Unha revolución social chamada Prestige: "Nunca Máis"

 

[Texto íntegro]

 

v2adelafigueroarevolucionsocial.html

     Após casi tres meses do afundimento do malfadado buque algo profundo e de apariencia novo, está a agromar no noso País resultado dunha conmoción social sen precedentes.

     Nunca, ate agora  a resposta cidadá fora tan masiva, contundente e firme.

     Muitos de nós, incorporámonos de novo a estructuras en que traballáramos outrora, outros fanno de novo e tamén muitos cidadans de boa fe, que son a maioria das persoas do mundo, reclaman o seu lugar para berrar a indignación e reclamar o direito a que se escoite a sua voz. Acabamos por compor unha grande manada de cans que ladran o seu resentimento polas esquinas.

     O movimento liderado pola Plataforma Nunca Mais móstrase como o grande alto parlate dunha sociedade que reclama rotundamente o seu lugar na historia e na gloria dos povos.



O lévedo

     As cousas non ocorren nen por casualidade nen porque si. Desde o meu ponto de vista, se non tivese habido un intenso traballo social de muito tempo, insistente, de reforzar a autoestima, de dignificar e reinvidicar os dereitos deste Povo que é Galiza, esta resposta cidadá, nunca teria lugar. O lévedo estava botado, só foi pór cocer a empanada.

     Pero este lévedo non foi feito só de amor e fe na Terra. Foi tamen feito de raiba e adubado de desprezo por parte de todos aqueles que só buscan sacar partido da miseria dos que oprimen.

     Há muito medo no meu País: medo a perder a subvención coa que se paga o crédito necesario para manter unha explotación gandeira, medo a non ter un posto nos cursiños para mariscadores, e desta maneira non poder obter o carnet, e ter que viver de furtivo, medo a que non che concedan as axudas para facer unha explotación forestal, medo, enfin, a que os que "reparten" as prebendas que todos pagamos cos nosos impostos, négenche o "pan e o sal". Este medo é o que fai que os que nos gobernan crean que teñen direito a administrar a "Cousa Pública" como propia, actuando como señores feudales que distribuen as prebendas aos que lles son fieis, e castigando a aqueles que lles son contestatarios.



O Código ético

     A Plataforma Nunca Mais reclama que o tan cacarexado "Estado de Direito" funcione. Porque a masa dos povos sabe, no seu inconsciente colectivo, que unha comunidade que non ten un código ético, mínimo, que rexa o seu funcionamento, acaba por se destruir. É o berro unánime de que o diñeiro non o é todo, que o lucro sen límites, o todo vale con tal de conseguir cotas de poder cada vez mais altas, de que o desprezo hacia os dereitos individuais e colectivos, que a destrución do nosos patrimonio natural e cultural ten que acabar.

     Nunca Mais é un grito de sobrevivencia dunha sociedade que reclama ser respeitada e ouvida.



Os colectivos

     Na Plataforma Nunca Mais intégranse colectivos de mui variada procedencia, e tamén partidos políticos. Pero estes non son os protagonistas. Son uns mais, e así é como ten que ser. A Plataforma ten razón de ser na medida en que manteña as suas raices no povo. Foi a loita heroíca dos mariñeiros, defendendo as nosas costas cos seus propios medios a que lle da razón de ser. Nunca se pode perder esta perspectiva.

     Os outros colectivos traballan integrados baixo este paraguas.



O voluntariado

     Así organízanse grupos de voluntarios desde organizacións como a Universidade, Institutos de Ensino Secundario, Sindicatos etc., ou ADEGA, que axudan a limpar as costas, pero tamén coa sua presencia denuncian as actuacións da administración que pretende dar, a estas alturas, por finiquitado o plan de limpeza. Nós sabemos que o chapapote ainda está ahí, e que continua a chegar, e que é urxente quitalo, porque canto mais tempo esté, mais se danan os ecosistemas e será mais dificil a sua restauración.

     Tamén os voluntarios fan traballo de divulgación. Todo un equipo de profesores, médicos, economistas etc, traballa dando charlas e conferencias para colexios, asociacións e organizacións de todo tipo, alí onde se reclama a sua presencia, por todo a xeografia galega e tamén en outras comunidades onde teñen solicitado o noso apoio.

     Todo esto é posible porque a resposta veu desde todos os clectivos sociais do país.

     Agrupacións como Burla Negra, dos artistas, Area Negra, dos ensinantes, Plataforma dos Sanitarios, a totalidade dos grupos ecoloxistas, as Universidades do País e agrupacións cidadáns de todo tipo compuxeron e teceron un tecido de cidadania responsable disposta a reclamar os seu direito a ser escoitada e atendida nas suas necesidades.



O patrimonio

     Todos temos muita preocupación polo dano feito ao noso Patrimonio Natural. Sabemos que non é só cuestión de cartos e de indemnizacións. Temos muito medo de lles non poder deixar aos nosos fillos unha Terra como a que recibimos.

     Despois da Cumbre de Rio e das declaracións dos Foros Sociais Mundiais, muitos paises teñen aderido o modelo de Desenvolvimento Sustentable. En esencia, este responde a un modelo de sociedade de benestar que non poña em perigo o benestar das xeracións futuras. É un modelo de desenvolvimento que teña sempre en conta certas limitacións insuperables, como por exemplo, a capacidade de carga dos ecosistemas, a explotación do medio tendo en conta a sua taxa de renovación, o control da explotación dos recursos non renovables e a reposición dos renovables. Tendo en conta de que o noso medio é a nosa fonte de vida, presente e futura, e a fonte do noso lecer, benestar e felicidade, porque desta concepción nace a integración social.



Nunca mais

     Todos estes límites ultrapasáranse no caso do Prestige, e estánse a ultrapasar a cotio no modelo de explotación de recursos, nomeadamente dos recursos petrolíferos. O modelo non vale.

     Nunca mais o lucro excesivo ten que ser o único obxectivo das actividades humanas.

     Nunca mais a falta de control marítimo ten que ameazar as nosas costas e outras.

     Nunca mais as trampas legais poden ocultar os responsables dos barcos e das suas cargas, e dos seguros de indemnizacións.

     Nunca mais un cheque en branco aos políticos. A democracia non se termina co resultado das urnas. Continua tamén no tempo que media entre as eleicións, e os políticos teñen que responder diante do povo que os comisionou para administrar o que é de todos.

     Nunca mais un povo ten que ser burlado deturpando o estado de dereito.

     Nunca mais un povo colonizado culturalmente e desestructurado, sen capacidade de resposta para facer valer os seus dereitos.

     O noso patrimonio natural ten que ser restiuido. O noso deficiente tecido industrial ten que ser reparado e dinamizado. A nosa dignidade ten que ser respeitada.

     Galiza ten que ser declarada Zona Catastrófica, con atención especial, e os culpables desta destrución teñen que ser submetidos ás accións da xustiza. Por imprudencia temeraria, por mentireiros, por abandono do posto sendo funcionarios, por non cumplir coas suas obrigacións e por non merecer o diñeiro que se lles paga para o desenvolvimento do seu traballo.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega