A parella feliz

Lía Santiso

n2brivesfranciscoboume.html


A parella feliz


Esta noite cubrireime co vestido vermello,
preciso que o espello encomie
os contornos do meu corpo.
Envolvereime nunha nube de perfume
e terras artificias agocharán
os trazos de tristura do meu rostro.
Ensaiarei o sorriso que mellor me senta
e non pararei ata que o meu cabelo brille
tanto como o aceiro dos teus ollos.
Poñerei tacóns para lograr estar a túa altura.
Esta noite
non serei máis que unha rapaza bonita,
para que todos vexan en nós
unha parella perfeita.
 

 



A cicatriz

 

Teño un corte de machada,
un fío de sangue seca,
un zurcido de costureira inexperta
que aos ollos de todos sinalan o camiño
entre o meu centro de gravidade
e o meu centro de pracer.
A chaira do meu ventre foi
emporcada para sempre
por un avultado sendeiro.

Doces verbas dos teus beizos
tentan trocar a imaxen do espello,
mentres, os teus dedos, máis sinceros,
xa non me percorren coma sempre


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega