Verbum caro

 

Texto íntegro.

 

v2bieitoiglesiasverbumcaro.html
VERBUM CARO

Amor, que tema pra alistar adolescentes!
Qué vágado de grilo carniceiro
na boca do géiser.
Cómo nos afora e enviña
logo de arrincar polpa e sementes.
Cabazas de beber mosto e zume de xarios,
somos erguidos contra os días luminosos.
Espello que detén a entropía
alisando impactos meteoros
e aldropes de desleixo.
Ámbar que atrapa o segundo auroral
                                     do Universo.
Aperta ridícula, dixestiva, que renova
e sacode e tira polas barbas
                                  do Padre Eterno.
Amoriños contrariados que envenenan
e arman a serpe de axóuxeres
pra morder un día pezas palpitantes,
pra incorporar a delicia de ser aceptados.
Vida derramada nos ollos solitarios!
Que necia e doce esperanza!

Prenda, non andamos en parella
por cumprir co granxeiro da Arca.
Pasamos pola Cruz de non ser un,
de gurrar e devorar sen abolirnos.

Amante, son insuficientes os accesos,
os ollos, a boca, as torneiras.
A loucura é iso: apalpar e ferir,
pretender e esgazar só o que estimamos.
¿Pulo cara a excelencia?
¿Minería de Salzsburgo?
Platón e Stendhal, lonadas de colexiala.

Corazón, o amor é isto:
casar o apetito do león e da xaula.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega