Unha doenza de natureza social

 

(Texto íntegro)

 

No que atinxe á SIDA
     No que atinxe á SIDA, cómpre non esquecer que non existen grupos de persoas en risco ou persoas máis propensas a infectarse, que o que existen son conductas de risco, que algunhas desas conductas as podemos ter calquera de nós e que, polo tanto, poboación en risco somos todos (como Facenda, pero salvando as diferencias...). As presións por parte dos chamados grupos de iguais (persoas coas que nos relacionamos de igual a igual e ás que apreciamos, e que, polo tanto, nos afecta o que nos digan e como se comporten con nós) para actuar dun xeito determinado, as presións económicas, as crenzas culturais sobre o que é aceptable e o que non o é, e a falla de coñecementos sobre os posibles riscos, poden influír dun xeito máis ou menos importante.
     No tema da SIDA tense avanzado en cousas. Por exemplo, na definición social do que resulta aceptable ou inaceptable (en sexualidade, drogas...), se ben aínda queda camiño por percorrer. O deseño de programas educativos e informativos volveuse máis consciente e respectuoso coa heteroxeneidade da sociedade. Aprendeuse unha importante lección de saúde pública: se pretendemos que as actividades de promoción da saúde e prevención da enfermidade funcionen, en primeiro lugar é necesario aceptar a natureza complexa da sociedade e da conducta humana e, en segundo lugar, construír a promoción da saúde á medida desas características especiais.
     Nembargantes, a escena segue dominada pola busca de curas biomédicas para a SIDA. Con isto, continúase sen facer fronte ó verdadeiro reto, que é atopar maneiras de previr ou reducir o risco de infección. Nun mundo no que aínda están frescos os beneficios do descubrimento revolucionario da terapia antibiótica, téndese sempre a crer que calquera problema ten solución médica. Esta crenza impregnou tódolos niveis de toma de decisións e segue a rexer a asignación dos fondos dispoñibles para actuar fronte á SIDA. É hora de ter en conta que se trata dunha doenza de natureza esencialmente social.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega