Sen título III

Dade

n2dadesentituloIII.html
     Facelo claro que non é fácil, ¿cando o foi? Dicirlle a alguén que o queres ... ¡Por favor!, ¡Que vergonza! Poderás dicir toda a túa vida que te sintes orgullosa de telo feito, que inda que te arrepintas moitas veces, sabes que non todo o mundo ten o que hai que ter pra facer algo así.

     Pero ... ¡Os Peros! ¡Grandes palabras! Sempre están aí, son coma demos con tódolos sentidos postos na tarefa de que nunca nada sexa perfecto. Este tipo de historia ten moitos peros. Poñéndonos no peor, dicirlle a alguén que o queres leva consigo que che poida dicir que non, ou que hai outra persoa; con todo, a situación máis complicada é que non che responda, que ti vaias alí cos teus nervios, coa túa vergonza, con toda a boa intención do mundo (porque a sinceridade é cousa boa) ... e que che diga NADA, «non sei que che dicir». Por suposto que se pode chegar a comprender que quedou pampo, que nise momento non sabe que dicir ... ti tampouco saberías, admíteo. Pero, o que si sabes é que, dende logo, ti si que lle dirías algo despois, si que o pensarías, e inda que lle tiveras que facer pasar outro mal rato (ten por seguro que sería así), diríaslle algo. Se fose un «si», felices todos, e se fose un «non», tanto ten, tarde ou cedo iso acaba pasando.

     Por isto todo, agardo que nunca te teñas que enfrontar a unha situación así, non se lle desexa a ninguién. De tódolos xeitos, se che pasa algunha vez, a sinceridade é a millor solución pra todo, xa o sabes, ou iso pensa esta vella tola que inda ten unha conversa pendente.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega