Homenaxe á magistra

O afiador

n2oafiadorhomenaxeamagistra.html

Grazas: a expresión agradecida á magistra (*) dos catro anos do ensino, o canto á morriña pola nenez esvaída, escorregada na brétema dos tempos, nas tebras da mamoria; no ínfimo curruncho onde fica a esperanza nesta apoucadiña Nosa Terra-
A aldea: as árbores, os paxaros, o devir dos días no Buciños nadal; a sobrecollida paisaxe no decrépito luar minguante, o bailar das follas embaixo as gargalladas das bágoas do ceo..., nun incerto minguar de abril. As vacacións, o ar mecendo o trigo ao compás da nana da raxeira esplendorosa... de seguro nun topónimo rural que ascende incólume ao seu crepúsculo: Outeiro, Erbedeiro, Vales ou, cecais, Vilar de Vós... a incansábel necrópole do esquecemento ao que tanto tememos; o lacio laio da anguria da Galiza dos homes do sacho, da aixada, do rodo. Vento, laio, berro, fento, carballo, celta, guerreiro, frecha, velocidade... liberdade, "a verdade faravos libres".
A escola: o formigón desafiando a verticalidade concebida por Deus. O r que soa a g, o neno avergoñado porque lle chama a Lasi "pega" (1). As cadeiras inquedas, o murmurio do ar batendo nas paredes de algodón inmaculado que reverbera o balbordo dos irtos renartes, logo han ser pais. Unha muller miúda compondo a sinfonía máis bela da nenez: mi mamá me mima. A tabla do 2. Facendo País. Unha muller elaborando o País de mañá; "La noche se puso íntima como una pequeña plaza"; sucesión de formas xeométricas e volumes xogan na álxebra de cuarto; a nosa tía Tula, o noso san Manuel Bueno, mártir do ensino; vocación erguida en sonada... obertura de piano en outono... sinfonía harmónica de violín na primavera... Sempre e máis despois.
"No niño novo do vento hai unha pomba dourada". A diáspora: o inebitábel telón, non se alevanta, non se ergerá endexamais; a conceución calderoniana da própria existenza como teatro... Saudemos ao Público cun riso que agoche a traizoeira bágoa que esvara polas folerpas de neve das meixelas sepulcrais. Nen María, nen Dolores, para min un agarimoso i eterno magistra (2).



—————


(*) María Dolores Meiriño foi a miña primeira mestra des 1º de Primaria até 4º. O curso 2004/2005 foi o derradeiro pra unha muller adicada en corpo e ialma ao ensino. Os seus antigos alumnos, en especial a miña xeración que tanto tempo compartiu coa magistra, compomos un volume de recordo afectuoso e sincero a quen o deu todo pra que nós agora poidamos verquer o cariño e a paciencia investidos na sociedade.
(1) Ter por lingua inicial o alemán e por materna o castelán non foi suficiente pra paliar deficiencias fonéticas até 2º.
(2) A verba magistra acada eiquí a súa ben merecida significación plena, na que o seu cometido foi non só arrancarnos das gadoupas do analfabetismo, senón tamén escomezar o proceso de socialización primario.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega