Un poeta alemán en lingua galega. Apuntamentos sobre unha antoloxía de Rolf Dieter Brinkmann

 

(Texto íntegro)

 

v2franckmeyerbrinckmann.html
1. Introducción

     Este traballo intenta achegarse á poesía de Rolf Dieter Brinkmann en xeral, pero nun contexto moi específico. Partindo da experiencia concreta da selección e traducción dunha escolma de textos deste poeta e escritor alemán para o mercado galego (Brinkmann 1998), tratarase de investigar as condicións para a recepción da literatura alemana no estranxeiro. O obxectivo, sen embargo, non será describir ou establecer regras de validez xeneralizada; máis ben o que se quere é distinguir, recorrendo ó caso do poeta en cuestión, certos mecanismos que interveñen no contexto da literatura e que forman parte da súa existencia real. Incluíndo aspectos pragmáticos, como por exemplo o carácter mercantil da literatura na forma do libro, superarase, de certa maneira, un tratamento estéril e formalista do tema, o cal —atreveríame a dicir— é moi adecuado no caso da poética de Brinkmann.
     No primeiro capítulo hase caracterizar, brevemente, o mercado dos libros galegos en función da importancia das traduccións. Interesa, especialmente, aclarar cómo e qué tipo de literatura alemana chegou a Galicia ata o de agora, para entender o posible condicionamento da acollida da poesía de Brinkmann. Neste contexto será tamén preciso ver cómo se insire a antoloxía no programa de Edicións Positivas, onde se publicou, e presentar os seus obxectivos tales como se formulan no limiar do libro.
     Nun segundo paso, botarase unha ollada á posición de Brinkmann dentro da literatura alemana, non para abordar unha definitiva clasificación de índole histórico-literaria, senón co fin de ofrecer un tipo de fenomenoloxía da súa recepción. Isto permitiranos deixar claro en qué medida a antoloxía ten en conta e continúa determinados estereotipos. Unha división da obra de Brinkmann en etapas completará este capítulo.
     Despois enfocarase a propia escolma de poemas traducidos. Presentaranse tanto os criterios que influíron nas miñas decisións como as limitacións/orientacións dadas pola editorial para, así, salientar as condicións pragmáticas da publicación —como factores que inflúen directamente na producción de literatura— e aportar, asemade, unha perspectiva realista deste proceso decote ignorado. Valéndome do limiar exporei, a continuación, os propósitos centrais da antoloxía e explicarei a clasificación da obra por fases, tal como se lles presenta ós lectores no dito prólogo.
     Este traballo non pode ter unha verdadeira conclusión. Contentareime con puntualizar cómo a orientación cara ós potenciais lectores xunto coas preferencias do traductor e do editor repercutiron finalmente na escolla dos textos, e con poñer de manifesto de qué xeito o mundo editorial, como punto de encontro para productores e consumidores de literatura, condiciona moi practicamente a creación literaria e a súa chegada ás mans dos lectores.



2. Literatura alemana en Galicia (1)

     As traduccións son unha forma concreta, en ocasións entretida, dun intercambio cultural con repercusións económicas (Coulmas 1992: 79-123). Para linguas non normalizadas constitúen, ademais, un instrumento importante para a planificación de corpus e status.
     O alto valor simbólico das traduccións a linguas minoritarias en particular revélano as actuacións das autoridades estatais en situacións de anormalidade política, como por exemplo nas dictaduras. Ben se sabe cómo a traducción do libro de Heidegger, Vom Wesen der Wahrheit, feita por Ramón Piñeiro e Celestino de la Vega, sufriu atrancos nos anos 50 (Casares 1991: 88-89). A miúdo, neste contexto, o que se considera subversivo non é tanto o contido como o propio feito de traducir algo a determinado idioma. Esta afirmación é válida tamén para o grupo dos que se opoñen a tal política represiva. Para eles o propio fenómeno da traducción, sen máis, pode elevarse a expresión de liberdade intelectual e de autodeterminación lingüística. E, finalmente, canto máis clásico un autor traducido, máis prestixio, parece, aporta á lingua de chegada (2).
     En canto á literatura do ámbito da lingua alemana traducida ó galego, pódese constatar que non hai moitos títulos dispoñibles, desde logo moitos menos que dos ámbitos culturais hispano, francés ou angloamericano. Consultando o "Compendio bibliográfico anual" que se publica no Anuario de estudios literarios galegos da Editorial Galaxia ou o Informe da literatura galega que edita o Centro Ramón Piñeiro, chégase á conclusión de que as escasas traduccións do alemán se dividen esencialmente en dous grupos. Por unha banda está a literatura infantil e xuvenil; por outra unha serie de autores clásicos como Thomas Mann, Joseph Roth, Rainer Maria Rilke, Hermann Hesse, Bertolt Brecht.
     Sabendo que o sector infantil/xuvenil ten, comercialmente, unha importancia destacada para as editoriais galegas; que, por conseguinte, son sobre todo cuestións de rendibilidade económica —e, tamén, a necesidade de encher o programa— as que máis peso teñen nas editoriais no momento de escolleren títulos foráneos para as respectivas coleccións infantís/xuvenís; que, ademais, os autores deste segmento poucas veces chegan a un grao de sona que si acadan escritores da "literatura para adultos"; supoñemos que o material elixido non se considera, en primeiro lugar, procedente doutras culturas, no sentido de non ser presentado conscientemente así ou como contribución voluntaria ó intercambio cultural. Disto tamén se deduce que estes títulos do ámbito infantil/xuvenil repercuten pouco na imaxe que se ten dunha determinada literatura estranxeira.
     Outro é o caso da xa citada literatura para adultos. Aquí constatamos a presencia hexemonónica dos coñecidos clásicos, é dicir, xusto aqueles que no estranxeiro se relacionan coa cultura alemana. O que, daquela, transcende as fronteiras é o que en alemán se denomina Höhenkammliteratur, ou sexa, a literatura máis prestixiosa, a punta do iceberg ou como fose que se queira dicir. E canto máis pequeno un mercado de libros, tanto máis escasa —suponse— ha ser esta punta, á que, no contexto que aquí nos ocupa, pertencen, ademais dos cinco autores xa mencionados, outros como Hölderlin, Hoffmann, Goethe ou Böll.
     Encaixar nesta serie a Rolf Dieter Brinkmann é difícil, como se exporá máis abaixo. Este autor, que mesmo en Alemaña se movía fóra do discurso dominante, poderá, entón, producir certo efecto de sorpresa nos lectores galegos con respecto ás súas expectativas sobre a literatura alemana. Pénsese, por exemplo, na chea de expresións coloquiais ou incluso vulgares na poesía de Brinkmann e nos seus contidos cotiáns e, ás veces, picantes, nos que evoca moitas escenas dun xeito relaxado e desenfadado.
     A antoloxía A máquina de facer zume de laranxa publicouse no contexto da colección Di-Versos de Edicións Positivas, coñecida polo seu toque de vangardismo ou, cando menos, de nonconformismo. Destacando esta editorial polas súas publicacións insólitas formalmente e tamén en canto ó contido, é a colección poética en particular a que ten fama de ser transgresora, pouco convencional e provocativa. Entre os autores publicados atópanse nomes como Charles Bukowski, Antón Reixa, Lois Pereiro ou o colectivo poético Ronseltz. Coido que é unha compañía moi boa para Brinkmann.
     Como o mercado galego de libros, cos seus máis ou menos mil títulos ó ano, está relativamente limitado, é probable que, á parte da antoloxía, non se volva publicar nada máis deste autor alemán. Sendo así, o libro quere ofrecer —dentro do posible— unha selección representativa da obra de Brinkmann. Decidiuse prescindir dun aparato crítico, é dicir que se procurou incluír poemas que non presenten maiores dificultades de comprensión. Outro propósito innegable foi sacudir un pouco a imaxe que en Galicia existe da literatura alemana, salientando, mediante a escolma, aquel lado de Brinkmann que é máis rebelde, chocante e máis próximo ó underground. En certo sentido, tratouse tamén de demostrar o que durante moito tempo o propio Brinkmann reivindicaba: que a poesía pode dar pracer e ser un divertimento nada pesado.



3. Rolf Dieter Brinkmann na literatura alemana

     Termos, categorías e correntes no contexto dos cales se menciona a Brinkmann ou que se aducen para caracterizar e clasificar as súas obras son os seguintes: literatura pop (Kurz 1971; Schönborn 1994; Späth 1986; Urbe 1985; Schäfer 1998) (3), posmodernismo (Hartung 1974; Späth 1989) (4), underground literario (Schäfer 1998), Alltagslyrik (5) (Buselmeier 1977), novo subxectivismo (Drews 1977). Referido á súa prosa atópase tamén a expresión "realismo de Colonia" (Schönborn 1994), que fai alusión a un grupo de narradores no seo da editorial Kiepenheuer de Colonia. Malia tratarse de conceptos heteroxéneos e non sempre moi claros que, ás veces, se revelaron como palabras de moda, dependentes de certas conxunturas da crítica, suxiren, emporiso, que Brinkmann está máis preto dun Peter Handke que dun Paul Celan, e que, noutras palabras, realizou un rexeitamento e distanciamento daquel modernismo que estudiou e caracterizou Hugo Friedrich (Friedrich 1979). Buscou o seu propio modo de escribir en consoancia coa época na que lle tocou vivir (6).
     Trazos característicos da súa escrita serían a superación da separación entre cultura elitista e cultura trivial ou de masas; a disolución dos límites dos xéneros; a utilización dunha linguaxe coloquial; a incorporación do mundo das mercadorías, do cinema e dos medios de comunicación, xunto cos seus protagonistas, no seu repertorio poético; a insistencia na superficie fronte á profundidade (Gemünden 1995) —ou ben na profundidade do banal (Schäfer 1998: 129-142)— e nas imaxes fronte ós conceptos abstractos; a concentración nos flashes, é dicir, na fixación de breves momentos da vida cotiá; etc.
     Evidentemente, Brinkmann experimentou, ó longo da súa actividade como escritor, certos cambios na súa orientación literaria e os diferentes estadios polos que pasou reflicten os trazos devanditos de maneira ben diferente. A miúdo isto non se ten en conta e é, sobre todo, o Brinkmann da etapa media, o representante destacado da literatura pop en lingua alemana, o que transcende (Schenk 1986: VIII-IX; Schäfer 1998: 23). Así, sen embargo, o que se fai é limitalo a unha etapa da que el mesmo se distanciou nos seus últimos anos (Späth 1981: 43; Schäfer 1998: 242-259). É posible que se impuxera aquela imaxe de Brinkmann que naceu e se formou gracias ó carácter dos textos que datan da época dos seus maiores éxitos, é dicir, entre 1968 e 1970. Naqueles tempos conseguiu unha fama da que máis adiante non se puido desfacer (7).
     O feito de haber poucos representantes alemáns deste tipo tan anticonvencional de literatura, contribuíu tamén a que se citase sobre todo a Brinkmann cando se falaba desta corrente literaria (Schäfer 1998: 22). As obras de historia da literatura, entón, desempeñaron un papel importante na fixación desa imaxe. A isto engádese a relativa facilidade e lixeireza dos poemas da etapa pop, que permite un "consumo" sen complicacións; e onde tal cousa funciona, tamén é doado vender, é dicir, que xorden intereses e persoas interesadas en fomentar a limitación do poeta a unha soa das súas etapas creativas (8). Non obstante, cómpre constatar que para unha editorial constitúe un auténtico risco publicar produccións de tan difícil acceso como moitos dos textos escritos por Brinkmann despois de 1970. E, de feito, pasaron bastantes anos ata que se editou por exemplo Schnitte, un auténtico collage fotográfico-literario máis alá de calquera limitación xenérica.
     E así ocorre que se fai fincapé, de maneira esaxerada, na pertenza de Brinkmann á literatura pop, que os estudios, en xeral, identifican coa etapa media (9). Esta abrangue os anos entre 1967/68 e 1970 (Schenk 1986: VIII), incluíndo algúns o poemario Was fraglich ist wofür, de 1967 (Urbe 1985: 7), mentres que outros ven o inicio da fase pop en Godzilla, de 1968 (Schönborn 1994: 850). Antes, loxicamente, habería que falar da etapa temperá, na que Späth salienta a busca da propia expresión e o diálogo e/ou a loita coa tradición (Späth 1986 e Späth 1989). O Brinkmann "tardío", é dicir posterior ó ano 1970 e á publicación do poemario Gras, afástase, de xeito case que abrupto, dos seus propios postulados da estética pop (Schäfer 1998: 242-259). Concéntrase, con afán e desesperación, na crítica da moderna civilización occidental, en contraposición ó seu optimismo dos últimos anos da década dos 60. Ademais, apártase conscientemente da escena literaria de Alemaña, o cal ocasiona o seu progresivo acantoamento como escritor .



4. A antoloxía en lingua galega

     4.1 Literatura e azar

     Co fin de suscitar o interese dun editor estranxeiro por un autor non demasiado coñecido fóra do seu país (11), é recomendable escoller textos dun atractivo especial. Entre os dez poemas que na primeira toma de contacto, en 1996, lle presentei a Francisco Macías de Edicións Positivas atopábanse, sobre todo, exemplos da etapa media. As excepcións eran "Outono tipo Hölderlin" (1964), "A máquina de facer zume de laranxa" e "Un deses clásicos" (os dous de 1975) (12).
     Resultou que ó editor lle gustaban, máis cós outros, os poemas do libro Gras, e precisouse de certo esforzo para convencelo de que ese poemario formaba parte de todo un período creativo, do que cumpría elixir moitos outros textos máis. Como compromiso acordamos, finalmente, dedicarlle o maior espacio á etapa media. De feito, aproximadamente os dous tercios dos poemas que entraron na antoloxía pertencen á época da "euforia" pop. Curiosamente, un dos estereotipos sobre Brinkmann viuse, así, perpetuado polo libro publicado en Positivas. Outro punto no que insistía o editor foi o volume do libro; tratábase de non exceder en moito as cen páxinas.
     Entón, dúas decisións máis ou menos arbitrarias condicionaron dabondo a composición definitiva da escolma e, con ela, a recepción por parte do público que se podía esperar. A literatura, tal e como se lles presenta ós lectores, tamén é producto de consideracións alleas á propia literatura.



     4.2. A estructura da antoloxía

     Ademais dunha introducción, a antoloxía inclúe 71 poemas de Brinkmann. Só se publican as versións galegas, sen ningún tipo de notas (13). O limiar presenta unha breve biografía do poeta e explica a periodización da súa obra en catro etapas. A continuación, na escolma propiamente dita, ofrécense —como exemplos da primeira época— catro poemas do libro Le chant du monde (Brinkmann 1998: 9-14). Considéranse como etapa transitoria entre a temperá e a pop os textos dos libros &-Gedichte, Was fraglich ist wofür e Godzilla, dos que se inclúen 14 poemas (Brinkmann 1998: 15-34) (14). Despois vén a parte central da antoloxía, dedicada á etapa pop, representada por un total de 37 poemas dos libros Die Piloten, Standphotos e Gras (Brinkmann 1998: 35-89). Finalmente aparecen 16 exemplos da lírica do Brinkmann tardío, é dicir, dos poemarios Eiswasser an der Guadelupe Str. e Westwärts 1&2 (Brinkmann 1998: 91-121).
     A continuación exporei algunhas ideas sobre varios poemas en función da razón para a súa inclusión na antoloxía, tratando de puntualizar, ademais, en qué medida poden ser contempladas como "típicas" das diferentes etapas. Deste xeito entenderase tamén, no mellor dos casos, qué tipo de imaxe de Brinkmann poden percibir os lectores potenciais.



          4.2.1 A etapa temperá

     Visto que Brinkmann se esforza, ó principio do seu labor creativo, por descubrir a súa propia posición fronte á tradición literaria, nada mellor que un poema como "Outono tipo Hölderlin" (Brinkmann 1998: 12) para poñer de manifesto este feito. Como o título fai referencia a Hölderlin, semella moi útil facer unha comparación con dous poemas deste último, que aluden á mesma estación do ano (ambos os dous chámanse "Der Herbst"; Hölderlin 1986: 184 e 188). O que de seguida chama a atención é o contraste entre a forma fixa e rimada que emprega Hölderlin e os versos irregulares e sen rima de Brinkmann. En canto ó contido pódese constatar que o poeta clásico salienta os aspectos do sosego, da conclusión e da perfección, mentres que moderno fai fincapé na actividade e trasfega da xente. Tamén se distinguen os tons dos poemas: os versos de Hölderlin son hímnicos, cheos de harmonía e de entusiasmo pola natureza; Brinkmann, pola contra, aduce detalles moi prosáicos e describe, por exemplo, porcos recén matados, postos sobre escadas. O que fai o primeiro é, sen dúbida, cantar unha estación benvida dentro dun contexto natural. O seu compañeiro do século XX fíxase máis ben no ritmo productivo inducido polo outono (obras, labranza, matanza) e dedícase a fenómenos banais, que mesmo poden chocar pola súa proximidade a unha realidade de primeiras necesidades. Sen entrarmos máis a fondo na análise, resultan evidentes as diferencias e vemos que se anuncia un dos trazos destacados da poesía de Brinkmann: a ollada desapiadada cara a unha banal vida cotiá (15).
     Pero houbo outra razón pola que decidín incluír este poema na escolma e que está nos propios lectores ós que se dirixe. En comparación con grande parte da Europa central, Galicia ten aínda un carácter dabondo rural e se, quizais, economicamente os cambios que se foron producindo nos últimos anos contrarrestan este feito, sen embargo na cultura e no pensamento o mundo do campo está aínda moi presente. Ós galegos soaranlles, daquela, as escenas evocadas en "Outono tipo Hölderlin". Ó mesmo tempo sentirán certa sorpresa, xa que non agardan algo así dun escritor procedente dun país que aquí se asocia sobre todo cunha civilización industrializada (tamén por mor da experiencia dos moitos emigrantes que foron a Alemaña). Como ben se ve, influíron na elaboración da antoloxía cuestións que non teñen que ver coas posibles intencións do autor —pero que si repercuten na acollida da súa obra.



          4.2.2. A etapa transitoria

     O que cómpre salientar nos poemas deste grupo é a orientación de Brinkmann cara á observación e presentación de sucesos e fenómenos exteriores, a concentración na superficie, a indagación na vida diaria, a ácida ironía e, a miúdo, o ataque ó bo gusto.
     Así o poema "Imaxe sinxela" (Brinkmann 1998: 22), de Was fraglich ist wofür, evoca unha situación fuxidía. Descríbese, por así dicir, a impresión que unha rapaza deixa na retina dun observador. Resulta interesante o feito de repetirse dúas veces a palabra "carreiras" (das medias), xa que desta forma a rapaza queda relacionada cun fenómeno da área das mercadorías mentres que a individualidade da persoa non aparece como tema do poema. Eis un exemplo que ilustra a importancia da superficie, da superficialidade, que un crítico como Gemünden considera característica do posmodernismo (Gemünden 1995). Respecto do contido pódese dicir que se trata dunha das innumerables variacións da evocación de figuras e formas femininas —no sentido plástico da palabra— na obra de Brinkmann.
     Outro exemplo disto, moito máis directo, atopámolo en "Importante" de Godzilla (Brinkmann 1998: 33). Aquí nin sequera se fala da persoa, senón dun dedo índice que soba nela (16). Xunto co dedo noméanse outros detalles: un lugar peludo, un orificio, líquido, unha braga; sempre de xeito fragmentario. Brinkmann móvese aquí no terreo da pornografía (17): Brinkmann o transgresor da moral, o "cocho" que espanta os burgueses.
     Outra faceta, non menos controvertida e difícil de aceptar, é a brutalidade que transloce en poemas como "Manda carallo" e "Auto" de Was fraglich ist wofür (Brinkmann 1998: 25 e 27). Hai un crítico que neste contexto fala da "natural crueldade da vida cotiá" (Behme 1981: 53); aínda que non esteamos de acordo, o que si é certo é que Brinkmann volve abordar, de novo sen miramentos, os tabús da sociedade.



          4.2.3. A etapa media: a ebulición do pop

     En Die Piloten, Standphotos e Gras amósase con máis claridade a simpatía que Brinkmann sente cara á estética pop. Nestes poemarios ofrécenos —como expresión dunha nova cultura de masas, internacional e/ou americanizada— un cóctel de elementos do moderno mundo dos medios e do consumo, cos seus heroes do cine e do cómic, cos seus anuncios e slogans publicitarios, coas súas esperanzas e desilusións: Elisabeth Taylor, Coca Cola, ketchup, xelado exprés, o neon dos centros comerciais. Ó mesmo tempo tematiza a súa propia vida diaria, a relación coa súa dona, pensamentos, obsesións, impresións fugaces, etc. Os textos que datan desta época caracterízanse pola súa lixeireza fresca e refrescante, feito que suscitou duras críticas en contra do poeta (18). Así e todo, foi xustamente este talante desenfadado o que impresionou ó responsable de Edicións Positivas, igual que pode ser este tipo de poesía o que sorprende gratamente ós lectores, por resultarlles atractiva incluso a persoas cunha actitude relativamente distanciada fronte ó xénero poético.
     Velaí está, por exemplo, o poema "Unha fotografía sobredimensionada de Liz Taylor" (Brinkmann 1998: 44) de Die Piloten. Este título pode suscitar o interese tanto dun paisano de Brinkmann como de alguén de fóra de Alemaña, pois menciona o nome dun persoeiro dabondo popular da cultura internacionalizada da posguerra. Neste caso, a comprensión non fracasará por eventuais diferencias no contexto cultural dos distintos lectores, o cal, tratándose dunha antoloxía sen anotacións, é unha vantaxe considerable. Ademais, neste poema queda patente a predilección do seu autor polos elementos e símbolos do ámbito norteamericano, unha predilección que existía polo menos na época da creación deste texto. Xa que logo, todo o movemento pop é inimaxinable sen a influencia dos Estados Unidos.
     Pero descubrimos outro detalle, con dotes de leitmotiv, neste poema: a obsesión de Brinkmann polas partes do corpo humano. Aquí é o pelo, o pelo púbico, do que describe detidamente encrespamentos e encurvaduras. Certo é que un horizonte de expectativas tradicional non conta con que algo así sexa tema e elemento da lírica. Por conseguinte, estes versos serven de maneira insistente para ilustrar o propósito de Brinkmann, que é abrir a literatura para incorporar novos contidos e novas perspectivas. A literatura tamén debe dar gusto (19).
     "Cando vexo os meus zapatos envorcados", do libro Gras, é un poema con características diferentes —aínda que con Marilyn Monroe se cita outro mito moderno—, que sendo do mesmo período xa remite ós textos posteriores (Brinkmann 1998: 82-83). Aquí, o eu lírico fíxase na súa vida banal, marcada sobre todo por unha falta de relacións humanas e de integración social. Malia que se poida denominar relaxado e desenfadado o ton do poema, xa se anuncia certo malestar en vista da futilidade e inutilidade dunha existencia que se limita a sufrir o cambio do tempo. A lixeireza desenmascárase como algo oco e efémero.
     A incorporación de tal texto na antoloxía contribúe a previr unha recepción unilateral de Brinkmann, que o vise unicamente como libertino preguiceiro, dedicado a mastigar palomitas e soltar obscenidades. Ademais, o poema contén uns versos que, lidos hoxe, semellan o anuncio da tráxica morte que realmente tivo o poeta (20): "Agora é tempo de se/ preparar para un accidente que nada espantoso/ ha ter para min". Esta especulación, claro está, non ten ningún valor como obxecto da investigación literaria, ó contrario. Emporiso, o que non se pode negar é a fascinación que cousas así exercen tamén no campo da literatura; os mitos decote teñen o seu punto de partida en fenómenos semellantes (21).



          4.2.4. A etapa tardía

     Unha antoloxía que, malia as resistencias e limitacións existentes, tenta ofrecer unha selección minimamente representativa, debe incluír poemas da última fase creativa do autor que tal vez sexan menos atractivos e doados de "consumir" pero que, pola contra, tiveron unha grande influencia nas ulteriores xeracións poéticas. Posiblemente Brinkmann atopara o seu estilo máis persoal só despois de 1970, un estilo que adopta —digamos que de maneira sublimada— moitos trazos das fases anteriores. Os textos antes de 1970, poderían parecer, ollando as cousas así, como un tipo de exercicio de estilo.
     Aínda que o libro Eiswasser an der Guadelupe Str. se publicou dez anos despois da morte do seu autor, a súa redacción é, en parte, anterior a Westwärts 1&2 e inclúe pasaxes que a pesar do seu carácter provisional resultan moi persoais e expresivas (22). Ademais, deixan entrever cómo Brinkmann se afastou de antigas posicións apaixonadamente defendidas, por exemplo no poema "Outra vez da historia" (Brinkmann 1998: 97). A distancia fronte ó soño americano —ó que o propio Brinkmann rendera homenaxe na súa etapa pop (23)— non pode pasar desapercibida. A realidade vence o soño; a realidade é triste, é a dunha sociedade sen cohesión nin equilibrio internos, unha sociedade que por falta de utopías se lanza á felicidade meramente material. Chegamos, entón, onda aquel Brinkmann que se revela como crítico feroz da civilización occidental.
     Outros poemas neste mesmo libro son dunha plasticidade e forza suxestiva impresionantes. Hai versos que, como os seguintes, resumen fenómenos complexos en expresións ilóxicas cunha estraña calidade poética: "No interior a calor zoa unha canción/ que se chama o metabolismo" (Brinkmann 1998: 93).
     De Westwärts 1&2 había que incluír —malia as obxeccións do editor— polo menos un dos poemas longos, pensando sempre en ofrecer unha visión o máis completa posible da obra de Brinkmann(24). Finalmente foron dous.
     "Un poema" (Brinkmann 1998: 101-104) presenta unha reflexión sobre as posibilidades e as limitacións da escrita e, deste xeito, retoma unha temática que xa ocupara ó poeta ó comezo do seu labor literario. "Este poema non ten título" (Brinkmann 1998: 115-121), por outra banda, xoga enxeñosamente con formulacións e técnicas da literatura pop, reflectindo dun xeito sorprendentemente poético e, non obstante, desapiadado vida diaria e experiencias cotiás de Brinkmann. Trata do blues e conclúe cunha caracterización do "estar só". A linguaxe que emprega é sempre exacta, nada pretensiosa, e incorpora palabras do noso contorno moderno, tan determinado pola técnica.
     Como non podía ser doutra forma, a antoloxía inclúe tamén os poemas "A máquina de facer zume de laranxa" e "Un deses clásicos" (Brinkmann 1998: 105-106). O primeiro volve a eidos coñecidos e saca a súa enerxía das cousas concretas, co erotismo latente tan frecuente en Brinkmann. A maiores diso, dálle título á antoloxía como libro, feito que establece certo contrapeso fronte á destacada presencia da etapa pop e coloca a Westwärts 1&2 no sitio que lle corresponde. O segundo poema demostra de maneira impresionante cómo un escritor, que noutros momentos veneraba a vida diaria, busca precisamente aquilo que rompe ou amplía esa existencia banal. O que o axuda é a poesía coa que logra plasmar un pequeno intre de vivencia excepcional. Neste sentido, poderíase falar dun retorno á unha concepción máis tradicional da arte.



5. A modo de conclusión

     Habería que dicir moito máis sobre Brinkmann e a súa literatura, non soamente por ser costume concluír traballos como o presente con mostras de humildade.
     Literatura tamén é un asunto de gustos e era o obxectivo formulado deste breve estudio botar algo de luz sobre as condicións pragmáticas do seu nacemento ou ben da súa constitución. Parte destas mesmas condicións é o feito de que ó principio da elaboración e traducción da antoloxía A máquina de facer zume de laranxa foi o entusiasmo pola poesía de Brinkmann a motivación decisiva para abordar tal proxecto. Conseguiuse convencer a un editor e introducir a Brinkmann nun contexto cultural diferente ó seu. Aínda que se transmite unha imaxe "verdadeira" de Brinkmann só parcialmente e só no caso de determinadas etapas, non cabe dúbida de que dentro do marco establecido si se logrou ofrecer unha panorámica de toda a gama do seu labor creativo (25). E, desde logo, os lectores poden descubrir unha variante da literatura alemana que mesmo no seu país de orixe resulta dabondo extraordinaria. Se por riba conseguen sentir pracer coa lectura desta antoloxía, tamén Brinkmann vería realizada parte dos seus desexos.



REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Araguas, V. (1998): "Poesía pop", LAC, O Correo Galego, 9-7-1998, 6.

Arnold, H. L. (ed.) (1981): Text + Kritik. Zeitschrift für Literatur. 71: Rolf Dieter Brinkmann, Múnic.

Behme, H. (1981): "Der Schrei des Schmetterlings. Über die Gedichte Rolf Dieter Brinkmanns", Arnold (ed.), 50-64.

Brinkmann, R. D. (1975): Westwärts 1&2, Reinbek.

Brinkmann, R. D. (1980): Standphotos. Gedichte 1962-1970, Reinbek.

Brinkmann, R. D. (1982): Der Film in Worten. Prosa, Erzählungen, Essays, Hörspiele, Fotos, Collagen 1965-1974, [Reinbek].

Brinkmann, R. D. (1985): Eiswasser an der Guadelupe Str., Reinbek.

Brinkmann, R. D. (1988): Schnitte, Reinbek.

Brinkmann, R. D. (1998): A máquina de facer zume de laranxa. Unha antoloxía, Selección e traducción de Franck Meyer, Santiago de Compostela.

Brinkmann, R. D. (ed.) (1969): Silverscreen. Neue amerikanische Lyrik, Colonia.

Brinkmann, R. D.; Rygulla, R.-R. (eds.) (1969): Acid. Neue amerikanische Szene, Darmstadt.

Buselmeier, M. (1977): "Das alltägliche Leben. Versuch über die neue Alltagslyrik", Neue Deutsche Lyrik. Beiträge zu Born, Brinkmann, Krechel, Theobaldy, Zahl u.a., Heidelberg, 4-35.

Casares, C. (1991): Ramón Piñeiro. Unha vida por Galicia, Sada.

Coulmas, F. (1992): Die Wirtschaft mit der Sprache. Eine sprachsoziologische Studie, Fránkfurt.

Drews, J. (1977): "Selbsterfahrung und Neue Subjektivität in der Lyrik", Akzente 24/1, 89-95.

Fernández del Riego, F. (1996): A xeración Galaxia, Vigo.

Friedrich, H. (91979): Die Struktur der modernen Lyrik. Von der Mitte des neunzehnten bis zur Mitte des zwanzigsten Jahrhunderts, Hamburgo.

Geduldig, G. (1994): "Einleitung", Geduldig/Sagurna (eds.), 17-29.

Geduldig, G.; Sagurna, M. (eds.) (1994): Too much — Das lange Leben des Rolf Dieter Brinkmann, Aquisgrán.

Geduldig, G.; Schüssler, U. (eds.) (1996): Vechta! Eine Fiktion! Der Dichter Rolf Dieter Brinkmann, Osnabrück.

Gemünden, G. (1995): "The Depth of the Surface, or, What Rolf Dieter Brinkmann Learned from Andy Warhol", The German Quarterly 68/3, 235-250.

Hartung, H. (1974): "Lyrik der Postmoderne. Vier Beispiele zu einer Ästhetik der Oberfläche", en: Heistermann, W. (ed.): Abhandlungen aus der Pädagogischen Hochschule Berlin. Band I: Aus Erziehungs-, Sozial- und Geisteswissenschaften, Berlín, 303-328.

Friedrich Hölderlin, F. (21986): Werke. Geschenkausgabe in vier Bänden. Band 2: Gedichte, Fránkfurt.

Kurz, P. K. (1971): Über moderne Literatur III. Standorte und Deutungen, Fránkfurt.

Meyer, F. (1998): "O papel das traduccións no caso Galicia-Alemaña na actualidade", Grial 137, 99-107.

Schäfer, J. (1998): Pop-Literatur. Rolf Dieter Brinkmann und das Verhältnis zur Populärkultur in der Literatur der sechziger Jahre, Stuttgart.

Schenk, H. (1986): Das Kunstverständnis in den späteren Texten Rolf Dieter Brinkmanns, Fránkfurt.

Schönborn, S. (1994): "Rolf Dieter Brinkmann", Steinecke, H. (ed.): Deutsche Dichter des 20. Jahrhunderts, Berlín, 844-856.

Späth, S. (1981): "Die Entmythologisierung des Alltags. Zu Rolf Dieter Brinkmanns lyrischer Konzeption einer befreiten Wahrnehmung", Arnold (ed.), 37-49.

Späth, S. (1986): "Rettungsversuche aus dem Todesterritorium": zur Aktualität der Lyrik Rolf Dieter Brinkmanns, Fránkfurt.

Späth, S. (1989): Rolf Dieter Brinkmann, Stuttgart.

Urbe, B. (1985): Lyrik, Fotographie und Massenkultur bei Rolf Dieter Brinkmann, Fránkfurt.

Waine, A. (1992): "Fatal Attractions: Rolf Dieter Brinkmann and British Life and Culture", Modern Language Review 87, 376-392.

Welsch, W. (1988): "«Postmoderne». Genealogie und Bedeutung eines umstrittenen Begriffs", en: Kemper, P. (ed.): "Postmoderne" oder Der Kampf um die Zukunft. Die Kontroverse in Wissenschaft, Kunst und Gesellschaft, Fránkfurt, 9-36.

Bernd Witte (1981): "Vechta. Ein Ort für Rolf Dieter Brinkmann", Arnold (ed.), 7-23.

Wittstock, U. (1994): "Vier Neue", Neue Rundschau 105/4, 137-140.

Wittstock, U. (ed.) (1994): Roman oder Leben. Postmoderne in der deutschen Literatur, Leipzig.

 

(1) Sobre este punto véxase tamén Meyer 1998.
(2) Para o caso citado dos anos 50 atopamos a seguinte opinión: "Ó se expresar Heidegger no noso idioma, que viña ser como se se expresase Kant ou outro así, desaparecerían os motivos para seguir dicindo que se trataba dunha lingua de labregos" (Fernández del Riego 1996: 83). Coido que a mesma idea prevalece aínda hoxe en gran parte dos intelectuais galegos.
(3) En Kurz 1971 ofrécese unha caracterización moi ilustrativa da literatura pop; a súa relación coa arte, sobre todo a pintura, estúdiase en Gemünden 1995.
(4) Unha achega moi valiosa ó que na crítica alemana aparece como posmodernismo constitúea Welsch 1988. A antoloxía Wittstock (ed.) 1994, na que se reúnen as voces de autores e críticos de catro décadas, permite outro acceso ó tema, rico en facetas e propostas; tamén contén un artigo de Brinkmann, publicado por primeira vez en 1968, co título "Ataque ó monopolio. Odio os poetas vellos" (Wittstock (ed.) 1994: 65-77).
(5) Poesía da vida cotiá sería unha posible traducción deste termo.
(6) "For Brinkmann it was imperative to break free from the stranglehold of the past (whether this is defined psychologically, culturally, or historically) and to engage with the present, empathetically and critically" (Waine 1992: 379).
(7) Hai quen lle chamou "profeta do pop" (Witte 1981: 7). E é que, ademais da súa propia producción, tivo un eco moi grande na comunidade literaria de Alemaña o seu labor como traductor e antólogo, co que introduciu a poesía pop americana neste país, por exemplo mediante dúas antoloxías publicadas en 1969, é dicir, en plena xeira pop do propio Brinkmann (Brinkmann (ed.) 1969; Brinkmann/Rygulla (eds.) 1969).
(8) Eis un dilema fundamental da pop-art en xeral con respecto á súa comercialización: "Pop art was easily assimilated by consumer culture" (Gemünden 1995: 238). Véxase tamén Kurz 1971: 271 e páxinas seguintes.
(9) Véxase a reveladora estatística sobre a literatura secundaria que presenta Schenk (Schenk 1986: 9). Emporiso, tamén hai quen afirma que o legado literario máis importante de Brinkmann está constituído polo seu último poemario Westwärts 1&2, publicado xa postumamente (Schönborn 1994: 850; Geduldig 1994: 23). Verbo da influencia de Brinkmann en xeracións posteriores, estáblecese unha relación directa cos poetas dos anos 90 (Wittstock 94: 138-139).
(10) "Durante a súa estadía en Roma, Brinkmann distánciase definitivamente dos seus amigos e compañeiros escritores, vólvese contra a literatura de compromiso político da Xeración do 68, así como contra as súas propias achegas á literatura pop, e promove de xeito radical o seu illamento no mundo literario de Alemaña" (Schönborn 1994: 845) [traducción miña].
(11) Para as traduccións existentes de textos de Brinkmann pódese consultar o libro editado por Geduldig e Schüssler (Geduldig/Schüssler (eds.) 1996: 99). De momento, non existen versións, agás a galega, noutras linguas da Península ibérica.
(12) Os dous últimos disque son "os poemas máis famosos de Brinkmann" (Urbe 1985: 133).
(13) O título do limiar é "Rolf Dieter Brinkmann — poesía e pracer" (Brinkmann 1998: 5-8). Os orixinais que serviron de base para a traducción son Brinkmann 1980 (que recolle a súa poesía completa dos anos 1962 ata 1970), Brinkmann 1975 e Brinkmann 1985.
(14) Verbo da división da etapa media que se fai aquí, cómpre constatar que persegue, máis ca nada, obxectivos pragmáticos, é dicir, aclararlles ás persoas non familiarizadas coa obra de Brinkmann o desenvolvemento literario deste. Na literatura secundaria non existe unanimidade sobre se se deben considerar Was fraglich ist wofür e Godzilla como parte xa desta etapa media (Hartung 1974, Späth 1986, Schönborn 1994, Schäfer 1998). Tendo en conta que o propio Brinkmann fai un claro corte no prólogo, a xeito de manifesto, do poemario Die Piloten, penso que é dabondo xustificada a decisión de distinguir entre unha fase transitoria —anterior a Die Piloten— e unha fase pop no sentido máis puro.
(15) "A poesía de Brinkmann varreu ceo e inferno e encheunos con cousas profanas. Os seus poemas santificaron a vida cotiá. As cousas, desprovistas do seu simbolismo, amosáronse nos seus versos con toda a súa crúa trivialidade" (Geduldig 1994: 23) [traducción miña].
(16) No orixinal o poema aparece impreso sobre unha foto, concretamente sobre a perna dunha rapaza vestida cun bikini e visible ata a liña do embigo (Brinkmann 1980: 174).
(17) Para unha discusión e análise máis extensa do poemario Godzilla pódense consultar Späth (1986: 151 e páxinas seguintes) e Urbe (1985: 99 e páxinas seguintes).
(18) Albíscase claramente o enfado e mesmo desprezo nas afirmacións de Hartung (Hartung 1974). Tal vez sexa a mesma lixeireza e a "falta de sentido de responsabilidade" que motivaron a algúns coetáneos seus a tachalo de fascista (Späth 1986: 11-12).
(19) No ensaio Der Film in Worten Brinkmann afirma o mesmo case literalmente. O contexto no que o di insinúa claramente que se dirixe ó mundo literario alemán, ó que reprocha a súa hostilidade cara ó pracer e á sensualidade (Brinkmann 1982: 246).
(20) Brinkmann morreu no ano 1975 en Londres, atropelado por un coche.
(21) Urbe e Witte aportan máis información sobre o "mito Brinkmann" (Urbe 1985: 10 e páxinas seguintes; Witte 1981: 7-8). Tamén algunhas das persoas que escriben en Geduldig/Sagurna (eds.) 1994 se dedican a reflexionar sobre el.
(22) A penas se encontra nada sobre este poemario que, sen embargo, alberga auténticos tesouros.
(23) Waine chega a cualificar ó poeta de "americanized" (Waine 1992: 391).
(24) Unha interpretación detallada do poemario Westwärts 1&2 faina Späth (1986: 247 e páxinas seguintes).
(25) A idea de tratarse do representante máis destacado da literatura pop en lingua alemana transcendeu, como ben demostra a única recensión entre todas as publicadas que, máis alá de basearse no limiar do libro e no texto da contracapa, se atreveu a reflexionar sobre a antoloxía (Araguas 1998).

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega