Astolat

 

[Texto íntegro]

 

v1evamoredaastolat.html

     Astolat. El oíra falar de Astolat, como todo cabaleiro, como todo neno incluso, e non precisamente cando o rei falaba de marchar contra tal reino ou de aliarse con tal outro; nin sequera como un nome máis perdido entre os arquivos dalgún viaxeiro consumado. Porque, de feito, el nunca coñecera a ninguén que tivese pisado Astolat. De Astolat falábase coma se fose o Paraíso, o Ceo, o Inferno, e, ben pensado, algo debía de ter dos tres se eran certas as historias que circulaban nos lumes noitébregos da tropa. E agora Astolat acababa de aparecer ante os seus ollos. Si, aquela podería ser a palabra, aparecer, pois non o vira perfilándose ó lonxe sobre o ceo e despois reconstruíndose pouco a pouco a medida que el avanzaba. Astolat aparecera de súpeto, coma se lle saltase á cara despois de dobrar unha esquina, coma se cegase voando desde o ceo e pousase naquela chaira deserta. Pero non era iso o que máis o sorprendía- se é que algo podía sorprender xa ós seus pés destrozados, á súa lingua seca, ós seus ollos extraviados de fatiga. Porque, desde o momento en que vira xurdir ante si aquela mole, soubera que era Astolat. ¿Qué era o que llo podía indicar? Semellaba que unha voz misteriosa llo soprara no oído.
     Espoleou o cabalo mentres aquel pedrón de forma irregular pero estrañanemte harmónica que era Astolat medraba e medraba ante os seus ollos, como unha flor que se abría lentamente ás primeiras raiolas do día, coma un animal que esperta e se estira e se sacode pouco a pouco os restos do sono. Ó comezo, el seguiu cabalgando cara adiante por pura inercia: non pensara se lle conviña pasar por Astolat ou non, nin sequera sabía se lle gustaría facelo. Antes de que pudiese decatarse. Antes de que pudiese decatarse, descubriuse fronte ás mesmas portas da fortaleza. Fronte ás mesmas portas... coma se elas mesmas o buscasen, coma se toda a fortaleza xirase sobre si mesma para ofrecerlle a súa entrada, unha invitación tácita á hospitalidade.


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega