CALENDARIO
Insípida repetición
de acontecementos
son os días.
Interrompidamente,
estes elos
de cadeas
enferruxadas,
sucédense
nunha alternancia
imperceptible:
Tódalas cousas
que non teñen principio
comezan igual.
LOGO DOS SOÑOS
Espertas,
tes os pes fríos
e fan ruído
na rúa.
Miras pola fiestra
e ves que hoxe
preséntase o día
escuro,
engurrado,
esgrevio,
escachado,
como usado
xa por outros
en calquera
outro lugar
e devolto
por inhóspito,
inútil
ou insolente.
Pero sabes
que debes
continuar.
DEPENDENCIA
A estimulación artificial
que impide ós xoves
anotar os fracasos
das noites desveladas
nos seus estúpidos diarios
é a consecuencia de que
mulleres de recursos cosméticos
e homes de virilidades publicitaria
crearan fillos sen identidade,
orfos de xeracións pasadas
(os mortos que se resisten
a entregar o seu cadáver)
e incapaces de asimilar
a agresión da realidade
precisan inocularse
para sentirse vivos.
ABSOLUTO
A degradación da luz
marca deliberadamente
as tonalidades
da túa pel
e coma un ser
de infindas proporcións
prolóngaste
a través do entorno
ilimitando a extensión
das túas extremidades
e debuxando
figuras imposibles
de inmensas tonalidades;
agora
non hai nada
que non sexas ti.
CONSTRUCCIÓN
Homes encorvados
de camiñar lento
e movementos mecánicos
untan cemento
nos ladrillos.
Calzan botas,
levan luvas
e non falan.
Pero fan ruído
porque traballan
nunha obra
onde hai máquinas
que se cravan
na terra
e deixan ocos
para agochar
a suor
da xente que cala
por non molestar.
MOMENTOS CONCERTADOS
Os administradores
de horas
alugan minutos
dende o interior
das axendas,
as moscas xiran en torno ás cabezas
e un anuario é
a necrolóxica
de 365 días.
Alguén agarda
..
toda a vida.
VICTORIOSOS
Amorfos corpos
voluméticos
desintegrándose
no abandono
da súa ausencia
non perciben
o mellor,
o único,
o diferente:
a potencialidade
da súa mente.
Xesticulan
diante do espello
con sorrisos
inverosímiles,
repiten sons,
verbas de lama,
sílabas rotas;
congratulándose
do seu éxito.
SAÍDA
Esvarando
por acantilados
de rabiosa
podredume
podemos asegurar
que nada é
o que parece,
e así
reafirmarnos,
fuxir
e acubillarnos
nalgún lugar
onde non poder
escapar.
CAIXAS DE CARTÓN
As veces,
absorto
na desgracia
de non saber
o que acontece,
pregúntome
como se manteñen
os órganos vitais
que enchen
o meu corpo
dentro deste
fráxil envoltorio
sen caerse.
RETORNO
Inhalando pegamento
do fondo
dunha bolsa
de plástico
podes montar
nunha bicicleta
de cristal
e ver paxaros
con escamas
sulagados en sal.
díxome,
cando era neno,
o rapaz
que atoparon onte
(morto)
no teu portal.
HIPÓTESE
Colle todos
os minutos estragados
que esmorecen,
méteos nun frasco
de cristal
ben transparente,
que se vexa
e observa
¿ves?
eso é a vida
da xente que coñeces.
CONCLUSIÓN
Fai un intre
quixen ser
a persoa
que solucionaría
tódolos vosos
problemas
pero logo
pensei que
resultaría
demasiado canso
e que sería
máis sinxelo
escibir
un poema. |