Nos lindes do Universo

Alguén

Nos lindes do Universo


PERO (despois de todo), CANDO TE VAIAS, NON CHORAREI

     Nos lindes do Universo, unha fada branca chora sangue por un amor que marchou. Agarda a Satán, e crea miles de mares que acariñan corpos nús. Os corpos nús, espello do que ela nunca poderá ser, crearon un lume poderoso que abrasou o corazón da branca dama, as chamas brilaban nos ollos da fada e a cabeza, amargada, levantouse coma a dunha serpe, sedenta de vinganza. Alzou o voo e marchou coma unha avespa envelenada, partindo miles de ánimas. Chuchou o sangue dos homes para encher as súas veas baldeiras. Agora a fada, chámase de primeiro nome Angustia e de segundo Vinganza. E ti sentirás a ANGUSTIA cando un home/muller zugue en ti, chorarás bágoas de sangue e encherás de novo as túas veas coa VINGANZA.






TERRA A FÓRA (comer nécoras é erótico)


BÍCAME E FAIME SANGRAR
e zúgame todo o sangue
que quero ser túa. Encher
as túas veas baldeiras.


Quero que me posúas na noite
e que os espíritos das cumes nevadas
se
derretan
coa
nosa
calor
do inferno.


Os teus ollos son o ceu,
cheu de nubes neghras.

Quero que co teu falar mareiro
me transportes a élas!

mi má! que altas están!
aghora déixame caer.

Que saia de min toda esta anghustia,
que se queime nas brasas do inferno

que todo sexa escuma
e ti deixes un ronsel tras túa


Regálame unha estrela, que eu te levarei á lúa.
borrarei a túa angustia.


Víngate de min ata o mencer
ata que quedes tan farto de vinganza
que poidas amarme.


Aquí bate o mar, cariño,
aquí, moi forte,
e a escuma
desdebuxa na area a figura de dous corpos.


Os teus ollos, niños de avésporas,
os teus beizos, cántaros de mel.


Arríncame os pétalos e a angustia
e fai zume de min
Libéra-me


Sácame todos os pétalos
Chega ata os estambres
                         que xa agromaron


A lúa
serena
infinita
branca
e tristeira
alumea os nosos corpos

nos que escintilan as estrelas


Quero morrer no mar,
saloucando.
Que as nosas cinsas
se esparexan no solpor.






TERRA A DENTRO (o erotismo é mirarte mentres dormes)


Nós non queremos ser pó namorado
Queremos ser pó apaixoado


Aquí, que non hai mar,
ven comigo a ver cómo canta o río,
na noite de lúa chea.
Que imos queimar as almas
ata facer unha soa.


Quero vivir infindamente
ata poder bicar os teus ollos,
tódalas noites de outono.


A paixón é mirarse profundamente
ata desfalecer de loucura.


Quero que me apreixes
ata levarme ao limbo,
para volver a ser a nena
que te desata
ciclicamente


Deixa que a auga pura inunde
a túa boca.
Ata que ferva.
Deixa que a lúa ilumine os teus ollos
ata que sexas
S A T Á N


E despois, asústame,
quéimame
faime berrar e chorar
ata que as miñas bágoas
logren extinguir
todas as chamas do teu inferno


E o cabelo engalanado cunha noite infinda,
revolto, enguedellado.

Diremos que foi o maldito vento.


Pasou tempo daquela vez
ti cambiaches
eu non son a mesma.
Ti xa non tés lume no corpo
e eu non teño nada que apagar.





Marchaches, silandeiro,
e levaches o mel
os pétalos
os estambres
e a vida.

pero non podo olvidar o teu olor,
xa ves,
estasme consumindo lentamente
como o fume dun cigarro olvidado
(e envelenado tamén, quizais)
estasme quitando a vida e a ilusión
de ser eu.


pero eu son mais forte ca ti
e vencereite
(vingareime)
deveceraste paseniñamente...


no fondo non es ninguén
só algo que xoga a ser.
fuches unha liberación no comezo,
unha atadura despois,
e unha dor ó final.
pero eu rompo con todo,
e podo berrar,
que eu xa non o quero mais
nin te quero mais,
nin quero mais.
(NUNCA MÁIS)






TERRA A MIN (gústame ver como tratas o papel mentres estás a faer un porro. Delirium tremens)


O río ficou mudo.
E eu xa non teño apenas forza para berrar.
Pero sacareina do máis fondo do rancor
e da vinganza que te consumirá.


o fume da inconsciencia psicotrópica
fixo reverquer en min a doce inocencia
de querer matarte
e mateite no meu pensamente unha vez e outra
pero resucitaches pedindome tabaco
          e matándome despois a min.
          (nothing is forever)






RESURRECCIÓN (amencer cun bico de motxo nos beizos)


despaciño cae a noite,
meniño,
despacio cae pero con forza,
e, cando caia a noite,
asasinareite (esta vez, si), meniño,
e a lúa chorará bagullas
que serán vinagre para os túas feridas,
(retorceráste pola dor)
e dareiche de beber auga do mar,
salgada, tan salgada.
Asasinareite ó mencer,
ó son dunha guitarra vella.
Ficarás nesa áurea de inferno
que che fundirá os ollos,
fundiráchos tanto
que serán veleno para a túa pel.
E cando só sexas pó namorado doutra,
escupirei na túa cinsa,
mentres che pregunto por qué.






REDENCIÓN (you want her, in your room)


Podo vivir e vivo,
ilusa, sen ilusións nen liberdade,
luz tenue, que medra, fugaz, infernal.
eu, eu non hei de morrer caladiña.
pero amarte é como vivir presa,

sen estrelas nen lúa, nen vida,
para sumirme na máis profunda redención,
para facerme pasar pola vida, sen saber que paso.
pero eu endexamais esquencerei as túas maus,
e gustaríame loitar por elas,
para que a presa de terra non chas luxase,
para que non chovera sobre mollado,
que teño o corpo entumecido,
e estame a apodrecer o corazón.
pero é tarde.

esquecer é beber un baso de vodka con b
e flipar un pouco.
amarte é imposible.
amarei o baso de vodka con b.
sáeme máis barato.






Eu quero vivir e non podo (pero o mundo está cheo de Caixanovas)

Botarte de menos
é saber que nunca vas volver,
mentres eu estou á espreita das bolboretas


Necesito chorar
e comer limóns


Quero fabricar unha caixa
que non sea nin de madeira
nin de papel
para meter todas as lembranzas
coma se fosen caramelos
e ilos comendo pouquiño a pouco.


Estou farta de facer acrósticos de vida,
cando desexo morrer máis ca nunca,
pero fumo un fortuna
para disfrutar das miñas contradiccións.


Miro cara atrás,
a cada paso que dou,
pero nunca vexo a túa cara,
nin cando pecho os ollos.


Nunca pensei no que te botaría de menos
ata que te vin marchar.


Vou crear, esta vez si,
un ambiente de sórdido metacrilato afumado
cheo de aire comprimido
no que me liberarei cada noitese me baleirarei de estacións
e despedidas.






LIBERACIÓN (A liberdade é como estar presa e soñar. "this is the end")


eu soño cada noite
e é curioso como primeiro desaparece o corpo
e despois, paulatinamente,
a voz se vai perdedo
ata estoupar.


Luxuria inconfesada, xa ves,
ilumínasme nas noites que me busco —e me atopo—
berro de pracer, e de xeonllos,
escenifico unha escena prohibida,
recordos daquel pasado que endexamais existiu,
delirio na noite salvaxe, sen estrelas, pero fermosa
amo a vida, ámote a ti, e ámome (sobre tódalas cousas)
doume a min mesma o que ti rexeitaches,
e chego á cúspide de min, tremendo
esconxúrome, e esconxúrote;
non podía ser doutro xeito —nin quero—
ti non vives, nin sentes, nin padeces,
rompéronse as cadeas que me ataban
e agora... podo ser libre (libérome cada noite)
a única que me acompañará nesta noite inmunda serei eu,
si acaso abandoareime para atoparme despois.
pendurando de min o fío que engancha a victoria,
e estremezo só de pensarme
roendo cada instante de vida.
non quero negarme, perderme por sempre,
aniquilarme eu a min, que son todo o que teño.
so quero ter liberdade. liberdade entre as pernas.


É importante saber a diferencia
entre "última" e "derradeira" (metalingüística)


Crear un paraíso paralelo
cada noite de xiada.
Mirar un fío de lúa melancólica.
Vivir continuamente namorada.
O derradeiro berro roto
destinado ó esquezo perpetuo
é a miña vinganza.

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega