Onde os camiños non se chantan no horizonte

Lartovedo das Mariñas

n2lartovedodasmarinhasondeoscaminhos.html
Eu sempre estarei alí,
no país das incógnitas,
onde a vista non acada máis dun metro,
espetándose nas árbores, montañas,
afundíndose nos rios, arrastrada
deica o chan pola chuvia milagreira.
Mais pode realizar longas viaxes
cando é o mar quen con calma a desliza
pola súa superficie até o horizonte.

Eu ficarei alí,
onde o sol inza de cores nos menceres
as árbores i a arrecendente terra,
onde canta o silencio nos solpores
i a noite envolve en brétema as congostras,
que guian na mañá o caminar da xente.

Eu estarei alí. Posibelmente
o meu corpo se atope n?algún intre
nas terras máis lonxanas, diferentes,
en terras secas, quentes, ermas, suxas,
en terras poeirentas i esquencidas
pola chuvia e pola natureza.

Máis estarei eiquí. A miña ialma
ficará tódolos dias no lugar
onde os camiños non se chantan no horizonte.



24-4-2004


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega