¡Bang!

Manuel Vila Falcón

n4manuelvilafalconbang.html

     Un tiro na sen ensombrece a mirada. A mancha do sangue, como a tinta do derradeiro testamento, deixa o legado do baleiro. Frío, silencio e paz. Ollos cegados pola morte xa non voltarán ve-las inxustizas; así o pobre infeliz consegue anestesiar para sempre a súa dor, dando punto final á condena. Irá nun sarcófago para o hotel das almas sen corpo, donde non existe a diferencia entre pobres e ricos, nin xefes i empregados, nin tampouco importará o motivo. Será protagonista durante un día nun oco dalgún xornal, na sección de sucesos, dirán que un suicida...
     En realidade foi asasinado, pero non terán xuízo os seus verdugos. É máis, serían moitos os culpables. Quizabes ata o mesmo presunto xuíz. Tras cada morte hai unha razón, un medo enorme, un soño frustrado, unha ilusión rexeitada... O gatillo foi empuxado pola envexa, a avaricia, o rencor, os insultos, os paus e toda esa merda que masticamos a diario, a calquera hora do día. Dirán que era un enfermo mental. Seremos poucos os que sepamo-la verdade. Foi executado pola humanidade, polos medios de comunicación, o goberno, a familia, a noiva, os superiores do traballo, as administracións... Deberiámonos sentir todos un pouco culpables. D.E.P.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega