Viaxe ao país dos ananos

 

Escolma.

 

m1celsoemilioviaxeescolma001.html
Limiar


A xeito de S.O.S
falo na madrugada:
Pechai tódalas portas
e que xa ninguén saia.

Sin a seiva nutricia
esmorecen as gallas.
Arbre antigo, Galicia,
fendérono ás machadas.
Unha ponla no mundo,
outra ponla na casa.
A ponla de alén mar
é soio unha metáfora.
O povo quere terra
como Anteo na fábula.
A terra quere povo
para ser fecundada.
Nunca virá de fora
remedio ou esperanza.
Si o noso povo morre
quedámonos sin patria,
pois patria e povo son
o mesmo en dúas palabras.

Pechai tódalas portas
e que xa ninguén saia.



Prá mocedade


Tendes que alcender un facho
de baril inconformismo.
Non, non, diredes decote
aos profesores de mitos
que queren de contrabando
pasar falsos paradisos.

Non, non, diredes arreo
aos que van no seu machiño
cabalgando moi contentos
entre nubes de outimismo.

Non, non, debedes decir
aos que minten por oficio.
A verdá, soio a verdá
da terra na que vivimos,
labrada en berros de lume,
nascida en berce cativo.
A verdá, soio a verdá
da terra na que nacimos.



A leución


Adeprender a vida é tan difícil
ou máis que resolver un crucigrama.
Tan difícil ou máis que unha pregunta
que houbera que facer na madrugada
cando tódolos arbres choran noite
i os galos cantan.

Adeprender a vida é moi difícil
i ademáis cansa.

Cando tes a leución medio sabida
non che sirve pra nada.

As cousas son así: imos e vimos,
sin enterarnos nunca do que pasa.
Pra saber a leución dámoslle voltas,
cando acaso mellor era non darllas.

Unha mazá, un verme,
unha chuvia caíndo, terca e mansa,
un discurso do alcalde,
unha vinganza,
unha muller parindo, unha bomba de nápalm.

Dámoslle voltas
sin enterarnos nunca do que pasa.


Digo Viet Nam e basta

Digo bomba de fósforo.
Apenas digo nada.

Digo lombriga e larva
de carne podrecida.

Digo nenos de nápalm,
terror de noite e selva,
fedor de cidade e cloaca.

Fame, suor, aldraxe,
pugas de aceiro, antropofaxia.

Digo guerra bestial,
terror de terra, crime, lume, lava,
estoupido, verdugo
e mortandade en masa.
Digo gas abafante.

Apenas digo nada.
Digo yanqui invasor,
depredador de patrias.

Digo plutonio, pentágono,
esterco bursátil, palanca,
Presidente, gadoupa,
chuvia, amargura, baba.

Digo petróleo, ferro,
mineral, trampa,
lobo, caimán, polaris, cóbrega,
miseria, diplomacia.
Digo devastación que USA, usa.

Apenas digo nada.
Digo Viet Nam i está xa dito todo
cunha soia palabra.

Pra abranguer a vergonza do mundo,
digo Viet Nam e basta.



Compromiso


Estóu entre vós
e de vós falo, homes.
Non me importan
as derradeiras modas
nin os modos snob
dos poetisos
que proclaman o estrume por divisa.

Eu canto dende dentro do meu pobo.
Tido,
metido,
prometido,
comprometido
cos homes, meus irmáus,
meus camaradas na loita
pola libertá.
Non me importa
o que digan mañá
os aduaneiros da poesía.
Si un intre só
conquiro darvos folgos
co meu canto,
ficaréi moi contente
e non perciso
máis
nada.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega