Encadeados

Claudia Castro

n3claudiacastroencadeados.html
I

PRETÉRITO IMPERFECTO

Descanse En Paz o meu pasado.
Fuxa de Min a Memoria opresora.
Autodestrúase a Nostalxia.
Quero escoitar a banda sonora dos posibles.

De mortos e de rendas tamén se pode vivir.
Anque todos insisten en dar orde de bombardear
os mundos que se me enredan Dentro
Dentro levo París, Porto e Lisboa.

E sempre nos quedará París
co atentado de Casablanca.
E sempre me quedará
pedir perdón por desacato
coa esperanza de chegar a escoitar
a banda sonora dos posibles.

Búscome Nefertiti. Encóntrome momia.
Paro. Escóitovos.
Razóome. E continúome
dopando con endorfina.



II

MEDOS ENCADEADOS

Medos
encadeados a medos.
Medos que espinican
nas vagas do medo.
Medos que padrican
para ser mellores medos.

Medos
que viaxan en pateira
mentres admiran tres tristes cisnes masai.
Medos que nacen na primavera
e que rin por non chorar.

O meu medo é moito medo.
Medo de min
de non ser eu
medo a sentir
medo a volver
medo a quedar
medo a saír
medo a entrar.

Teño medo a morrer cantando
para non morrer de medo.
E medo a volverme chave
túa, por sempre, sampedro.



III

ENTRANDO CON BO PÉ NO INFERNO

Dende esta umbrosa solaina con cadeira
estou a ver pasar noventa lastres.

Noventa prólogos desperdiciados.
Noventa historias de amor
que non pasaron por París,
noventa fillos
frustrados,
noventa badaladas sepulcrais
por noventa gatos,
noventa engurras
para noventa vellos.
Noventa días de seca mental
con noventa temibles epílogos.

Vexo os noventa
con dez
anos de amor desgarrado
con dez
anos de morte vella.

Vexo a morte e vexo a vida
coas súas noventa liturxias de incumprimentos.

E son vella.
Noventa veces vella.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega