Ripio de ansiedade

Crecarey

Esta indiferencia por estar ou non estar

Esta indiferencia por estar ou non estar;
este non sentir xa nin rancor nin desespero;
esta manifestación física do cero;
esta pel cansa, este insonoro arfar;
esta constante iteración da nada;
esta boca incapaz de cuspir o lamento;
este ineludible fuxir —sempre cara adentro—;
este pasmo impotente ante a propia mirada;
esta conciencia feita cortiza;
esta man que non apaña o que cobiza;
esta mutilación da entrana;
este saber que do espírito que houbo
queda apenas o tocón;
esta manda de recordos presos nun caixón;
este chorar seco e sen acougo;
este acomodo á pútrida esterqueira;
esta falsa paciencia, este autoengano;
este pensamento fraco e anano;
estes pés enterrados na lamaceira;
este non pedir nin ofrecerse...
Este querer, á fin, quererse
e non achar a maneira.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega