Pérfida Erín (sete visións en terra)

 

(Texto íntegro)

 

v1mariadocebreiroperfidaerin.html

                                   PÉRFIDA ERÍN

                         (SETE VISIÓNS EN TERRA)


                   A Chus, a Manolo e a Paulino, que chegaron

1. azar obxectivo

irlanda segue lonxe, coma vós: equipolente, a miña intelixencia
ensaia nós de barco cos zapatos e os amallós compoñen
a música do chan, lousas desafinadas.
Levádellas ó mar, que é doutra corda
(prenderei na máis curta esa distancia).

Pero no medio e medio do traxecto
ancorarei os óxidos. Mesmo bucearei, se mo pedides,
na busca do tesouro que perdín.

Nas estremas, os vértices, lonxe de se atraer,
veñen dar noutra cousa. En min non se cumpriu
lei electromagnética ningunha,
porque nos aeroportos son as identidades
as que, presas de estrañas convulsións,
repelen a brancura do meu rostro.
E iso, desacougante, que ás veces lles poñemos
no verán, os mosquitos,
demasiado doados de morrer
na perversa espiral da cinta plástica.

Velaí o destino lamentable
da loita organizada contra os trópicos.

Hoxe, en suma, non houbo
pasaxe para min,
e nin o corazón,
que nunca lle fallou á orquestra íntima,
poderá detallar puntualmente o fracaso, o lamento ante a perda, nubes irreversibles
cando entre sangue e sangue sentimos cómo escoa
unha fluencia impar:
as posibilidades desbotadas.

O desacougo medra cando a mingua se estende ou se desmanda.
Quizais o corpo-máquina puidese suxeitarse
á lóxica inconsciente do despiste.
Así, nun organismo coma o meu
todo sucedería por azar,
os biorritmos irían ó compás do desastre
e o reloxo das veas tería a intermitencia
dalgún despertador intempestivo,
dun reloxo de cuco pendurado no teito, boca abaixo,
debaixo dunha fiestra substituta do chan
cos cristais cheos de bafo: unha trapela, un túnel
que conducise ó inferno, de cabeza.

(os cofres máis valiosos
son
matarilerón
os que custodian dentro
as chaves mergulladas).

2. A ciencia empírica

Dúas mulleres que viven nun piso de estudiantes
rematan por levar o mesmo tren de vida:
paradas que son óvulos desfeitos, estacións que de pronto retroceden
ante o ferro do seme esparexido en balde,
ante a semente tántrica.

Así os brotes de soxa,
conxelados.

Dous péndulos que marcan horas equidistantes
postos un cabo do outro,
acabarán bailando ó mesmo ritmo.

Todo, excepto a beleza, se contaxia.

En venecia vendíanlla ó postor máis cativo

(cómo inoculei eu, que nunca cartos tiven,
o virus imposible da beleza).

3. a venecia irlandesa

Colle unha coliflor, pártea pola metade.
Aí tés un hemisferio,
o lado máis austral,
as circunvolucións do teu pasado.

Seguramente andades
coa punta dos maimiños sobre o lee,
e os pregos da materia sumerxidos
nun río de pegadas.
Bed-rock, lino nalgures, é o nome que lle deron os xeólogos
a un estraño accidente que transcorre
nas correntes estremas. Co uso do guión,
pretendían reducir a cualidade insólita
do máis fondo dos ríos.

Un leito de dureza que fai da auga corrente saba mol
e dos pés vosos, auga. Tamén ós venecianos lles aprenden
a cantar de xeonllos sobre as dornas.
É un xeito de afacerse á decadencia móbil
na que toda cidade se resolve.
Perdereime, se vou,
na banda máis azul da camiseta.

(sempre que a miña nai me daba de mamar,
vestíase con roupa de liño transparente.
Aínda lle son alérxica a tódolos tecidos,
incluído o seu pelo).

En qué burato negro perdín o meu carné de identidade,
requisito do tránsito.
O meu fanado punto de chegada:
unha cidade ergueita sobre as augas dun río.
Se de pronto espertase do seu profundo sono,
veriamos sorrir ó triste heráclito

(a eternidade é un órgano de feira
que Deus desafinou
antes do seu sonado suicidio.
O tempo é un maragato
que o pulsa no teclado e pón a cabra
enriba da banqueta.
Despois da súa función
deixa quedar os pesos
e colle as perras chicas)

A non ser que tamén na doce erín
teña lugar o mal das augas altas
e a perla do feinismo se vexa, cal padrón,
sometida a un periódico naufraxio.

4. As malas (in)fluencias

nós sós: sinn fein sen min
encallado no fondo,
igual que o petroleiro
do poeta.

De cómo unha verdade tan probada
(as vangardas, o mar)
quedou comigo en terra.

Esta é a crónica do meu desprazamento polas redes da ausencia.

A viaxe que queda sen facer
modifica, de feito, todo o que non vivín
pero quizais tamén todo o que xa vivira.

Non hai como volver a unha cidade amada
para que os pasos sexan de sal nas escaleiras.
Así non hai quen poida resistir.
As rúas estreitábannos
con plutonio nos brazos e cemento no van
e a penas consentían o abandono.

En castelán do século de ouro, a palabra “azafata” significaba fonte.
En bandexas de prata, amables señoritas
adoitaban levarlles ós monarcas da corte
os asuntos de estado. Pergameos coa boca ben lacrada.
Concentrado nun selo, o vermellón do sangue que as loitas non callaran.

Un sangue así de fresco podería curar
mesmo ó rei pescantín,
enfermo pola ausencia de conflictos.
Tamén a el lle levaban un suntuario graal,
que nos primeiros textos viña sendo unha prata
ateigada ata os bordes, pero máis ben patela

(o da profundidade veu despois,
coa materia cristiá).

Servíanlle, profanas, as doncelas
ó seu amado rei
pescadas e ollomoles de iris inquisitivos, melancólicos.
Presencias circulares. Colas que os dentes morden
sen atreverse nunca a formular
a cuestión terapéutica.

Todo canto se lacra ten por obxecto último enfrontar pareceres.

Nós, que estado non temos, podemos emprender voos internacionais
e atopar bo consolo na estraña inmensidade do estranxeiro.
Aínda que os aeroportos se pretendan utópicos
(duty free, non-lugar, tamén lugar ameno)
sempre hai redes etéreas que a política
esconde.

5. Os trazos da canción

En australia os tótems fixéronse a si mesmos con arxila,
bolboretas sen ás polos camiños brancos.

Antes esparexeran pegadas de palabras por todo o territorio
e estes rastros de ensoño quedaron imprimidos
para sempre nas rochas.
A longa sucesión das primeiras pisadas
forma unha partitura musical.
Se sabes a canción, a letra non audible da canción,
nunca te perderás polo país.

A laranxa sanguina, as rosas damascenas.
Cousas que se desfán en ríos vermellos
e manchan canto tocan.

Unha canción é un mapa e tamén unha vía,
un pasaporte, un modo de substento,
unha escada que leva
ó máis alá. Se vas pola túa vía
espantarás o mal.
Tódolos teus encontros serán con irmandiños
e a loita será sempre hospitalaria.
Cada un dos episodios do cantar compartido
é unha zona sagrada,
militar. Pero, ai do que se para
e bebe dunha fonte
ou dun regato
que soan noutro ton,
alleos á epopea salmodiada.

Quizais atope a morte,
ou desentoe coa vida.

Os trazos da canción conectan o invisible que está próximo
co invisible arredado: dunas
de corrubedo.

No centro da cidade de parís hai unhas escaleiras
que repiten de sete en sete banzos
a escala musical. E cando vas por elas
os teus pasos compoñen
músicas de ascender e descender,
e a partitura cambia se decides subir de dous en dous,
ou baixar dando chimpos.
Como a escaleira é longa e frecuentada, cada un dos que a invaden
compón a súa canción, a un ritmo propio,
e unha canción conflúe coas restantes, e non hai son no mundo
que se pareza ó ruído compartido.

Ó final dunha obra de teatro político,
os actores queimaban bolboretas
para mostrar na escena o horror do vietnam.
As bolboretas eran pedazos de papel,
pero os trazos do horror imprimíanse en branco
e quedaba o papel manchado co alfinete
e o público fuxía
das cinsas, espantado.

6. A fin da historia

As vías ferroviarias chafáronlles o conto das orixes
ós pobres australianos. O tren conectou sons e os furados do monte
fixeron saltar minas de cancións mutiladas.
Pretextando xunguir pobos veciños,
os señores da terra crearon un pupurri chafalleiro:
unha canción de abba sampleada
por un rapper do bronx,
cun chisco da madonna dos 80
e algo de fondo étnico
para disimular.

Tamén nós asistimos á chegada da estrada comarcal
pero, como se nada, a muiñeira
goza de longa vida,
e o folk, aclimatado ás esixencias célticas,
é unha das novas formas
do pensamento único

(había quedar bonito fukuyama
bailando a carballesa nas ribeiras do sil).

Cómo sería entón o contacto real coas costas irlandesas,
se a levamos impresa nun xen mítico,
barilmente legada
dos pais ós sucesores. Poderemos as fillas,
de pasos conquistados,
erguernos contra a mancha orixinal. Coller unha tixeira e facer un collage
cos restos do xenoma masculino: o mapa pretendida-
mente humano
que reproduce, a escala, fiordos recortados
polo mesmo patrón.

7. para a habana

Toda illa é terrible. Por iso me conteño e devoro a chamada
deste salouco escuro.

A morte pola auga sobrevenlles agora
ós viaxantes que chegan
en dorna do inferior. Ós balseiros que voan
no aire dun pneumático pinchado.
Ós que mollan o lombo e comproban no tránsito
que a angustia é a resposta dos valentes
á maré dos estreitos.

Qué difente, en tanto, a morte dos turistas,
caendo cara ás augas
desde arriba.
De ben pouco lles serven, nese transo fatal,
as instruccións precisas
das sempre uniformadas azafatas
e dos sempre eficientes auxiliares de voo:

ana maria shorter viaxaba coa twa
e baixou desde o ceo
como din que, de pronto, fan os anxos.

Irlandeses do mundo, billie holiday canta anos despois
o voso gloomy monday. A voz de lady day converte a técnica
nunha imaxe da morte, masiva desde o século.
E a reverberación do seu micrófono
repite ata o infinito:

irlanda era unha torre dividida, como a mente das loucas na illa da salpêtrière
O capital serodio fixo estalar, de pronto,
a mente das enfermas. Vólvense esquizofrénicas,
elas que só dispuñan dunha arteria
para cada pasado. A non ser que ó cambiar de compañía
cambie tamén o tempo, e haxa varios presentes simultáneos.
Podemos supoñer que os amantes ausentes
viven nun decorado que alterna coa pantalla.
Non é que nos deixaran, senón que se mudaron
á habitación de enfrente,
onde as paredes falan porque son
a vida que contamos cos dedos dunha man.
Feita anacos miúdos, nunca tocará terra
a costa salferida da consciencia. Caso perdido, á fin.
Sabemos, desde hai tempo, que o mal do corazón
ten carácter político. Fronteiras escindidas: velaí, quizais, hoxe
o punto de xuntura. Nin synge coa súa frauta de médula de vaca
daría representada esta grande elexía
esponxiforme. Absorbémolo todo, como atentos discípulos.

Mesmo a keats,
ó epitafio

que nos enterra ós mortos
no cal vivo da auga.


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega