Vogar de couse

 

[Escolma]

 

v2alexandreneriumvogardecouse001.html

DA HÚMIDA PALABRA


Nin sequera as bandadas de mazaricos mortos
—nestes anos de viaxe do transcorrer das follas,
no batexar dos sures contra as mofentas portas,
no escintilar da lúa que arregoa entre os golfos—
arfaron o remorso luído polas rochas.

Do pé do muño herdamos a crecenza, o sobordo
do tombo, das gaivotas o medo. Cobizounos,
á volta do recanto, vestida de orfandade,
a mornaseira, para tirafondearnos ante
os bordos coma se esta xamais tivese dono.

Bardante o curricacho —por non poder tatuarse
nas ás as isobaras do aire escoler sen chuvia
e proclamar ó vento a aldraxe do sextante
cando tras da almadraba ecoárase a penumbra—
souberamos que os náufragos xurdiran na escoaxe.

Acoderar de versos naquel porto tenrura
o lene balbucido do devalo... horas murchas
que logo han embocar na umbría escuridade
do pretérito, ¿acaso nel ultímanse as húmidas
palabras?... Cadeeira mordaz que dexergades.

Onda as ondas... Recordo polas pólas fragrantes
o gabear frenético das sombras; escoitounas
renxer a randeeira contra as contras do cárcere
que de por si arrostraren se se achegase tarde
a tarde que acenderon os bergantíns noutrora.










CADERNO DE BITÁCORA


Caderno de bitácora, trinta de xuño, asoalla
na incerteza de estarmos na situación exacta,
no norte verdadeiro sen temón que comande
o pailebote branco que emerxe ineluctábel
no cuadrante insubmiso deste verán que tarda...

Cada milla na carta ansiaba a liberdade
na procura dun vento que nos fora propicio.
Armamos os trinquetes cuarteando os velames
rumbo ás illas que un día soñaramos ó abrigo
daquel verde arquipélago que amnistiaba a voráxine.

Connosco o chapuzar dun arroaz ferido,
argana de cristal de roteiros prohibidos...
mentres ti, forte nó, trincabas as escotas;
relingas de coral nun íntimo laído
en pálida nudez da anónima obra morta.

Compartimos a sede da resaca da costa
que dá de cara, cando calquera brisa arrecia,
ó estribor desgonzado que nos baleira a boca
nun golsar persistente, rescaldo da ciavoga
que, ós poucos, vai queimando a nosa adolescencia.

Cedo zarpara a nave con toda a súa tardanza
cos pañois ateigados de soño que trouxeran
os primeiros argazos das últimas mareas
cando o peirao (recordo) decote se arredaba
deixando tras de si o cheiro da carena.










CONTRA OS ROSMÓNS FERRETES

Óuzoas recalar sempre coas ás rifadas
grallándolle á raxor para espelir envergues,
de catro a catro asir, —«¡corvais!»—, as badaladas
destas campás que, á vez, resoan nos espeques
do corazón, soltar, dunha muller, amarras.

Danme de couso, aquén, do delator abrente,
aréanme co sal que atrás deixou o nordeste,
salfírenme de azul voraz que relasquea
que bate canda o sur contra os rosmóns ferretes
que atesouran, rizar, as ilusións, as velas.

Entaboáronse en min antes que o sol morrera
co sesgo sedelar do vendaval enriba
para ardorar a dor, xusto, ó estribor da esteira.
Onde queira que o ron desta augación estea
hanno vir, asentar, somorgullar..., carlingas.

¿Por que, ...de acharme só co botaló, me espides
se nisto que hei vencer apenas son fatiga?,
¿por que, da extenuación que os espineis afirman
nese éxodo abisal da estrelamar saínte,
ides iscando, orzar, imposicións, cinguidas?

¡Rutías espirais, por Deus, contradicídeme!,
¡fuxide coas cancións que entoan os orinques
malia que se ergan vas ó escapular as abras!
¡Convosco espalmarei o casco gris da calma
de zozobrar, caer cara a babor, a piques!










COMO ARTE DE DERIVA


Fóronnola usurpando, somnámbula, nestroutra...
Daquela, o gavoteiro, soía ensimesmarse;
co devir das goldrías mesturala entre as notas
de díeses convulsas, de descorzoadas claves,
por tripular, ó pélago,... alba de auga salmoira.

Corre o mar. Os salseiros salfiren cabrestantes,
bulárcamas confusas, fementidos codastes
e a abordaxe involuta (pentagrama)... das cómplices
tarrafas desnortadas, de poutelas, na canle,
coma un lobo, arremete... solféxalles a morte.

Apenas si recobro, dos demais, o remolque
e houbera apariguarme como arte de deriva
—naquela auga leiteira que caldexara o norte—
ós vellos cuncharedos submersos nos acordes
da mesta latitude varada onda a avreguía.

Dado que todo é cope gañe o pano que gañe
facerme largadura, ¿hame curtir a vida?
Dado que, en vilo, xoezo, ¿merezo ouvir derriba?
Sempre serei quen son roturando mareaxes,
o mesmo caldeirón da mesma sinfonía.

Outravolta percorro a cidadela ambaxe
en que, ogallá, os coitelos se ceguen coa frialdade
dos estrames. ¡Roubárnolos, sequera, cando a Moa
do Pindo nos pertenza!, ¡cando o bater das contras
contradigan a música dos cornos asemade!

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega