Un relato un algo negro (Vostede siga ben, señor fiscal)

 

(Texto íntegro)

 

v1ilopeznovorelatonegro.html

Un relato un algo negro.

     Xa destogado, vestido con rigoroso traxe negro e gravata a xogo co nó en perfecto isósceles centrado sobre a impoluta camisa branca. Cos cabelos peiteados cara a atrás coa mesma minuciosidade xeométrica cá raia dos pantalóns, tan perfecta e severa coma a liña continua dunha estrada, o señor Fiscal, despois de atender con laconismo amábel as preguntas dos periodistas, baixou hieraticamente as escaleiras exteriores do Xulgado coa intención de dirixirse a pé ao seu domicilio próximo.
     Ese paseo era, dende sempre, un dos seus maiores praceres. Gustáballe exhibir a súa altivez e sentir o respecto que suscitaba a súa autoridade.
     - Vostede siga ben, señor Fiscal.
     Eran xentes coas que non tiña trato, pero que sabían quen era por razón de cargo e vecindade. Unha vecindade que nunca podería ser tomada como sinónimo de proximidade agás no xeográfico. El vivía na súa elegante mansión e a única relación que tiña cos da zona eran aqueles saúdos nos que el cría ver respecto, admiración e mesmo veneración. Uns saúdos aos que el contestaba (?) cun leve aceno da man dereita, un condescendente palpabrexo e un cáseque imperceptíbel sorriso. O señor Fiscal estaba convencido de que esa era a postura que había que manter para conservarse no máis puro estado de asepsia, algo esencial na súa profesión.
     Ata tal punto coidaba a imaxe da función que representaba, que o señor Fiscal nunca xiraba a cabeza cando tiña que mirar atrás. No caso de que tivese que facelo, daba unha media volta con aire castrense e fixaba os seus ollos no que houber lugar sen menoscabar nin un ápice a altiveza do seu rostro nin descompoñer o máis mínimo a gravidade do seu xesto. Se o obxecto a mirar estaba baixo, a función das pálpebras pasaba a ser fundamental.
     O señor Fiscal era amante da rectitude absoluta, detestaba a dúbida e non cría no arrepentimento. Sempre que se dirixía a pé á súa casa, elixía o camiño máis dereito para chegar a ela, anque houbese de pasar por lugares que non estaban á súa altura e que serían facilmente evitábeis dando un pequeno rodeo. Sabía que ese día batería cun mercado de ambulantes que faría incómodo o paso por estar sempre ateigado de xente, pero nin sequera se lle pasou pola cabeza cambiar de ruta por tan nimio obstáculo, tan ocupado como levaba o pensamento coa brillante actuación que tivera ese día nun complicado caso no que o xuíz dictara sentencia aceptando absolutamente as súas peticións condenatorias para o acusado de turno.
     E efectivamente, cando o señor Fiscal chegou á praza onde se celebraba o mercado, puido observar que estaba a rebordar e que pasar por alí ía resultarlle dificultoso, pero non tiña ningunha présa e dirixiu o seu ríxido porte cara a aquela masa que se movía como un formigueiro en plena actividade.
     Cando estivo mergullado naquela marea humana houbo de reducir a marcialidade do seu paso, anque sen conceder na súa firmeza, procurando conservar con pulcritude e disciplina a rectitude corporal e a férrea altivez do seu rostro. De cando en vez, chegaba ata os seus oídos o consabido saúdo, sempre referido ao seu cargo, e el seguía a contestalo segundo aquela fórmula que tiña por costume, que máis ca correspondencia semellaba aprobación.
     Foi cando estaba no medio da praza cando comezou a chover con forza de súpeto. Vagallóns de xente trataron de gañar rapidamente a beirarrúa para protexerse arrimados ás casas. El seguiu andando impertérrito, sabedor de que era unha descarga de pouca dura, pero debido ao inesperado da precipitación, a xente tamén chegou a invadir a tropel a zona pola que el transitaba. Optou por deterse e agardar en posición de firme a que a turba pasase, pero aínda así tivo que soportar un sen número de empurróns e de golpes. Un golpe nas costas, sobre todo, que lle fixo abandonar a rectitude e que debido á dor que lle produciu por pouco non descompón a fría altivez do seu xesto. Pero foi un momento. Ao pouco ata agradeceu o ballón, xa que gracias a el puido circular logo con enteira liberdade.
     Cando saíu da praza xa non chovía. Quixo voltar aos seus pensamentos pero unha dor cada vez máis intensa nas costas privouno de tal. Lembrou aquel golpe que sentira e por un momento tivo a intención de botar a man a onde se sentía magoado, pero a súa rectitude impediullo antes de que o fixera.
     - Vostede siga ben, señor Fiscal.
     Aínda pasaba xente que o saudaba e debía preservar a dignidade. Cando chegara á casa botaría algunha pomada ou aplicaría algún aerosol sobre a zona afectada. Seguiu andando un bo anaco e a menos de trescentos metros da súa casa comezou a sentirse peor. As pernas non lle respondían, sentía que os ollos lle pesaban e unha debilidade invencíbel ía invadíndoo a pasos axigantados.
     Caeu completamente exánime ao pé da reixa da súa elegante mansión. Morreu sen decatarse de que dende a praza dos ambulantes levaba un fino estilete cravado no medio das costas. E talvez mellor así, porque sería ridículo nel non saber a quen acusar do delicto. Do que si se decatara antes de morrer, era de que ninguén o quería. Alí tirado, a punto de expirar, aínda percibiu borrosamente a algúns transeúntes que ao pasar a carón do seu corpo saudárono como era preceptivo:
     - Vostede siga ben, señor Fiscal.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega