As "raíces" e o fox trot

Diego Taboada

n3diegotaboadafilosofiagratitude.html
A alguns sociólogos deberíaselles pasar por alto esa pretensión exclusiva de se-los únicos taxidermistas oficiais da realidade. Non lles viría mal un necesario exercicio de humildade. Sei que pedir tais cousas nestes tempos é algo así coma pedir a un deserto que sexa fértil, mais non hai que darse por vencido. Máis aló de sesudos tratados sociolóxicos sobre desigualdades, as fotos de Margaret Bourke White penetran no cerne da hipocresía da sociedade americana -non nos enganemos, a hipocresía é unha cualidade moi cosmopolita-. Precísase non pouca sensibilidade pra capturar, en catro metros cadrados, a materia e o espíritu que subxace á propaganda da "American Way of life": Unha longa cola de parados negros. Caras de circunstancias. Enriba dos seus chapeus, un cartel que amosa o prototipo ideal de vida que ofrecen os prósperos Estados Unidos; a familia de pel blanca, casada, heterosexual, feliz, con ese prominente sorriso de quen non ten nada de que preocuparse. Como non, tampouco falta o cadeliño, pequeno, sumiso e fidel, coma Milú, o compañeiro de fatigas do imperturbábel Tintín, nin o automóvil, símbolo de independencia e autonomía da familia yankee. En principio, non fai falla estudar hermeneutica pra interpreta-lo contraste que Margaret plasma co pequeno e afiado obxectivo da súa cámara. Baixo a aparente tolerancia do "American way of life", da terra dos soños e as oportunidades, existe un imaxinario colectivo fundamente ancorado no subconsciente Norteamericano, é un imaxinario armónico, redondo, caseque perfecto, fortemente alimentado pola mellor maquinaria dos soños, esperanzas e ilusions do mundo moderno : Hollywood. Non todo é felicidade en Hollywood, mais non canto contribuiu á creación das filias e fobias colectivas desta sociedade. Hollywood é, sen dubidalo, o particular folklore global do planeta terra.

Mais, ¿qué institucions constrúen o concepto de "felicidade" e "autonomía" nos States?, é incríbel caer na conta de cómo unha imaxe aparentemente illada, cotidiana, capturada pola cámara de Margaret, poida facernos crer niso de que a parte é o reflexo do todo; o modelo de "felicidade", ofréceo ese catolicismo sociolóxico ultraconservador dos States, e que aínda temos que aturar noutros países desa Europa que, de forma un tanto inxenua e apresuradas ás veces, tentamos separar dos cánones da "way of life" norteamericana. O modelo de "independencia" e "autonomía" posibilítao a General Motors e a industria de hidrocarburos. A ecuación non falla : a "felicidade" é monopolio do imaxinario inmaterial dese cristianismo ultraconservador; a "liberdade" é construcción exclusiva, monopolio material, da clase empresarial norteamericana.
Antes vivíanse os soños coma algo que se podía materializar, agora xa non fai falla ese esforzo da imaxinación. Os soños fabrícanse e véndense cunha rapidez sublime. Os soños xa non son o que eran; antes precisaban de décadas pra metabolizarse na sociedade, un tempo biolóxico específico de asimilación polo noso organismo. Agora, a máxima underground da "imaxinación ó poder" do maio parisino, que non deixaba de estar, por certo, enchida de certo inxenuo romanticismo (o nacionalsocialismo tamén é un exemplo da materialización dese imperativo, foi un imaxinario, unha ensoñación macabra, unha imaxinación filtrada sen freo nas institucions políticas da república de Weimar. A "imaxinación ó poder" pode ser tanto a declaración de principios do fuhrer coma a de Daniel Cohn Bendi, agora, un dos tantos "socialistas arrepentidos" que agrumaron despois da caída do muro de Berlin, convertidos ó camiño único do mercado).

En "O estilo do mundo", Vicente Verdú fai unha especie de xénese cultural da industria dos soños, da industria cultural norteamericana ou, como el di, "la cultura popular del mundo". Ao primeiro foi a fascinación polas súas industrias, polas súas cremalleiras, polo chicle, o cine, a música, o teléfono, os coches, a televisión; e xunto con isto, a influencia social e moral : os divorcios, a competencia feroz, os dereitos civís, o feminismo, o superindividualismo, o estrés, o ecoloxismo, o neoliberalismo, o voluntariado, o gay, o shopping..e un longo etcétera. Manolo Rivas, en "Muller no baño", bota man dunha aguda metáfora Darwiniana aplicada á filoloxía : "As linguas, como tantas outras cousas, evolucionan por erro. Son seres vivos ós que lles vai a marcha. Hai quen estudia a deriva do latín cara ás linguas romances coma un proceso de descomposición". Ben, pois o mesmo pasa coas culturas.

Se analisásemos ese lugar común que percorre o folklore popular global, e que consiste en confundir á Norteamérica gobernada polo partido da estupidez coa sociedade norteameriana en sí mesma, dariamonos conta de que o partido da estupidez non reside só en espacios e tempos concretos, forma tamén parte do patrimonio inmaterial da humanidade. Menos mal que nos queda a intrahistoria de Norteamérica para fuxir dos topicazos, esa intrahistoria cincelada en múltiples imaxes, coma as de Margaret Bourke White ou William Klein na fotografía, ou "cidadán Kane" de Welles, no cine. Tamén en múltiples voces, coma as de Bob Dylan, Johnny Cash, Billie Holiday e Tom Waits. Ou en múltiples historias, tendendo pontes entre a ficción e a realidade, entre "a cultura" Europea e "a cultura" Americana : Paul Auster.

Ó fin e ó cabo, xa se sabe, se ás linguas lles vai a marcha, é de common sense que ás culturas, tamén. ¿Cómo se lle van impor raíces ás linguas que lles vai a marcha?, a certo galeguismo militante "full time", obsesionado coas "raíces", habería que poñelo a bailar fox-trot.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega