Tronos de Agosto

 

(Texto íntegro)

 

v1rloureirotronos.html

Baixo o sol de agosto, mentres os foguetes enchen o ceo de tronos, repican as campás de Escandoi.

A procesión, pagada polo Señor Príncipe Henrique de Caldaloba -que asiste, solemne, con Manolo Merlín-, vai chea de cregos: o Párroco de Sumia, o Coadxutor de Trascorgos, o Abade de Valeirón...

Detrás, co Palio, vén o Arcipreste; e tras o Palio o Santo Neno, deitado nunha peana que portan catro petrucios.

Ao sacar o Santo Neno da igrexa todo cheira a incenso e a fume. Treme o chan, que é igual que se tremese o mundo.

Hai xente que chora.

O Neno viste un camisón branco que lle cambian cada ano, porque din que na caixa podrece. Ten as mans pechadas, coma se sufrise; os pés, revirados e negridos; e as guedellas báilanlle co vento.

O Milagre do Santo Neno viña sendo que, cando se aveciñaba unha desgracia, movía a cabeza. E se a desgracia ía ser moi grande, falaba.

O derradeiro prodixio foi ao empezar a guerra. Daquela choviscaba; era un verán de auga. Os petrucios levaban o Neno a carreiras, e houberon tirar con el. Entón ergueuse, porque xa se debía ver na lama, sentou na peana, suxeitándose aos querubíns de pao, e mirando cara ao Abade, que era quen lle metía présa á procesión por medo a que aínda chovese máis, berrou, con voz de rato: <¡Ide a modo...!>. E sentado seguiu ata que as andas volveron entrar na capela.

Despois deitouse, para non bater na porta, e xa quedou teso coma antes, aínda que tamén hai quen di que medio abriu a boca de novo cando o pousaron na súa caixiña.

(Agora todos pensan que o Neno Santo adormeceu para sempre. Pero, ¿como non o han pensar, se esta vez nin sequera o viron chiscarlle o ollo a esa pequena de trenzas louras, vestida de flores, que camiña, cunha vela, detrás del?)



 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega