Unha rexión fronteiriza na Europa do século XXI. O estado federado do Sarre entre identidade e internacionalización

 

 

v4franckmeyerunharexionfronterizanaeuropa.html




I. Introducción

     No discurso das culturas minoritarias e da periferia pártese a miúdo dun concepto maximalista, etnicista e estático. Maximalista, porque arrinca da existencia dun grande número de elementos definitorios: experiencia histórica propia, modos de asentamento propios, territorio propio, lingua propia, tradicións propias, etc.; neste contexto temos que ver, frecuentemente, con rexións históricas nalgún momento incorporadas nun conxunto máis grande percibido como diferente, hexemónico e causante da propia situación periférica. Etnicista, porque o discurso se refire a identidades pechadas, homoxéneas, en xeral etnicamente unitarias, e fai fincapé nos detalles diferenciadores. E, finalmente, estático, pois saliéntase o carácter feito, rematado dunha cultura, non a súa evolución nin o seu nacemento, incluíndo a idea dun asentamento en determinado sitio desde tempos históricos, así como do mantemento do status quo, da conservación e defensa do que como tal cultura minoritaria se define (1). Nunha concepción semellante non estarían presentes, por exemplo, as culturas nómadas nin a situación dos inmigrantes modernos (2); tampouco entrarían periferias que non chegan a ser culturas minoritarias plenas, que non foron incorporadas senón que naceron nun proceso de disgregación, que están en evolución, que non dispoñen de identidades claras e pechadas.
     O propósito deste relatorio non será criticar unha ou outra concepción de cultura minoritaria, senón que intentarei dirixir a atención a casos periféricos con respecto á idea maximalista das culturas minoritarias, é dicir, aqueles que non reúnen todas as características mencionadas, que non se definen a través do concepto da etnia, pero que poderían completarse no curso do tempo (tal e como fixeron outros en circunstancias comparables); referireime en concreto ó Estado federado alemán do Sarre (Saarland). Isto permitirá revelar certos mecanismos na creación de identidade cultural e aspectos do carácter construído de conceptos como nación, país, etc., ó centrar o enfoque en situacións de fluctuación e tránsito en canto ás ideas de cultura propia e consciencia nacional. Aínda que se vai rastrexando así o carácter activo e voluntarista do que tantas veces se presenta como algo natural e dado de antemán, lonxe de teorizar desde un punto de vista constructivista (3), sen embargo, do que tamén se trata é de indagar nesa necesidade humana que parece agacharse tralo pensamento nacionalitario: sentirse na súa casa nalgún sitio do mundo, nun ambiente seguro (4). A fin de contas, calquera cultura abrangue comportamentos e unha visión do mundo socialmente compartidos, é dicir, ofrece unha axuda de orientación común para o individuo ó que lle aforra traballo; e isto xustificaría os esforzos polo seu mantemento, pois é o aspecto humano o que entraría en primeiro plano (5).
     A elección do caso do Estado alemán do Sarre obedece sobre todo a dúas razóns. A primeira é a miña procedencia binacional, marcada pola experiencia da fronteira como dobre periferia e das identidades complexas nunha zona de Centroeuropa que vacilou decote entre as dúas potencias nacidas do imperio carolinxio: Francia e Alemaña (6). A segunda é a particularidade do ámbito de fala alemana. Alí, ó contrario do que pasa en España onde diferentes culturas e nacionalidades foron aglutinadas por unha dominante, produciuse unha permanente disgregación nos últimos séculos, no marco da pouca consistencia política do Sacro Imperio Romano e a posterior Confederación Alemana (Deutscher Bund). Este feito levou ó nacemento de Estados novos, como por exemplo Suíza (independencia no século XVII), Austria ou Luxemburgo (separación definitiva do resto do posterio Imperio Alemán na segunda parte do século XIX). Estes, para se desmarcaren dun territorio ó que pertenceron durante moito tempo, tiveron certa necesidade da creación dunha identidade propia, total ou parcialmente desligada da alemana. Fronte a cuestións suscitadas no contexto de nacionalidades históricas, aquí máis ben interesa o agromar de culturas e nacións entre identidade e construcción.



II. O Saarland

     II. 1. A cuestión da identidade

     O Sarre non leva máis de 80 anos existindo como entidade político-administrativa propia. Falamos, pois, dunha antiguidade de dúas xeracións. O que no contexto deste congreso nos interesa é o feito de existir unha identidade sarrelandesa propia, sobre todo a raíz dunha historia compartida, diferente da dos alemáns e máis ben comparable a Alsacia e á zona nortoriental de Lorena. Sen embargo, tamén se distingue dos casos lorenés e alsaciano, xa que os sarrelandeses se pronunciaron dúas veces e con ampla maioría a favor dunha reintegración en Alemaña, reivindicando a súa pertenza a este país. Poderíanse aducir, asemade, certas similitudes con Luxemburgo, no eido económico e tamén cultural. Parece obvio, daquela, que existe toda unha zona fronteiriza con características comúns, aínda que non idénticas. Este punto exporase con máis detalle, como tamén os aspectos históricos.
     A base da identidade sarrelandesa non é a lingua, senón a experiencia histórico-política e unha sociedade producto dunha economía marcada polas minas e os altos fornos, coa súa tendencia á colectivización dos esforzos e da vida como estratexia de supervivencia. É unha identidade fráxil, sobre todo tendo en conta que por mor das diferentes crises da industria pesada e carboneira europea houbo unha reconversión pouco menos que total, aniquilando o fundamento histórico da propia maneira de ser. Tampouco a identidade sarrelandesa é unitaria, senón múltiple: a xente séntese do mesmo xeito alemáns e do Sarre, sen esquecer, ademais, o parentesco coas zonas veciñas.
     Recorrendo a unha clasificación empregada polo historiador Justo Beramendi poderiamos falar de identidade rexional (7). No caso concreto do Sarre, ó meu ver, esta caracterízase por certo matiz de mestizaxe, de identidades solapadas, como continuación de fenómenos (ou identidades) históricos, anteriores á creación do propio Estado do Sarre. Velo así é unha cuestión de toma de consciencia. Pero a falta de claridade na identidade, que parece implicar esta interpretación, non é senón o froito da incapacidade de ver alternativas entre a pertenza a unha das dúas potencias Francia ou Alemaña. Os dous referendos de 1935 e 1955 demostraron que os sarrelandeses preferiron o camiño fácil da inclusión nunha unidade grande á construcción laboriosa dunha vida propia nun contexto máis modesto. Non tivo continuación a frase de Johannes Hoffmann, primeiro ministro daquel Sarre autónomo que nos anos cincuenta mesmo chegou a xogar cunha selección propia contra o equipo alemán na clasificación para o Mundial de Suíza: "O pobo sarrelandés tamén é un pobo" (Hannig 1995:331). Os do Sarre querían ser alemáns e non ser habitantes dun país anano de algo máis de 2.500 quilómetros cadrados (8).
     Pero cando saen da súa terra, os alemáns chámanlles "franceses do Sarre" (pensando se cadra en que todos son bilingües) e os franceses falan dos de "derrière de la Sarre" (Harig 1990:64). A reacción dos outros failles ver a súa propia identidade diferenciada. Parece que desde os anos 70 ten lugar algo como unha toma de consciencia (Oberhauser 1995:47), aínda que de ningún xeito se pode falar dun fenómeno xeneralizado e consciente. Máis ben se trata de algo espontáneo, indirecto. A unificación da Alemaña Federal coa Democrática e o posterior traslado das institucións federais a Berlín, ademais, volveu poñer o Estado do Sarre na periferia extrema e facer ver a maior proximidade da capital francesa e  —se Bruxelas se considera como tal— da europea.
     Se ben o Estado do Sarre é unha unidade política nova que só ofrece poucos anos nos que descubrir e construír unha identidade propia, tamén é unha zona central dentro dunha rexión europea moito máis antiga; refírome ó espacio partido polas fronteiras franco-alemanas ó longo da construcción destes dous países. Tal vez casos como o do Sarre só parecen híbridos porque a forza identitaria de dúas nacións como a francesa e a alemana non nos permite ver nada entre elas. Sen embargo, luxemburgueses, loreneses, alsacianos e sarrelandeses teñen iso en común: estar no medio. Pero tamén o teñen que comprender. Se non, serán absorbidos polos centros, transformándose de periferias con identidade propia en periferias sen máis.





     II. 2. Breve caracterización histórica (9)

     O máis chamativo dos territorios da beira do río Sarre é o seu permanente cambio entre as zonas de influencia francesa e alemana. A parte occidental pertencía ó ducado de Lorena e entra na órbita francesa como máis tarde durante o reinado de Luís XIV, o Rei Sol. Vestixio desta época á a cidade de Sarreluís, fundada en 1680 como bastión francés. Daquela tamén foron ocupadas —temporalmente— as outras zonas da rexión no marco da política das reunións, que quería levar a fronteira oriental francesa ata o Rin. Desde finais do século XVII ata a Revolución Francesa gozaron de novo de independencia dentro do Sacro Imperio Romano. Había dúas cortes importantes no actual territorio do Sarre: a dos príncipes de Nassau en Sarrebruck e, sobre todo, a dos duques do Palatinado-Zweibrücken no Monte de Carlos (Karlsberg) de Homburgo, a residencia máis suntuosa centroeuropea despois de Versalles durante os seus nada máis que vinte anos de existencia. Pois, foi destruído completamente nas guerras despois da Revolución Francesa. Estas tamén acabaron coa posición autónoma en canto centro rexional da zona, incorporándoa de novo en Francia, onde permanece baixo Napoleón (10). Despois do Congreso de Viena, os territorios do Sarre fóronlles adxudicados maiormente ós reinos de Prusia e Baviera, co cal se converteron definitivamente en periferia, malia que sen perderen todas as liberdades civís introducidas polos franceses. A situación cambiou algo pola anexión de Lorena e Alsacia na Guerra Franco-Alemana, en 1871. Púidose formar un espacio industrializado que redondeaba coa cunca mineira de Lorena o que hoxe en día é o núcleo do Sarre. Logo vén a I Guerra Mundial, o Tratado de Versalles e a zona constitúese como Territorio do Sarre (Saargebiet), baixo mandato da Sociedade das Nacións e desligada de Alemaña, en xaneiro de 1920. No referendo de 1935 hai unha maioría do 90 por cen a prol da reintegración do que naquel momento xa se chamaba Estado do Sarre (Saarland) no Terceiro Reich. En 1946 a administración francesa establece a fronteira arancelaria de Francia ó leste do Sarre, cortándoo de novo de Alemaña, feito que queda cimentado nunha constitución propia e na elección do primeiro goberno sarrelandés autónomo baixo Johannes Hoffmann en 1947. Tras un referendo en 1955 (máis do 60 por cen a prol da reunificación), o Sarre, non obstante, rexeita un estatus europeo e intégrase en 1957 na República Federal de Alemaña. Ben contado chegamos ó resultado de oito cambios entre Francia e Alemaña en menos de catrocentos anos, catro deles nos últimos 80 anos e xa con entidade territorial e política propia.
     Esta experiencia é típica da zona e ben se ve a súa continxencia histórica, é dicir, en ningún momento se puido saber ónde todo acabaría. ¿Por que non como departamento francés? ¿Que diferencia de base había con Alsacia? Nin na lingua, nin na historia, unicamente no rumbo final desta última. Vemos, pois, como a cuestión da identidade e da cultura si está baseada en algo real e preexistente á consciencia dela, pero tamén depende dunha posterior teorización, dun discurso para moldearse definitivamente. Nin un alsaciano é francés por natureza, nin un sarrelandés alemán automaticamente; cómpre asumir estas clasificacións (11).
     Se o dito ata o de agora fai fincapé nas experiencias en común con outras rexións limítrofes, é a súa historia no século XX a que arreda o Sarre dos seus veciños alemáns, en particular. Teñamos en conta que o espacio económico-industrial que se crea a finais do século XIX, e que chega a ser o terceiro máis importante do Imperio Alemán (12), está estreitamente unido á cunca mineira lorenesa, atopándose no centro desta aglomeración a cidade de Sarrebruck. Esta orientación das relacións económicas prosegue despois da I Guerra Mundial ata 1935, ó contrario do resto de Alemaña, e logo de novo despois da II Guerra Mundial. Temos nisto unha das causas das dificultades que leva arrastrando o Sarre desde hai unha chea de anos, despois da súa reintegración no espacio económico alemán, no que obviamente tivo problemas de adaptarse e conectar plenamente. Tamén se lle truncou o seu natural hinterland, feito que soamente a integración europea puido contrarrestar, pois se se fai un círculo co centro en Sarrebruck, un segmento do 30 por cen da súa circunferencia pertence a territorio francés.
     No plano político, é a autonomía e o estatus internacional da rexión, constituída desde cero, artificialmente por dicir así, ó redor da zona industrializada central (13), os que lles proporcionan unha personalidade colectiva propia e diferenciada ós habitantes do Estado. Isto abrangue tanto unha administración e un goberno autónomos, desconectados da situación en Alemaña, como a influencia francesa, unha moeda diferente e unha situación cultural distinta. Se ben estes cambios sorprenden os sarrelandeses, que acaban de estrear unha nova "nacionalidade" sen que a quixesen (14), en 1920 empeza unha fase na que se bifurcan as súas experiencias das dos alemáns.
     Non viven o trauma da fatal inflación do 1922 e moito tempo quedan á marxe do ascenso do nacionalsocialismo (15). Despois de 1945 líbranse do pago de reparacións ós aliados e do desmantelamento da industria (Schneider 1995:321) e o milagre económico arrinca antes que na República Federal, malia que despois non chega a acadar o mesmo dinamismo (Hannig 1995:331).
    No plano cultural e social, a presencia de observadores internacionais e a rivalidade entre Francia e Alemaña crean nos anos vinte un ambiente de bastante liberalismo, cosmopolitismo e activismo cultural. É a época na que se fundan museos importantes  —con doazóns dos dous grandes países veciños— e institucións como a Escola de arte e artesanía (Schleiden 1995:338). Entre 1933 e 1935 moitos intelectuais alemáns que fuxiron da Alemaña nazi establécense no Sarre, desde onde tamén se dedican á oposición política a través de revistas e periódicos (Seibert 1995). Despois da II Guerra Mundial é a administración francesa a que fomenta a fundación da primeira universidade do Sarre ou a Escola de artes e oficios, a través da cal artistas sarrelandeses poden conseguir bolsas para estudiar en París (Oberhauser 1995:44; Graf 2000:12). E, finalmente, necesitar pasaporte para cruzar a fronteira e ir a Alemaña foi algo vivido aínda pola xeración dos que nacen nos primeiros anos da posguerra.
     Todos estes elementos e moitos outros máis forxaron unha identidade particular e un país diferenciado do seu contorno, cunha densidade de infraestructuras sorprendente para un territorio tan pequeno. Sen entrar en demasiados detalles, coido que esta breve panorámica histórica pode dar unha idea das características que marcaron e seguen marcando o Sarre. Antes de falar das dificultades coas que se ten que enfrontar hoxe en día, gustaríame facer unha breve digresión sobre algúns aspectos de tipo lingüístico.



     II. 3. Aspectos lingüísticos

     O Estado do Sarre non é unha zona bilingüe franco-alemana. Tradicionalmente a fronteira lingüística entre linguas xermánicas (o alemán) e románicas (o francés) atópase máis ó oeste e suroeste, do outro lado da fronteira política con Francia, causa da existencia dunha minoría lingüística alemana neste país. Digo tradicionalmente, porque as cousas están cambiando e os dialectos alemáns de Francia en claro retroceso. Pero para o noso tema o interesante é isto: xusto detrás da fronteira política continúa a zona de fala alemana. Non hai unha interrupción nítida.
     No que concirne ó Sarre, podemos constatar que non hai unha variante lingüística común, senón que conviven dous dialectos diferentes nos seus respectivos territorios. Noutras palabras, non existe unha fala sarrelandesa, como un único idioma propio para forxar unha identidade común (16). Hai dous bloques dialectais claramente diferenciados, que teñen a súa prolongación nas zonas limítrofes, é dicir, non se limitan ó Sarre. De nordés a suroeste o Estado é atravesado por unha liña imaxinaria que vai do norte do Estado de Hesse cara a Lorena: á esquerda fálase o franco moselán  —unha variedade súa estandarizada é lingua nacional en Luxemburgo—, á dereita o franco renano (17). Estes dialectos son falados pola grande maioría dos sarrelandeses, habendo, emporiso, moi pouco uso público ou literario (18). Trátase, pois, dunha situación diglósica, co alemán estándar como lingua A dominante.
     Resumindo, cómpre destacar o feito de existiren variedades lingüísticas, distintas da variedade estándar do Estado-Nación Alemaña, que unen o Sarre coas rexións veciñas, por riba das fronteiras políticas.





III. Camiño do futuro

     III. 1. Dificultades

     As terras do Sarre, tanto dependentes doutros territorios máis grandes como sobre todo desde a súa constitución como Estado autónomo, foron sacadas frecuentemente do contexto das súas relacións económicas, culturais e humanas. Se ben non é demostrable que estes avatares da historia sexan responsables do carácter colectivo coa súa necesidade de tranquilidade, harmonía e asentamento, si semella evidente que todo este proceso conformou unha identidade social diferenciada, na que a xente se recoñece e se sente no seu fogar, psicoloxicamente falando.
     Ora ben, a decadencia das fábricas siderúrxicas e das minas,  —importantes alicerces do feito diferencial sarrelandés, se ben non os únicos— e a reconversión practicamente total debilitaron a identidade colectiva. A situación económica do Sarre é unha das peores entre os Estados federados da antiga Alemaña occidental, tanto en termos de PIB como de desemprego. Unha das reaccións observables é certa inercia e obstinación entre a xente. As pautas do mundo da industria pesada xa non funcionan e aínda non se atoparon outras novas.
     O Sarre, visto desde o mapa francés arriba á dereita e desde o mapa alemán abaixo á esquerda, quedou coa unificación e a capitalidade berlinesa aínda máis na periferia do que xa se atopaba antes. Moi concretamente isto tamén se refire ós medios financeiros dos que a Federación dispón para o equilibrio interrexional e que están comprometidos para axudar os Estados do leste. O pouco peso que tiña o Sarre minguou na nova Alemaña grande; a fin de contas, a súa poboación de algo máis dun millón de habitantes só representa o 1,3 por cen da alemana e só na Cidade-Estado de Breme vive menos xente (19). Se todo é economía de escala e tamén a cultura funciona así  —espectáculos, radio, televisión, etc.—, ¿que lle queda á modesta periferia? ¿Que puntos de atracción ofrece na competencia total das entidades político-territoriais? A globalización parece reducir as posibilidades das unidades cativas para autogobernarse e dirixiren a propia vida, sendo os puntos de referencia espacios cada vez máis amplos, que frecuentemente incluso superan os Estados-Nación.
     A reacción é unha certa sensación de desacougo e unha busca do pequeno, para compensar e remediar o sentirse exposto e desprotexido, algo que sucede non soamente no Sarre. Parece haber unha nova preocupación e podemos atopar testemuños deste fenómeno en numerosos ámbitos... tanto no artigo dun sociólogo galego (Bouzada 2001:99) como nos textos dunha psicóloga (20), un xornalista (21) e un escritor alemáns (22), por cinguírmonos a estes casos. A importancia dos espacios reducidos, da terra ou Heimat, está seguramente no de ser contexto cultural coñecido: non hai necesidade de definir todo cada vez de novo, hai definicións nas que un se socializa, recibindo apoio e reafirmación.



     III. 2. Perspectivas

     Durante moito tempo no Sarre prevalecía o afán por incorporarse, por desaparecer e volver onda a "grande nai alemana". No referendo de 1955 por exemplo, no que se trataba de aceptar ou non un estatus europeo, coa idea de que as novas institucións das Comunidades Europeas se establecesen en Sarrebruck (Hannig 1995:328), a maioría en contra desta opción foi de dous tercios dos votantes, o cal se entendeu como pronunciamento a prol da pertenza a Alemaña. Hai quen falou neste contexto da "negación da propia historia dolorosa" (Hannig 1995:336).
     A globalización e, sobre todo, a integración europea non poñen en perigo, directamente, o ser sarrelandés, pero produciron unha especie de indiferencia como condición subxacente ó concerto competitivo das rexións: son as grandes metrópoles as que reclaman a atención. Estas novas circunstancias requirirán novas estratexias fronte ó futuro para facerse oír. En vez da existencia como apéndice dun importante pero remoto centro e dunha fixación no pasado, trátase de asumir a nova situación como unha oportunidade. A fin de contas, non queda máis remedio que procurar os propios fortes e estes son, no caso do Sarre, a súa peculiar identidade "mestiza" e a súa situación xeográfica no corazón de Europa (23).
     Reflexionar sobre o propio feito diferencial levará ó recoñecemento das similitudes cos veciños, que forman parte da propia identidade, por exemplo a través dos idiomas/dialectos compartidos. Volver descubrir as cousas en común tamén ha significar reencontrar a realidade das antigas rexións históricas, divididas só por unhas fronteiras dos Estados-Nación que, cómpre lembralo, dentro de UE están perdendo a súa relevancia. A integración europea supón, daquela, unha oportunidade moi concreta para o Sarre.
     De feito, hai numerosos foros e actividades transfronteirizas a diferentes niveis. Desde 1980 existe unha comisión rexional Sarre-Lor-Lux-Tréveris-Palatinado occidental, que dá forma política a todo un espacio económico de longa tradición. Dentro desta comisión existe un grupo de traballo dedicado a asuntos de cultura. Na carta de cooperación que asinaron os membros a mediados dos anos 80 exprésase a vontade de fomentar o intercambio cultural e a conservación do patrimonio cultural común, como por exemplo no eido do pasado industrial. Fundouse unha orquestra Sarre-Lor-Lux e organízanse festivais de teatro e de cine, entre outras actividades.
     En maio de 2001 ten lugar a I Feira europea do libro xuvenil e infantil en Sarrebruck, coa cooperación de organismos oficiais e asociacións de toda a Eurorrexión  —loreneses, luxemburgueses, sarrelandeses, palatinos—, así como tamén a embaixada francesa e o Instituto Goethe. A feira conta coa participación dunha chea de autores de lingua francesa, luxemburguesa e alemana, e inclúe espectáculos, animacións, mesas redondas, etc (24). Tamén está involucrada neste acontecemento, como coorganizadora, a Fundación franco-alemana para a colaboración cultural, que ten o seu secretariado en Sarrebruck desde a súa creación nos anos 80. Neste organismo plásmase a actividade do Consello de cultura franco-alemán, creado cun convenio entre os gobernos alemán e francés. A ubicación do secretariado da Fundación afianza o papel do Sarre como mediador entre estes dous países. Non por nada aquí o francés é a primeira lingua estranxeira e no Instituto de bacharelato franco-alemán de Sarrebruck, os alumnos incluso poden conseguir un diploma válido nas dúas beiras da fronteira. O mesmo se podería dicir do Instituto universitario franco-alemán, que naceu como colaboración entre as universidades de Metz e Sarrebruck.
     Folga enumerar toda a serie de organismos bi- ou multilaterais e os acontecementos transfronteirizos (25). Para o que quero expresar abonda o xa exposto: é a volta á propia orixe, ó propio ser diferente, á propia identidade a que no caso do Sarre enlaza cos veciños directos e pode abrir os horizontes, dando fortaleza no proceso da crecente internacionalización. E haberá aliados. O alsaciano André Weckmann, autor en dialecto alamánico da súa terra natal, defende tamén estas teses como necesidade para a propia supervivencia (Weckmann 1992). Dos luxemburgueses sábese que non teñen menos interese nesa estratexia.
     Redescubrir a importancia das zonas fronteirizas, periferia durante tanto tempo, e facer que se convirtan na vangarda dunha nova política europea, é a única maneira dos raianos de non desapareceren tragados polas grandes unidades anónimas. A súa experiencia histórica, marcada por guerras, rivalidades, ocupación, destrucción, inseguridades e cambios permanentes, pode valer para converter esa "zona europea do medio" —os territorios entre os bloques alemán e francés e o Sarre entre eles— nunha ponte moi concreta e vivida, coa capacidade de inspirarlle algo de emoción saudable á tan burocrática idea de Europa.





Bibliografía


Benedict Anderson 1983: Imagined Communities. Reflections on the Origins and Spread of Nationalism, Londres

Xusto G. Beramendi 1998: "Identidade, etnicidade e Estado na España contemporánea", Grial 138, 239-260

Xan Bouzada Fernández 2001: "As políticas culturais na España actual: acerca dalgúns retos e dilemas político-culturais do Estado autonómico", Grial 149, 83-102

Iso Camartin 1992: Nichts als Worte? Ein Plädoyer für Kleinsprachen, Frankfurt a. M.

Alfonso R. Castelao 2000: Obras, tomo II, Vigo

Richard van Dülmen (ed.) 1995: Saarländische Geschichte: eine Anthologie, St. Ingbert

Sabine Graf 2000: "Kennst du das Land... 50 Jahre Einsamkeit? Kunst im Saarland vom Kreislauf zum offenen Prozeß: die Sammlung der Landeszentralbank als Symptom", Claudia Maas (coord.) 2000: Kunst-Bau. Kunstsammlung der Landeszentralbank in Rheinland-Pfalz und im Saarland, Hauptstelle Saarbrücken, Sarrebruck, 10-16

Alfred Gulden 1982: Nur auf der Grenze bin ich zu Haus, Sarrebruck

Harald Haarmann 1986: Language in Ethnicity. A View of Basic Ecological Relations, Berlín / Nova York / Amsterdam

Jürgen Hannig 1995: "Grenzen der Politik. Saarfrage und Abstimmungskampf 1955", Dülmen 1995, 326-336

Ludwig Harig 1990: Die neue saarländische Freude. Ein Lesebuch über die gute Art zu leben und zu denken, Frankfurt a. M.

Martin Hecht 2000: Das Verschwinden der Heimat. Zur Gefühlslage der Nation, Leipzig

Jost Hermand (ed.) 1996: Heimat, nation, fatherland: the German sense of belonging, Nova York

Michael Keating 2000: "Reconsideración da rexión. Cultura, institucións e desenvolvemento económico en Cataluña e Galicia", Grial 146, 231-259

Werner König 1994: dtv-Atlas zur deutschen Sprache, Múnic

Ramón Máiz 1998: "A reconstrucción teórica do nacionalismo e as demandas políticas da democracia", Grial 138, 185-197

Franck Meyer 1998a: "Fillos da fronteira", Revista Bravú 2, 28-30

Franck Meyer 1998b: "Turcos alemáns, entre dúas terras", Grial 139, 629-632

Beate Mitzscherlich 1997: "Heimat ist etwas, was ich mache". Eine psychologische Untersuchung zum individuellen Prozeß von Beheimatung, Pfaffenweiler

Fred Oberhauser 1995: Das Saarland. Kunst und Kultur im Dreiländereck zwischen Blies, Saar und Mosel, Colonia

Gerhard Paul 1995: "Die Saarabstimmung 1935. Determinanten eines verhinderten Lernprozesses über den Faschismus an der Macht", Dülmen 1995, 300-312

Karl August Schleiden 1995: "Aus provinzieller Enge zur Weltoffenheit. Kulturelle Entwicklung 1815-1957", Dülmen 1995, 337-351

Bernhard Schlink 2000: Heimat als Utopie, Frankfurt a. M.

Dieter Marc Schneider 1995: "Rückkehr an die Saar", Dülmen 1995, 320-325

Peter Seibert 1995: "Dann werden das Blatt wir wenden... Verbannte Autoren im Kampf um die Saar (1933-35), Dülmen 1995, 289-299

André Weckmann 1992: Die Kultur des Zusammenlebens. Variationen zu einem schwieriegen Thema, Eggingen

Rolf Wittenbrock 1995: "Identitätsbildung in einer Grenzregion: Das Saarland bis 1935", Dülmen 1995, 284-288






———————
NOTAS

(1) Tamén a breve descrición dos propósitos deste congreso, redactada polos seus organizadores, reflicte este discurso ó dicir: "A identidade do pobo galego vén definida polo asentamento xeográfico, a distribución da poboación, as formas tradicionais e sobre todo o uso dunha lingua propia: o galego. Estas e outras circunstancias concorren tamén noutras culturas minoritarias [...]." (citado segundo a carta que a organización enviou ós participantes do congreso "A cultura no século XXI", celebrado en Santiago de Compostela, maio de 2001). O propio Castelao fornece un catálogo de criterios na defensa que fai de Galicia como nacionalidade no seu libro Sempre en Galiza (Castelao 2000:84-99), destacando os conceptos de "idioma, terra, economía e cultura" (99).
(2) Sobre un caso concreto de inmigrantes en relación coa cuestión da identidade, os turcos en Alemaña, ver Meyer 1998b.
(3) Fago miña a idea que expresa Fernández (2000:162) no contexto galego: "Supoñer unha identidade allea ó tempo e á vontade é, certamente, unha caída no mito; manter que non hai nada (máis que vontade, estratexia e construibilidade) é unha forma de permanecer atrapado nel." Un caso de posición constructivista máxima a miúdo citado é Anderson 1983.
(4) En galego fálase neste contexto de "terra", onde conflúen benestar anímico, apego emocional, seguridade e identificación do individuo co contexto social e/ou o territorio. En alemán diríase "Heimat", o sarrelandés pensaría en estar "dehemm". Sobre o complexo tema da Heimat, pódese consultar Hermand 1996. De modo irónico, reflexionou o escritor Ludwig Harig sobre a variante sarrelandesa do "sentimento da casa" (Harig 1990:9-23), relacionándoo, ademais, con ese eslógan do referendo de 1935 "Volver ó Imperio" ("Heim ins Reich").
(5) Nun libro sobre a situación do retorromano o filólogo suízo Iso Camartin (1992:25) alude tamén á importancia da "identidade social" para a estabilidade psíquica do individuo e mesmo para o desenvolvemento da propia individualidade, fenómeno que para el é unha das xustificacións para a protección e conservación das culturas periféricas como a súa, a romanche.
(6) Esta temática abordeina noutro contexto en relación co meu avó lorenés (Meyer 1998a).
(7) "[...] diferénciase da identidade nacional en que non se imaxina a comunidade de referencia como unha nación, senón como un grupo subnacional. En consecuencia, está orientada á reforma dun Estado nun sentido de descentralizar o poder mediante institucións subestatais de autogoberno, pero sen alterar a unicidade da súa soberanía. Pode basearse ou non en realidades etnoculturais diferenciadas e pode evoluír ou non cara a unha identidade nacional." (Beramendi 1998:240).
(8) A superficie do Sarre é practicamente a mesma que a de Luxemburgo. En comparación, a provincia de Pontevedra comprende case 2.000 quilómetros cadrados máis.
(9) Para a descrición histórica baséome sobre todo no libro Oberhauser 1995 e os artigos de Dülmen 1995.
(10) Un dos mariscais de Napoleón —Ney— era do Sarre, outro —Kléber— de Alsacia.
(11) "A análise comparada salientou reiteradamente que, a diferencia do sostido polo discurso nacionalista mesmo, lonxe de constituír os nacionalismos a expresión dunha nación dada, esta última é sempre —sen que isto implique diminución ningunha da súa 'realidade' e consistencia— o producto continxente dunha construcción política guiada polos movementos nacionalistas en determinados contextos sociais e institucionais." (Máiz 1998:193).
(12) En 1913, por exemplo, máis do 11 por cen da producción alemana de ferro e máis do 14 por cen de aceiro procede do Sarre (Oberhauser 1995:24).
(13) Fronte ó territorio inicial de 1920, os franceses ampliaron algo o Saarland entre 1946 e 1947 no noroeste (ata o río Mosela) e norte, dándolle a súa extensión actual (Oberhauser 1995:26-27).
(14) Na historiagrafía moderna destácase o reforzamento da identificación con Alemaña despois da creación do Territorio do Sarre (Saargebiet), como consecuencia dunha solución política percibida como inxusta e arbitraria polos sarrelandeses (Wittenbrock 1995:287). Nisto habería que buscar unha das razóns para a rotundez do resultado do referendo de 1935, no que os sarrelandeses, a fin de contas, cunha porcentaxe do 90 por cen, prescinden das liberdades democráticas para se entregaren a unha dictadura fascista.
(15) Aínda en 1932, cando en Alemaña os nazis conseguen o 37,4 por cen dos votos, nas eleccións ó parlamento do Sarre só obteñen o apoio do 6,7 por cen (Paul 1995:302)
(16) Aínda que a existencia dunha lingua tampouco é unha condición sine qua non para a construcción dunha identidade propia, como destaca o lingüista Haarmann (1986:258-261).
(17) Este dialecto é primeira lingua na que falei. Unha variedade do franco renano era tamén a lingua materna de Goethe, o frankfurterisch (König 1994:109). Un mapa lingüístico cos dialectos alemáns atópase en König (1994:230-231).
(18) Escritores como Alfred Gulden, Johannes Kühn (en franco moselán) ou Ludwig Harig (franco renano) recorreron algunha vez ó dialecto, no eido da poesía sobre todo. Parece que ten máis presencia na literatura o franco moselán, quizais pola proximidade do caso luxemburgués, onde este idioma se atopa nunha situación dabondo normalizada. Alfred Gulden reflexionou nun libro sobre esta problemática (Gulden 1982), como tamén Ludwig Harig, o escritor sarrelandés contemporáneo máis coñecido fóra do país (Harig 1990:46-61).
(19) Os datos socioéconomicos e demográficos xunteinos a través das Oficinas de Estatística do Sarre (Statistisches Landesamt Saarland) e da Federación (Statistisches Bundesamt).
(20) Mitzscherlich fixo un estudio psicolóxico —un dos moi poucos— arredor da Heimat, esa idea moi alemana que vai máis alá do concepto galego de terra, partindo do seu propio caso de cidadá da antiga Alemaña Democrática. Constata por exemplo que a necesidade de ter unha terra/Heimat medra na medida en que é cada vez máis difícil situarse nun mundo de crecente complexidade e disparidade (Mitzscherlich 1997:236).
(21) O periodista Hecht observa a desaparición da Heimat na actualidade, sen que se encha este oco anímico-cultural. Considera este fenómeno como o grande problema cultural da globalización, que implica crises de identidade e a destrucción de seguridades emocionais (Hecht 2000:20).
(22) O escritor Schlink (O lector) constata que o renacido amor pola rexión é tamén unha reacción a unha sensación de alienación resultante da internacionalización (Schlink 2000:20).
(23) "[...] o rexionalismo pode ser pechado e encerrado en si mesmo, ou pode ser, especialmente no contexto da nova Europa, internacionalista" (Keating 2000:237).
(24) O programa impreso da feira, editado polo Instituto para pedagoxía e medios do Estado do Sarre, utiliza as linguas alemana e francesa, se ben o título —Bücher bauen Brücken / Lire sans frontières / Bicher schafe Grenzen of— inclúe tamén o luxemburgués.
(25) É de supoñer que o máis eficiente será seguramente o comportamento espontáneo da poboación, cando por exemplo os sarrelandeses se afincan en Lorena, os loreneses traballan no Sarre e as mocedades dos dous países van ás mesmas discotecas.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega