Ultimidades poéticas

 

(Texto íntegro)

 

v2arturocasasultimidades.html

     A poesía segue a ser un dos activos culturais máis importantes e dinámicos cos que conta Galicia. Hai xente que o ignora de xeito irresponsábel, entre outras razóns por prexuízos morais ou políticos. Destes últimos, aínda sendo variados, xa aborrece falar. Canto a vertente moral, ten que ver, loxicamente, cos hábitos ou costumes no consumo de cultura. Sobre a poesía pexa un déficit de espectacularidade e de narratividade, que son hoxe por hoxe algo máis que os excipientes universais de toda actividade cultural ou artística. A poesía profundiza por iso mesmo o seu illamento social na cultura da inanidade á que o mundo actual vén demostrando tan notábel tolerancia. Non sabemos ata cando.
     Aquí temos talento abondo como para fundar e soster algunhas empresas que faltan. Sinalo dúas. A máis doada refírese á creación de revistas poéticas, que son sempre un índice moi fiábel sobre a vitalidade do campo literario. A segunda, algo máis complexa, porque precisaría do patrocinio público e privado (Goberno, Universidades, Consello da Cultura, Fundacións...), é a existencia dunha institución que afrontase determinados retos e satisfixese determinadas demandas. Axiña indicarei cales.
     Falando de talento, escribiu Robert Musil nos seus Diarios, por mediados dos anos 20, que no contorno inmediato coñecía moitos creadores que o posuían pero que estes carecían de capacidade para actuar nunha dirección común, sequera durante un tempo. Non creo que Musil botase en falta unha homoxeneización das estéticas existentes nin tampouco unha especie de planificación da producción artístico-literaria. Ninguén minimamente intelixente procura iso nunca. Do que falaba, entendo, é da aptitude para alicerzar un proxecto compartido que fose alén dun exabrupto ou chamada de atención inicial.
     Cecais, a maior frustración da poesía galega do derradeiro cuartel do século XX fose a incapacidade para crearmos revistas de poesía. Tres ou catro polo menos, e algunha pendurada na rede, pensada xa para internet. Si, houbo e hai algunhas, impresas ou electrónicas. Pero son insuficientes, e ademais actua(ro)n a miúdo con inercias nada eficaces e ás veces con algo de sectarismo e de secretismo. É mágoa, porque Galicia experimentou nestes anos tamén unha etapa extraordinaria nos eidos gráfico, plástico, fotográfico..., compañeiros óptimos para as viaxes que non houbo. Enténdase que as revistas non son unicamente escaparates nos que se anuncian procesos en marcha, o cal xa non é pouco cando as editoriais amosan renitencias como as actuais (por mor do mercado, seica). De feito, funcionan moi ben como ámbitos propicios á traducción e son excelentes embaixadas en por si, mundo adiante, boas como pistas de aterraxe para toda clase de intercambios. Excuso dicir que un dos terreos nos que a cultura galega se xoga moito é o da presencia exterior. No tocante á poesía, iso leva moitísimo tempo -toda a vida- entregue ao acaso das relacións persoais dos nosos poetas máis activos. E menos mal.
     A segunda empresa: somos un país privilexiado en varios aspectos. Un deles provén do noso lugar no mapa e das tradicións e a historia que nos definen. Periféricos, si, pero a lingua é románica; viñeron arreo visitantes polo camiño, con frecuencia centroeuropeos; a proxección natural foi atlántica; os soños e as lendas, celtas, boreais, de novo atlánticos; a curiosidade e a dispersión nosa como pobo, amplísimas, case sempre por necesidades socioeconómicas, claro está, pero con nidia capacidade de diálogo cultural cos outros pobos, incluídos os austrais e os orientais; Portugal e a lusofonía a man; España, desorientada na relación con nós e as outras culturas minoritarias da Península, pero aí, coa forza do castelán detrás; o patrimonio oral, riquísimo; o convivio poesía-música, un mundo. Non creo que haxa moitos lugares no planeta máis lexitimados ca nós para promover un Centro Internacional da Poesía, favorecedor de intercambios, comprometido coa documentación do fenómeno poético nas súas variantes históricas e culturais, firmemente asentado no tesouro único da nosa lírica medieval e nos contributos de cinco ou seis poetas grandes (Rosalía, Manuel Antonio, Cunqueiro...) pero pendente sobre todo da realidade contemporánea e das tendencias vivas na poesía que se fai no mundo. Tal Centro non se faría só con poetas, pero eles deberían contar. Como tamén os estudiosos, os investigadores, os críticos. Unha sede digna, algo de imaxinación, liberdade de acción e 25 millóns de orzamento anual. En cinco anos seriamos un referente ineludíbel. Teriamos voz.
     Co que levo dito, xa quedaría claro que no meu criterio a poesía non é só un dominio dos poetas e dos seus poemas. Insisto niso porque aínda que me consta que moita xente concordará, o certo é que nos panoramas habituais os primeiros planos son sempre para os autores, se acaso para as poéticas. A poesía galega actual, por exemplo, sería moi difícil de analizar e de comprender nos seus percursos se prescindisemos do estudio da actividade editorial, da conformación do público lector, das coleccións e a súa fortuna, dos encontros e desencontros estético-ideolóxicos entre os axentes que interveñen, das (dis)funcións da crítica, da institucionalización pública dos premios, da presencia do texto poético como elemento modelizante de discursos non literarios e do universo simbólico, da incorporación de novo institucional aos programas de ensino en Secundaria e na Universidade, da postulación sempre conflictiva da canonicidade (¿por que este tipo de poesía é mellor que estoutro?)... Podemos falar dalgún deses vectores. Por exemplo de dous que marcan moito a situación global. Un é o referido á lectura, outro é o que atangue á crítica.
     Empezarei por sinalar que para min "poesía galega actual" é unha etiqueta que non se refire só á obra dos poetas que aínda non cumpriron os 25, os 30, os 35... Tan actual é Luz Pozo como Marica Campo ou Emma Couceiro. Semellará unha obviedade para a maioría, porque todas tres están a publicar obra poética. Outros pensarán, paréceme que equivocadamente, que só a última delas é, por idade, actual.
     Precisamente polo que antes se dixo sobre o illamento da poesía, esta procurou en moitas ocasións o dominio de circuítos propios, específicos, que certamente poden parecer sectarios vistos desde fóra, por canto semellan lexitimar unha reserva, unha zona para iniciados. Os libreiros, espero que non só eles, saben de qué estou a falar. As distintas proxeccións simposíacas -encontros lúdicos arredor da palabra poética, habitualmente en lugares de expansión e recreo- que experimentamos nos últimos sete ou oito anos en Galicia non romperon o círculo, aínda que si conseguiron establecer unha zona franca de contigüidade entre a conversa común e a enunciación poética propiamente dita. Unha necesidade en certa altura, hai que recoñecelo.
     Produciu esta dúas clases de textos. Os menos interesantes foron os que entroncaron coa vella autodescrición antropolóxica de xorne sentimental, como nun regreso naíf á etapa inicial das Irmandades. Por aí lexitimouse de novo unha producción poética co marchamo do prístino, do espontáneo non elaborado. Iso igualaría de novo a creadores e público, corpo común. ¿Hai quen gorenta o regreso a esa situación, cunha instalación ahistórica nunha poesía allea a toda crise da linguaxe? Percibo que si. Pero como non vivimos tempos neotradicionalistas, o máximo que acontece é que a poesía autodescritiva colle a deriva do que con angostura pánfila se coñece como poética da experiencia. Algúns síntomas hai: o principal deles sería a boa acollida da postulación dunha voz-personaxe que non resulta demasiado complicado localizar e descodificar nos repertorios do noso imaxinario. Por contra, os textos que aprecio como máis interesantes nesa órbita simposíaca son os que investigaron zonas interartísticas (coa danza, o teatro, a fotografía, a pintura, a música...). Responden a poéticas experimentais, de busca. Non se contentan cun destinatario pasivo e normalmente son subversivas en distintas dimensións. A redescuberta da palabra civil débelles moito. Son xa, en boa medida, language poetry, porque utilizan a linguaxe non só como ferramenta instrumental da comunicación e porque multiplican voces, rexistros, citas, ideoloxemas... no corpo do poema.
     Para rematar, un apuntamento sobre a crítica. Segue habendo febleza, pero sería ruín negar a existencia de avances. O discurso crítico non logrou constituírse polo de agora en interlocutor do mercado. A crítica dialoga case en exclusiva cos autores, nin sequera dialoga suficientemente coa propia crítica. E iso tanto na súa vertente académica como na xornalística (prensa e radio; a TVG continúa negando que haxa literatura, e en todo caso semella interesarse pola galega tanto como pola suahili, outro caso de delincuencia impune). Na esfera académica chama a atención un baleiro. É escasísimo o número de teses de doutoramento ou de licenciatura sobre poesía galega contemporánea (segunda metade do século XX, non digo máis), correlato da insuficiente investigación que nese eido, coas excepcións que se queira, produce o profesorado competente. Aí temos un debate.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega