Salouco

Aloia

n2aloiasalouco.html

     Chove.
                   
Xa non me podo resistir,
    
Chove.
                   
e aterréceme a idea de non poder facelo.
    
Chove.
                    Quixera poder seguir, coma sempre, seguir.

    
Segue chovendo?
                    e dame medo que esas gotas que escorregan só sexan o reflexo das bágoas que embeben estas verbas.

    
Quero darme a volta, velas; aínda sendo un reflexo, quero velas, tocalas, sentilas? e esvarar con elas pola súa mesma aparencia. Percorrer na súa compaña o teu rostro, recoñecerte, poder atenguerte? aínda co risco de que te esvaezas.
    
Pecho os meus ollos querendo ocultar así os teus. Con todo, segues o teu camiño cara o abismo do metálico, do caótico. Somérxome no pequeno océano vertical da habitación e chego ó val do teu nariz.
    
Acurrúcome e lembro que existen lugares de paz nos que os brazos deixan de selo para converterse en ás. Exténdoas e os teus ollos, antes soterrados saláianme entrecurtados. Búscoos e sei que non sorrín. Descendo da cunca da túa memoria e morro no abismo do teu iris esquerdo, pertúrbame o dereito. Quero agarrarme á saba do teu ollar, sobrevivir aí por sempre, arroupada, oculta?pero esvaro.
    
Atérrame a idea de patirme en máis anacos dos que xa son puzzle. De súpeto sorrís, engaiolándome nas túas noites en vela e redimíndome do inevitable, perdéndome nas túas sombras.
    
Crinme perdida no oasis da túa soedade e tiven medo de esquecerte para sempre. Tentei fuxir pero foron ás ráfagas dos teus saloucos os que me depositaron no umbral das túas vontades. Foi entón cando comprendín o medo que sinten as túas verbas ó seren aloumiñadas pola seda da túa ferralla.
    
Lene movemento para tan estremecedoras consecuencias? Susurráchesme o eco dos teus silencios e enloquecín. Tanto como para venderme ó alento dos teus desexos. E de súpeto espertei sostida polas cordas das que eres monicreque. Articuláchesme ó teu antollo e non me amolou, é máis, disfrutei. Tentaches acariciarme, pero foi entón cando me deixaches caer estremecido polo centileo dunha ferida.
    
E precipiteime no abismo dos mares máis despiadados, naqueles que por insondables están anegados polos lindes do imposible.
    
Soñei que surcabas a miña memoria na busca do teu recordo. Soñei que afogabas no meu.
    
Chovía, Chove? segue chovendo. Mais agora son as túas bágoas as que percorren as paisaxes da miña faciana. Esperto. ¿Soño?. Estou. Xamáis estiveches aquí.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega