Eu sei da rosa

Is Veiga

n2isveigaeuseidarosa.html

Eu sei da rosa que escintila nos teus ollos,
rosa tan rosa coma pegada tan fonda na terra....
Rosa da paixón, no, fogo, na catedral... na vixilia
de tódalas noites que vou anubrando de poemas
enmentres ti, durmida e leda, esmoreces na almofada
e o mundo anda a xirar ao redor do sol,
sen descansos nin olladas, sen éngoas, sen orgasmos...

Todo recobra o seu sentido na noite,
noite tan aberta coma a húmida rosa nos ollos
teus .... ¡Ollos tan ben abertos! ... O silencio, o descanso, a nudez,
a envexa, o corpo espido coma moras entre silveiras
ó carón do camiño... O sono entre poemas
e entre apuntamentos que non levan a ningures.

Apreixas a túa pel contra a almofada, e miro
o teu corpo morto en soños derrubado coma
campás despoboadas, menhires esqueléticos...
Vexo a túa sombra no papel frustrado porque
A luz, agora única no mundo, non me deixa
durmir ao teu carón, a miña serea ofrecida
por un altisimo Creador xeneroso se antes,
antes disto, as cantigas miñas non te ofrendo:


A túa luz é a presenza que me fai vivir,
              e que finalmente,
                                        sendo sombra,
                                                              de amor me queima...


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega