Caixa fúnebre

Branca Lúa

n2brancaluacaixafunebre.html

     As raiolas do sol iluminaban a unha rapaza deitada, loira e branquiña, envolta en cheiros de perfumes caros de corentonas e traxes mais zapatos novos (a súa roupa tamén); envolta en sons de diversos prantos: miúdos, falsos, escandalosos ou un pranto miúdo dunha meniña agochada debaixo dunha mesa (ninguén reparara nela). Un sabor ácedo. Tacto a liso.
     Un home está sentado a súa beira, chorando por ela, ¿¿ou é ela a que chora por el??
     A rapaza ergueuse coma quen esperta dun soño prácedo, a xente mirou para ela coma quen ve unha pantasma. O home detén o seu pranto e mira para a rapaza cos ollos húmidos sen poder pronunciar verba calquera. Ela ollando o ocorrido comprendeu o que acontecía, entristecida mirou para toda a xente. Sorriu a nena (ela devolveulle o sorriso acompañado dunha bágoa) e dixo:
     —Perdoade, esquecín que estaba morta —e meteuse de novo na caixa fúnebre.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega