Cariocas

 

(Texto íntegro)

 

v2hvillarjaneirocariocas.html

     ...
     — A ver, señora. Obedeza dunha vez e non me enfade.
     — ¿O que?
     — Faga o que lle acabo de mandar, ande. Deixe de retorcerse e levante o trapo.
     — O que está baixo do trapo non é nada.
     — Xa sei que non é nada, pero levánteo.
     — Pero se non é nada, ho. ¿Que ía tapar eu con ese pano?
     — ¿Quere que pasemos dentro do mostrador e a ver que máis aparece?
     — Se non é nada...

     El fai que quere entrar e ela ergue o trapo.
     — Non era nada, pero a min parécenme cariocas antirregulamentarias.
     — ¿Que quere dicir?
     — Ben sabe o que quero dicir. ¿Non le os carteis? Isto non se pode vender.
     — Xa non o vendo, señor.
     — ¿Como que non o vende? ¿Para que as ten aí? ¿Quérenos facer parvos?
     — Non, señor. Iso estaba no bandullo das rabadas e saíu ó abrilas. Tíñao para os gatiños dunha clienta.
     — Conque para uns gatiños... ¿Que che parece?

     O outro segue mudo.
     — Isto non ten venda, señor. ¿Ou non o ve? ¿Compraríamas vostede?
     — Eu vexo todo. Claro que vexo. A ver, ho, entra aí e pésalle aquel lote.
     — ¡Pésalle o carallo!
     — ¿Como di, señora? ¿Vostede sabe o que di e a quen llo di?
     — ¿E logo non podo dicir carallo, se me apetece?
     — Pois non, mire por onde.

     Ela fai cruces no peito:
     — ¡Xesús, María e Xosé!
     — Este carallo vaille custar vintecinco mil por riba do que resulte das medidas.
     — ¡Pero se ata o di Reixa pola televisión! Fai un sol de carallo, fai un sol de carallo. E repíteo dúas veces.
     — El pódeo dicir e non pasa nada. Pero o seu é un carallo de desacato.
     — Xesús, Xesús... Con todos os meus pecados...

     El ó outro, que segue mudo e quieto:
     — Entra aí e apunta...

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega