Oh, tempo! Oh, mores!

O Afiador

n2oafiadorohtempa.html

"O pensamento debe servir para defender os puntos de vista propios, e tamén para coñecer, quizais achegarse, aos do outro" (1).



     Disque Hespaña xa non é Hespaña. Será Hespañas ou Hespañita, "la moderna". Pra algúns seica morreu cando o aprendiz de ditador afogou na súa própria bosta, no excremento da infamia e a mentira. Nengún individuo san ?mentalmente? pode xogar co sufrimento de centos de familias arrasadas por un atentado brutal, sanguinario e irracional perpetrado na estación madrileña de Atocha.
     Daquela, na agonía da antesala da derrota, vaticinaron catastrofes e maldiciron aos "anti-españois", ou sexa, aqueles que, confiando na rexeneración democrática, consideramos "digno e de xustixa" botar a aquel orador de tasca con ansias de "Gran ditador". Agora, seica se rompe Hespaña. Ben mirado, non lles falla razón. Esta tímida, porén esperanzadora, nova xeira política pode ser o necesario e serodio ponto e final do nacionalismo esencialista enarborado polos seitores rancios e carcas desta Hespaña de contrastes.
     Ogallá caerá xa a gran mentira perpetúa da "España eterna" e a brutal trapallada-parafernalia de mentes obtusas de "una grande y libre", amais da inquisitoria, ridícula e descerebrada "unidad de destino en lo universal". Ogallá, se "invertebrara" esta España de Cid, Pidal, don Carlos, Costa, Sanjurjo Mola e Ortega y Gasset; de godos e requetés; e se vertebrara a Hespaña do mestre Castelao, de Pi i Margall, cun centro-direita democrático con figuras como Azaña ou Adolfo Suárez; porén claro, ogallá.
     Polo de agora, no Reino da Hespaña, seguése a correr un tupido velo sobor de todo o "periférico", agás do que se poda empregar na nosa contra, polo tanto, timos o direito de gardar silencio (co que colaboran de bo grado os xornalistas zugatintas das cadeas servís e subalternadas deste Reino). Vívese ben, tivemos unha raíña e cueiros rosas, as tropas de Afganistan son hippies con flores nas culatas (nos canóns inda non vin nengunha) e Bush é o fraternal amigo que co tempo inda acabará aparecendo nos mass meia como redentor, e, en certo modo, el si que é o verdadeiro "rex iudicorum", orasme de prometido do Fraga made in Tel Aviv con nome de deterxente, o Herodes do Imperio Estadunidense.
     Os oito millóns de hespañois que malviven baixo o umbral da probeza non son anticonstitucionais. A inigualdade da muller tampouco o é; e o maltrato co que agasallamos aos inmigrantes é un invento da esquerda que sempre fomos dados a ensoñacións imperialistas. Do contrario, resultaría inesplicábel a aberrante proposta do BNG de ANEXIONAR o Bierzo e arredores, un perigoso Anschluss que de non ser polo NON PASARÁN de Acebes e Zaplana ben podería derivar nunha operación Barbarroja, inda que desta volta a encabezaran "rojos, masones y palestinos".
     O único inconstituciOnal é procurar un moi necesario marco de convivencia no que se amalgamen todas as sensibilidades políticas da sociedade do estado hespañol. Isto é contrario a Carta Magna posfranquista do 78 porque significaría acabar coa baza desta nosa direita esquizofrénica, afectada do mal da hipocrisía, da inmoralidade e do sectarismo; pór ponto e final a baza do medo. Un argumento que lles vale pra enfrontar a cidadanía infrutuosamente nunha maraña de odios e pra arañar réditos eleitorais que lles permitan parasitar des o poder e << ascender de porcos a marraos>>, e mais que a parenta das beizóns a <<Cruzada>> inche o fol. Eles non rompen Hespaña, eles só boicotean o cava catalán mentres humedecen o seu fuciño no sangue das feridas reabertas polo doutor Asnar. Eles non son terroristas, eles xogan coa dor das vítimas do terrorismo politizándoa. Eles non atentan reiteradamente escontra da Constitución, eles só apoian pronunciamentos coma o do impresentábel, rancio e antediluviano Mena. Eles son militaristas e agariman ao exército con chatarra volante coma o Yak-42. Consecuentemente, fan guerras a prol da democracia, como a do Iraque, pra que querían Aznar, Fraga, Rajoy & CIA petrolio cos xacementos da costa galega? Uranio en palomares e chapapote en Muxía e Malpica, nótase que cos do bunker << España va bien>>. Total os que democraticamente opinamos o contrario vimos sendo a metade da poboación, solución << les mandamos un cañonazo y listo>>.
     Tamén hai unha Galiza de dúas velocidades. A Galiza servil e vitimista que por meio do caciquismo fogocitou o país, e, a Galiza posibilista, con moi boa vontade porén chea de divisións e decisións erradas. Os 20 anos de atraso a respeito de Euzkadi e Catalunya non son recuperábeis en catro anos. Tampouco o é a cidadanía. Galiza segue a contar con milleiros de individuos que descoñecen o significado pleno de democracia, e o que é pior, algúns son alcaldes. Unha democracia imposta é unha ditadura de tecnócratas, moitos cidadáns seguen sen valorar a democracia. No entanto, con Nunca Máis iniciouse un percorrido nidio cara a liberación nacional que permita un modelo de Estado onde prime a convivencia e a igualdade e non a imposición e o asoballamento dunha parte do todo.
     Un tempo novo pra un país novo. Mais un tempo que haberá que exprimir ao máximo pra que a cidadanía se identifique co quefacer político dos seus representantes. Pra iso, haberá que evitar que unhas siglas bombardeen e mermen o traballo das outras, como ocorreu en Vigo co señor, dicir señor é moito, Ventura Pérez Mariño, digno discípulo do enfermizo e vingativo Paquirri Vázquez, alcalde de La Coruña e noutrora galeguista ?até que a Cruña perdeu a carreira pola capitalidade galega?. Esa é outra, o novo tempo require des xa unha vara de medir igual pra todos os compoñentes da nación galega, sexan do PP ou da FPG, e non cómpren divisións superfluas coma a que si fai o Vázquez ao deixar sen alcalde aos d´A Cruña, mais ollo, non vaia ser que un día teña que partir ao exilio coma o señor Fraga. Porque cando os anos pasan e a hestoria se olla co maxín frío da distancia e a falla de rencor persoaxes antidemocráticas serán postas no seu lugar. Emporiso, a unha boa parte dos historiadores casteláns lles caen tan mal os extranxeiros que trataron con obxeitividade a Guerra Civil.
     A falla de cultura democrática nesta nosa Galiza en particular, e na política estatal en xeral, débelle moito a que a nosa monarquía parlamentaria fose un tránsito cara a democracia medido e imposto polos EUA. Un modelo de cámbeo pacífico que garantise un réxime "moderado", ou sexa, un ente político fácil de dominar nun tempo no que inda existía a confrontación dos bloques e no que non interesaba unha repúplica alineada con Moscova. Carrillo era pernicioso pra estes conspiradores de palacio e o PSOE foi castrado e domado pola socialdemocracia xermana que se encargou axiña de facer fluír marcos que abrandasen as teses marxistas, nun neorevisionismo que seguía a liña escomezada por Bernstein tempo atrás, cando se vira contradecido por Rosa Luxemburgo e os espartaquistas. Daquela, o PCE foi sentenciado axiña. Un partido republicano e de esquerdas non ía ser máis que unha formación minoritaria, sen ecos no mundo das finanzas nen representación nos meios de comunicación. E isto derivou en que o ecoloxismo non teña o peso político que si ten en Alemaña ou outros estados europeos, Esquerda Unida seguía a conter os pantasmas da II República, eran os malos, os perdedores, as hordas ateas, segundo corenta anos de ideoloxía de panfleto e racionalidade de xardín da infancia.
     O aznarismo supuxo a consolidación dun insán bipartidismo no conxunto do Estado, agá nas nacións da periferia que apoiaron e concebiron formacións en clave de país, algunhas históricas como ERC ou o PNV; cecais, Galiza fose a nacionalidade histórica onde o nacionalismo ficou en pior sorte, algo puido tir que ver a automarxinación do proceso estatutario e a política do "non", amais de non recoñecer as derrotas culpabilizando ao eleitorado. De eí agora que Francisco Rodriguez se meta na cuncha e Nogueira queira dar un xiro globalizador ao nacionalismo galego, europeizar Galiza dunha vegada por sempre e denunciar o neocolonialismo erradicando o noso subdesenvolvemento. No BNG requírese xa un proceso globalizador das distintas faccións que permitan un camiño cara un partido de maiorías, democrático e da esquerda nacionalista, nada de ancorarse en centro direita pra atraer a un eleitorado pantasma. Mais a tarefa é difícil. Aos de eiquí cómprelles que veñan os de fóra dicirlles que a súa cultura si importa e non a hai que menoscabar. Ten que vir o Bustamante cantar en galego pra que algúns digan "que riquiño el Bustamante", e outros dámoslles grazas por preservar e potenciar o seu castrapo chachi guay; manda carallo, como está o patio. Que é o que fan os Diplomáticos de Montealto, Lamatumbá, Antón Reixa, Os Rastreiros de Chantada, os Heredeiros da Crus, Fuxan os Ventos, Mercedes Peón...
     Galiza segue, no entanto, sen un centro direita próprio. Isto supuxo o monopolio do PP no noso país, ou o que é o mesmo, se existise unha organización política forte de centro-direita des os oitenta en Galiza fai tempo que Fraga sería senador e Feixoo candidato á Xunta polo PP (noraboa, que sexa por moitos membro da oposición). Mais, pra que tanto lamentarse, a quen lle interesa isto? Mentres boten ao Madrid e ao Barça pola tele, mentres haxa Gran Hermano e mentres os documentales non os vexa "nin Dios", mentres que a política sexa boa só pra quen viva dela, mentres os moros non nos quiten o traballo, mentre Europa sexa unha comida de familias ricas insolidarias, mentres a clase operaria fique desconcienciada, mentres o Parlamento sexa un entroido e o Senado un florero... Hespaña non existirá e España irá ben.

O afiador.


(1) Suso de Toro: Españois todos, Xerais, S. João de Ver- Feira (2004); páx. 36.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega