Poemas de amor

 

(Texto íntegro)

 

v1xsantoscabanaspoemasdeamor.html

     Caendo a chuvia mansa acórdame aquela casa terrea que nos prestaban a Arturo e a min nos nosos primeiros tempos de relación, con fiestras molladas que daban a unha carballeira de inverno acariñada pola brétema, e talvez por eso teña unha degoxos de campo sempre que orballa, como naquel día de decembro que paseei a cidade enteira por entre xentes apuradas e serias, o día no que batín co primeiro daqueles poemas de amor.
     Estaba leda, estreaba casa, alugara unha bufardiña toda enteira para min, cunha fiestra pequena que enmarcaba tellados irregulares da zona vella, e xa trasladara alí as miñas importantes pertenzas, esas cousas inútiles que se van pegando a ti e das que non poderás desfacerte na vida. Un colchón riba do piso, dúas cadeiras de director, unha táboa pintada de verde, dous estantes con libros, e remata o inventario de bens daquela miña primeira morada da fiestra cativa.
     Agardando por Arturo lin o poema, publicado nun recuncho do suplemento cultural do xornal da cidade, e soubéronme coma o propio orballo aquelas verbas espidas e tremulantes. Xantamos a correr, que Arturo tiña moita presa, falou pouco, dalgunha novidade do traballo de investigación que o absorbía, mais non lle fixen moito caso, aborrécenme ao dereito os temas de ciencias, e polo meu interior esvaraba lentamente a caricia morna daqueles versos.
     Ao me presentar por motivos profesionais ao director do diario, poucos días máis tarde, lembreime do poema e pregunteille polo nome do autor, que asinaba con pseudónimo. Non o coñecían na redacción, chamoume amablemente o director aquela mesma mañá para mo dicir, pois os poemas achegáballos unha asociación estudiantil que colaboraba desinteresadamente nas páxinas de cultura do periódico.
     Aumentou a miña curiosidade cando apareceu o segundo poema, ledas notas lentas de amor percorridas por puntiños pretos de nostalxia e de tristura nuns versos de sinxeleza admirable, e aínda non me explico hoxe por que non lle contei nada a Arturo, se daquela compartiamos estas cousas, falabamos delas con frecuencia e mesmo discutiamos con paixón cando non cadraban os nosos gustos artísticos.
     Coincidindo co meu namoro por aqueles versos delicados arrefriáronse as miñas relacións con Arturo, foron como esmorecendo as sensacións deses tres anos que pasaron nun suspiro alternando tolos remuíños ledos con treitos calmos de río manso, esvaíuse o meu Arturo nobre e honesto e comecei a velo de lonxe, arredado de min, silandeiro, ensimesmado co seu novo traballo, e acordábanme as palabras quentes dos meus poemas, recortados e gardadiños na miña carteira, levábaos sempre comigo, e lembraba a meu pai, tan afastado do mundo da súa muller, miña nai perdida na vida escoitando aquelas sentencias excátedra, meu pai pensando que lle interesaba a alguén o que el contaba cando acordaba dos seus profundos cavilares, e dixen non, outra muller máis a carón de grande señor importante e científico de prol, non, eu non, ímolo deixar, Arturo, detémonos un tempo, eu ándoche un chisco rara, xa levamos uns meses arredados, semellamos alleos, falamos más para diante, e nos ollos del o asombro esculcando insistente, pescudando no fondo dos meus as razóns do que non daba entendido.
     Falei de novo co director do xornal, inventei un traballo sobre poesía para xustificarme e pregunteille polo poeta. Presentáronme ao redactor de cultura, un velliño moi correcto con aspecto de sabio de conto, que lamentou non poder axudarme, explicoume que eran moi informais os tratos con aquela asociación, que nunca lles mandaban á mesma persoa cos textos que pretendían publicar, e que mesmo llos deixaban, sen máis, a calquera que atopasen na redacción. Que rara saín daquel local, asombrábame a min propia, toleaba por coñecer persoalmente ao autor e por riba tiña ciumes, si, ciumes de alguén que non coñecía, porque o velliño dixérame que chegaran a aquela redacción dúas cartas para o meu poeta, ciumes, era o que me faltaba.
     Controlei os meus sentimentos como puiden, moi mal, nesa temporada eterna na que se publicaron, a intervalos irregulares, outros tres poemas, aloumiños escorrendo, na pel os arreguizos do primeiro amor dos quince anos. Fíxenme seguidora de canto acto literario se convocaba, non podía faltar eu a un recital de poesía, pero foi inútil, non aparecía por ningún lado o meu secreto amor cos seus versos espidos, os sentimentos facéndose palabras, e todo o que escoitaba naqueles actos deixábame fría, resoaban ocas e baleiras aquelas verbas alleas, e os meus, os teus poemas arrandeábanme na alma. Arturo asistía tamén con frecuencia, levaba pegada sempre unha lapa loura que o escoitaba con cara aplicada. A min xa non me importaba nada.
     Pois ben. O meu poeta presentouse, por fin. Con foto, fanlle hoxe unha entrevista pequena no mesmo diario. Sen pseudónimo, co seu nome completo. Sei quen é, despois de seis meses correndo detrás del. Chámase Arturo Gómez Vázquez, o Arturo con quen compartín tres anos da miña vida.
     Arturo, eu mátote.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega