Magosto no instituto Xenroso

Jessica M.

n2jessicammagosto.html

     O instituto Xenroso, ó igual que outros centros de ensino de Galiza, celebrou unha das festas tradicionais máis esperadas: o magosto.
     Tralo comezo do curso, aló polo mes de novembro, os profesores e alumnos do instituto puxémonos mans a obra para preparar, un ano máis, este acontecemento.
     Recordo perfectamente, que os días previos á festa, xa se sentía a inquedanza dos profesores, que se movían coma raios para que todo estivese organizado; ou as faladurías dos alumnos máis novatos á hora do recreo, pensando como se ía desenvolver o día. En fin, todo estaba en marcha para a chegada do magosto.
     O propio día, un luns pola tarde, o sol xa non quentaba moito porque os días eran máis curtos e o inverno achegábase, pero xa todo estaba listo: os xogos preparados, o lume acendido, as castañas xa picadas e como non, nós, os alumnos e profesores do Xenroso.
     A festa comezou oficialmente cun descurso de mans do profesor de ximnasia no polideportivo, a través do cal, tentaba darnos, entre o balbordo e a algarabía dos rapaces, unha serie de instruccións.
     Ó rematar de falar, todos saímos a fóra dispostos a desfrutar da tarde cos numerosos pasatempos que se prepararon.
     Como non, as castañas, imprescindibles nunha festa de magosto, agardaban xunto ó lume á espera daqueles que quixeran probalas e, mesmo se o desexaban, repetir. Pero para esa xente non afeccionada a comer, moitos xogos e murais puxéronse a punto para participar neles: na porta principal, unha exposición adicada ós productos típicos do magosto adornaba a entrada e, polo patio do colexio, xogos tan coñecidos como o de saltar a corda, o das cadeiras ou a carreira de sacos eran os encargados de facernos botar unhas risas.
     Lembro ademais, o xogo de tirar da corda, no que participaron profesores contra alumnos, e que por certo, gañamos nós; ou outro xogo de levar ovos enriba dunha culler apoiada sobre a boca, no cal, ó final do día, só faltaban as patacas para facer unha boa tortilla.
     En fin, como podedes comprobar, as risas e o bo humor non faltaron neste magosto 2004, no que, debo facer unha mención especial ós alumnos que colaboraron co seu traballo e esforzo e a todos aqueles profesores que intercederon para que esto se levara a cabo e que, o día do magosto, deixaron a un lado a súa profesión e se converteron en rapaces cos que tamén se podía xogar, rir e mesmo gastar bromas.
     A verdade é que esta festa foi un auténtico éxito, e é que calquera ocasión é boa para recordar as nosas tradicións de antano, para botarnos unha troula e, por qué non dicilo, para perder clase.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega