións do deus Xúpiter, Iovi Candamio, na que o tema oronímico alternante Can-d / Can-t, significa "rocha" e derivaría dun étimo xa prerromano. Precisamente na cima do Candán aínda se poden ollar os restos da ermida medieval de San Bieito, que segundo algúns autores, sería construída sobre unha ara pagana consagrada ó deus epónimo. Todas estas hipóteses etimolóxicas proceden da obra Onomástica persoal do Noroeste Hispano, de Elixio Rivas.
     Entramos no Medievo da man dos Suevos. A monarquía sueva, e concretamente o rei Teodomiro, é quen, no Parochiale Suevum (que tamén pasaría á historia como Divisio Theodomiri, aínda que, segundo o historiador Pierre David, sería redactado entre os anos 572 e 592, é dicir, xa no reinado do seu sucesor Miro) establece a distribución xeográfica que dá lugar ás tradicionais comarcas (naquel entón dióceses). A igrexa medieval mantivo esas comarcas na súa organización territorial co nome de arciprestados. Un deles supuxo a orixe da Terra de Montes como a comarca que hoxe coñecemos, e que no prólogo desta guía se desenvolve máis polo miúdo. A denominación da época era Montes Meta, sufragánea da sede de Iria xunto con outras terras como Saliniense (Salnés), Morania (Moraña), Celenos (Caldas), Tabeirolos (Estrada) ou Mertia (Merza), e os seus habitantes eran coñecidos polo nome de Mettacios. Estes dividiríanse en dous grandes grupos, os montanos, na parte setentrional, que albergarían no seu seo ós poboadores máis antigos, os umianos (vencellados ó río Umia), e os poboadores do sur de Montes, bañado polo río dos mil nomes: Laeros, Leros, Lerice... o Lérez, e mailo Avia. Nesta zona meridional existirían ricas minas de metal (precisamente co metallum latino fai conxecturas o autor estradense José Sanmartín como posible orixe etimolóxica do nome Mettacios). É moi probable que nese período teña lugar, ademais, a cristianización da comarca, baixo a longa influencia de Martiño de Dumio e a asimilación das concepcións romano-bizantinas por el aportadas.
     A pesar de que, como nos indica Rodríguez Fraiz, a Terra de Montes estaba no século VII en poder das igrexas, dos señores e do rei, non parece enfeudada a ningunha destas institucións ata o ano 874, no que o rei Alfonso III a doa efectivamente á sede de Iria. Posteriormente, considerando a vulnerabilidade de Iria ante unha posible invasión naval (eran frecuentes entón as incursións de normandos e piratas sarracenos) a sede trasládase a Compostela, aínda que non sería ata o XII, concretamente no ano 1101, cando esta se promocionaría á categoría arcebispal. E tampouco Montes pasará á plena posesión e absoluto señorío ata ese século, a través de sucesivas doazóns e privilexios outorgados pola raíña dona Urraca, entre os anos 1112 e 1115, ó arcebispo Xelmírez. Será este quen ordene erguer a Torre-fortaleza do Castro de Montes, da que hoxe só se conserva a capela, e na que residirían os xuíces-meriños, detentadores do poder señorial da Mitra e da Coroa. No ano 1135, a raíz da proclamación do rei "galego" Alfonso VII como emperador (Adefonsus dei gratia hispaniarum imperator), e mercé ás súas propias doazóns e privilexios, comeza a construcción do mosteiro de Aciveiro, fito de trascendencia notabilísima na historia da Terra de Montes. Semella factible que, efectivamente, a creación do mosteiro se debese á piedade e munificencia do gran amigo de San Bernardo, o citado emperador Alfonso VII, que fora criado, educado e coroado rei en Galicia polo arcebispo Xelmírez, baixo a protección do nobre magnate don Pedro Fernández de Traba, con quen Xelmírez buscou entendemento para xerar a operación que cristalizaría precisamente coa coroación de Alfonso como rei de Galicia na catedral de Santiago, e que levaría ó clero e mais á nobreza galaica ás máis altas cotas de poder da época.
     Non sabemos con certeza se os doce monxes ós que alude a inscrición fundacional da parede sur do templo aciveirense serían orixinarios de Claraval ou procederían dalgún outro mosteiro benedictino ou cluniacense. Tamén hai discordancia, segundo os diferentes autores, na data en que Aciveiro pasaría á orde do Císter. Mentres hai quen postula, como Carro García, esa transición no ano 1170, Torres Balbás adiántaa a 1162 na súa obra Monasterios Cistercienses de Galicia.
     No ano 1188 temos constancia do primeiro xuíz-meriño da fortaleza do Castro de Montes. Este era don Suero Froilaz, neto de don Pedro Froilaz, da casa de Traba, constituíndo este feito outro testemuño do aludido entendemento entre esta nobre casa e Xelmírez, xa que foi o arcebispo quen nomeou para o cargo de xuíz-meriño a Suero Froilaz. Cónstanos esto pola referencia que se fai nun documento de confirmación á igrexa de Santiago dos bens, privilexios e exencións concedidos polo rei Fernando II, que é expedido en Zamora o 4 de maio de 1188 por don Alfonso VIII. Existe en torno a este rei unha dobre confusión: mentres pola historiografía española en xeral é falsamente computado como Alfonso IX, o historiador local Antonio Rodríguez Fraiz alude a el como Alfonso VII na súa obra Torre-fortaleza do Castro y Jueces-merinos, cando este último non podería nunca ser o protagonista desa sinatura, xa que nese ano cumpríanse 31 da súa morte, acaecida en 1157.
     A partir deste momento, o enfrontamento entre o mosteiro de Aciveiro e os xuíces-meriños da Torre vai ser constante na historia da comarca, defendendo cadaquén os seus privilexios, rentas e foros. Sabemos que no ano 1202, o rei Alfonso VIII exime de toda clase de tributos ós vasalos e colonos do mosteiro.
     No século seguinte, a disputa entre a alta nobreza galega partidaria do rei Pedro I por un lado, e o señorío eclesiástico e mailas casas menores da nobreza por outro, deron lugar a continuos episodios de violencia, entre os que cabe salientar o asasinato, en 1366, do arcebispo de Santiago don Suero Gómez de Toledo. O seu asasino, don Fernán Pérez de Deza-Churruchao, protexido polo rei, será acubillado na Torre-fortaleza do Castro de Montes, onde el mesmo desempeñará anos máis tarde o cargo de xuíz-meriño.
     Ó longo do mesmo século orixinouse toda unha sucesión de preitos pola posesión das torres de Montes e da Barreira (esta no concello da Estrada), entre o arcebispo de Santiago e o conde de Trastámara, don Pedro Enríquez, neto do rei Alfonso XI. Fallouse o primeiro dos preitos a favor do arcebispo. Anos máis tarde, o mesmo conde tenta de novo arrebatar a torre do Castro ó arcebispo Moscoso, co beneplácito do rei Enrique II, pero o home que sucede a Moscoso na cadeira episcopal, don Juan García Manrique, entabla de novo preito e tamén estoutro é resolto a favor da diócese. A porfía de Pedro Enríquez é vencida finalmente nun terceiro preito en Medina del Campo, nos meses de novembro e decembro de 1388, no que os xuíces pronuncian: "Alvidriando mandamos, et mandando declaramos el dicho conde nunca aver avido ni aver derecho alguno en la casa fuerte de la Barrera et en la tierra de Tabeirós et en toda la otra tierra de Castro de Montes et en la tierra de montes et en la otra tierra que a la dicha casa de Castro de Montes pertenesce o pertenescer debe en cualquier manera, antes fallamos que son et pertenescen las dichas casas con las dichas tierras et con todas sus pertenencias a la Eglesia de Santiago et a vos el dcho. Arçobispo...".
     A mediados do século seguinte ten lugar a Guerra Irmandiña. Semella moi probable o ano de 1466 polo que respecta á destrucción da Torre-fortaleza do Castro de Montes. Partiría a acción da Irmandade de Pontevedra. Segundo Couselo Bouzas, autor de La Guerra Hermandina, obra de 1926, despois de derrocar a propia fortaleza da capital, "... la Hermandad se dirigió a Tanoiro (Tenorio), y derrocó la fortaleza, que era de Perálvarez de Sotomayor; luego se desdobló y una parte marchó a derrocar la de Castro de Montes, de la Iglesia de Santiago; y la otra a Peña-Flor, de Bermúdez de Castro...". Non temos, sen embargo, constancia de quen serían os delegados ou alcaldes de Montes que formarían parte da Irmandade, como tampouco sabemos dos procuradores nin dos "cuadrilleiros" que portarían as "varas de irmandade" (o símbolo externo da súa función) no asalto á torre-fortaleza. Esta sería reedificada tralo fracaso da revolta Irmandiña, pero nunca volvería reunir as mesmas condicións de habitabilidade, polo que nos primeiros anos do século XVII, sendo xuíz-meriño don Pedro de las Landeras, e por expresa orde do arcebispo Sanclemente, o mestre canteiro aciveirense Xoán de la Fuente comezaría a construcción da nova casa-torre arcebispal no lugar máis céntrico da comarca, Soutelo, que desde entón recibe a denominación de Soutelo de Montes. Posuía esa torre vivenda do xuíz, sala de xustiza, arquivo, cárcere e campo da picota, onde eran axustizados os reos. Localizábase na entrada do que hoxe se coñece como Aldea de Riba e, con posterioridade á abolición das xurisdiccións especiais, sería utilizada como Casa Consistorial cando se creou o Concello de Forcarei.
     Nos comezos do século XVII, segundo as memorias do arcebispo don Gerónimo del Hoyo, a poboación de Montes sería de 4.117 habitantes. A mediados do mesmo século tivo lugar o máis grave dos incendios que afectaron ó mosteiro de Aciveiro. Domingo Blanco, cociñeiro do propio cenobio, prende un lume que destruiría case toda a ala oeste, a coñecida coma ala da Hospedería.
     En torno a 1697 reconstrúese o primitivo templo de Forcarei, e 90 anos despois edificaríase o actual.
     Entre 1748 e 1769 vaise producindo o trasvase da comarca de Montes da provincia de Santiago á de Pontevedra.
     En 1797 Montes medra a 11.700 habitantes, é dicir, case triplica a poboación no transcurso dos séculos XVII e XVIII.
     Durante a invasión francesa, xa a comenzos de 1809 os veciños de Montes, armados e capitaneados polo que sería derradeiro dos xuíces-meriños e primeiro Alcalde de Forcarei, don Alonso de Soto Cortés e Varela Vahamonde, fustrigan ás tropas de Napoleón trala violencia e o asañamento empregados por estas contra persoas e bens (de novo incendian o mosteiro de Aciveiro, e da biblioteca cenobial só se salva o denominado Tumbo Grande, levado ó pazo de Hermosende, residencia de don Alonso, onde tamén dá fe dos litixios un sable incautado ós franceses). Por Aciveiro pasa tamén ese ano o celebérrimo guerrilleiro "Cachamuíña" á fronte dun grupo de seiscentos homes. O invasor vingarase das incursións de castigo dos guerrilleiros con actos de barbarie contra a poboación. Entre o 20 e o 30 de abril asasinan a máis de douscentos campesiños no adro da igrexa de Forcarei.
     No ano 1811 é nomeado Alcalde de Dúas Igrexas Juan Varela Varela, mestre de cantería. Ese mesmo ano liquídanse 87 señoríos en Soutelo de Montes, lugar no que será nomeado Alcalde do Concello de Soutelo-Pardesoa Manuel Seara, de 1816 a 1820. Os dous concellos, Dúas Igrexas e Soutelo-Pardesoa, refundiríanse no ano 1833, dando orixe ó actual de Forcarei. En 1835, coas leis de Mendizábal, comenza a desamortización dos bens e, por conseguinte, a lenta agonía do mosteiro de Aciveiro.
     A repercusión das Guerras Carlistas do XIX non foi moi elevada, agás algunhas incursións de Guillade por terras de Soutelo, Pardesoa e Presqueiras, ou do famoso Moreno, apreixado persoalmente polo Alcalde de Beariz, así como unha actitude favorable á revolución por parte de Cerdedo e Forcarei no levantamento de Solís e Faraldo, en 1846, que duraría a penas 10 días do mes de abril e que tería como protagonistas ó comandante revolucionario Benito Couto e ó brigadier Rubín. Na terceira Guerra Carlista houbo unha exigua participación na facción constituída en Silleda por Joaquín Redondo, que contou coa colaboración dalgúns estudiantes e clérigos, entre os que se atopaba o abade de Aciveiro.
     No século XX, cómpre salientar a actividade social de Alfredo Iglesias Álvarez, natural de Presqueiras, que xa no ano 1901 funda a "Sociedade Agraria e Gandeira" de Montes, pioneira na provincia de Pontevedra do asociacionismo e da loita obreira. En 1913 esta sociedade, representante de Forcarei e Cerdedo, fedérase coas da Estrada e Silleda, e no 1917 o propio Alfredo Iglesias sería artífice da creación da nova "Sociedade de Obreiros e Campesiños de Presqueiras". O órgano activo de divulgación destas primeiras sociedades era o xornal Acción Social, que sería silenciado posteriormente pola censura durante a dictadura do xeneral Primo de Rivera. Esta publicación, xunto con Umia y Lérez e máis tarde Alborear, revista quincenal literaria e independente promovida polo pintor Virxilio Blanco e o mestre Caldera Manzano, dan idea da mobilidade social e cultural de Montes no primeiro tercio de século.
     Alfredo Iglesias, así como o silledense deputado en cortes Alonso Ríos, o célebre "Siñor Afranio" que se escondía en Forcarei, serían perseguidos na nosa terra polos falanxistas nos anos da Guerra Civil. Pola outra banda, o asasinato do mestre e falanxista José Couceiro e maila súa dona no ano 1949, en Soutelo de Montes, atribuído á banda de Foucellas, pon o contrapunto tráxico ó enfrontamento fratricida en Montes na primeira metade do século.
     En 1955 o concello de Beariz, que xa deixara de pertencer á bisbarra no plano administrativo e político, resulta tamén segregado do arciprestado de Montes por decisión persoal do cardeal Quiroga Palacios, co que se creba definitivamente a unidade comarcal, aínda que os lazos que vencellan os tres concellos de Montes seguen a existir, por riba mesmo da división provincial, o que nos dá a medida da forte personalidade e implantación que a comarca tradicional, aquela Montes meta sueva, segue a ter.




ARTE E TRADICIÓN: O MOSTEIRO DE ACIVEIRO E OS OFICIOS TRADICIONAIS

     Se existe un fito aglutinador e creador de vida nos eidos social, cultural e económico na Terra de Montes ó longo de sete séculos, ese é o mosteiro de Aciveiro, verdadeira xoia do románico serodio, xerador dos máis diversos oficios artesáns e matriz dun Colexio de Teoloxía Moral.
     Na inscrición que hoxe podemos ler na parede sur do templo cenobial (non era esa a súa orixinal ubicación) testifícase a data da súa fundación: "Era millesima centesima septuagesima tercia quarto nonas Februarii factum est. In primo duodecim fratres venerunt in hoc loco nobilisimo ipse tenens centum sex monachi sub regula Santi Benedicti" que, vertida ó galego, ven dicir : "Era de 1173. No ano 1135 fíxose (o mosteiro) o 2 (Rodríguez Fraiz apunta equivocadamente o 4) de febreiro. Nun principio chegaron a este lugar nobilísimo doce irmáns (monxes). Ten agora 106 monxes baixo a regra de San Benito"
     O conxunto, que a partir do ano 2000 alberga unha Pousada de Turismo Rural, non data na súa totalidade do século XII. De planta basilical, o templo é o único que resta da primixenia arquitectura románica, agás a fachada, que sería erguida no século XVIII no estilo barroco popular que practicaban por aquel entón os nosos mestres canteiros e que remata nun piñón con cruz. Sobre a portada austera, que contou ata a primeira metade do século XX cun porche, érguese un frontón triangular con pináculos nos extremos, coroado por unha estatuíña da Virxe sobre a que se abre unha fiestra arqueada. Esta sobriedade vese apoiada por outras dúas solitarias fiestras cadradas que serven para dar luz ás naves laterais. Sobre a fachada elévase un campanario espadanado con dous corpos, o inferior, que alberga as campás baixo senllos arcos peraltados, e o superior, cun só arco similar ós dous inferiores.
     O interior reflicte con total fidelidade a escola compostelá, á que imita nos piares, na distribución das naves e mesmo no triforio, que aquí, pola ausencia de tribuna, é meramente ornamental, caso que se dá en rarísimas ocasións na tipoloxía cisterciense galega (só comparte esa característica distintiva con outros dous exemplos: Santa Mariña de Augasantas e Santa María de Xunqueira de Ambía, ámbalas dúas do románico ourensán). Os capiteis son variadísimos e de labra admirable. As naves carecen de bóveda, e a armazón da teitume, de madeira, apóiase sobre o falso triforio. Pódense contemplar no interior, ademais das distintas capelas, dous sepulcros de pedra que, segundo os distintos expertos, cómpre atribuir a don Pedro Martínez, da Casa de Sotomayor, a San Gonzalo das Penas ou ó primeiro abade, de nome Pedro.
     Un anterior retablo, construído no século XIV, foi reemprazado polo actual, con tres corpos de recargada decoración, que se atribúe a Miguel de Romay, autor tamén do retablo de San Martiño Pinario.
     Cobren as capelas interiores ben traballadas bóvedas, a central de intrincada nervadura e con fermosos rosetóns nos cruces. Pero onde a estética acada maiores cotas é na vista exterior da ábsida, onde se erguen dous corpos semicirculares ós lados e o central hexagonal, coma na igrexa coruñesa de Santiago de Mens. Os laterais teñen dous óculos e dúas fiestras, e o central desprega elegantes arcos de medio punto, tres cegos, coroados todos con moldura xadrezada. Sostéñenos lanzais columniñas cilíndricas rematadas en finos capiteis de labra prodixiosa. A cornixa ofrece uns orixinais modillóns decorados con taqueado xaqués. Todo o conxunto absidial está creado no estilo románico-bizantino propio da época.
     No lado que dá ó norte, é digna de admiración polo seu traballo unha porta tapiada desde hai moitos anos, con ornamentación nas tres faixas que a compoñen (alternando motivos xadrezados, rosetóns e óvalos encadeados), apoiadas en toscas xambas, unha delas salomónica, e con capiteis un tanto arcaicos se os comparamos con outros dos que se poden admirar no interior.
     O recinto cenobial, coa estructura totalmente fiel ás pautas cistercienses (en torno a un claustro distribúense as distintas dependencias: cociña, refectorio, scriptorium, sala capitular, celdas dos monxes, corte dos cabalos ), está practicamente rehabilitado na súa integridade.
     Aparte do fermoso e orixinal románico que nos legou, cómpre agradecer ó mosteiro o seu signo seminal cara ós novos oficios que, co tempo, foron cobrando vida nas xentes de Montes. O rei dos oficios na comarca é o da pedra. Os canteiros de Montes, de merecido renome, tamén deixaron profunda e duradeira pegada non só nas súas casas, hórreos, pombais, cruceiros, pontes, muíños e ermidas. Tamén percorreron e impregnaron de bo facer artesán terras alleas, mesmo alende o mar. Ademais da autohomenaxe que supón cada pedra das vellas aldeas dúas son, por riba de todas, as mostras de pleitesía que a Terra de Montes tivo para este gremio de pequenos demiurgos de cruceiros e pontes. Unha está representada no monumento ó Canteiro sito na praza de Cerdedo, obra do escultor Enrique Velasco e a Escola de Canteiros de Poio, e promovida pola "Asociación de Amigos da Terra de Montes", lembrando a súa terra (a Galleira, no latín dos canteiros). Na lenda do monumento figuran aqueles agradecidos versos que escribira o poeta Celso Emilio Ferreiro:

Caste de poetas,
pequenos deuses construidores
dos refuxios que nos acobillan
da chuvia e da neve,
chouzas nas que nacemos,
copulamos e morremos.
Que Caicoa vos garde.


     A outra toma corpo no libro Canteiros e artistas de Terra de Montes e Ribeiras do Lérez, onde o cronista Antonio Rodríguez Fraiz compón un exhaustivo e ameno censo dos "arxinas" e artesáns desta terra, que os veu nacer a centos.
     Os oficios artesáns tiveron tal trascendencia que non se entendería a vida sen eles. No Catastro do Marqués de la Ensenada, do ano 1752, podemos observar a representativa variedade: 772 canteiros, 290 carpinteiros, 122 texedores, 122 borreiros (trafegantes da cera), 95 arrieiros de viño, 94 xastres, 41 ferreiros, 58 costureiras, 61 carboeiros. Había ademais bataneiros, cardadoras de liño, cereiros, cesteiros, ferradores, gaiteiros, muiñeiros, panadeiros, prateiros, torneiros, zapateiros e un sinfín de ocupacións perdidas todas na era esclava do reloxo e da tecnoloxía. Podemos, eso si, gozar das súas inmorredoiras obras, porque cada muíño, cada hórreo, cada cruceiro ou peto de ánimas, mesmo cada bufarda, son obras mestras de paciencia, bo facer e sabedoría secular.
     Don Antonio Fraguas Fraguas dicía no prólogo da obra dedicada ós canteiros e artistas que "A obra de Don Antonio Rodríguez Fraiz, constitúe a maxistral demostración da óutima categoría dun oficio que, realmente, é ben merecente dela". Algún dos artesáns ós que o libro está consagrado son o mestre Pedro de Arén, nacido en Cerdedo no século XVII, que había ser o artífice da obra que reformaría a fábrica da igrexa e coros do convento compostelán de Santa Clara, así coma da Torre dos Sinos da Catedral de Ourense; Virxilio Blanco, nacido en Presqueiras (Forcarei) en 1896, que destacaría coma un dos mellores pintores da vangarda de principios de século; Xosé Bugallo, nacido en Pardesoa na metade do XVIII, autor da portada da igrexa de Quintanilla de Somoza (Astorga); o inmorredoiro Avelino Cachafeiro, poeta, pintor e, sobre todo, o mellor gaiteiro de Galicia, en crónica afervoada do patriarca Castelao; Manuel Doval Cadavid, autor da fermosa imaxe do corazón de María que se pode ollar no exterior da igrexa de Millerada entre senllas columnas salomónicas de virtuosa talla; Antonio Ferreiro, nacido en Quireza (Cerdedo) a mediados do XIX, autor dos cruceiros de Aciveiro e Forcarei; Xoán de la Fuente, nacido no primeiro tercio do século XVI, en Aciveiro, que traballaría no Claustro das Procesións do mosteiro e tamén na reedificación da Torre dos xuíces-meriños, xa en Soutelo (no ano 1602); Xosé Nieto, o mestre arquitecto que deseñou a igrexa de San Xoán Bautista de Cerdedo; Xosé Rivas, mestre de cantería nacido en Lebozán (Beariz) nos primeiros anos do XIX, coautor con Pedro Vázquez da espadana da igrexa de San Román del Valle (Astorga) en 1850; Xosé Barreiro, cereiro e borreiro que chegaría a ter o máis significativo obradoiro de cera de Terra de Montes, en Dúas Igrexas; Xosé Barreiro Gómez, o pintor, hoxe dos máis valorados en Galicia, nacido en Loureiro; Diego de Cana, o primeiro gaiteiro do que temos noticia en Terra de Montes, nacido no primeiro tercio do século XVI; Xosé Couceiro Blanco, canteiro que morreu traballando en obras de restauración da Catedral de León, e moitos outros, dignos tamén de seren lembrados, que en palabras da sua xerga, o "verbo" ou "latín dos canteiros" poderían ser definidos coma "muriadores de xideces que xarecen muriadas por Queicoa" —autores de marabillas que semellan feitas por Deus— . O elegante equilibrio que xunguía os froitos deses artistas a unha natureza vizosa coma a de Montes tamén está presente na fermosura e musicalidade desta xerga que perde as súas orixes na época en que comezaban a se artellar os distintos gremios, e que foi producto dunha exhaustiva investigación do inquedo cura Feliciano Trigo Díaz, plasmada en 1993 nun imprescindible libro-diccionario titulado "O Verbo dos Arginas de Avedra", no que se recollen algunhas cántigas salaces que se prodigaban entre os canteiros da zona:

Esta raula no escaino
ha de haber o verbo xido
patanachas con jumetes
e mais o verbo do kilo
Caloeriña das bouzas
caloeriña das bouzas
esta raula llasto allezos
abismarche a bacharouza
O barroi llasteu á bacha
axando jandir jumetes
encaturrou a xabouca
e aniscouse nos calquetes
O purrio e mais a purria
oretan de fris ajirra
porque lle llasten os zuros
o patelas e o argina.

     Ou a tan popular Verbo xido miña purria / que intervas por areona / heiche de aniscar os zuros / e mais rosmarche a morrona, que foi introducida nunha peza do pioneiro grupo folk "Fuxan os Ventos" no ano 1981. O verbo é , con toda seguridade, a xerga ou dialecto máis descoñecido, posto que, cando se usaba era críptico e hermético para a maioría, e hoxe está a piques de desaparecer, arrecantado na memoria dos vellos canteiros que aínda sobreviven daquela época de penurias.
     Pero tampouco podemos esquecer a obra dos "arxinas" na súa propia terra, na casa popular e nas construccións adxectivas. As orixinais vivendas de Montes, maltratadas polo tempo, e tamén pola modernidade, como nos fai ver, no estudio "Etnoarqueología de los abandonos en Galicia. El papel de la cultura material en una sociedad agraria en crisis" o novel arqueólogo soutelán Alfredo González Ruibal, son notablemente representativas da tipoloxía de muros de cachotería de pedra de gran e de lousa-xistosa disposta de xeito concertado (pódense ollar significativos exemplos na Noveliza (Acibeiro), ou en Serrapio e en Filgueira (Cerdedo). En toda a bisbarra, o remate dos muros coa cuberta, que adoita ser a dúas augas, coñécese co nome de pinche ou muro piñón. Os remates son toscos e non adoitan levar pezas de cantería para reforzar os encontros cos muros, senón unhas lousas grandes de pedra (as carpias ou capias) a xeito de enlace da cuberta cos muros piñóns. Estes son en xeral de cachotería vista, encintada ou non, tendo algunha excepción en lugares coma A Ponte (Forcarei). Unha das modalidades de fiestra menos coñecida xeralmente, pero que na Terra de Montes aparece en bastantes ocasións é o ventanuco circular formado por dúas pezas de cantería de pedra de gran, que se ubica con frecuencia nos muros das escaleiras para darlles luz. O seu tamaño supera ó das bufardas (as pequenas e características fiestras que aseguraban a ventilación das cortes, que nalgúns casos son obras mestras da arte da labra en pedra).
     As portas das vivendas substitúen na maioría dos casos o antepeito por unha lousa de pedra colocada máis alta có nivel do chan para evitar a entrada de auga nas vivendas, e na parte superior a peza denominada lumieira está composta por unha soa pedra de gran que en ocasións leva gardapolvos. Nas portas do carro, a lumieira debía ter unha luz máis cumprida, e a solución máis socorrida era a sustitución por unha viga de madeira ou ben a adopción dun pequeno arco de descarga.
     Canto ás cubertas, as utilizadas xeralmente eran as de tella ou xisto na vivenda, e a de xisto nos fornos e nos muíños, aínda que non resulta raro ver nestes últimos algún teito de lousa de pedra de gran, coma no muíño que se atopa cabo da Ponte de Ricobanca (Beariz).
     Entre os elementos constructivos interiores cómpre salientar as divisións horizontais, as verticais, o lar e a cociña, unidos, e as cortes. Adoitaban construírse os elementos divisorios horizontais, os que separan e soportan as cargas das plantas superiores, de madeira de piñeiro, carballo ou castiñeiro. Os verticais comezaron sendo sinxelos taboados practicamente sen evolución desde a Idade Media, e remataron por incorporar o ladrillo paulatinamente a partir de mediados do século XX.
     A cociña e mailo lar constituían o núcleo, a parte vital da vivenda, onde tiñan lugar tódolos actos, cotiáns ou extraordinarios, que desenvolvía a familia, e aínda hoxe prevalece a súa condición de relevante símbolo da hospitalidade da xente da aldea.
     As cortes resultaban tan básicas na economía agraria que en moitísimos casos ocupaban máis espacio có resto da vivenda. Só se ventilaban por medio das bufardas e ventanucos.
     Os fornos de cocer o pan tamén eran pezas básicas na vivenda tradicional, e podían ser, ó igual cós muíños, de propiedade comunal ou particular (o usual era o segundo caso en Montes). Soían ser de granito ou lousa, integrados e sobresaíndo na planta baixa, a carón da lareira. En Grobas (Forcarei), sen embargo, aínda se pode ver un forno exento, cunha estancia exclusiva para el, a un lado da palleira, como amosa a ilustracion de Ramiro Barros Justo.
     Entre as denominadas construccións adxectivas as máis próximas eran a palleira e mailo hórreo. A disposición destes separa en dúas zonas á comarca: mentres no norte (Forcarei), a fórmula imperante é a dos hórreos vencellados ás vivendas, no centro e sur (Cerdedo e Beariz) preséntase unha tendencia ó agrupamento en eiras comunais, como é o caso da Eira da Ermida de Filgueira e a Eira Grande de Pedre, en Cerdedo, ou as de Magros e Muradás, en Beariz. A tipoloxía é xeralmente mixta, de pedra e madeira, pero existen casos de construccións unicamente en madeira (o derradeiro hórreo destas características en Montes —crese que esta tipoloxía puido ser introducida polos suevos— ubícase na eira próxima á Torre de Alarma da Barciela (Castrelo), a punto de desaparecer, como xa lle ocorrera no ano 1997 ó derradeiro dos cabaceiros — primitivo hórreo de planta redonda con cámara de cestería— que había en Terra de Montes, no lugar de Cotiño (Acibeiro), reproducido fielmente noutra das ilustracións de Ramiro Barros Justo. A disposición das pedras da base deste desaparecido exemplar proviña, segundo este autor, da disposición que adoitaban practicar os moradores dos castros). Tamén existen, sen ser o máis frecuente, casos de construccións integramente en pedra, das que conservamos un gráfico exemplo no hórreo de Ricobanca (Beariz).
     É abondosa a existencia en Montes doutras construccións tradicionais coma alvarizas, alpendres, cabaneis, fontes, pozos, regas, lavadoiros e muíños. En relación cos oficios tradicionais sería precisa unha forte labor de recuperación, tal como está a facer a "Escola-obradoiro Terra de Montes", ubicada no mosteiro de Acibeiro, porque na actualidade só podemos detectar a presencia activa dunha coroceira en Doade (Beariz), que aínda fai por encargo corozas e carapuchos, e unha cerería na Casanova (Forcarei), con lagar tradicional do século XVII, coma derradeiro testemuño dunha terra que foi sobrenomeada ó longo de séculos coma "A Borreira", pola actividade predominante dos borreiros ou trafegantes da cera. Lembremos que no ano 1752, na parroquia de Dúas Igrexas (Forcarei), 119 dos seus veciños eran borreiros ou trafegantes e elaboradores da cera. Este proceso describíao Antón Alonso Ríos, deputado agrario e galeguista, no seu cariz de "refuxiado" en Forcarei no transcurso da Guerra Civil. No seu libro O Siñor Afranio, que relata maxistralmente como sobreviviu á persecución da Falanxe amparándose na falsa personalidade dun esmoleiro portugués, revive a concorrencia dos borreiros, despois de "recolleren as colmeas das albarizas e dos lagares as entenas das que se tiña tirado o mel, co gallo de derretelas, prensalas e facer a cera virxe". Era este outro dos oficios que xurdira á sombra do mosteiro, incontestable propulsor tamén da actividade comercial a través da implantación dunha rede de feiras e mercados, como amosou ata mediados do século XX a puxanza das de Doade, Soutelo, Fondós ou Aciveiro.




POLOS SENDEIROS DE MONTES

     En Montes existen fermosos emprazamentos naturais, lugares tan anónimos coma omnipresentes; quizais por elo non sexa o máis conveniente homologar ou catalogar diferentes rutas de sendeirismo, nunha terra onde cada sendeiro, cada verea, son en sí mesmos obras de apreciable beleza onde antano se combinaron e irmandaron perfectamente a pródiga nai natureza e maila sabia e respectuosa man do home da aldea.
     Aínda así, catro desas rutas poden, certamente, exercer unha maior atracción sobre o sendeirista. A primeira á que temos por forza que acudir é a "Ruta das Pontes do Lérez", xurdida á sombra dunha obra de colaboración entre o cronista Antonio Rodríguez Fraiz e o artista Agustín Portela Paz, que vai describindo e retratando puntualmente cada unha das pontes sobre o Lérez, o seu entorno e mailos retallos de cultura inmaterial ligados ás zonas polas que o río discorre. Non foron, sen embargo, estes dous autores os primeiros en canta-las excelencias do Lérez. Frai Martiño Sarmiento, con antepasados en Cerdedo, dedícalle unha case desmedida atención a este río que nace en Acibeiro, a escasos dous quilómetros do mosteiro. Transmítenos o gran filólogo as súas dúbidas verbo da orixe etimolóxica da voz Lérez (orixinalmente Leron ou Laeron): "...ni sé si es voz de la lengua primitiva, si de la céltica, si de la griega, o si de la latina", e apunta unha imaxinativa hipótese: "Siendo Pontevedra Hellenes y su significado, pueblo o país habitado de hellenos o griegos, claro está, que sin violencia, se pudo llamar el río Lérez, río de los griegos o fluvius hellenôn. Supuesto lo dicho, pudo haberse dicho Leros o Leron, mudando la N en R, tránsito común, sincopado el Hel-leron de Hel-lenon. Y acaso así se llamaría, y por lo mismo no me determino a creer sea voz latina... Mientras, digo que Laeros, se dijo Leros, Lericos, Lerice, Lerce, Lerze, Lerz, Lérez y Leriz". Diríase que podemos chamalo, pois, coa licencia do sabio Martiño, o río dos mil nomes na terra dos mil ríos de Cunqueiro. Tamén outro cerdedense, o poeta Xosé Roxelio Otero Espasandín, que neste 2000 cumpre o seu Centenario, dedicou un fermoso poema ás pontes do Lérez, no que queda ben patente o seu amor pola terra: Pontes do río Lérez / feitas de ceo e pedra: / lévovos no recordo / sempre ledas. / Firmes pontes / brinco de orela a orela / maternos brazos / da ialma da Galecia: / comigo andades sempre, / as meniñas dos ollos moi abertas, / cara ó lonxe do tempo / e das estrelas.
     O percorrido desta ruta, deseñado por Gumersindo Ferro, comenza no lugar de Pedre (Cerdedo) e remata a poucos metros do nacemento do río, ó pé do Candán (Acibeiro). Sepárase nalgunhas zonas do cauce por mor das condicións topográficas adversas, e divídese en 9 tramos que supoñen un total de 24 quilómetros:

1- Ponte de Pedre - Ponte de Vichocuntín: quilómetro e medio que discorre nos comenzos entre uns valados de pedra que conducen á Eira Grande de Pedre, aldea que foi calificada por algúns etnógrafos coma o "Combarro interior".
2- Ponte de Vichocuntín - Ponte de San Antón: tramo de 2 quilómetros que transcorre por unha zona chá e con abundante arborado.
3- Ponte de San Antón - Ponte do Pego: 5 quilómetros. Desviándose ó pobo de Cerdedo pódese ve-lo conxunto de hórreos da Eira da Pena, e voltando ó río existe unha boa cantidade de muíños sen perde-la traxectoria do cauce.
4- Ponte do Pego - Ponte Parada: outro quilómetro e medio. Tramo que consolida un paso de socorrido uso para os pescadores na marxe esquerda. A Ponte Parada é digna de contemplar facendo un alto no camiño.
5- Ponte Parada - Ponte Gomaíl: tramo de 3 quilómetros e medio que une dúas das pontes máis fermosas da ruta. Atoparemos un camiño que antigamente servía de acceso a unha das primeiras mini-centrais da era protoindustrial que xerou a corrente eléctrica para o municipio de Forcarei, a dos Gulías.
6- Ponte Gomaíl - Ponte Maril: nestes 2 quilómetros atópase un anaco de camiño empedrado entre a ponte nova e a chamada Ponte Vella do Batán, de Forcarei.
7- Ponte Maril - Ponte Carballa: parte este tramo dunha paraxe acolledora e rebordante de vexetación a carón do acampamento xuvenil de Ponte Maril, e discorre por bosques e carballeiras case en pemanente sombra. Ten 3 quilómetros.
8- Ponte Carballa - Ponte Vella de Andón: nun espacio de 3 quilómetros e medio recupérase unha vella verea que ía desde Ponte Carballa a Acibeiro, por mor do encaixamento que fai impracticable a zona de ribeira. Transcorre a ceo aberto polos montes de Valiñas e da Furada.
9- Ponte Vella de Andón - Ponte Vella do Rabelo: os dous derradeiros quilómetros transcorren por terreos de capa vexetal moi fonda, e condúcennos ás proximidades do nacemento do Lérez. A ponte da que parte este derradeiro tramo, a Ponte Vella de Andón, ben merece un alto no camiño, para observa-la fermosura desta obra mestra do románico popular, atribuida a San Gonzalo das Penas cando era abade do mosteiro de Acibeiro, que queda a uns catrocentos metros da ponte.

     Da maxia e beleza desta ruta xunguida ó río, ás pontes, ós muíños e ó mosteiro, fálanos a propia tradición do noso país: no mundo mítico galego a auga, en tódalas súas formas (ríos, fontes, a mar) ten unha vital relevancia. Tamén universalmente está vencellada a un simbolismo circular de morte e resurrección. Este valor mítico da auga atópase nos máis antigos textos da humanidade e, por exemplo, na epopeia sumeria de Gilgamesh concreta o mito do eterno retorno. Vense claros, pois, os lazos de unión das tradicións seculares ó redor da auga cos ancestrais "enxebramentos", ritos propios do folclore galego que equivalían ó bautismo dos nonnatos ou bautismos anticipados cando se temía pola vida da criatura no ventre materno, o mesmo cós rituais de fertilidade ou de exorcismo. Da práctica dos variados tipos de ritos hídricos existe constancia nalgunhas pontes do Lérez, coma na Ponte Vella de Andón, Gomaíl, Parada ou Pedre, acompañada sempre dos correspondentes ensalmos e esconxuros.
     Outro sendeiro, fillo da tradición e da historia miúda deste país de oficios, é o coñecido coma "Camiño Vreeiro" (denominación tautolóxica, toda vez que os dous conceptos expresados ofrecen idéntico significado). Esta ruta, tamén chamada "dos arrieiros" xerouse na Idade Media coma alternativa ás rutas que atravesaban espacios de maior densidade demográfica, co fin de fuxir das portaxes e outros impostos comerciais. Subía practicamente dun tirón desde o Ribeiro ata Santiago, sen apenas ramais secundarios, e penetraba na comarca de Montes pola freguesía bearicense de Doade, despois de transitar 20 quilómetros por unha diagonal que separaba os dominios dos mosteiros de Melón e Acibeiro. Atravesaba as paraxes do Porto de Rodeiro, Laxa Blanca e Portela da Cruz, na serra do Suído, e un dos escasos ramais levaba á ermida da cima de Santo Domingo. Tras pasa-la ponte románica de Ricobanca, a carón dun fermoso exemplar de muíño con teito de pedra de cantería, dirixíase ó monte Seixo e posteriormente ó val de Alfonsín (Presqueiras), seguía por San Miguel, Morgade e Folgoso, cruzando o Lérez pola Ponte Parada, subindo por Lama Ferrada á zona de Santa Mariña de Castrelo, onde se conserva en bo estado a lanzal Torre de Alarma da Barciela, do século XV. Pasaba, no tramo final de Terra de Montes, por Vieiro (outro topónimo vencellado etimolóxicamente ó propio camiño), Liñares, Mámoa, Cima da Costa, as Baiucas, Quintillán, Rúa, Cruceiro e Fonte Blanca. Na Mámoa (Castrelo) existe un campo con máis de 20 túmulos ó lado deste antigo camiño. O Camiño Vreeiro está aínda por sinalizar, e o seu percorrido, duns 20 quilómetros, atravesa de sur a norte a Terra de Montes. É, ademais, a vía por onde se xerou o prato típico da gastronomía de Forcarei, a Richada.
     Na Serra do Candán, espacio de protección medioambiental, cabe a posibilidade de facer dúas rutas de considerable atractivo natural e etnográfico. A primeira, recollida nunha publicación de Paco Armada sobre Sendeiros de pequeno percorrido na provincia de Pontevedra, ten coma punto de partida o campo do mosteiro de Acibeiro e, ó longo de 11 quilómetros, transcorre polos lugares de Masgalán, a cima de Seixiños Brancos, Porto Candán, cume de San Benito, a aldea aillada de Grobas e Bustelos. No tramo final, o que vai do fermoso recanto de Grobas a Bustelos, aínda atopamos un anaco longo dun soberbio e vedraño camiño enlousado polas faldras do monte. O propio autor, Paco Armada, resaltábao coma o máis suxestivo e atraente dos dezaseis que compoñían o seu libro.
     Outra ruta, de maior duración e dificultade, pódese facer partindo de Fixó, na freguesía de Millerada, atravesando os lugares de A Cabana, A Trigueira, Portomartiño, Ameixedo (lugares pertencentes á comarca histórica, hoxe no concello de Lalín), e Grobas, A Noveliza, Rochela, Vilaverde (xa en Forcarei), rematando tamén no adro de Acibeiro. Esta ruta alberga algúns espacios dignos de visitar con calma, coma o mesto bosque que atopamos á beira do Ameixedo, unha devesa ubicada na umbría do monte Coco, mirando ó Candán, e que ilustra o que debeu de sé-lo aspecto de grande parte da zona de media montaña galega, é dicir, frondosidade, vexetación tupida e unha enorme variedade de especies vexetais. En poucos lugares se poderá, sen dúbida, atopar semellante mostra do bosque autóctono galego, posto que o lume, a deforestación e a invasión de especies alleas, entre outras causas, fixeron que só en zonas illadas coma esta, case despoboada, cun alto grao de humidade e elevada pendente, sobrevivise esta marabilla, cumio da evolución das formacións vexetais de Galicia, na que aparecen carballos, castiñeiros, bidueiros, acivros, sanguiños, ameneiros, ruscos, fentos e arandos, todos sobre unha grosa capa de brión que cobre o chan do bosque. Tamén nesta ruta podemos olla-los restos de dúas das neveiras (o comercio do xeo foi unha das actividades máis rentables nos séculos XVI e XVII) pertencentes ó mosteiro de Acibeiro, próximas ó cruce entre o camiño que unía Fixó con Grobas e o Camiño Real que enlazaba o propio mosteiro co Ribeiro ourensán a través do Paraño. Diversas zonas de antigas explotacións mineiras e unha central hidráulica de principios de século, na Trigueira, complementan e completan os atractivos de por sí grandes deste sendeiro.
     Cabe salientar, pois, a importancia natural, artística e antropolóxica de calquera das rutas expostas, sen esquece-la premisa que plasmabamos no principio deste apartado referente á riqueza e densidade de atractivos visuais e culturais para calquera dos sendeiros que se poidan improvisar en toda a Terra de Montes.




O TURISMO RURAL

     Un dos principais atractivos do nacente sector turístico de Montes ha estar baseado, por forza, no potencial natural, nun entorno favorecido medioambientalmente pola presencia de varios espacios protexidos: a zona que abrangue a Lagoa Sagra e mailos humedais ou brañas de Xestoso, a Serra do Candán, na que destaca o val de Grobas, e unha porción da Serra do Cando. A primeira zona foi motivo e obxectivo dun ambicioso documental levado a bo termo polo naturalista pontevedrés Federico de la Peña, redondeando e completando un traballo, "O Latido da Braña", que xa fora galardoado co premio "Casa das Ciencias de Divulgación Científica" da Coruña no pasado 1996, na que fora a primeira ocasión en que unha curtametraxe documental galega recibía tal recompensa. A Lagoa Sagra é unha das escasas lagoas naturais de montaña da provincia de Pontevedra, envolta en lendas populares e mesmo obxecto de estudio polo etnógrafo Fermín Bouza Brey. Ubícase preto do lugar de Valadares (Meavía), xusto no límite setentrional da Terra de Montes, e cobra ademais interese arqueolóxico por estar próxima a unha zona de enterramentos prehistóricos, as mámoas de Boimorto. Mantén auga durante os invernos e primaveras chuviosas, e constitúe un reducto de cría e vida da estronza (a rá de San Antonio - Hyla arbórea), ademais da interesante presencia doutros anfibios e invertebrados acuáticos. É visitada ocasionalmente por aves coma a Garza Real ou o Ánade Real e algunhas aves limícolas de paso.
     As serras do Candán e Cando presentan a paisaxe común de media montaña (as cotas máis elevadas pouco sobrepasan os 1.000 metros) e albergan vales e grobas de inusitado interese, coma a que podemos ver entre Acibeiro e Millerada co propio topónimo de Grobas, onde quedan os restos dun núcleo de poboación tradicional e incontaminado, antigamente só comunicado por estreitos pasos de montaña e onde tamén nace o río Grobas, afluente do Deza. Este pequeno reducto resulta dunha insólita e agreste beleza.
     Estes espacios complementan, mellor ca ningún outro factor, a labor que se está a facer actualmente de recuperación de vivendas tradicionais para seren dedicadas ó agroturismo ou turismo rural. Ás casas que xa existen, Casa Yosa en Castrelo (Forcarei); Casa Florinda en Pedre (Cerdedo) e a "Zapatería del tío Ramiro" en Alvite (Beariz), vanse sumando outras en toda a Terra de Montes, ademais da hospedería de turismo de tres estrelas que se empraza no mosteiro cisterciense de Aciveiro, trala súa rehabilitación integral.
     Así mesmo, estes interesantes e necesarios proxectos de restauración de vivendas veranse tamén complementados por empresas vencelladas directamente ó turismo rural que poden facilitar ó visitante a práctica de rutas a cabalo (unha empresa e cada un dos concellos) e iniciativas de sendeirismo (a ruta das "Pontes do Lérez" ou o sendeiro natural circular en torno ó mosteiro de Aciveiro pola serra do Candán).
     Xa existe, por outro lado, unha oferta desde hai uns anos para a práctica de parapente, na Escola Municipal de Parapente de Cerdedo, ubicada na ladeira do Monte Seixo, que tamén dispon dun albergue de 8 prazas. Esta Escola foi a gañadora do premio á "mellor escola galega de Parapente", que concede a Federación Aeronáutica Galega.
     A todo elo hai que unir unha gastronomía tradicional onde se poden degustar pratos coma a carne richada, con festa de exaltación en Forcarei o primeiro domingo de Nadal, a galiña ó sal, distintos productos de caza e pesca ou a carne ó caldeiro, todos sabiamente elaborados polos artesáns da cociña de Montes, e acompañados dun pan que ten a súa bandeira no famoso pan de Soutelo, localidade que tamén comezou no pasado 1999 a ofrecer a Festa do Cogumelo, que se celebra no mes de novembro.




TERRA DE ARTISTAS E HOMES DE LETRAS

     Ademais da inxente cantidade de anónimos artesáns que deron forma ás casas, muíños, cruceiros e pontes, cativos e enfeitizadores demiurgos da pedra labrada nesta terra que chaman de canteiros, inmortalizados no monumento ó Canteiro de Cerdedo, existe un nutrido e notable elenco de artistas e homes de letras que tamén deixaron a súa fonda pegada ó longo da historia de Montes. O pioneiro foi, sen dúbida, o abade de Acibeiro, logo canonizado coma San Gonzalo das Penas, a quen debémo-la creación da Escola de Teoloxía Moral de Acibeiro, no século XV, a vella ponte románica de Andón, a primitiva Ponte do Crego, de Dúas Igrexas e , sobre todo, a inquedanza cultural e formativa que trouxo como consecuencia o feito de que a principios do século XX, Montes estivese por debaixo do 2 % na taxa de analfabetismo, porcentaxe insólita daquela nun marco non urbano.
     O dezaoitesco Frai Martiño Sarmiento, con casa familiar en Cerdedo, deixou unha obra recoñecida e valorada por todos cantos autores o seguiron no ámbito da etimoloxía e da lingüística galega, e mesmo afondou nas raíces do folclore e da etnografía do noso país, sentando as bases para posteriores traballos de autores coma Fermín Bouza Brey ou José Luis Pensado, entre outros moitos que o tiveron por mestre fundamental en todas e cada unha das múltiples disciplinas ás que este xenio se consagrou.
     Dos tempos da imaxinería barroca galega quedan patentes as presencias dos mestres talladores e canteiros na comarca a través das súas obras. O retablo de Acibeiro atribúese case con toda certeza a Miguel de Romay, o Ecce Homo de Cerdedo foi feito por Xosé Gambino, e aínda maior é a presencia do mestre Cerviño, que deixou en Montes a torre da igrexa de Beariz e mailo cruceiro de Xirazga, con excelente talla nas figuras de Adán e Eva que se atopan na parte inferior do fuste.
     Xa no século XX, estas altas terras serviron de inspiración a poetas da talla de Xosé Roxelio Otero Espasandín e Benito Veloso Prado, entre os coterráns, ou Noriega Varela e Amado Carballo, entre os foráneos que atoparon aquí o seu nume. Amado Carballo, o creador do "hilozoísmo" a quen Otero Espasandín prologou a súa obra póstuma "O Galo", viviu nas terras da Madalena os derradeiros anos da súa vida, e alí se inspirou para compoñer esa obra fondamente lírica que inclúe poemas coma "O arrieiro" e o fermoso "Canto de arada", que remataba: O vento cego relouca / viudo de clocheles e árbores / no Casal de Vilapouca.
     Otero Espasandín canta nos seus poemas " ó Lerez, a Castrodiz, á flor do toxo, á gloria das labercas e á brancura das neves de febreiro", en suma, a unha natureza montesía á que lle pide "metro e medio de chan pra cando morra", mentres Benito Veloso Prado orienta desde o exilio as súas composicións á sátira e ó sainete, compoñendo "Sangre gorda", "Un morto que fala" ou a letra do pasodoble titulado "Viva Forcarei !" que foi estreado en 1924 no Centro Galego de Buenos Aires.
     Eran tempos tamén doutros dous grandes artistas da terra: Avelino Cachafeiro, o celebérrimo Gaiteiro de Soutelo que, tendo detrás o amor pola música que lle inculcaran o seu pai e o seu avó, e seguindo o ronsel que trazara Diego de Cana, o primeiro gaiteiro do que temos noticia en Terra de Montes (século XVI), soubo artellar, coma polifacético artista que foi, unha obra fondamente enraizada na cultura do pobo, a través dos seus sons, dos seus versos ("Voando cas aas da vida") e mesmo das súas pinturas e tallas en madeira, ata o extremo de ser cualificado por homes da valía de Castelao ou Otero Pedrayo coma arquetipo perfecto do artista popular e comprometido, e cerna da inesgotable e sabedora cultura aldeá que Avelino atesouraba. A el, ó seu pai e ós seus irmáns está dedicada a estatua que se ergue na Praza do Gaiteiro, en Soutelo de Montes.
     Virxilio Blanco, presqueirense de recoñecida fama entre a vangarda pictórica do primeiro tercio de século, é outro deses homes que fan grande unha terra. Del lembrábase o dezano Laxeiro cando escribiu as súas memorias : "... nas clases do Plantel de Enseñanza Concepción Arenal do Centro Galego da Habana coñecín, como alumno, o que sería gran pintor e moi amigo meu Virxilio Blanco, que era natural de Presqueiras, cerca de Forcarei. Traballaba de día na tenda "El Encanto" e de noite asistía ás clases de debuxo e pintura. Lembro con que ledicia o fomos despedir ó peirao Luz, porque o Centro Galego, como era tan bo alumno, concedéralle unha beca para perfeccionarse en Europa". Corrían os primeiros anos da década dos vinte cando esto sucedía en Cuba. Á súa morte, acaecida a finais dos corenta, Virxilio deixou abundantes mostras do seu enorme talento artístico, algunhas delas no Museo de Pontevedra.
     Nesa mesma década veu a luz en Loureiro (Forcarei) o outro grande pintor de Montes, José María Barreiro Gómez, tamén gran amigo de Laxeiro, con quen coincidiu a finais dos sesenta en Buenos Aires. Pintor de liña vigorosa e virtuoso da cor, ten exposto a súa obra en lugares tan diversos coma Chicago, Miami, Lisboa, Buenos Aires, Caracas, Canadá, Francia ou Alemania. O seu é un expresionismo robusto (especie de "fauve" galaico) que chega á harmonía, paradoxalmente, a través da disonancia. Funda o denominado "Prismatismo", que proclama o enriquecemento expresionista do tema por medio da descomposición de cores básicas. Na actualidade é un dos máis cotizados pintores dentro do panorama da pintura galega. Algunhas das súas obras pódense admirar na Casa do Concello de Forcarei. É este un edificio de estilo funcional deseñado por un artista recentemente galardoado co Premio Nacional de Arquitectura, César Portela Fernández-Jardón, e poderiamos dicir que un dos poucos exemplos de arquitectura de vangarda do século XX, xunto co abraiante edificio que serviu de residencia en Soutelo de Montes ó empresario Alfredo González Barros, dun estilo ecléctico pero de clara orientación tardomodernista, sobre todo nos arcos e na cúpula. Tamén mostra influencias do Art-déco nunha vidreira correspondente á porta de entrada dun dos cuartos. Esta obra foi rematada no ano 1931 por Manuel González Barros. Posúe tamén unha rarísima condición, posto que os seus azulexos, tanto os exteriores coma os interiores, foron feitos artesanalmente un a un, e son moi similares a algúns dos que se pode atopar no coñecidísimo Parque Güell de Gaudí, en Barcelona.
     Merece ser destacado no eido das letras na segunda metade do século o cronista Antonio Rodríguez Fraiz, xa falecido, que foi membro do Insituto de Estudios Padre Sarmiento e cofundador do Museo do Pobo Galego, pola súa labor de investigación sobre a Terra de Montes en xeral e o mosteiro de Acibeiro en particular. Tamén merece homenaxe a pluma de Manuel Cabada, natural de Sabucedo e catedrático de Filosofía, autor dun magnífico traballo sobre a historia e antropoloxía da Rapa das Bestas, festa declarada de Interese Turístico Nacional.
     Autores dunha obra menos extensa, pero igualmente resaltable, son Xosé Luis Barreiro Rivas, forcaricense que dedicou un concienzudo estudio ó Camiño de Santiago, excelente comunicador e humanista, e Xosé Manuel Rivas Troitiño, que remata de ver reeditada en facsímile a súa biografía do Gaiteiro de Soutelo.
     No eido da imaxe, dous autores pertencen xa á memoria colectiva: os fotógrafos Manuel Barreiro, autor de belas estampas do Forcarei dos anos corenta e cincuenta, que serán en breve motivo dunha exposición e da publicación cultural do Concello de Forcarei "Cotaredo", e o soutelán Virxilio Viéitez, recoñecido xa á altura de fotógrafos galegos coma Ksado, Pintos ou Manuel Ferrol, e que está a preparar outra retrospectiva da súa obra, que tanto éxito acadou no pasado 1999 en Madrid, París ou Nova York.
     Non fariamos xustiza se esqueceramos a outro forcaricense que levou ó cinema galego á súa maioría de idade, Chano Piñeiro, o autor da seminal e multipremiada curtametraxe "Mamasunción" e da primeira longametraxe galega, "Sempre Xonxa", cineasta que tirou moitas secuencias da súa infancia vivida en Terra de Montes, escenas que serviron para dar a coñecer ó mundo a especial personalidade desta terra, chea de persoas que, coma el, tiveron e teñen unha especial sensibilidade xurdida da vida sobria na natureza e da súa centenaria cultura popular. O propio Chano dicía : "Eu son un aldeán, para ben e para mal". A súa memoria permanece hoxe viva e intacta nesa xente de Montes á que el tanto defendía, e na homenaxe do Instituto de Ensino Secundario, chamado, na súa lembranza "I.E.S. Chano Piñeiro".

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega